Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24094

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas superiores de Música para o curso 2020/21.

O Decreto 163/2015, do 29 de outubro, establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de composición, interpretación, musicoloxía e pedagoxía, na Comunidade Autónoma de Galicia, así mesmo, o Decreto 171/2016, do 24 de novembro, establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de dirección e produción e xestión, e amplía os anexos do plan de estudos correspondente á especialidade de interpretación, establecido no Decreto 163/2015, do 29 de outubro, mediante a incorporación de novos itinerarios. O artigo 5.1 de ambos os dous decretos, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 54.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo dos ditos decretos establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Música en desenvolvemento do citado Decreto 163/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula respectivamente os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño. Así mesmo, a instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no dito decreto.

Publicada a Resolución do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería.

Por todo o exposto, esta dirección xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas superiores de Música para o curso 2020/21, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Música, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 54.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido no artigo 4.1 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso aos estudos superiores de Música terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos e axustaranse ao disposto no artigo 5 da citada orde, segundo a especialidade a que se opte.

3. De conformidade co establecido no artigo 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso faculta unicamente para a participación do/da aspirante no proceso de admisión a estas ensinanzas no curso para o que son convocadas e realizadas, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á devandita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a devandita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez que estean en posesión do título de bacharelato.

6. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaseis anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A devandita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, os/as aspirantes ao acceso e á admisión ás ensinanzas superiores de Música que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Música, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Música reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.

Cuarta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e a admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación da proba específica de acceso constituirase un tribunal por especialidade e itinerario, que figura no anexo II desta resolución. As direccións dos conservatorios superiores garantirán a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Quinta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 29 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade e itinerario.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de maneira telemática cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/eas e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente nas secretarías dos conservatorios superiores de música de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición nas secretarías dos conservatorios.

3. Na solicitude deberanse indicar a especialidade e o itinerario, de ser o caso, a que se desexa acceder, así como a preferencia de centro en que se desexa cursar naquelas especialidades que se ofertan nos dous conservatorios.

4. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude xunto coa documentación requirida na secretaría do centro.

Sexta. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia de DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado nas secretarías dos conservatorios).

– Modelo A I, xerado electronicamente e impreso desde a ligazón:

http://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/confeccion-on-line-impresos

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato ou titulación equivalente.

– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Título profesional de música ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou o libro de cualificación das ensinanzas profesionais, se é o caso, con indicación da nota media do expediente.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da primeira instrución desta resolución.

– Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato correspondente a convocatorias anteriores.

d) Pendente de realizar a proba que substitúe o requisito de titulación. Esta circunstancia farase constar na solicitude, a súa admisión quedará condicionada á superación do requisito correspondente.

e) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

f) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Oitava. Publicacións da listaxe de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios de cada conservatorio superior de música de Galicia o día 30 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional os días 1 e 2 de xullo, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal).

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 3 de xullo no taboleiro de anuncios de cada conservatorio superior de música de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal.

Novena. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de aceso

1. A proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 6 de xullo no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Música darán comezo o día 13 de xullo en cada un dos conservatorios superiores de música de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

3. Os conservatorios superiores de música de Galicia organizarán a distribución horaria e de espazos de ocupación dos tribunais que actúen neles.

4. No caso de que as circunstancias sanitarias non permitiran o correcto desenvolvemento das probas de acceso con carácter presencial nas datas indicadas, as direccións dos centros, de acordo cos tribunais correspondentes, poderán habilitar as medidas que consideren oportunas para a súa realización, ou dunha parte destas, de forma telemática.

Décima. Adxudicación de prazas

1. As vacantes existentes nas distintas especialidades e itinerarios adxudicaranse segundo a prelación resultante da cualificación final obtida polas persoas aspirantes na proba específica de acceso.

2. A proba desenvolvida nos conservatorios superiores de música constituirá o 60 % da cualificación final. O restante 40 % da cualificación final corresponderá á nota media do expediente académico do título de técnico das ensinanzas profesionais de música do/da aspirante. No caso de alumnado que realice as probas de acceso sen estar en posesión deste título, a puntuación que se deberá agregar por este concepto será 0.

3. Para tales efectos, e en termos de cómputo da nota media do expediente académico do grao profesional de Música do alumnado que estea en posesión deste título ou equivalente, farase unha media ponderada da cualificación media obtida nos estudos do grao profesional.

4. Para os efectos do cálculo da cualificación media final do expediente académico do alumnado das ensinanzas profesionais de Música, será tido en conta o establecido polo Real decreto 1953/2009, do 18 de decembro, polo que se modifican o Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, o Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, e o Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro.

Décimo primeira. Matrícula

1. Os/as aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 24 e 29 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para formalizar as solicitudes de matrícula, os conservatorios superiores de música facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase a solicitude de matrícula na secretaría do centro, que se xuntará á documentación xa presentada polo/a aspirante. A non formalización da solicitude de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a dirección do conservatorio superior de música, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2020/21.

3. Rematado o prazo ordinario de matrícula, o día 30 de xullo, os conservatorios superiores de música de Galicia remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a listaxe de alumnado matriculado en cada especialidade, así como a relación de prazas vacantes por especialidade.

4. No caso de quedaren prazas vacantes, o centro poderá realizar probas de acceso extraordinarias no mes de setembro, de acordo co establecido nesta resolución. Para tal fin, o centro establecerá un calendario destas na primeira quincena de setembro e fará públicas as vacantes nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios e na páxina web do centro. Finalizado este proceso, o centro comunicará á dirección xeral competente en materia de educación o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedasen sen cubrir.

5. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de alumnos/as admitidos/as, sen se cuantificar para estes efectos o alumnado repetidor.

Décimo segunda. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, as cualificacións das probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación perante a dirección do conservatorio superior de música, que as someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito fundamentado na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dirixido á comisión de acceso, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: xsere@edu.xunta.gal.

Décimo terceira. Medidas de prevención

Durante a realización das probas respectaranse todas as medidas de prevención e hixiene recollidas na Resolución do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería, ou calquera outra medida establecida para os centros educativos.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa

ANEXO I

Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba substitutiva do requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música, en desenvolvemento do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de composición, interpretación, musicoloxía e pedagoxía na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderán presentarse os/as aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e fagan os 16 anos en 2020.

3. As persoas inscritas deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición e para a súa realización deberán presentar o día da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As probas realizarase en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, rúa de Estocolmo, número 5, o día 6 de xullo, de acordo co seguinte horario:

– 9.00 horas: presentación.

– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.

– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía.

– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España.

5. Características da proba:

• Lingua estranxeira: Inglés ou Francés (elixir unha).

Inglés:

A proba consta de 9 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Primeira parte: 8 cuestións tipo test relacionadas cun texto. O candidato ou candidata deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta de cada pregunta tipo test na táboa de solucións ás preguntas.

– Segunda parte: 1 cuestión que exixe unha redacción por parte da persoa candidata.

Puntuación: 1 punto por cada reposta correcta na primeira parte, a puntuación máxima é de 8 puntos. A segunda parte da proba valorarase con 2 puntos máximos. Corresponde co exercicio de redacción.

Francés:

A proba consta de 5 preguntas relacionadas coa temática dun texto e distribuídas da seguinte forma:

– Preguntas 1 a 4: cuestións de resposta breve.

– Pregunta número 5: cinco cuestións tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción entre as tres ofertadas e sinalar a resposta correcta no cadro correspondente na táboa de solucións.

Puntuación: as preguntas 1, 2, 3 e 4 valoraranse con 2 puntos máximo cada unha. Na pregunta número 5 valorarase cada apartado con 0,40 puntos, ata un total de 2 puntos.

• Lingua Castelá e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto. 2 puntos polo exercicio de redacción. 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (neste exercicio descontaranse 0,125 puntos por cada resposta errada).

• Lingua Galega e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto. 2 puntos polo exercicio de redacción. 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (descontaranse 0,25 puntos por cada resposta errada).

• Filosofía:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

• Historia de España:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

Non existirá, en ningunha das materias, penalización no caso de non responder as cuestións que, nese caso, serán cualificadas cun 0.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia).

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A proba de acceso substitutiva do requisito de titulación será cualificada con termos de apto/a e non apto/a.

8. Listaxe de resultados e período reclamacións.

Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e as que non superaron a proba, o día 7 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 8 e 9 de xullo, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para a súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 14 de xullo, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade con artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba de acceso substitutiva do título de bacharelato para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá validez permanente en todo o territorio nacional.

11. Tribunais das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal cualificador das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato será nomeado por resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

ANEXO II

Probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de música

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da citada Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse no Conservatorio Superior de Música da Coruña, rúa Manuel Murguía, 44, e no Conservatorio Superior de Música de Vigo, rúa de Manuel Olivié, 23, a partir do 13 de xullo, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.

4. Características da proba específica de acceso:

Debido ás circunstancias sanitarias en que se deben desenvolver as probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de música da presente convocatoria, en ningún caso se poderá contar con acompañamento musical para a súa realización.

– Especialidade de composición. A proba consistirá:

• Parte A: na realización dun traballo harmónico-contrapuntístico.

• Parte B: na presentación e defensa oral de obras e traballos realizados polo/a candidato/a.

• Parte C: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

– Especialidade de dirección. A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa de ata vinte minutos, no instrumento principal ou voz (no caso do canto) integrado por obras dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

• Parte B: na análise dunha obra orquestral ou coral por proposta do tribunal.

• Parte C: na lectura á vista no piano dun fragmento musical escollido polo/a aspirante de entre dous propostos polo tribunal.

• Parte D: realización dun ditado a catro voces, de entre oito e doce compases de duración.

– Especialidade de interpretación (agás itinerario de jazz). A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa de ata trinta minutos, integrado por obras e/ou estudos dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

• Parte B: na análise dunha obra ou fragmento musical por proposta do tribunal.

• Parte C: na lectura á vista.

– Especialidade de interpretación, itinerario de jazz. A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa, será requisito indispensable que o/a aspirante improvise en cada unha delas. O repertorio para interpretar na parte A da proba de acceso constará de cinco temas enmarcados dentro do repertorio estándar de jazz, amosando entre eles variedade formal, estilística e na elección dos tempi de execución.

• Parte B: na análise dunha obra ou fragmento musical por proposta do tribunal, engadindo contidos propios da análise de jazz.

• Parte C: na lectura e improvisación á vista dunha obra ou fragmento de jazz.

– Especialidade de musicoloxía. A proba consistirá:

• Parte A: na análise histórico-estilística e defensa dunha obra ou fragmento por proposta do tribunal.

• Parte B: na realización dun comentario de texto ou traballo escrito por proposta do tribunal.

• Parte C: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso de canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

– Especialidade de pedagoxía. Itinerario xeral e da linguaxe musical. A proba consistirá en:

• Parte A: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso de canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a. A elección do instrumento principal estará supeditada á oferta dos itinerarios de cada centro.

• Parte B: nunha proba vocal individual.

• Parte C: na composición dunha peza breve, de carácter didáctico, sobre unha melodía ou un texto proposto polo tribunal. O/a aspirante deberá realizar unha defensa didáctica da súa aplicación.

– Especialidade de produción e xestión. A proba consistirá en:

• Parte A: no desenvolvemento por escrito dunha proposta de proxecto, a partir dun suposto proposto polo tribunal.

• Parte B: no desenvolvemento e posterior defensa oral dun tema vinculado a unha cuestión relacionada coa xestión de políticas culturais do contorno musical. Poderase escoller un tema de entre dous propostos polo tribunal.

• Parte C: análise formal e estética dunha obra proposta polo tribunal.

• Parte D: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso de canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

1. A cualificación das probas específicas de acceso axustarase ao establecido no artigo 5.8 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. Para a cualificación da parte A da proba da especialidade de interpretación (agás no itinerario de jazz), o tribunal emitirá un informe en que constará a relación do programa presentado por cada aspirante e a valoración da súa adecuación á proba de acceso. Igualmente, deberá constar no informe (para cada unha das obras e/ou estudos interpretados), cando menos, a valoración dos seguintes aspectos: control técnico do instrumento, calidade do son, expresividade e estilo.

Para a cualificación da parte A da proba do itinerario de jazz da especialidade de interpretación, o tribunal emitirá un informe en que constará a relación do programa presentado por cada aspirante e a valoración da súa adecuación á proba de acceso. Igualmente, deberá constar no informe (para cada unha das obras interpretadas), cando menos, a valoración dos seguintes aspectos: a forma de interpretar o tema, o estilo, o fraseo e a linguaxe empregada, o tempo, a técnica de son, as escalas empregadas, o sentido formal e a coherencia xeral.

3. Una vez que conclúa a proba específica, e antes do día 20 de xullo, o tribunal publicará a listaxe de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación obtida na proba específica, e de aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web dos conservatorios superiores de música de Galicia, e remitirán a devandita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4 .Os/as aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido na instrución décimo segunda desta resolución, durante os días 21 e 22 de xullo.

5. O/a director/a do conservatorio deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo do informe do tribunal avaliador, e publicará o día 23 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web dos conservatorios superiores de música de Galicia, e enviará a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6. A comisión de admisión, á vista das listaxes de aspirantes que superaron a proba de acceso determinará, en función do número de vacantes, os/as aspirantes que obtiveron praza nos respectivos conservatorios superiores de música de Galicia e publicará o día 23 de xullo, no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal, a listaxe definitiva de alumnado admitido en cada conservatorio por especialidade e itinerario.

7. A superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Música faculta, unicamente, para matricularse no ano académico e na especialidade para a que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

8. Comisión de admisión aos estudos superiores de Música para o curso 2020/21.

Presidente: Xosé María López Carretero.

Secretario: Julio Mourenza Torreiro.

Vogais: Esteban Valverde Corrales, Leticia Presas Freire, Roberto Noche García.

9. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Música:

• Tribunais CMUS Superior de Vigo.

– Composición:

Presidente: José Antonio Cantal Mariño.

Vogais: Jacobo Gaspar Grandal, Carlos M. Cambeiro Alís.

Suplentes: Juan Manuel Eiras Tojo, Diego David Cuevas Sánchez.

– Interpretación. Itinerario de canto:

Presidenta: Patricia Blanco Piñeiro.

Vogais: José Antonio Campo Edesa, José Antonio Cantal Mariño.

Suplentes: Carlos Enrique Pérez Gómez, José Manuel Fernández González.

– Interpretación. Itinerarios de clave, viola da gamba; instrumentos de corda pulsada do Renacemento e Barroco e instrumentos históricos de corda fretada (violín barroco):

Presidente: Sara Ruíz Martínez.

Vogais: Rafael Muñoz Rodríguez, Mª del Mar Blanco Moreno, Jacobo Gaspar Grandal, Pavel A. Ayala.

Suplentes: Manuel Morales Fernández, Mario Peris Salóm.

– Interpretación. Itinerario de corda fretada (contrabaixo, viola, violín e violonchelo):

Presidente: Álvaro Quintanilla Marful.

Vogais: Ana Torres Estarque, Francisco Javier Escobar Vidal, Mario Peris Salóm, Juan Manuel Eiras Tojo.

Suplentes: Juan Carlos Villar del Saz, Marta Vélez Pérez.

– Interpretación. Itinerario de guitarra:

Presidenta: Margarita García Escarpa.

Vogais: Antonio Rocha Álvarez, Diego David Cuevas Sánchez.

Suplentes: José Luis Fernández Rodríguez, Rafael Muñoz Rodríguez.

– Interpretación. Itinerario de instrumentos da música tradicional e popular:

Presidenta: Lorena Freijeiro Alonso.

Vogais: Cristian Silva, Pablo Beltrán Sobrado.

Suplentes: Iván Abal Pulleiro, Julio Alonso Monteagudo.

– Interpretación. Itinerario de percusión:

Presidente: Carlos Castro Roig.

Vogais: Jorge Pérez Mestre, David Cuevas Sánchez.

Suplentes: José Agustín Candisano Mera, Alejandro Troya Navarro.

– Interpretación. Itinerario de piano:

Presidenta: Patricia Rejas Suárez.

Vogais: Nicasio Gradaílle Peña, José Antonio Cantal Mariño.

Suplentes: Isabel Gil Lloréns, María José Cid Castro.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal I: clarinete, saxofón):

Presidente: Roberto Noche García.

Vogais: Rafael Yebra Rivera, Juan Manuel Eiras Tojo.

Suplentes: Esteban Valverde Corrales, Asterio Leiva Piñeiro.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal II: frauta travesa, óboe, fagot):

Presidente: Ricardo Pazo García.

Vogais: Fernando Raña Barreiro, Manuel Morales Fernández, Óscar Araujo Comesaña, Carlos M. Cambeiro Alís.

Suplentes: Libertad García Souto, Pablo Rodríguez Fernández.

– Interpretación. Itinerario de vento metal:

Presidente: Enrique Lorenzo Vila.

Vogais: Juan Carlos Díaz, Jesús Vicente Monzó, Javier Viceiro Filgueira, Pablo Beltrán Sobrado.

Suplentes: Adolfo Caride Rodríguez, Alejo Amoedo Portela.

– Musicoloxía. Itinerarios de etnomusicoloxía e de musicoloxía histórica:

Presidente: Luis Costa Vázquez.

Vogais: Javier Luis Jurado Luque, Roberto Francisco Relova Quinteiro.

Suplentes: Julio C. Alonso Monteagudo, Emilio Lede Abal.

– Pedagoxía. Itinerario de pedagoxía xeral e da linguaxe musical:

Presidenta: María Josefa Torres Estarque.

Vogais: Lorena Mª Varela Guzmán, Nieves Salguero Núñez.

Suplentes: Lilián de Arredondo Cuéllar, Pablo Abreu Fernández.

– Produción e xestión:

Presidente: Roberto F. Relova Quinteiro.

Vogais: Raquel Gallardo Castillo, María de Mar Blanco Moreno.

Suplentes: Ramona Iglesias Casal, Julio C. Alonso Monteagudo.

• Tribunais CMUS Superior da Coruña.

– Composición:

Presidenta: Mª Paz Pita Vázquez.

Vogais: Manuel A. Varela Sanjurjo, Mario Seoane Blanco.

Suplentes: Julián Rodríguez Rodríguez, Antonio Peña Fernández.

– Dirección:

Presidente: José Baldomir Fernández.

Vogais: Fernando Vázquez Arias, Julio Cabo Messeger.

Suplentes: Narciso Pillo Guerreiro, Sergio Añón Lijó.

– Interpretación. Itinerario de acordeón:

Presidente: Fernando Fraga Traba.

Vogais: Enrique López Herreros, Mª Paz Pita Vázquez.

Suplentes: Jorge Briones Martínez, Pablo Galdo Vigo.

– Interpretación. Itinerario de arpa:

Presidenta: Alba Barreiro Mariño.

Vogais: Crisanto Gándara Eiroa, Manuel Varela Sanjurjo.

Suplentes: Javier Ares Espiño, Laura Díaz Pérez.

– Interpretación. Itinerario de canto:

Presidenta: Mª Teresa Bárbara Criado.

Vogais: Aida Cruz Estévez, Mario Seoane Blanco.

Suplentes: Lorenzo de los Santos Gago, Pablo Juan Ferreño López.

– Interpretación. Itinerario de guitarra:

Presidente: Eulogio García Fernández Albalat.

Vogais: Rodolfo García Alonso, Antonio Peña Fernández.

Suplentes: Francisco Javier Eiras Tojo, Alberto Conde de León.

– Interpretación. Itinerario de jazz:

Presidente: Marcelino Galán Pérez.

Vogais: Roberto Somoza Fachado, Fernando Llorca Freire.

Suplentes: Joaquín García Souto, Hansel Luis Díez.

– Interpretación. Itinerario de corda fretada (violín, viola, violonchelo, contrabaixo):

Presidente: Diego Segade Blanco.

Vogais: Carolina Landriscini Marín, Nerea Casanova Gilsanz, Beatriz Rodríguez Caridad, Julián Rodríguez Rodríguez.

Suplentes: Ángel Rodríguez Lozano, Héctor Eulogio Santos Conde.

– Interpretación. Itinerario de percusión:

Presidente: Pilar García Ríos.

Vogais: Luis Miguel Sobrevela Romaguera, Víctor Lorente Ruiz.

Suplentes: Pedro Fernández Roque, Yolanda Montserrat Delgado.

– Interpretación. Itinerario de piano:

Presidenta: Rosa Mª García Barcia.

Vogais: Julio Andrés Mourenza Torreiro, Víctor Lorente Ruiz.

Suplentes: José Manuel Yáñez Carballeira, Elisa Timiraos Ferreiro.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal I: clarinete, saxofón):

Presidenta: Marta Sancho Andrés.

Vogais: Narciso Pillo Guerreiro, Patricia T. Sánchez Cao.

Suplentes: Pablo Coello Rodríguez, Mª Eugenia Bolaño Amigo.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal II: frauta travesa, óboe, fagot):

Presidente: Ismael Vaquero Baquero.

Vogais: César Concheiro Guerrico, Julio Cabo Messeger, Alejandra Rivera Fernández, Patricia T. Sánchez Cao.

Suplentes: Jesús Coello Rodríguez, Ricardo Blanco Rodríguez.

– Interpretación. Itinerario de vento metal:

Presidente: Arturo Centelles Fabado.

Vogais: Gonzalo Sánchez García, Aida Lozano Beceiro, Ignacio Fernández Rodríguez, Antonio Peña Fernández.

Suplentes: Iago Ríos Martínez, Andrés Vales González.

– Pedagoxía. Itinerario de pedagoxía xeral e da linguaxe musical:

Presidenta: Adriana Cristina García García.

Vogais: Tomás Sánchez Sánchez, T. Matilde Rubio Mur.

Suplentes: Pilar Cancio López, Pablo Sabio Ladra.