Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24077

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2020/21.

O Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo do dito decreto establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Arte Dramática, en desenvolvemento do citado Decreto 179/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula, respectivamente, os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de Música e Artes Escénicas, de Idiomas, Deportivas, de Conservación e Restauración de Bens Culturais e nos estudos superiores de Deseño. Así mesmo, a Instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no devandito decreto.

Publicada a Resolución do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan as medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería.

Por todo o exposto, esta dirección xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2020/21, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido nos artigos 4.1 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, e axustarase ao disposto no artigo 5 da citada orde, segundo a especialidade para que se opte.

3. De conformidade co establecido no artigo 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso faculta unicamente para a participación do/da aspirante no proceso de admisión a estas ensinanzas no curso para o que son convocadas e realizadas, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á devandita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a devandita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez estean en posesión do título de bacharelato.

6. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación deberán acreditar que posúen os coñecementos, as habilidades e as aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A devandita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Arte Dramática, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúna os requisitos académicos establecidos.

Cuarta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso, constituirase un tribunal por especialidade, que figura no anexo II desta resolución. A dirección da escola garantirá a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporalle, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Quinta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 29 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, a Escola Superior de Arte Dramática deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de maneira telemática cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/eas, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría da escola.

3. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude xunto coa documentación requirida na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática.

Sexta. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado na Secretaría da escola).

– Modelo A I, xerado electronicamente e impreso desde a ligazón: http://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/confeccion-on-line-impresos

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato ou titulación equivalente.

– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da instrución primeira desta resolución.

– Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación correspondente a convocatorias anteriores.

d) Pendente de realizar a proba que substitúe o requisito de titulación. Esta circunstancia farase constar na solicitude, a súa admisión quedará condicionada á superación do requisito correspondente.

e) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

f) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Oitava. Publicacións da listaxe de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 30 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: http://www.edu.xunta.gal

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional os días 1 e 2 de xullo, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal).

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 3 de xullo no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: http://www.edu.xunta.gal

Novena. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de aceso

1. A proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 6 de xullo no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática darán comenzo o día 13 de xullo na sede da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

3. A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación do tribunal que actúe nela.

4. No caso de que as circunstancias sanitarias non permitiran o correcto desenvolvemento das probas de acceso con carácter presencial nas datas indicadas, as direccións dos centros, de acordo cos tribunais correspondentes, poderán habilitar as medidas que consideren oportunas para a súa realización , ou dunha parte destas, de forma telemática.

Décima. Adxudicación de prazas

As vacantes existentes nas distintas especialidades adxudicaranse segundo a prelación resultante das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso.

Décimo primeira. Admisión do alumnado que superou as probas de acceso

Unha vez que conclúa a proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática e que se publique a listaxe de cualificacións definitivas, a comisión de admisión, á vista das listaxe de aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará as persoas aspirantes que obtiveron praza en función do número de vacantes, e o día 23 de xullo fará pública no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal, a listaxe definitiva de persoas admitidas para cada escola e especialidade.

Décimo segunda. Matrícula

1. Os/as aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 24 e 29 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para formalizar as solicitudes de matrícula, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única solicitude de matrícula na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada polo/a aspirante. A non formalización da solicitude de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a dirección da escola superior de Arte Dramática, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2020/21.

3. Rematado o prazo ordinario de matrícula, o día 30 de xullo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia remitirá á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a listaxe de alumnado matriculado en cada especialidade, así como relación de prazas vacantes por especialidades.

4. No caso de quedaren prazas vacantes, o centro poderá realizar probas de acceso extraordinarias no mes de setembro, de acordo co establecido nesta resolución. Para tal fin, o centro establecerá un calendario destas na primeira quincena de setembro e fará públicas as vacantes nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios e na páxina web do centro. Finalizado o proceso, o centro comunicará á dirección xeral competente en materia de educación o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedasen sen cubrir.

5. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de alumnado admitido, sen se cuantificar, para estes efectos, o alumnado repetidor.

Décimo terceira. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, a cualificación das probas de acceso poderá ser obxecto de reclamación perante a Dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e as decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito fundamentado na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dirixida á comisión de acceso, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo xsere@edu.xunta.gal

Décimo cuarta. Medidas de prevención

Durante a realización das probas respectaranse todas as medidas de prevención e hixiene recollidas na Resolución do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería ou calquera outra medida establecida para os centros educativos.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa

ANEXO I

Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba substitutiva do requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, en desenvolvemento do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderán presentarse os/as aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e fagan os 18 anos en 2020.

3. As persoas inscritas deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición e para a súa realización deberán presentar o día da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As probas realizarase en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, rúa de Estocolmo, número 5; o día 6 de xullo, de acordo co seguinte horario:

– Ás 9.00 horas: presentación.

– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.

– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía.

– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España.

5. Características da proba:

• Lingua estranxeira: Inglés ou Francés (elixir unha).

Inglés:

A proba consta de 9 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Primeira parte: 8 cuestións tipo test relacionadas cun texto. O candidato ou a candidata deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta de cada pregunta tipo test na táboa de solucións ás preguntas.

– Segunda parte: 1 cuestión que exixe unha redacción por parte da persoa candidata.

Puntuación: 1 punto por cada reposta correcta na primeira parte, a puntuación máxima é de 8 puntos. A segunda parte da proba valorarase con 2 puntos máximos. Corresponde co exercicio de redacción.

Francés:

A proba consta de 5 preguntas relacionadas coa temática dun texto e distribuídas da seguinte forma:

– Preguntas 1 á 4: cuestións de resposta breve.

– Pregunta número 5: cinco cuestións tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción entre as tres ofertadas e sinalar a resposta correcta no cadro correspondente na táboa de solucións.

Puntuación: as preguntas 1, 2, 3 e 4 valoraranse con 2 puntos máximo cada unha. A pregunta número 5 valorarase cada epígrafe con 0,40 puntos, ata un total de 2 puntos.

• Lingua Castelá e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto, 2 puntos polo exercicio de redacción, 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (neste exercicio descontaranse 0,125 puntos por cada resposta errada).

• Lingua Galega e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto. 2 puntos polo exercicio de redacción. 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (descontaranse 0,25 puntos por cada resposta errada).

• Filosofía:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

• Historia de España:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

Non existirá, en ningunha das materias, penalización no caso de non responder as cuestións que, nese caso, serán cualificadas cun 0.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia).

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A proba de acceso substitutiva do requisito de titulación será cualificada con termos de apto/a e non apto/a.

8. Listaxe de resultados e período de reclamacións.

Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e as que non superaron a proba, o día 7 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 8 e 9 de xullo, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 14 de xullo, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade con artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba de acceso substitutiva do título de bacharelato para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá validez permanente en todo o territorio nacional.

11. Tribunais das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal cualificador das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato será nomeado por resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

ANEXO II

Probas específicas para o acceso ás ensinanzas
superiores de Arte Dramática

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, en desenvolvemento do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, rúa Poza Cabalo, s/n, Vigo, e darán comenzo o día 13 de xullo, de acordo co calendario e horario que estableza o tribunal encargado da súa realización e cualificación.

4. A proba de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática será realizada por especialidades. Constará dunha única proba que comprenderá diferentes exercicios, referidos á especialidade pola que opten as persoas aspirantes.

a) Na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia consistirá, como mínimo, nun traballo escrito que implicará o desenvolvemento dunha proposta escénica, nun exercicio breve de dirección de grupos, na escrita dun texto breve a partir dunha situación dramática, e nunha entrevista persoal.

b) Na especialidade de Escenografía consistirá, como mínimo, na realización dun debuxo do natural e dun deseño escenográfico a partir dos motivos que en cada caso se propoñan, e nunha entrevista persoal.

c) Na especialidade de Interpretación consistirá, como mínimo, en dúas sesións de traballo cunha duración non superior a catro horas cada unha, nas cales se realizarán diferentes actividades expresivas propias da especialidade, e nunha entrevista persoal.

5. O tribunal encargado da organización, realización e cualificación da proba específica de acceso porá en coñecemento dos/das aspirantes o contido e a duración da entrevista persoal establecida nas letras a), b) e c) do punto 4 deste anexo.

6. A cualificación global da proba de acceso específica ás ensinanzas superiores de Arte Dramática expresarase en termos numéricos nunha escala de 0 ao 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións emitidas polos membros do tribunal correspondente. Considerándose a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a 5 puntos.

7. Unha vez que conclúa a proba específica, e antes do día 20 de xullo, o tribunal publicará a listaxe provisional de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación final obtida na proba específica e aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e remitirán a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

8. Os/as aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido na instrución décimo terceira desta resolución, durante os días 21 e 22 de xullo.

9. O/a director/a da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal avaliador, e publicará o día 23 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, achegando a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

10. Logo da publicación da listaxe coas cualificacións definitivas dos/das aspirantes, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia remitirá á comisión de admisión a proposta de alumnos/as admitidos/as por especialidade, con expresión de aspirantes admitidos e aspirantes en listaxe de espera.

11. A comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o día 23 de xullo, a listaxe definitiva de admitidos/as para cada especialidade.

12. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática:

Tribunais probas específicas acceso Arte Dramática

Dirección Escénica e Dramaturxía

Presidente

Daniel González Salgado

Secretario

Afonso Becerra Arrojo

Vogal 1ª

Irene Moreira Fontán

Vogal 2ª

Trinidad Díaz Sánchez

Vogal 3ª

Leonel García Laborde

Suplente 1ª

Carmen Labella Rivas

Suplente 2º

Joan Chiralt Bailach

Suplente 3º

Xavier Castiñeira Blanco

Escenografía

Presidenta

Carmen Romero Rodríguez

Secretaria

Alejandra Montemayor Suárez

Vogal 1ª

Ana María Fernández Arteaga

Vogal 2ª

María Jesús Ramos Calvelo

Vogal 3ª

María Gutiérrez Cedrón

Suplente 1º

David Mortol Moreno

Suplente 2ª

Almudena Martín Pérez

Suplente 3ª

Carmen Abizanda Losada

Interpretación

Presidente

Ricardo Solveira Díaz

Secretario

Fernando Llera Rodríguez

Vogal 1ª

Olga Magaña Rodríguez

Vogal 2º

Ermel Morales Ramón

Vogal 3º

Damián Contreras Orero

Suplente 1ª

Mónica Groba Lorenzo

Suplente 2ª

María Ángeles Gayoso Diz

Suplente 3ª

María Cristina Domínguez Dapena

13. Comisión de admisión aos Estudos Superiores de Arte Dramática:

Presidente: Juan Durán Alonso.

Secretario: Xosé María López Carretero.

Vogal: Manuel Francisco Vieites García.

14. A superación da proba de acceso aos Estudos Superiores de Arte Dramática faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para a que fose convocada.