Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24075

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 4 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349Y).

BDNS (Identif.): 510270.

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas que teñan a condición de peme, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que realicen contratos de remuda para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Segundo. Obxecto

A través da incentivación do contrato de remuda, este programa ten a finalidade de favorecer a substitución nos cadros de persoal das empresas, das persoas traballadoras próximas á xubilación por persoas mozas menores de 30 anos desempregadas ou cun contrato formativo na mesma empresa, ou menores de 35 anos cun contrato temporal na mesma empresa ou persoas desempregadas maiores de 45 anos, garantindo a non destrución de postos de traballo unha vez que as persoas traballadoras que os ocupaban rematen a súa vida activa.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 4 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349Y).

Cuarto. Importe

A orde de convocatoria ten un importe de 1.000.000 de euros.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes de axudas polos contratos de remuda subvencionables realizadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

As axudas previstas polas contratacións de remuda subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria