Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 18 de xuño de 2020 Páx. 24275

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada polo COVID-19 (programa Cheques Dixitalización COVID-19), susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300E).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 18 de maio de 2020, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada polo COVID-19 (programa Cheques Dixitalización COVID-19), susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Empresarial, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada polo COVID-19 (programa Cheques Dixitalización COVID-19) e convocalas para o ano 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300E).

Esta convocatoria é susceptible de financiamento no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como ás pemes (...).

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

2020 00002

09.A1.741.A.7810

500.000 €

2020 00002

09.A1.741.A.7706

6.500.000 €

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes recibidas, sen incrementar o crédito total.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para presentar a xustificación:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 30 días hábiles desde a data de presentación de solicitude de axuda e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos e o de xustificación da execución rematarán o 15 de novembro de 2020.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roge
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada polo COVID-19 (programa Cheques Dixitalización COVID-19), susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

Dada a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, os axentes económicos terán novas necesidades e prioridades. Deberán adaptarse á nova realidade co obxectivo de seguir funcionando, e unha das principais vías que atoparán será a da dixitalización, que adquire en moitos casos un carácter de urxencia.

Ben que o Igape dispón xa dun instrumento de apoio para a dixitalización, as axudas xa existentes priman, como non podía ser doutra maneira, os proxectos con visión estratéxica e resultados a longo prazo.

As axudas reguladas no presente texto veñen cubrir este oco. Por unha parte, atende sectores –hostalería, turismo, comercio, transporte, formación, perrucaría e estética persoal– ou tipos de organización –economía social, tecido asociativo– que terían dificultade para acceder ao réxime de axudas existente. Ademais, propón un conxunto de proxectos subvencionables tipificados, simples, de rápida resolución mediante concorrencia non competitiva, de execución inmediata e orientados á adaptación a COVID-19.

As presentes bases ampáranse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poida levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos rapidamente e en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

De xeito excepcional, co fin de dar a maior flexibilidade ás empresas á hora de acceder á axuda e atender os seus compromisos, non se exixirá o requisito de acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ata o momento da xustificación da axuda.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas axudas teñen como obxecto subvencionar proxectos que promovan a adaptación dos beneficiarios elixibles á situación creada polo COVID-19 mediante a implementación efectiva de tecnoloxías dixitais en calquera das seguintes categorías:

• Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.

• Sistemas de control de capacidade: cámaras, sensores, sistemas en liña sobre catálogo diario (xestión de citas), xestión de colas.

• Sistemas de control de estado sanitarios: cámaras específicas, pulseiras.

• Sistemas de control de normas de calidade COVID-19.

• Sistemas e aplicacións de xestión baseados en Low code automation.

• Sistemas de catálogos diarios efémeros; sistemas de xestión de pedidos efémeros, comandas.

• Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes a clientela e de emisión de contidos en xeral.

• Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría (menús, cartas …).

• Sistemas de balizas.

• Automatización de procesos regulados, tarefas reguladas, pasos regulados por COVID-19.

• Adaptación da presenza na internet ao efecto do COVID-19, mediante elementos como bots de conversa autónoma, integración de sistemas de comercio básicos, mellora do catálogo de produtos, solucións de atención remota, sistemas pick and go (compra en móbil e recollida en tenda) e outros similares.

• Solucións de conectividade e incorporación do teletraballo.

• Solucións de mellora da ciberseguridade.

• De xeito excepcional, outros que poidan axudar á dita adaptación, o cal se motivará na resolución de concesión.

2. Os proxectos deberán estar comprendidos entre os 1.500 € e os 12.000 € de gasto subvencionable, suxeitos aos límites entre partidas do artigo 5.

3. Cada entidade poderá solicitar o programa Cheques de Dixitalización COVID-19 unha única vez.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Esta convocatoria é susceptible de financiamento no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular: obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.01, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07; e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001 – Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002 – Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado R341G – Empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % dos custos subvencionables aprobados. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE Euratom) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. O Regulamento (UE) 1407/2013 limita a 200.000 € as axudas en réxime de minimis concedidas a unha mesma empresa nun período de 3 anos (100.000 € no sector do transporte). Estes 3 anos deben avaliarse con carácter permanente de tal modo que, para cada subvención de minimis que se conceda a unha empresa, debe tomase en consideración o exercicio fiscal en que se conceda a axuda (2020) e os dous exercicios fiscais anteriores.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades con centro de traballo en Galicia comprendidas nalgunha das seguintes categorías:

a) Microempresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de microempresa), que desenvolvan a súa actividade nalgún dos seguintes sectores:

i. Hostalaría e turismo – CNAE 55 (servizos de aloxamento), 56 (servizos de comidas e bebidas), 7711 (alugamento de automóbiles e vehículos de motor lixeiros), 7721 (alugamento de artigos de ocio e deportes), 79 (actividades de axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes), 9004 (xestión de salas de espectáculos), 91 (actividades de bibliotecas, arquivos, museos e outras actividades culturais), 93 (actividades deportivas, recreativas e de entretemento).

ii. Comercio polo miúdo – CNAE 45 (venda e reparación de vehículos de motor e motocicletas) e 47 (comercio polo miúdo, excepto de vehículos de motor e motocicletas).

iii. Transporte – Rama H da CNAE (transporte e almacenamento).

iv. Perrucaría e estética persoal, tinturarías, servizos de reparación e outros – CNAE 95 (reparación de ordenadores, efectos persoais e artigos de uso doméstico), 9601 (lavado e limpeza de pezas téxtiles e de pel), 9602 (perrucaría e outros tratamentos de beleza), 9603 (pompas fúnebres e actividades relacionadas), 9604 (actividades de mantemento físico) e 9609 (outros servizos persoais n.c.n.).

v. Os seguintes epígrafes de formación: 8532 (educación secundaria técnica y profesional) e 855 (outra educación).

b) As seguintes entidades da economía social: sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deben cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. Quedan excluídas desta epígrafe as entidades dedicadas os sectores da pesca e da acuicultura, regulados polo Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello e as entidades dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

c) Entidades do tecido asociativo empresarial e laboral, como poden ser asociacións empresariais, clústers, colexios profesionais ou cámaras.

2. Dada a natureza extraordinaria, tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras, como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria de que derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exímense as persoas beneficiarias desta subvención do requisito de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei, as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

Artigo 5. Gasto subvencionable

1. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que estean vinculados ao proxecto e que se materialicen nos conceptos que se relacionan a continuación.

a) Activos dos seguintes tipos:

– Equipos informáticos, sensórica, wearables e outro equipamento electrónico.

– Licenzas de software estándar de mercado. Para comprobar que se trata dun produto, verificarase que existe unha páxina web pública dispoñible na internet onde, como mínimo, se expliquen as características do software e as condicións en que se comercializa.

– Dispositivos de conectividade cando o traballo se desenvolva nunha zona rural en que se deban realizar gastos extraordinarios para adaptar a conexión a necesidades de acceso ás redes.

b) Gastos de subscrición a software como servizo estándar de mercado (comprobado como no punto anterior) aboados por parte do solicitante durante o período de gasto subvencionable. No caso de que o sistema de adquisición supere nun ano a fin do prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable a pro rata.

c) Colaboracións externas encamiñadas á adaptación e personalización dos sistemas dixitais e ao adestramento sobre a súa aplicación e uso.

A suma do gasto subvencionable nas alíneas a) e b) non superará os 10.000 €. O máximo de gasto subvencionable na alínea c) será de 4.000 €.

2. Os activos (número 1.a) poderán ser adquiridos en propiedade ou utilizarse en réxime de arrendamento durante o período de execución do proxecto. Neste caso, o custo subvencionable será o importe das cotas satisfeitas, sen recargas, xuros ou outros custos adicionais.

3. Os custos de adquisición de activos de segunda man poderán ser subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e de que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

b) O prezo non sexa superior ao valor de mercado e sexa inferior ao custo dos bens novos similares, para o cal deberá achegarse certificado de taxador independente.

4. Os bens, materiais e servizos obxecto do proxecto deberán ser contratados a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. Quedan excluídos os investimentos e gastos non directamente relacionados e vinculados coa finalidade do proxecto que se vai executar segundo se define no artigo 1 destas bases.

6. Non serán subvencionables o IVE nin outros impostos recuperables.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a entrada en vigor do Real decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma (14 de marzo de 2020) ata a data máxima de execución establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

2. Os proxectos deberán estar implementados e en uso na entidade beneficiaria ao rematar o prazo de execución do proxecto.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Contía da axuda

A contía da axuda será do 80 % dos importes indicados no artigo 5, co límite máximo de 9.600 € por empresa ou o importe máximo de minimis que poida recibir de acordo co que establece o Regulamento (UE) 1407/2013.

Artigo 8. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación.

f) Que manterá os activos fixos subvencionados durante o período de mantemento dos investimentos segundo o establecido no artigo 15 das bases reguladoras.

g) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

h) Declaración da súa dimensión de microempresa, pequena ou mediana empresa.

i) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Memoria descritiva do proxecto, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude, e deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:

– Descrición da situación actual e o problema de adaptación para o que se require o proxecto.

– Especificación da solución que se adoptará e previsión de resultados.

– Plan de traballo.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

f) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.4 destas bases.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información prevista nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.

4. Dos expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación formularase proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 12. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

No caso de que se comprobase que o beneficiario non está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a resolución concederá un período de 30 días naturais para regularizar a súa situación tributaria ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, debendo presentar os correspondentes xustificantes no caso de que non se tivese autorizado a súa consulta. Esta condición non impedirá que a empresa adquira a condición de beneficiaria e perciba o pagamento do anticipo concedido, en consonancia coa excepción establecida do artigo 4.2 destas bases.

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Só se admitirán modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas a cambios nos investimentos/gastos aprobados para acadar un mellor cumprimento dos obxectivos do proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos durante os seguintes prazos:

Manter os investimentos en activos fixos adquiridos en propiedade no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, durante o período mencionado, non podendo ser obxecto de subvención.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención xeral da Comunidade Autónoma, e o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que deban realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da execución do proxecto. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o 100 % dos custo subvencionables aprobados.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

g) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. O beneficiario, deberá xustificar a execución do proxecto aprobado dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria presentando o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de xustificación (IDEL) que identificará univocamente o documento de xustificación. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a xustificación mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. Os formularios que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidos, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerado o documento de xustificación na aplicación informática, o beneficiario deberá presentalo obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a xustificación non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

6. O sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009, a cal formará parte do formulario de liquidación, incluíndo neste os datos exixidos no devandito artigo, segundo detalle que se describe a continuación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Aplicado a esta subvención consiste en: describir os proxectos implementados, achegar evidencia do seu uso mediante material gráfico e describir a utilidade para o beneficiario.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento estimado, indicaranse as desviacións producidas.

Aplicado a esta subvención consiste en: listaxe de facturas, indicando:

• A actuación a que corresponde.

• Data e número da factura.

• Importe, IVE excluído.

• Provedor: nome ou razón social e CIF ou NIF.

• Descrición dos bens ou servizos proporcionados.

• Forma de pagamento.

• Data de pagamento.

A listaxe totalizarase para cada unha das actuacións descritas no artigo 1.2 e recollidas na correspondente resolución de concesión e incluirá unha comparación deste total coa cantidade recollida, polo mesmo concepto, na resolución de concesión.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

Aplicado a esta subvención consiste en: declaración responsable de non ter solicitado ningunha outra axuda para as actuacións recollidas na solicitude de axuda. Caso de non constar esta declaración responsable, será motivo de incumprimento.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

En condicións normais, esta epígrafe do artigo 51 do Decreto 11/2009 non se aplica a estas subvencións.

O Igape poderá requirirlles aos beneficiarios a remisión dos xustificantes das finalidades dos proxectos seleccionados con base en técnicas de mostraxe, e para estes efectos o Igape comprobará un mínimo do 10 % dos expedientes.

Este mesmo requirimento será aplicable cando das comprobacións realizadas non se obteña a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda.

7. Cando o Igape requira dos beneficiarios evidencia sobre a adecuada aplicación da axuda, esta poderá constar da seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de xustificación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.d), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 8 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

8. No momento da xustificación, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 14 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007.

Artigo 17. Aboamento das axudas

1. O aboamento do 50 % do importe da axuda realizarase anticipadamente unha vez concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009.

2. O aboamento da cantidade restante de axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar, no momento da xustificación da axuda, estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

h) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. No caso de que o importe da axuda aboado supere o 80 % dos investimentos e gastos xustificados, procederá o reintegro do exceso percibido sen xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 15.a), procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 15, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará da data de inicio a que se refire esta obriga de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos punto anterior será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda, coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos, segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

e) Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19.

f) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

g) Orde HFP/1979/2016, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

i) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file