Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 19 de xuño de 2020 Páx. 24444

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o protocolo Fisicovid-DxTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia.

A Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (DOG do 12 de xuño), establece distintas limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas en diversos sectores, tamén no ámbito deportivo.

Entre estas, e para o ámbito da práctica deportiva federada, establécese –punto 3.21, número 2, do acordo– que para a realización de adestramentos e a celebración de competicións, as federacións deportivas galegas deberán dispor dun protocolo, que será aprobado mediante resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, no cal se identifiquen as situacións potenciais de contaxio, atendendo ás vías recoñecidas polas autoridades sanitarias, e no que se establezan as medidas de tratamento de risco de contaxio adaptadas á casuística. Así mesmo, sinala tamén que o dito protocolo será de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos e deberá publicarse na páxina web da federación deportiva.

Atendendo ao exposto, e sobre a base do establecido no do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, na materia da práctica deportiva federada no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar o protocolo Fisicovid-D×Tgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia que se recolle como anexo á presente resolución, e que será a norma básica de referencia no ámbito do deporte federado en Galicia.

Segundo. Cada federación deportiva galega elaborará o seu propio protocolo consonte o contido desta norma básica, atendendo ás súas modalidades e especialidades deportivas.

Terceiro. Os protocolos federativos serán de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos e obxecto de publicación na páxina web de cada federación deportiva.

Cuarto. As federacións deportivas galegas comunicarán á Secretaría Xeral para o Deporte os seus respectivos protocolos así como a persoa que asuma os labores da súa coordinación e seguimento.

Quinto. A presente resolución producirá efectos ao día seguinte da súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Protocolo Fisicovid-D×Tgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia

1. Introdución.

O deporte como fenómeno social é un sistema complexo, formado por elementos que interaccionan de xeito pluridireccional, de forma que o comportamento de cada un deles recibe influencia dalgún dos outros. Conduta e información son as claves do bo e eficiente funcionamento dun sistema e un tecido deportivo como o de Galicia. O deporte galego, ademais, está integrado na súa realidade social total e por iso está influenciado e inflúe de maneira implícita ou explícita nos actuais procesos de cambios necesarios e moi acelerados fronte á pandemia da COVID-19 e os seus efectos. Deste modo, a adecuación aos necesarios cambios abórdase desde a necesidade de incidir nas condutas de todos os axentes humanos que participan no deporte galego directa ou indirectamente, a partir da lóxica organizativa e funcional, indagando en primeiro lugar sobre todas as potenciais fontes de contaxio, vistas desde todas as perspectivas, e así recoller e dar información precisa, de calidade e válida, para poder aumentar o éxito das decisións do tecido deportivo contra a COVID-19.

O obxectivo primordial é limitar ao máximo posible a capacidade de transmisión do coronavirus desde o primeiro desprazamento cara á instalación, espazo de práctica ou centro deportivo, durante o feito deportivo e despois del. A través das condutas idóneas das persoas implicadas no feito deportivo, estas probablemente poidan ser influentes nas condutas positivas doutros moitos cidadáns de Galicia, en contornos familiares, locais, profesionais, escolares, etc.

O deporte galego leva preparándose no seu conxunto varios meses para responder como sistema intelixente, informado pluridireccionalmente, próximo ás realidades da actividade da inmensa maioría de deportistas. O modo de coñecer este novo contexto para abordar as mellores solucións requiriu dunha metodoloxía innovadora no seu proceder á vez que prudente na súa fundamentación, relacionando a Administración deportiva autonómica, as federacións deportivas e as universidades galegas (transferencia do coñecemento).

Están sendo un proceso intenso e rico, que está proporcionando a todos os elementos estruturais e funcionais a oportunidade de aprender facendo, de concienciarse dos riscos sanitarios, pero tamén dos riscos de diminución da práctica deportiva por parte de persoas e de entidades ante as dificultades para retomar unha das actividades, a deportiva, máis penalizada na súa idiosincrasia polo confinamento e a desescalada.

A COVID-19: síntomas e forma de contaxio.

Segundo o establecido polas autoridades sanitarias, os síntomas máis habituais da COVID-19 son a febre, a tose seca e o cansazo. Pode haber outros síntomas atípicos e pouco frecuentes como pode ser dor de garganta, perda do gusto ou olfacto e dores musculares, entre outros.

Unha persoa pode contraer a COVID-19 por contacto con outra que estea infectada polo virus.

A enfermidade propágase principalmente de persoa a persoa a través das gotiñas que saen despedidas do nariz ou da boca dunha persoa infectada ao tusir, esbirrar ou falar. Unha persoa pode contraer a COVID-19 se inhala as gotas procedentes dunha persoa infectada polo virus. Por iso é importante manterse polo menos a 1,5 metros de distancia dos demais ou o uso de máscara se non se pode garantir esa distancia interpersoal de seguridade.

Estas gotas poden caer sobre os obxectos e as superficies que rodean a persoa, como mesas, pomos, varandas, material deportivo, etc., de xeito que outras persoas poden infectarse se tocan eses obxectos ou superficies e logo tocan os ollos, o nariz ou a boca. Por iso é importante lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou cun desinfectante a base de alcohol e evitar tocar os ollos, a boca ou o nariz.

2. Obxecto e metodoloxía.

O obxecto deste protocolo é establecer a metodoloxía que seguirán as federacións deportivas galegas no establecemento das medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia. Os protocolos federativos serán de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos e deberá publicarse na web da respectiva federación.

A metodoloxía Fisicovid-D×Tgalego pretende establecer un sistema de traballo que facilite ao tecido deportivo galego, particularmente o federativo, a elaboración dos protocolos Fisicovid-D×Tgalego que deben considerar os elementos constituíntes do tecido deportivo, tales como as actividades, deportistas, entidades e recursos (humanos, materiais), para construír as maiores opcións de seguridade hixiénico-sanitaria e de sustentabilidade de entidades e practicantes ante a COVID-19. Serán as propias federacións e os seus integrantes naturais quen, despois de avaliar e diagnosticar a información veraz da súa realidade, promovan e realicen o seguimento das medidas e adaptacións que se acorden para o desenvolvemento das actividades deportivas coa maior protección posible ante o risco de contaxio.

Definíronse varias etapas temporais, a primeira para a preparación e elaboración da ferramenta Fisicovid-D×Tgalego, para o enfoque, a visión e misión dela, despois da recollida de información para a diagnose de obxectivos e detección da necesidade do desenvolvemento propio de ferramentas. Na segunda etapa formalizouse un grupo de traballo con técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte y expertos do ámbito universitario. Na terceira etapa desenvolveuse a principal ferramenta de recollida de información, análise e achega de medidas.

Establecéronse 10 grupos de traballo entre as 58 federacións deportivas galegas, segundo similitudes da práctica deportiva, co obxectivo de favorecer a súa complementación á hora de identificar potenciais situacións de risco de contaxio e determinar as medidas máis eficientes de acordo cos contextos concretos en que se desenvolve a práctica en cada caso, compartindo a información entre elas.

Tras varias reunións de traballo, tanto internas de cada federación como dos 10 grupos de traballo, identificáronse e debatéronse todas aquelas situacións e medidas formuladas, adaptándoas a cada situación.

En todo caso, este tamén é un proceso de análise flexible, formativo e continuo, que require dunha revisión permanente das situacións de contaxio e das medidas, atendendo á normativa que se vaia establecendo por parte das autoridades sanitarias, así como das situacións que vaian xurdindo en cada contexto deportivo.

3. Medidas xerais para reducir o risco de contaxio da COVID-19.

Todos os axentes que participan directa ou indirectamente na realidade deportiva deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade deportiva.

Tras o proceso de recollida de información e análise das potenciais situacións de contaxio e en atención ao sinalado polas autoridades sanitarias, establécense unha serie de recomendacións xerais, que deberán ser concretadas, en todo caso, polas medidas específicas determinadas pola federación deportiva galega no seu protocolo federativo.

3.1. Medidas de desinfección e limpeza de superficies e material.

Con carácter xeral, sen prexuízo das medidas específicas establecidas pola federación deportiva ou no protocolo da instalación correspondente, respecto á limpeza e desinfección de espazos, materiais e superficies, deberanse ter en conta as seguintes:

– Utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada en auga a temperatura ambiente ou calquera dos desinfectantes con actividade virucida que se atopan no mercado e debidamente autorizados e rexistrados. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta. Así mesmo, non se deben mesturar produtos diferentes.

– Tras cada limpeza, os materiais empregados e os equipamentos de protección utilizados desbotaranse de xeito seguro, e procederase posteriormente a lavar as mans.

– Cando existan postos de traballo compartidos por máis dunha persoa do equipo, estableceranse os mecanismos e procesos oportunos para garantir a hixienización destes postos.

– Procurarase que os equipamentos ou ferramentas empregados sexan persoais e intransferibles, ou que as partes en contacto directo co corpo da persoa dispoñan de elementos substituíbles. No caso daqueles equipamentos que deban ser manipulados por diferente persoal, procurarase a dispoñibilidade de materiais de protección ou o uso de forma recorrente de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con carácter previo e posterior ao seu uso.

– Realizar tarefas de ventilación periódica nos espazos utilizados e, como mínimo, de forma diaria e durante o tempo necesario para permitir a renovación do aire. Na medida do posible, manter as portas abertas con cuñas e outros sistemas para evitar o contacto das persoas cos pomos, por exemplo. Durante as actividades en recintos pechados, na medida do posible, realizar os tempos de descanso e/ou recuperación en zonas ao aire libre ou ben ventiladas.

– Disporase de papeleiras pechadas e con accionamento non manual, para depositar panos e calquera outro material dun só uso, que se deberán limpar de forma frecuente e, polo menos, unha vez ao día. Así mesmo, estas papeleiras deberían contar con bolsa dun só uso que se cambie polo menos unha vez ao día.

3.2. Medidas para os axentes que directa ou indirectamente participen na práctica deportiva (persoal, deportistas, acompañantes, público, etc.).

• Xerais:

– Cumprir todas as medidas de prevención que estableza a entidade deportiva no seu protocolo.

– Deberase manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, utilizar máscara. Cando non se utilice, é importante gardala axeitadamente para evitar que adquira ou transmita o coronavirus.

– Sempre que sexa posible, os deportistas, durante a práctica deportiva, deberán manter a distancia de seguridade interpersoal. Para estes efectos, o protocolo federativo deberá establecer as medidas de tratamento de risco de contaxio adaptadas á casuística.

– Evitar lugares concorridos.

– Evitar en todo momento o saúdo con contacto físico.

– Utilizar panos dun só uso e tiralos á papeleira, tras cada uso.

– Asegurarse de manter unha boa hixiene respiratoria. Iso significa cubrir a boca e o nariz co cóbado flexionado ou cun pano dun só uso ao tusir ou esbirrar. Neste caso, desbotar de inmediato o pano usado e lavar as mans.

– Lavar con frecuencia as mans con auga e xabón ou con xel hidroalcohólico.

– Na medida do posible, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca e, no caso de facelo, prestar atención ao lavado previo das mans.

– Realizar un autotest antes de ir cara á actividade deportiva, para confirmar se pode ter síntomas de COVID-19: teño febre, tose ou falta de alento?

• Desprazamentos aos adestramentos e ás competicións:

– Non compartir vehículo particular con outras persoas non conviventes, sempre que sexa posible. De non ser así, priorizar formas de desprazamento que favorezan a distancia interpersoal e, en todo caso, utilizar máscara. Ademais, é importante un asiduo lavado das mans ou o emprego de xel hidroalcólico antes de entrar e despois de saír do vehículo.

• Alimentos, bebidas ou similares:

– Non se deben compartir alimentos bebidas ou similares. Recoméndase marcar os envases utilizados para evitar confusións.

3.3. Outras medidas.

• Medidas organizativas.

– A entidade responsable da actividade deberá garantir que os deportistas dispoñan do material de prevención, xa sexa porque o pon á disposición o titular da instalación, a entidade organizadora da actividade ou porque o traen os deportistas, equipo, etc.

– Evitar, na medida do posible, o uso de materiais compartidos durante a actividade. Se isto non for posible, garantirase consonte o establecido no punto anterior a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado por parte dos axentes participantes e estableceranse os mecanismos de desinfección correspondentes.

– Promoverase o pagamento con tarxeta ou outros medios que non supoñan contacto físico entre dispositivos, así como a limpeza e desinfección dos equipamentos precisos para iso.

• Medidas de información.

– A entidade organizadora da actividade informará a todos os axentes que participen directa ou indirectamente na actividade sobre os riscos e as medidas sanitarias e de hixiene que deben cumprir de forma individual. Deberá existir unha comunicación continua con todos os axentes da realidade deportiva.

– Facilitaralle ao persoal, deportistas e outros axentes alleos á práctica deportiva información sobre as medidas de hixiene e seguridade mediante cartelaría en puntos clave dos espazos de práctica e acceso a ela, na páxina web ou nas redes sociais da entidade e/ou mediante a entrega de documentos, preferiblemente por vía telemática.

– Deberase contar cunha sinalización visible sobre as medidas hixiénico-sanitarias e de prevención establecidas no desenvolvemento da actividade.

– Cando as instalacións onde se desenvolva a práctica deportiva dispoña de ascensor ou montacargas, promoverase a utilización das escaleiras.

• Medidas de formación.

Deberase promover a formación, especialmente entre o persoal para:

– Adaptar as actividades ás medidas e recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias (distanciamento interpersoal, emprego de máscara, etc.). Revisión das actividades que sen van desenvolver, suprimindo aquelas que promoven o contacto físico e primando as que poden levarse a cabo dun xeito máis individual ou con maior distanciamento, intentando non perder a dinámica de grupo, de ser así a especificidade da súa práctica deportiva.

– Formación sobre as medidas hixénico-sanitarias de carácter persoal recomendables, tales como a necesidade dun correcto e asiduo lavado das mans, o emprego de xel hidroalcólico, a colocación correcta da máscara, etc. co obxectivo de implementar estas medidas no contexto da práctica deportiva e tamén para trasladárllelas aos deportistas e ao seu contorno co obxectivo de que se consoliden estes hábitos hixiénico-sanitarios.

4. Procedemento para a identificación de potenciais situacións de contaxio e medidas particulares de prevención.

Para a identificación das diferentes situacións potenciais de contaxio, as federacións deportivas galegas deben partir dos mecanismos de transmisión do virus reportados polas autoridades sanitarias, establecerán para esta ferramenta un sistema de categorías interrelacionadas entre si, para que o tecido deportivo determine unha a unha as posibles situacións concretas de potencial contaxio que se puideren dar en cada modalidade e especialidade deportiva:

– Atende a tres momentos: antes, durante e despois da práctica.

– Considera os axentes con que pode haber contaxio: persoal propio, deportistas, outros alleos.

– Identifica a vía de contaxio: contacto, vía aérea, compartir alimentos ou bebidas.

missing image file

Nas táboas seguintes, explícase o significado de cada unha das categorías.

Identificar o momento

Refírese ao lapso temporal que agrupa unha serie de accións propias da práctica ou da competición

Antes

do/da adestramento/competición

Recóllense todas as accións desde que a persoa sae da súa casa ata o momento antes de comezar a práctica deportiva

Durante

o/a adestramento/competición

Recóllense todas as accións desde o inicio do/da adestramento/competición ata o final del/dela

Despois

do/da adestramento/competición

Recóllense todas as accións desde o peche do/da adestramento/competición ata que se abandona o lugar onde se desenvolve a práctica

Identificar o axente

Persoas relacionadas coas situacións de potenciais contaxio. Neste caso clasifícanse en persoas da organización non deportistas, os propios deportistas e as persoas alleas á entidade

Persoal propio

Son as persoas que forman parte do organigrama da entidade organizadora da actividade ou da entidade/deportista participante nas actividades (persoal e colaboradores de federacións, clubs, equipos, tales como directivos, adestradores, preparadores físicos, xuíces/árbitros, asistentes, delegados, etc..), así como persoal do espazo onde se desenvolve a práctica e que pode ter que ver coas situacións que identifiquemos (conserxes, oficinistas, persoal de limpeza, etc.)

Deportistas

Son os axentes protagonistas do fenómeno deportivo. As persoas que practican, individualmente ou en grupo, calquera tipo de actividade deportiva

Outros alleos

Son as persoas de fóra da organización (público, familiares, visitantes externos, provedores, etc.)

Identificar situacións de contaxio por contacto

Esta categoría pretende identificar situacións nas cales se pode dar un contacto con outras persoas, con materiais ou con superficies

Persoa a persoa (directo)

Ten lugar contacto directo con outras persoas (cómpre ter en conta a análise que se está realizando: persoal, deportistas, outros)

Material deportivo de uso simultáneo

Contacto directo con equipacións/equipamento individual, accesorios, obxectos, embarcacións, etc. que se levantan e/ou empregan de modo simultáneo (exemplo: cargar piraguas, colchonetas, lonas, etc.) con outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Material deportivo de uso secuencial

Contacto directo con equipacións/equipamento individual, accesorios, obxectos, embarcacións, etc., co que logo terá contacto outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Material deportivo de uso alterno

Contacto directo con equipacións/equipamento individual, accesorios, obxectos, embarcacións, etc.. de maneira alterna e repetida con outra/s persoas (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Superficie de uso simultáneo

Contacto directo cunha superficie de forma simultánea con outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Superficie de uso secuencial

Contacto directo cunha superficie despois de que o tivese con outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros).

Superficie de uso alterno

Contacto directo cunha superficie de maneira alterna e repetida con outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Identificar situacións de contaxio por vía aérea

Esta categoría pretende identificar situacións nas cales se pode dar contacto con persoas que transitan ou permanecen nun espazo e nun tempo determinado

Espazo de uso simultáneo

Varias persoas ocupan o mesmo espazo, no mesmo momento, cunha distancia menor á recomendada. Por exemplo, nos deportes de combate (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Espazo de uso secuencial

Ocúpase un espazo de maneira secuencial despois de que outra persoa o ocupase con anterioridade. Por exemplo, os accesos de instalacións e zonas de paso, postas de tiro, etc. (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Espazos de uso alterno

Ocúpase un espazo de maneira alterna e repetida entre varias persoas. Por exemplo, os terreos de xogo dos deportes colectivos (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Identificar situacións de contaxio por uso compartido de alimentos e bebidas

Esta categoría pretende identificar situacións nas cales se pode dar contacto con persoas que transitan ou permanecen nun espazo e nun tempo determinado

Uso de botellas e vasos

Consomen, comparten, administran, teñen contacto dalgún xeito con recipientes de alimentos e bebidas que consumise outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se está realizando a análise: persoal deportistas, outros)

Comida e víveres

Consomen, comparten, administran, teñen contacto dalgún xeito con alimentos e víveres que consumise outra/s persoa/s (cómpre ter en conta sobre que axente se estea realizando a análise: persoal, deportistas, outros)

Seguindo a metodoloxía Fisicovid-D×Tgalego, cada federación deportiva tén que identificar as potenciais situacións de contaxio en cada unha das especialidades deportivas da súa modalidade deportiva e establecer medidas concretas para cada unha desas situacións de risco.

5. Coordinador do protocolo federativo.

Cada federación designará un coordinador para a implementación e o seguimiento do protocolo federativo, que será o interlocutor coa Secretaría Xeral para o Deporte e informaraa sobre as incidencias que se produzan no seu desenvolvemento. Este coordinador asumirá as funcións que se establezan no respectivo protocolo.

6. Comunicación e seguimento de sintomatoloxía COVID-19.

No caso de que un membro do persoal, deportista, etc. teña sintomatoloxía do virus COVID-19, deberá informar de xeito inmediato o Servizo Galego de Saúde para iniciar o protocolo previsto pola Consellería de Sanidade (https://www.sergas.es/Saude-publica/Novo-coronavirus-2019-nCoV?idioma=es). Neste senso, considérase sintomatoloxía do virus COVID-19 un cadro clínico de infección respiratoria aguda (IRA) de aparición súbita e de calquera gravidade, incluíndo febre, tose ou falta de alento, entre outros.

En caso de detección dun caso sospeitoso por COVID-19 no contorno da práctica deportiva, deberanse seguir as pautas determinadas polas autoridades sanitarias. A persoa afectada retirarase do grupo e conducirase a outro espazo, facilitándolle unha máscara cirúrxica. Este espazo deberá ser elixido previamente e debería contar con ventilación adecuada e unha papeleira de pedal con bolsa onde tirar a máscara e os panos que se poidan desbotar. Contactarase co centro de saúde correspondente á persoa ou co teléfono de referencia (900 400 116) e seguirán as súas instrucións. Se se percibir gravidade, chamarase o 061. Haberá que realizar unha boa ventilación, limpeza e desinfección deste espazo e do resto das estancias onde estiver a persoa, acorde á situación do risco. Será preciso tamén illar o/a contedor/papeleira onde se depositasen os panos ou outros produtos usados. Esa bolsa de lixo deberá ser extraída e colocada nunha segunda bolsa de lixo, con peche, para o seu depósito no lugar onde se determine.

En todo caso, seguiranse en todo momento as recomendacións das autoridades sanitarias.