Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24698

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI451A).

O artigo I da Declaración de Nacións Unidas sobre a eliminación da violencia contra as mulleres de 1993 proporcionou unha definición de violencia de xénero que segue a ser pertinente no momento actual: «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública coma na privada».

A violencia de xénero maniféstase de moi diversas formas, en todas as culturas e países, en todas as clases sociais e en todas as idades. Así o reflicten as estatísticas, que amosan unha parte pequena, mais gravísima, da magnitude total da violencia exercida contra as mulleres. A violencia cotiá contra as mulleres estivo durante séculos naturalizada e normalizada, polo que se mantiña silenciada e aínda hoxe, a pesar de situarse no centro da preocupación social e política, é un fenómeno estrutural e global que constitúe un problema sociopolítico de primeira magnitude, que como tal debe ser tratado, e a sociedade debe asumir o compromiso de loitar de xeito conxunto a prol da súa erradicación. O compromiso da Administración debe ser articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo, así como fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución desta lacra social ata a súa erradicación.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, recolle actuacións destinadas a achegar a toda a sociedade, e principalmente ás vítimas, unha necesaria resposta que garanta a seguridade e a recuperación integral das mulleres e das persoas que dela dependen, potenciando instrumentos de prevención e sensibilización e articulando os mecanismos necesarios para prestar unha atención integral ás mulleres que sofren violencia de xénero.

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero por parte do Goberno da Nación, das Comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e da Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no cal se incluiría un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como as recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para alcanzar e pór en marcha un pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o informe da Ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero que, no seu eixe 3, recolle de maneira específica medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», e entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

As mulleres que viven ou viviron situacións de violencia de xénero precisan dotarse das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, no caso de que esta non existise, polo que dende as administracións temos a obriga de dotar os mecanismos necesarios para lles facilitar esa integración social e laboral. Nesa obriga enmárcase a presente resolución, que ten como obxectivo primeiro o desenvolvemento de programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para a súa recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia. O acceso ao emprego das mulleres vítimas de violencia de xénero representa un paso fundamental para lograr unha maior autonomía e aumento da autoestima, ao acadar a independencia económica contribuíndo a lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Esta resolución de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 138/2019, do 24 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para os anos 2020 e 2021, subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. O código deste procedemento administrativo é o SI451A.

Artigo 2. Financiamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 725.000,00 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.481.2 (código de proxecto 2018 00112), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2020: 225.000,00 euros.

Ano 2021: 500.000,00 euros.

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O método de concesión e xustificación empregado será a través de módulos, consonte o disposto no artigo 52 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma finalidade.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución; de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Artigo 5. Persoas destinatarias finais

As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta resolución serán as mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Para os efectos desta resolución, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia co agresor e acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 de Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

d) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

e) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

Terán preferencia, de ser o caso, para a incorporación ao programa, as mulleres con orde de protección e/ou medidas cautelares vixentes no momento de incorporación ao programa. Para estes efectos, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar as comprobacións oportunas segundo os mecanismos que determine.

Artigo 6. Incorporación das participantes ao programa

1. A Secretaría Xeral da Igualdade e o Servizo Público de Emprego de Galicia, coordinadamente, poderán seleccionar, mediante un procedemento de selección específico para este programa, que se regulará mediante instrución, as mulleres en situación de violencia de xénero para a súa incorporación ao programa. A dita instrución farase pública na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas, así como os centros de Información á Muller, os centros da Rede Galega de Acollemento e o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, e calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero, poderán propoñer participantes para a súa incorporación ao programa, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 5.

Todas as entidades indicadas no parágrafo anterior deberán cumprir a normativa de protección de datos persoais, en concreto o disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas serán tratados pola Secretaría Xeral de Igualdade na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento. A base lexitimadora do tratamento é a realización dunha misión de interese público. As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Contacto co/coa delegado/a de protección de datos e máis información en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As entidades serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes.

3. As mulleres finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e, con carácter xeral, non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación en programas de inserción laboral como o regulado nesta resolución.

Artigo 7. Actuacións e período subvencionables

1. Serán subvencionables os programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral. Nestes programas establécese de xeito obrigatorio un obxectivo cuantitativo de inserción laboral das mulleres participantes neles, que serán de polo menos o 10 % das participantes, que deberán acadar a súa inserción laboral no período subvencionable, e segundo o disposto no artigo 7.3 e 7.4 desta resolución.

Non obstante, cando a totalidade de mulleres participantes no programa acredite, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, o obxectivo de inserción será dun 5 %.

Ademais, os programas que se desenvolvan deberán incluír de xeito obrigatorio algunha das actuacións previstas no itinerario de inserción de cada usuaria e as bolsas para as participantes do programa, recollidas nos números 2.1 e 2.4 deste artigo, e poderán incluír tamén algunha das outras actuacións previstas nos números 2.2 e 2.3 deste artigo.

2. Actuacións dos programas:

2.1. Itinerario de inserción.

a) Diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante: entrevista individualizada en profundidade a cada unha das participantes para obter toda a información acerca dos recursos de que dispón, a súas aptitudes e actitudes para o emprego, dispoñibilidade horaria, formación, experiencia laboral, etc.

b) Orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego: obradoiros de entrevista, elaboración CV, técnicas de busca de emprego, asesoramento formativo, etc.

c) Busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca, así como seguimento inicial no posto de traballo.

d) Intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas: confección do perfil laboral das participantes coa finalidade de remitilas ás empresas e cubrir posibles ofertas de emprego.

e) Asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar.

f) Prospección de emprego.

g) Seguimento da inserción nas empresas e avaliación do traballo realizado.

h) Outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.

A atención directa a través dos itinerarios de inserción sinalados nos puntos anteriores comprenderá tanto as actuacións presenciais coa persoa participante, de forma individual ou grupal, coma aqueloutras actuacións que non requiran a presenza da persoa e que se consideren necesarias para o cumprimento do obxectivo de apoiar a súa integración ou reintegración no mercado laboral.

2.2. Formación para o emprego.

Terá a finalidade de formar e capacitar ás participantes para o seu acceso ao emprego, proporcionándolles unha actualización e mellora das súas competencias profesionais, coñecementos e prácticas, incluídas as accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes, así como formación dirixida ao autoemprego e á constitución de cooperativas.

2.3. Actuacións de apoio á conciliación.

Consistirán na posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, no fogar ou nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción sociolaboral, segundo o número 2.1 deste artigo, ou en formación para o emprego segundo o número 2.2 deste artigo.

2.4. Bolsas para as participantes no programa.

O obxecto destas bolsas será facilitarlles ás participantes unha axuda económica para compensarlles os gastos en que poidan incorrer (transporte, desprazamentos, teléfono, internet...) por participar no programa, que incentive a súa participación nel.

3. Para os efectos desta resolución, considerarase inserción laboral das mulleres atendidas cando, durante o prazo de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses, ou inicien durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

4. Para os efectos desta resolución, non se computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera Administración pública con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) As contratacións en empresas con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

c) A contratación das participantes para o desenvolvemento das accións previstas nesta convocatoria 2020-2021.

5. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas na presente resolución será do 1 de setembro de 2020 ao 30 de xuño de 2021.

Artigo 8. Determinación do importe das subvencións

1. Para a determinación do importe das subvencións establécense os seguintes módulos:

a) Módulo para o itinerario de inserción.

Neste módulo, a asignación da subvención será de 18,42 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por persoal técnico con titulación universitaria, titulación superior de FP complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida, respectando, en todo caso, as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos que así estea establecido por normativa legal.

O citado custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase, ata un máximo de 1.433 horas por profesional, para o período subvencionable de 10 meses, que se corresponden coa dedicación dun/unha profesional a xornada completa. Neste suposto será necesario acreditar durante todo o programa, un número mínimo de 25 mulleres participantes, das cales o 60 % (15) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no seu itinerario de inserción.

Este número de mulleres atendidas previsto nesta resolución, incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do numero de horas totais declaradas pola entidade.

b) Módulo para accións de formación para o emprego.

Este módulo comporta para o seu desenvolvemento a presenza de monitorado e/ou titorización no caso de teleformación; a asignación do módulo será de 18,42 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos e indirectos.

Os importes establecidos corresponderán integramente cando teñan dereito á certificación acreditativa pola súa realización un mínimo de cinco participantes. A este respecto, entenderase que xeran dereito a certificado acreditativo da realización da acción formativa as participantes que asistisen como mínimo ao 60 % do total das horas de duración da dita acción ou, no caso de teleformación, que executasen, polo menos, o 60 % dos contidos dentro do período formativo, de ser o caso.

As accións formativas previstas neste módulo de formación para o emprego deberán ter unha duración mínima de 8 horas, e cada acción formativa deberá ser iniciada e finalizada dentro do período subvencionable sinalado no artigo 9 (período comprendido entre o 1 de setembro de 2020 e o 30 de novembro de 2020 ou período comprendido entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de xuño de 2021).

c) Módulo para medidas de apoio á conciliación.

Este módulo terá una asignación de 14,31 €/hora por servizo de conciliación efectivamente prestado máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos.

d) Módulo para bolsas de participación.

Este módulo terá unha asignación de 50 euros ao mes por participante, sempre que acredite a súa inclusión e participación activa no programa durante un mínimo de 20 días do mes correspondente.

A entidade beneficiaria realizará o pagamento destas bolsas mensualmente ás participantes.

Artigo 9. Contía das subvencións

1.a) A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de setembro de 2020 e o 30 de novembro de 2020 será de 25.000 euros.

b) A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de xuño de 2021 será de 75.000 euros.

2. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención será o resultado da aplicación do método de módulos, cun importe máximo subvencionable para cada período segundo o establecido no punto 1 deste artigo, e sen que en ningún caso se poida superar a contía solicitada por período. Sobre os importes máximos anteriores, aplicaranse as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 17 desta resolución:

– Entre 100 e 95 puntos: 100 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 94 e 85 puntos: 90 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 84 e 75 puntos: 80 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 74 e 65 puntos: 70 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 64 e 55 puntos: 60 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 54 e 45 puntos: 50 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 44 e 35 puntos: 40 % da contía máxima subvencionable.

– Entre 34 e 25 puntos: 30 % da contía máxima subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 25 puntos.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos programas inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre de adxudicar, a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, poderá repartirse entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, e sen que en ningún caso se poida superar a contía solicitada.

Artigo 10. Gastos subvencionables

Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o programa, segundo o disposto no artigo 7, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a continuación:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a elas, en particular os seguintes:

a) Gastos de persoal:

1º. Persoal propio da entidade que preste servizos no desenvolvemento do programa obxecto desta subvención, e que realice atención directa ás mulleres participantes, segundo o previsto no artigo 7.2.1 desta resolución. Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

2º. Traballadoras/es por conta propia para a realización de actuacións ou a prestación de servizos ou funcións relacionados coa finalidade do programa, logo de asignación de funcións, segundo o previsto no artigo 7.2.1 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

3º. Traballadores/as por conta propia con contrato para a realización de actividades de formación previstas no artigo 7.2.2.

4º. Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas ao desenvolvemento do programa e realizadas por profesionais técnicos/as, titulados/as, adscritos/as a el.

b) Outros gastos directos:

– Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 7, incluídos os gastos de seguros de accidentes do alumnado.

– Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.

– Bolsas ás mulleres beneficiarias do programa pola súa participación nas accións formativas desenvolvidas dentro do seu itinerario e/ou pola realización de prácticas non laborais.

– Alugamento de maquinaria específica para o desenvolvemento de accións de formación.

2. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por teren carácter estrutural pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

– Gastos indirectos de persoal.

– Gastos en bens consumibles e en material funxible.

– Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, internet, electricidade, limpeza e seguridade).

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

4. Para os efectos desta resolución, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Cando, de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe de cada un dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 11. Prazo e solicitude

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

Quedarán exentas de presentar esta documentación as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, agás que a representación se atribúa a persoa distinta á designada no dito rexistro.

b) Memoria da entidade (anexo II) que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) Memoria descritiva de actuacións (anexo III) que deberá conter, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

d) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, en que figure o compromiso de asignar os medios materiais e humanos necesarios para garantir o axeitado desenvolvemento das actuacións previstas no artigo 7 desta resolución e de acordo co indicado no anexo III (memoria descritiva de actuacións que se desenvolverán), segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

e) Acreditación documental suficiente e detallada da experiencia da entidade na realización e no desenvolvemento de programas de inserción laboral con mulleres vítimas da violencia de xénero e/ou con persoas pertencentes a outros colectivos, segundo o disposto no artigo 17.1.1º, de ser o caso.

f) Documentación acreditativa do compromiso de contratación a que se refire o artigo 17.1.2º, asinada pola empresa ou empresas correspondentes, de ser o caso, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) Acreditación documental suficiente de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de ser o caso.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Vida laboral dos últimos 12 meses das persoas participantes inseridas.

i) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, no caso de participantes en programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de anexo I de solicitude e/ou no anexo VII de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, segundo o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e arquivaranse sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 16. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

– Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, a persoa titular da xefatura do Servizo de Fomento, a persoa titular da xefatura do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo da Secretaría Xeral da Igualdade e a persoa titular da xefatura do Servizo de Intermediación da Dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

– Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral da Igualdade, por proposta da persoa titular da Presidencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da comisión de valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto polo seu/súa presidente/a.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quede crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificación nos programas inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:

1º. Pola experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas de inserción laboral nos últimos 5 anos: ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

– Experiencia da entidade na realización e no desenvolvemento de programas específicos de inserción laboral con mulleres vítimas da violencia de xénero: 3 puntos por ano, ata un máximo de 15 puntos, sempre que o programa se desenvolvese en cada anualidade durante un período ininterrompido de tres meses.

– Experiencia da entidade na realización e no desenvolvemento de programas específicos de inserción laboral con outros colectivos: 1 punto por ano, ata un máximo de 5 puntos, sempre que o programa se desenvolvese en cada anualidade durante un período ininterrompido de tres meses.

2º. Pola existencia e presentación dun compromiso de contratación asinado por unha empresa: ata 8 puntos coa seguinte desagregación:

– Presentación dun compromiso de contratación asinado por unha empresa: 3 puntos.

– Presentación de dous ou máis compromisos de contratación asinados por dúas ou máis empresas: 8 puntos.

3º. Polo compromiso de realización de prácticas non laborais en empresa por parte das participantes neste programa de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero, asinado pola persoa responsable da entidade solicitante: ata 15 puntos coa seguinte desagregación:

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 20 % e o 40 % das participantes no programa: 5 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 41 % e o 60 % das participantes no programa: 10 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de máis do 60 % das participantes no programa: 15 puntos.

No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que ademais da condición de vítima de violencia de xénero acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, a desagregación da valoración do compromiso de realización de prácticas non laborais en empresas das participantes será a seguinte:

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 10 % e o 20 % das participantes no programa: 5 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de entre o 21 % e o 40 % das participantes no programa: 10 puntos.

– Compromiso de realización de prácticas non laborais de máis do 40 % das participantes no programa: 15 puntos.

En ambos os casos, para que se entendan cumpridos os compromisos de realización de prácticas non laborais, as prácticas deberán ter unha duración mínima de 8 horas e deberán iniciarse e finalizarse dentro do período de execución desta convocatoria.

4º. Pola acreditación documental de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL), debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia: 5 puntos.

5º. Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 7 desta convocatoria: ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

– Obxectivos propostos pola entidade solicitante en relación coa mellora da situación persoal e laboral das participantes, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 7: ata 14 puntos.

– Carácter innovador das actuacións que pretende desenvolver a entidade solicitante, segundo as recollidas no artigo 7, con respecto a outras propostas desta convocatoria: ata 11 puntos.

6º. Obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das mulleres vítimas da violencia de xénero participantes no programa, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 7: ata 25 puntos, segundo a seguinte escala:

– 11 %: 6 puntos.

– 12 %: 7 puntos.

– 13 %: 8 puntos.

– 14 %: 9 puntos.

– 15 %: 10 puntos.

– 16 %: 11 puntos.

– 17 %: 12 puntos.

– 18 %: 13 puntos.

– 19 %: 14 puntos.

– 20 %: 15 puntos.

– 21 % ou máis: 25 puntos.

No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, a valoración dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das mulleres participantes no programa, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 7, farase segundo a seguinte escala:

– 6 %: 6 puntos.

– 7 %: 7 puntos.

– 8 %: 8 puntos.

– 9 %: 9 puntos.

– 10 %: 10 puntos.

– 11 %: 11 puntos.

– 12 %: 12 puntos.

– 13 %: 13 puntos.

– 14 %: 14 puntos.

– 15 %: 15 puntos.

– 16 % ou máis: 25 puntos.

7º. Pola inscrición da entidade solicitante na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia: 2 puntos.

A puntuación máxima total será de 100 puntos e será preciso acadar unha puntuación mínima de 25 puntos para poder resultar beneficiaria desta subvención.

2. No caso de empate na puntuación, cando algunha solicitude quede na lista de espera, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto 1 e, se persiste o empate, o desempate establecerase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 18. Resolución

1. A resolución destas subvencións correspóndelle á Secretaria Xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 138/2019, do 24 de outubro, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola Intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días hábiles a súa aceptación e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 22. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten esixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado que permita unha pista de auditoría suficiente respecto dos ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención, mentres poida ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e polo Ministerio de Igualdade.

4. Informar, de ser o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo Ministerio de Igualdade, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas de ambos os organismos deberán figurar, como mínimo, nos seguintes documentos, de ser o caso:

– Partes de asistencia e/ou de participación.

– Enquisas de avaliación.

– Certificados de asistencia.

5. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos) e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas serán tratados pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución, e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento, aos organismos financiadores e ás entidades colaboradoras na xestión do proxecto. A base lexitimadora do tratamento é o cumprimento dunha misión realizada en interese público e a prestación de asistencia de tipo social. As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado, segundo segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, requirindo o seu consentimento, de ser o caso. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes, así como calquera documentación relativa ao desenvolvemento do programa.

6. Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Secretaría Xeral da Igualdade, realizando as actuacións precisas para obter información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións.

7. As entidades subvencionadas deberán axustarse na execución das actuacións aos obxectivos que, de ser o caso, estableza a Secretaría Xeral da Igualdade.

8. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

9. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

10. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

11. Contratar un seguro de cobertura de accidentes para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades coma os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

12. Controlar a asistencia ás accións formativas que se realicen, e garantir que as persoas propostas para a certificación acreditativa da realización das ditas accións asistisen, como mínimo, ao 60 % do total das súas horas.

13. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14. Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta resolución e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Prazo e xustificación da subvención

1. As medidas e actuacións correspondentes a estes programas xustificaranse a través da modalidade de módulos prevista no artigo 54 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada período (artigo 9.1.a) e 9.1.b) de xeito independente.

3. A xustificación correspondente a 2020 comprenderá as actuacións realizadas ata o 30 de novembro e presentarase con data límite do 7 de decembro de 2020, mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

3.1. Solicitude de pagamento do primeiro período asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o custo de persoal segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa obxecto desta subvención (anexo IV).

3.2. Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo VI).

3.3. Anexo VII de cada participante, no caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade.

No caso de opoñerse a dita consulta ou de que este non fose emitido pola Xunta de Galicia, deberán achegar a copia do dito documento acreditativo da discapacidade.

3.4. No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de persoa inmigrante, deberán achegar documentación acreditativa da dita situación.

3.5. Para a xustificación do módulo para o itinerario de inserción (artigo 8.1.a):

a) Certificación dos custos directos de persoal referidos a cada unha das persoas profesionais, con indicación do tipo de relación ou vinculación coa entidade solicitante, do número de horas efectivamente traballadas referidas ás actuacións vinculadas ao programa obxecto desta subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Follas mensuais das horas totais efectivamente traballadas dedicadas a este programa dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero, asinadas pola persoa traballadora e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto da subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Certificación do número total de persoas atendidas, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

d) Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes, segundo o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola persoa participante e pola persoa responsable do programa, e numerada co mesmo ordinal con que figuren na relación que se xunta coa certificación do número total de persoas atendidas.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas que non acheguen debidamente cubertas as follas individualizadas de seguimento.

e) De ser o caso, certificación da realización de prácticas non laborais en empresa, asinada polas persoas participantes, pola/o responsable da entidade e pola persoa responsable da empresa, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.6. Para a xustificación do módulo de formación para o emprego (artigo 8.1.b):

Por cada acción formativa finalizada:

1. Partes de asistencia onde consten os datos da acción formativa, asinados polas persoas participantes e pola/o responsable técnica/o da actuación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

No caso de teleformación, certificación asinada pola/o responsable técnica/o da actuación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Certificación da finalización da acción formativa, asinada pola persoa responsable da entidade, comprensiva da relación de persoas asistentes e do número total de horas realizadas por cada unha delas. Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade figurará o modelo desta certificación.

3.7. Para a xustificación do módulo de conciliación (artigo 8.1.c):

a) Orde de servizo, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Rexistro do servizo de apoio á conciliación realizado, con parte horario, semanal ou diario, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.8. Para a xustificación do módulo de bolsas de participación (artigo 8.1.d):

a) Certificación asinada pola persoa responsable da entidade, comprensiva da relación de participantes que percibiron as bolsas e do seu importe, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Declaración asinada por cada unha das participantes, relativa á percepción das bolsas de participación, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, acompañada dos documentos acreditativos do seu pagamento.

c) Xustificación do pagamento mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc.; no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo en conta do dito cheque), en que conste a identificación da entidade pagadora e da destinataria do pagamento.

4. Para a xustificación final, e coa finalidade de acreditar a realización total das actividades, así como o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar, con data límite do 15 de xullo de 2021, a seguinte documentación, relativa ás actuacións subvencionadas entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de xuño de 2021.

4.1. Solicitude de pagamento final asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o custo de persoal segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa obxecto desta subvención (anexo V).

4.2. Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo VI).

4.3. Memoria xustificativa das actuacións realizadas e subvencionadas, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos onde deberán figurar os logos da Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do Ministerio de Igualdade, así como doutras evidencias dos gastos directos realizados, para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 22 desta resolución.

4.4. Certificación da relación de participantes inseridas pola súa participación neste programa de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4.5. Anexo VII de cada unha das participantes inseridas, segundo o disposto no artigo 7.3 desta convocatoria. No caso de opoñerse á dita consulta deberán achegar a copia de vida laboral ou dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego ou copia da documentación xustificativa equivalente no caso de participantes que acaden a inserción derivada dunha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral.

E anexo VII de cada participante, no caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade. No caso de opoñerse á dita consulta ou de que este non fose emitido pola Xunta de Galicia, deberán achegar a copia do documento acreditativo da discapacidade.

4.6. Declaración asinada por cada unha das participantes inseridas, relativa á consecución do obxectivo de inserción, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4.7. No caso de programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de persoa inmigrante, deberán achegar documentación acreditativa da dita situación.

4.8. Para a xustificación do módulo para o itinerario de inserción (artigo 8.1.a):

a) Certificación dos custos directos de persoal referidos a cada unha das persoas profesionais, con indicación do tipo de relación ou vinculación coa entidade solicitante e do número de horas efectivamente traballadas referidas ás actuacións vinculadas ao programa obxecto desta subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Follas mensuais das horas totais efectivamente traballadas dedicadas a este programa dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero, asinadas pola persoa traballadora e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto da subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Certificación do número total de persoas atendidas, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

d) Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes, segundo o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola persoa participante e pola persoa responsable do programa, e numerada co mesmo ordinal con que figuren na relación que se achega coa certificación do número total de persoas atendidas.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas que non acheguen debidamente cubertas as follas individualizadas de seguimento.

e) De ser o caso, certificacións da realización de prácticas non laborais en empresa, asinada polas persoas participantes, pola/o responsable da entidade e pola persoa responsable da empresa, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4.9. Para a xustificación do módulo de formación para o emprego (artigo 8.1.b):

Por cada acción formativa finalizada:

1. Partes de asistencia, onde consten os datos da acción formativa, asinados polas persoas participantes e pola/o responsable técnica/o da actuación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

No caso de teleformación, certificación asinada pola/o responsable técnica/o da actuación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Certificación da finalización da acción formativa, asinada pola persoa responsable da entidade, comprensiva da relación de persoas asistentes e do número total de horas realizadas por cada unha delas. Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade figurará o modelo desta certificación.

4.10. Para a xustificación do módulo de conciliación (artigo 8.1.c):

a) Orde de servizo, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Rexistro do servizo de apoio á conciliación realizado, con parte horario, semanal ou diario, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4.11. Para a xustificación do módulo de bolsas de participación (artigo 8.1.d):

a) Certificación asinada pola persoa responsable da entidade, comprensiva da relación de participantes que percibiron as bolsas e do seu importe, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Declaración asinada por cada unha das participantes, relativa á percepción das bolsas de participación, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, acompañada dos documentos acreditativos do seu pagamento.

c) Xustificación do pagamento mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc; no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo na conta do dito cheque), en que conste a identificación da entidade pagadora e da destinataria do pagamento.

5. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos indicados pola Secretaría Xeral da Igualdade.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndoa de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

7. No caso de programas que rematen a totalidade das súas accións no período 2020, a xustificación presentarase coa documentación prevista no número 4 deste artigo, pero con data límite do 7 de decembro de 2020, e terá a consideración e as obrigas da xustificación final.

Artigo 24. Anticipo e pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actuacións subvencionadas.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida para o período comprendido entre setembro e novembro de 2020, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención. O importe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo de que as entidades beneficiarias xustifiquen o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e as demais condicións exixidas nesta resolución.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou da demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. A subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado ao programa e tidas en conta na asignación da subvención. Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de participantes atendidas sexa inferior ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas. Igualmente procederá a minoración proporcional cando o número de participantes atendidas cun número mínimo de seis intervencións presenciais sexa inferior ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

No caso de que a subvención fose concedida para a realización de programas dirixidos na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, só se computarán como participantes aquelas mulleres que acrediten a referida situación, e procederase á minoración proporcional segundo o indicado no parágrafo anterior, de ser o caso.

5. Particularmente, acadará a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida polo incumprimento das obrigas recollidas nos artigos 22.3 e 22.4 desta resolución.

6. Procederase á minoración dunha porcentaxe do 5 % sobre a contía total da axuda percibida por cada unha das beneficiarias que non acaden a súa inserción laboral ao final do programa, segundo a porcentaxe mínima establecida no artigo 7.1 desta resolución ou porcentaxe superior indicada pola entidade na solicitude e tida en conta na súa valoración. Para estes efectos, a porcentaxe de participantes que se inserirá aplicarase sobre o número de mulleres participantes que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

7. No caso de incumprimento no/s compromiso/s de contratación presentado/s coa solicitude e obxecto de valoración, procederase, ademais, á minoración do 2 % sobre a contía total da axuda percibida por cada un dos compromisos incumpridos.

8. No caso de incumprimento do compromiso de realización de prácticas non laborais en empresa sinalado na solicitude, procederase, ademais, á minoración das seguintes porcentaxes sobre a contía total da axuda percibida, segundo a porcentaxe de incumprimento:

– Minoración do 2 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é >1 % e ≤25 %.

– Minoración do 3 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é >25 % e ≤40 %.

– Minoración do 4 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é >40 % e ≤60 %.

– Minoración do 6 % sobre a contía total da axuda percibida se o incumprimento é >60 %.

Para estes efectos, a porcentaxe de compromiso de realización de prácticas non laborais en empresa aplicarase sobre o número de mulleres participantes que corresponda segundo as horas efectivamente xustificadas.

9. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

10. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lles será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 26. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 27. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.

Artigo 28. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal, do teléfono: 981 95 76 13 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 29. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá, e segundo as condicións especificadas nos artigos 6.2 e 22.5 desta resolución.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público e no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia, de ser o caso, no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucional de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar, se é o caso, o consentimento outorgado, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Así mesmo, ao abeiro do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano administrativo concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidade das subvencións.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

A secretaria xeral da Igualdade
P.D. (Resolución do 8.6.2020; DOG núm. 111, do 9 de xuño)
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file