Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24828

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 10 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408D).

BDNS (Identif.): 511144.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades mercantís con domicilio social ou centro de actividade en Galicia, coa forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima que excedan a definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en territorio galego.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 40% dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios sexa mediante financiamento externo.

c) Que teñan sede social ou algún centro de actividade en Galicia.

Segundo. Obxecto

Apoiar os proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 10 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408D).

Cuarto. Importe

O crédito dispoñible para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7706, por un importe de 150.000 € con cargo ao ano 2020, 1.500.000 € con cargo ao ano 2021 e 4.350.000 € con cargo ao ano 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica