Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 23 de xuño de 2020 Páx. 24985

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 22 de xuño de 2020 pola que se acorda a adaptación dos procedementos de xestión do servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Chave365, á situación da nova normalidade derivada da emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19.

O Protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado pola Orde do 6 de febreiro de 2014, regulou o sistema de claves concertadas Chave365 como mecanismo alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas.

Este protocolo establece no seu punto 1.2.1.4 que a validez do mecanismo de claves concertadas será dun máximo de catro anos. Así mesmo, establece que no suposto de bloqueo dun código de usuario, o cidadán poderá rexenerar a clave ante as oficinas de rexistro ou de forma electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do uso dun certificado electrónico recoñecido.

Actualmente, máis de 200.000 persoas son usuarias do sistema de identificación e sinatura Chave365, o que lles permite o acceso electrónico a distintos servizos electrónicos do sector público autonómico, como a sede electrónica ou o servizo É-Saúde.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada por COVID-19, estableceu na súa disposición adicional cuarta que os prazos de suspensión e caducidade de calquera acción e dereito quedan suspendidos durante o prazo de vixencia do estado do alarma e, se é o caso, das prórrogas que se adoptasen.

O acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, publicado pola Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, previu no seu punto oitavo a suspensión de prazos de prescrición e caducidade durante a vixencia do estado de alarma na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia do 30 de marzo de 2020, pola que se acorda a aplicación de medidas derivadas da declaración do estado de alarma no servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia Chave365, recolleu previsións para adaptarse ás medidas derivadas da suspensión de prazos administrativos e ás circunstancias extraordinarias de confinamento e restrición da mobilidade da poboación durante a vixencia do estado de alarma.

En aplicación desa resolución habilitáronse mecanismos non presenciais de rexeneración das claves de acceso en caso de bloqueos durante a vixencia do estado de alarma que veñen funcionando con normalidade e que demostraron a súa utilidade nesta situación.

En aplicación do Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte á COVID-19, aprobado polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de maio de 2020, reiniciouse paulatinamente a atención presencial nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro adaptando o seu funcionamento ás medidas de protección establecidas nese protocolo. Estas medidas afectan a capacidade de atención presencial da rede.

O Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada por COVID-19 (BOE número 145, do 23 de maio), estableceu que con efectos do 1 de xuño o cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos se reiniciará, se así se previse nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prórrogas.

O reinicio dos prazos administrativos supón un incremento da demanda da cidadanía dos servizos electrónicos e dos servizos de atención presencial na rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro do sector público autonómico; especialmente increméntase a demanda de xestións presenciais relacionadas co servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Chave365, como as de renovación ou rexeneración da clave de acceso pola súa caducidade ou bloqueo.

Nestas circunstancias, cómpre tomar as medidas oportunas para prorrogar as medidas adoptadas durante a vixencia do estado de alarma e dar un prazo suficiente para que os servizos de atención á cidadanía presten o servizo coa oferta adecuada, e habilitar mecanismos non presenciais para a xestión dos procedementos relacionados co sistema Chave365 e así garantir o acceso aos servizos electrónicos do sector público autonómico.

Coas finalidades indicadas, adóptanse a través desta orde medidas de carácter excepcional e vixencia temporalmente limitada, en relación co período de validez do mecanismo de claves concertadas e coa habilitación de mecanismos non presenciais de rexeneración da clave de acceso.

Estas medidas consisten na ampliación do período de validez do mecanismo de claves concertadas para aquelas persoas ás que ese período de validez lles remate nos tres meses posteriores á finalización do estado de alarma e na habilitación de mecanismos non presenciais de rexeneración das claves de acceso en caso de bloqueos ou caducidade que garantan a identificación do cidadán por medios non presenciais.

En canto á estrutura da orde, esta consta dun artigo único, no cal se recollen as medidas excepcionais necesarias, e unha disposición derradeira relativa á inmediata entrada en vigor da disposición, tendo en conta as razóns de urxencia concorrentes, ante a necesidade de adoptar sen demora medidas actualizadas e adaptadas ás actuais circunstancias.

A tramitación da presente orde axustouse ás previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aínda que, tendo en conta a evidente urxencia e a concorrencia das graves razóns de interese público que demandan a adopción desta disposición, ante a necesidade de adoptar sen demora medidas actualizadas e adaptadas á actual situación económica e de emerxencia sanitaria creada polo coronavirus, prescindiuse dos trámites de consulta pública previa, audiencia e información pública, de conformidade co disposto nos artigos 41.2 e 42.5 da devandita lei.

En atención ao exposto, a presente orde axústase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, transparencia e eficiencia, identifícanse os obxectivos perseguidos e as razóns de interese xeral a que atende a regulación e establécense as medidas adecuadas para atender tales obxectivos e razóns sen impor novas obrigacións ou medidas restritivas á cidadanía pois, pola contra, a finalidade da regulación é a de lle posibilitar á cidadanía o acceso aos servizos electrónicos do sector público autonómico. Ademais, en cumprimento do principio de seguridade xurídica, configúrase unha regulación excepcional e de vixencia temporal necesaria para facer fronte á situación derivada da pandemia do coronavirus.

En consecuencia, de acordo coa competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Medidas excepcionais e temporais en relación cos procedementos de xestión do servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

Primeiro. Ampliación do periodo de validez do mecanismo de claves concertadas

Amplíase o período de validez do mecanismo de claves concertadas para aquelas persoas ás que ese período de validez lles remate nos tres meses posteriores a finalización do estado de alarma e durante tres meses.

Segundo. Habilitación de mecanismos non presenciais de rexeneración da clave de acceso

Habilítanse mecanismos non presenciais de rexeneración das claves de acceso en caso de bloqueos o caducidade mentres se manteñan as medidas de prevención fronte á COVID-19 acordadas polas autoridades competentes. Estes mecanismos garantirán a identificación do cidadán por medios non presenciais, como a achega de información coñecida por ambas as partes, o uso de videochamadas ou outros similares que ofrezan as medidas de seguridade oportunas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda