Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 23 de xuño de 2020 Páx. 24993

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen de empresas en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR820E).

No ano 2019 a Xunta de Galicia e os interlocutores sociais acordaron iniciar un proceso tripartito de concertación social orientado á consecución de acordos nos eidos de mellora da calidade do emprego e das relacións laborais, o progreso económico e a cohesión social. Un destes acordos é o relativo a un programa que palíe as consecuencias que teñen os expedientes de regulación de emprego derivados de empresas en crise sobre o mercado laboral e as persoas traballadoras.

Dado o impacto que teñen os despedimentos derivados de empresas en crise, e nun colectivo tan necesitado de apoio e protección como o das persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade, as cales perderon o seu emprego como consecuencia dun procedemento concursal ou dunha empresa declarada insolvente, acórdase no seo do diálogo social, e como unha das liñas de axuda do programa citado, habilitar axudas que posibiliten tanto unha compensación económica da diminución do importe da súa indemnización como o financiamento do convenio especial coa Seguridade Social.

Para ordenar a regulación das axudas que materializan este acordo resulta necesario ditar unha única orde de bases reguladoras que recolla esta liña de forma independente.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de política laboral e relacións laborais.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación das bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras dunha liña de axudas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, destinada ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde de bases entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. As presentes bases teñen como obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, cumprindo os termos e condicións que se determinan nas presentes bases, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (TR820E) a través dos seguintes programas:

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.

Programa II. Axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos a indemnización está sometida aos límites establecidos no artigo 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores (ET).

2. Así mesmo, xunto con esta orde procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2020.

Artigo 2. Normativa reguladora

Estas axudas axustaranse, ademais de ao disposto na presente orde, ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e ao disposto nesta orde de bases.

CAPÍTULO II

Réxime específico para cada programa

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que cumpran, no momento da presentación da solicitude da axuda regulada na presente orde, os seguintes requisitos:

1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:

a) Que se teña extinguido os seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente. A declaración de insolvencia da empresa deberá afectar os créditos laborais da persoa traballadora, recoñecidos como consecuencia da sentenza, auto, acto de conciliación ou resolución administrativa a favor dos solicitantes. Para os efectos destas axudas, tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.

b) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso. Neste suposto a extinción do contrato deberá producirse dentro do período entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunha das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

c) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores; este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou sentenza declarativa.

d) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundada nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, peche da empresa e causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou carta de despedimento; esta última debe vir acompañada, en todo caso, pola autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do seu peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:

a) Que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no número 1 deste artigo.

b) Que no momento da presentación da solicitude non transcorreran máis de 4 anos desde que se produciu a extinción do contrato de traballo dos sinalados no número 1 do presente artigo, aínda que con posterioridade teña tido algún contrato de traballo. Nestes casos a finalización do derradeiro contrato non debera producirse por dimisión da persoa traballadora prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.

3. Que o centro de traballo da empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo estea situado en Galicia.

4. Que a antigüidade na empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo sexa dun mínimo de tres anos.

5. Que conte con 55 ou máis anos de idade.

6. Ter esgotada a prestación contributiva por desemprego.

7. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa a que se fai referencia no número 1 deste artigo non supere o importe de 2.600 euros.

Nos supostos do número 2.b) deste artigo, para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior tomaranse tamén as bases de cotización pola dita continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.

8. Ter subscrito, ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.

9. Non poderá ser persoa beneficiaria desta axuda se a empresa tivese a obriga legal de subscribir convenio especial coa Seguridade Social.

10. Non ser persoa beneficiaria ao abeiro doutra orde ou convocatoria de axudas para a mesma finalidade.

11. Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, nin tampouco aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Obrigas da persoa beneficiaria

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A persoa beneficiaria da axuda deberá ter subscrito ou subscribir no período subvencionable convenio especial coa Seguridade Social, nos seguintes termos:

2.1. Se o convenio especial se subscribiu con anterioridade ao momento da presentación da solicitude de axuda, deberá acreditarse de maneira fidedigna coa solicitude, tal e como se estableza na correspondente convocatoria.

2.2. Se o convenio especial non se subscribise con anterioridade ao momento da presentación da solicitude de axuda, a persoa beneficiaria deberá achegar ao órgano xestor copia do convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación de concesión da axuda, se este se subscribiu antes da dita notificación.

2.3. Cando no momento da notificación de concesión da axuda aínda non se subscribise o convenio especial, a persoa beneficiaria deberá acreditar a presentación da solicitude de subscrición do convenio especial, no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación da concesión da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá enviar, posteriormente, ao órgano xestor copia do convenio especial subscrito, no prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte ao da súa subscrición.

Todo isto sen prexuízo das competencias da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, para os efectos de que efectivamente proceda a subscrición do dito convenio.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

4. A persoa beneficiaria será responsable da calquera repercusión tributaria que poida derivar da percepción da axuda.

5. Comunicarlle ao órgano xestor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

Artigo 5. Contía e duración da axuda

1. A contía mensual será o importe da cota que cómpre aboar por convenio especial á Tesouraría Xeral da Seguridade Social co límite de 500 euros/mes, sendo o límite total da axuda 6.000 euros.

2. A duración da axuda será como máximo de 12 mensualidades consecutivas, dentro do período subvencionable que se estableza na convocatoria correspondente.

3. O cómputo do período de 12 mensualidades comezará a contar coa primeira mensualidade que sexa obxecto de axuda e en ningún caso poderá interromperse.

A primeira cota imputable á axuda regulada na presente convocatoria será a correspondente ao mes de outubro de 2019, agás que o convenio especial obxecto de axuda tivese como primeira cota mensual unha posterior a esa data.

A derradeira cota imputable á axuda regulada na presente convocatoria será a correspondente ao mes de setembro de 2020, agás que o convenio especial tivese como cota mensual unha anterior a esa data.

Artigo 6. Xustificación e pagamento

1. Xustificación: a xustificación farase mediante a achega dos documentos acreditativos do ingreso das cotas correspondentes ao convenio especial coa Seguridade Social. Para iso deberán presentarse os documentos bancarios das transferencias mensuais realizadas para o pagamento das correspondentes cotas, nos prazos que se sinalan no número seguinte.

2. Pagamento: o pagamento terá carácter trimestral, para estes efectos consideraranse como trimestres os naturais do ano.

Para que se efectúe cada un dos pagamentos trimestrais das sucesivas cotas do convenio especial, a persoa beneficiaria deberá presentar, no prazo de quince días naturais seguintes a aquel en que se efectuase o último pagamento da cota mensual correspondente ao trimestre que hai que aboar, a documentación xustificativa do pagamento efectuado á Seguridade Social.

Non obstante, a persoa beneficiaria poderá presentar na primeira xustificación todos os aboamentos das cotas realizadas imputables á axuda ata ese momento para os efectos de proceder ao primeiro pagamento.

Cando transcorra o prazo establecido para a xustificación sen que a documentación se presentase en tempo e forma, requiriráselle á persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de quince días hábiles presente a dita xustificación ou ben comunique a suspensión ou extinción do convenio especial que se producise nos supostos previstos na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social.

Non se aboará a axuda polas mensualidades correspondentes a cotas impagadas, cotas non pagadas en prazo ou pagamentos non xustificados nos prazos sinalados no parágrafo anterior, computándose en todo caso as ditas mensualidades para a duración máxima das 12 mensualidades a que refire o artigo 5 desta orde.

3. A suspensión ou extinción do convenio especial durante o período a que se estende a axuda concedida ao abeiro da convocatoria correspondente dará lugar á suspensión da axuda, pero non interromperá o cómputo da duración máxima das 12 mensualidades nos termos recollidos no artigo 5.2 desta orde. Nestes casos, a persoa beneficiaria conservará o seu dereito ao aboamento das cotas satisfeitas por todas as mensualidades ata o momento da suspensión ou extinción do convenio.

4. Restablecida a efectividade do convenio suspendido ou subscrito novo convenio especial, reiniciarase a axuda polas mensualidades pendentes ata cumprir a duración máxima prevista no artigo 5.2 desta orde.

Para o restablecemento da axuda, a persoa beneficiaria deberá achegar a documentación acreditativa do ingreso das cotas do convenio especial do trimestre que corresponda, nos prazos sinalados no número 2 do presente artigo, e xuntar, de ser o caso, copia do novo convenio especial subscrito.

5. Non suspenderán a axuda, nin interromperán o seu aboamento, os cambios na modalidade de convenio especial previstos nos capítulos I e II da Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, durante o período subvencionable sempre que non interrompan o pagamento das cotas correspondentes. Nestes casos, a persoa beneficiaria deberá achegar, xunto coa documentación acreditativa do ingreso das cotas do convenio especial do trimestre que corresponda, a documentación que acredite os ditos cambios de modalidade.

En ningún caso estes cambios de modalidade afectarán nin a duración máxima nin o límite total da axuda recollidos no artigo 5.2 desta orde.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do programa I

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

b) Acreditación de proceder dunha empresa en crise presentando algunha da seguinte documentación:

No caso de despedimento ou extinción que se produzan en procedemento concursal: copia de resolución xudicial pola que se declare o concurso, testemuña da resolución xudicial coa dilixencia de firmeza pola que se acredite a extinción do contrato de traballo en procedemento concursal ou certificado do administrador concursal en que conste que a extinción do contrato tivo lugar dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunhas das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

No caso de despedimento ou extinción que se produza en empresas declaradas insolventes: resolución xudicial pola que se declarou a insolvencia da empresa ou, no caso de que, con posterioridade, se declarase en concurso, certificado de débeda expedido polos administradores do concurso en que conste a presenza da persoa solicitante da axuda dentro da relación de acredores.

Nos supostos de extinción do seu contrato por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores: carta de despedimento ou sentenza declarativa do citado despedimento en que se recolla expresamente este aspecto.

Nos supostos de extinción como consecuencia do peche da empresa fundada nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores: sentenza declarativa do despedimento ou carta de despedimento en que expresamente se recolla o peche da empresa e a extinción do contrato por algunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores. No caso de achegar carta de despedimento, esta deberá vir acompañada da autorización do representante da empresa para consultar os datos do peche desta ante Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Acreditación das bases de continxencias comúns:

Nos supostos de que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa o extinguido nas empresas en crise: nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado de bases de cotización do citado período.

Nos supostos de que no momento da presentación da solicitude non transcorresen máis de 4 anos desde que se produciu a extinción do contrato na empresa en crise, non sendo o dito contrato o derradeiro do traballador: nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado de bases de cotización na empresa en crise e as nóminas ou certificado das bases de cotización dos meses cotizados na última empresa en que traballou.

d) Anexo II. Declaración dos datos do convenio especial subscrito ou compromiso de subscrición de convenio especial coa Seguridade Social coa acreditación da súa solicitude de subscrición e da súa formalización tras a notificación da concesión da axuda:

I. Achega do convenio especial subscrito coa Seguridade Social, se o tiver.

II. Compromiso de subscrición de convenio especial coa Seguridade Social e compromiso de achegar ao órgano xestor, no caso de ser beneficiario, copia do dito convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación da concesión da axuda, se este se subscribiu con anterioridade á dita notificación.

III. Se no momento da notificación da concesión da axuda aínda non se subscribiu o convenio especial, compromiso de acreditar, no prazo dos quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación de concesión da axuda, de ter presentado a solicitude de subscrición de convenio especial a que se refire o artigo 3.1 da Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o convenio especial no sistema da Seguridade Social. Neste caso, igualmente, compromiso do envío ao órgano xestor da copia do citado convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da subscrición do citado convenio especial.

Programa II. Axudas dirixidas a persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade en situación de despedimento ou extinción de contrato conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, en empresas declaradas insolventes
ou en procedemento concursal, por procederen dunha empresa en crise

Artigo 8. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias todos aquelas persoas traballadoras que cumpran cos seguintes requisitos, no momento de presentar a solicitude:

a) Que, durante o período a que se estende a axuda que figurará na convocatoria, se extinguise o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.

Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobramento da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.

Cando se trate de empresas en procedemento concursal a extinción do contrato deberá producirse dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunhas das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.

b) Que o importe de indemnización aboado polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.

c) Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea localizado en Galicia.

d) Ter feitos os 55 anos ou máis.

e) Que a antigüidade na empresa de que procede sexa dun mínimo de tres anos.

2. Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, nin tampouco aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. A persoa beneficiaria será responsable da calquera repercusión tributaria que poida derivar da percepción da axuda.

4. Comunicarlle ao órgano xestor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

Artigo 10. Contía e duración da axuda

1. A contía da axuda, que consistirá nunha cantidade a tanto global, e que en ningún caso poderá superar a cantidade deixada de percibir en concepto de indemnización poderá chegar a ser a seguinte:

a) Persoas traballadoras cunha antigüidade na empresa de entre 3 e 10 anos e cunha base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada igual ou inferior a 1.900 euros: a axuda será de 1.350 euros.

Se a súa base de cotización media é superior a 1.900 euros, a axuda será de 1.085 euros.

b) Persoas traballadoras cunha antigüidade na empresa superior a 10 anos e cunha base de cotización media por continxencias comúns, durante os últimos seis meses de ocupación cotizada, igual ou inferior a 1.900 euros: a axuda será de 1.950 euros.

Se a súa base de cotización é superior a 1.900 euros, a axuda será de 1.565 euros.

2. As bases de cotización a que se refiren os tramos anteriores entenderanse reducidas proporcionalmente para aquelas persoas traballadoras con contratos de traballo a tempo parcial, dando lugar á redución proporcional da contía da axuda.

Artigo 11. Xustificación e pagamento

1. A xustificación da axuda entenderase efectuada coa presentación da documentación necesaria para a súa concesión dentro do prazo de presentación de solicitudes.

2. Pagamento. Unha vez ditada a resolución da concesión da axuda, procederase ao aboamento do cen por cento desta, mediante transferencia bancaria á conta designada pola persoa solicitante na súa solicitude, logo de xustificación dos requisitos exixidos.

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do programa II

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

b) Informe de vida laboral actualizado.

c) Nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado de bases de cotización do mesmo período.

d) Para os supostos de despedimento ou extinción que se produzan en procedemento concursal: copia da resolución xudicial pola que se declare o concurso, testemuña da resolución xudicial pola que se declare o concurso, testemuña da resolución xudicial con dilixencia de firmeza pola que se acredite a extinción do contrato de traballo en procedemento concursal ou certificado do administrador concursal en que conste que a extinción do contrato tivo lugar dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunha das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.

e) Para os supostos de despedimento ou extinción que se produzan en empresas declaradas insolventes: resolución xudicial pola que se declarou a insolvencia da empresa ou, para o caso de que con posterioridade fose declarada en concurso, certificado de débeda expedido polos administradores do concurso en que conste a presenza da persoa solicitante da axuda dentro da relación de acredores.

f) Resolución xudicial, administrativa ou, se é o caso, certificado expedido polos administradores concursais, onde se constate o recoñecemento do dereito da persoa traballadora a percibir a indemnización que lle corresponda, así como a súa contía.

g) Resolución do Fogasa pola que se recoñece á persoa traballadora o dereito a percibir a indemnización nos límites do artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

O órgano instrutor do procedemento poderá solicitar calquera outra documentación que considere de interese para a mellor resolución das axudas solicitadas.

CAPÍTULO III

Procedemento de concesión

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. Dado o carácter permanente das presentes bases reguladoras, e salvo que se producise modificación nalgún dos seus artigos que dará lugar á aprobación dunhas novas bases, a Secretaría Xeral de Emprego publicará para cada exercicio no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución para convocar as axudas establecidas nestas bases reguladoras. Para 2020 inclúese a convocatoria coa publicación das bases reguladoras.

2. As solicitudes tramitaranse e resolveranse en concorrencia non competitiva, atendendo á súa orde de presentación en función de que a documentación estea completa, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

3. En todo caso, a resolución de concesión das axudas estará supeditada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria que se habilite na correspondente convocatoria anual.

4. Se unha vez atendidas as solicitudes presentadas nos programas I e II quedase remanente nalgún deles poderase incrementar o crédito do respectivo programa co crédito sobrante do outro.

5. O crédito que se estableza inicialmente para cada ano poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se despois da correspondente ampliación o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

6. Réxime transitorio. Todas aquelas solicitudes presentadas en tempo e forma ao abeiro da convocatoria do ano anterior, que non acadasen a fase de resolución por falta de crédito, despois da ampliación mencionada no punto 5, resolveranse, con carácter preferente as solicitudes que se presenten con cargo aos créditos orzamentarios da convocatoria en curso.

Artigo 14. Compatibilidade

1. As axudas recibidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con outras axudas públicas que se percibisen para a mesma finalidade e período subvencionable.

2. Igualmente, serán incompatibles entre si as axudas dos dous programas recollidos nesta orde.

Artigo 15. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 16. Período subvencionable

Será o que se estableza na resolución da Secretaría Xeral de Emprego para cada convocatoria anual.

Artigo 17. Solicitudes

1. As persoas interesadas que reúnan os requisitos exixidos presentarán unha única solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 18. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria para cada exercicio e permanecerá aberto, con carácter permanente, ata o 31 de outubro de cada exercicio.

Artigo 19. Forma de presentación da documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Non será necesario achegar documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa traballadora solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificados de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 21. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución, que se lles notificará ás persoas interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A xustificación da subvención entenderase efectuada tal como se regula para cada programa no capítulo II das presentes bases reguladoras.

3. O pagamento efectuarase a favor das persoas beneficiarias, tal como se regula para cada programa no capítulo II das presentes bases reguladoras, mediante transferencia bancaria á conta especificada na solicitude.

Artigo 25. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade, pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 28. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

CAPÍTULO IV

Convocatoria para o ano 2020

Artigo 29. Obxecto

Convocar para o ano 2020 as axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas nos capítulos I, II e III desta orde de bases.

Artigo 31. Crédito orzamentario

O orzamento total desta orde de axudas ascende a 1.000.000 de euros, de acordo coa seguinte distribución:

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.

A concesión das axudas ás persoas traballadoras beneficiarias realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.480.0, código de proxecto 2020 00009, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 500.000 euros.

Programa II. Axudas dirixidas a persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade en situación de despedimento ou extinción de contrato conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, en empresas declaradas insolventes ou en procedemento concursal, por procederen dunha empresa en crise.

A concesión das axudas ás persoas traballadoras beneficiarias realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.480.0, código de proxecto 2020 00009, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 500.000 euros.

O crédito asignado a esta convocatoria poderá ser modificado, se as circunstancias o requiren, logo da correspondente tramitación.

Artigo 32. Período subvencionable

O período subvencionable da presente convocatoria, para os dous programas esténdese desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020, ambos incluídos.

Artigo 33. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde, xunto coa convocatoria do ano 2020 e, permanecerá aberto, con carácter permanente, ata o 31 de outubro de 2020.

Disposición adicional primeira. Bases reguladoras

As presentes bases reguladoras terán carácter permanente. Non obstante, no caso de ser preciso, procederase á súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file