Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 23 de xuño de 2020 Páx. 25098

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de xuño de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.

Os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, establecidos pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017, teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.

Este recoñecemento realízase mediante a distinción a explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes, e, pola súa vez, estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento dos recursos propios da explotación. Recoñécense tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente orde ten por obxecto convocar para o ano 2020 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia nas condicións establecidas pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.

2. A presente orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Artigo 2. Beneficiarias

Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia.

Artigo 3. Xurado responsable da concesión dos premios

O xurado responsable da concesión dos premios estará constituído por: en representación da Consellería do Medio Rural, polas persoas titulares da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Subdirección Xeral de Gandería, e, en representación do LIGAL, pola directora xerente e o presidente da Xunta Directiva.

Disposición adicional única. Réxime supletorio

No non previsto nesta orde será de aplicación o disposto na Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.

Disposición derradeira única. Comezo dos efectos

A presente orde comezará a producir efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural