Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 23 de xuño de 2020 Páx. 25024

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 12 de xuño de 2020 pola que se deixa sen efecto a Orde do 2 de marzo de 2020 pola que se convocan axudas para realizar actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (Diario Oficial de Galicia número 50, do 13 de marzo), como consecuencia da situación provocada polo COVID-19.

Mediante a Orde do 2 de marzo de 2020 (DOG núm. 50, do 13 de marzo) convocáronse as axudas dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) do alumnado que curse 3º ou 4º de ensinanza secundaria obrigatoria no réxime xeral e matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2020.

As actividades realizaríanse entre o 16 e o 29 de agosto de 2020 en réxime de estadía. O prazo para presentar as solicitudes comezaba o 14 de marzo.

Porén, desde a publicación da convocatoria acaeceron circunstancias de especial relevancia derivadas da declaración de emerxencia sanitaria orixinada pola propagación do virus COVID-19, que a Organización Mundial da Saúde elevou á categoría de pandemia internacional o 11 de marzo de 2020.

En Galicia, mediante o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública que foron seguidas da declaración, polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude do referido Acordo do 13 de marzo de 2020, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do plan, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, por un período de 15 días. A vixencia desta situación foi prorrogada por medio de sucesivas autorizacións do Congreso dos Deputados; de momento, mediante o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, estendeuse ata as 00.00 horas do día 7 de xuño de 2020 (BOE núm. 145, do 23 de maio).

Entre as medidas previstas no Real decreto 463/2020 e nos anteriores acordos da Xunta de Galicia atópanse fortes restricións á liberdade de circulación de persoas, á suspensión da apertura ao público de locais e establecementos no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais, establecementos e actividades recreativas, actividades de hostalaría e restauración, e outras adicionais.

Mediante a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade do Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Neste acordo, entre outros aspectos, prevíase, en consonancia co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O artigo 9 do Real decreto 537/2020, do 22 de maio, acorda, con data de efectos do 1 de xuño de 2020, a derrogación da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e o levantamento da suspensión de termos e da interrupción dos prazos administrativos.

A Orde do 2 de marzo de 2020 ten por obxecto conceder axudas para realizar as actividades de formación dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM, en réxime de internado, organizadas en dúas quendas dunha semana de duración, entre o 16 e o 29 de agosto de 2020, no CRD da Coruña (Centro Residencial Docente, O Burgo-Acea de Ama s/n, 15670 Culleredo).

A aparición do COVID-19 require adoptar medidas preventivas e accións que limiten a propagación da enfermidade. En España, de momento, a última prórroga do estado de alarma esténdese, mediante o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, ata as 00.00 horas do día 7 de xuño de 2020.

Neste contexto, a realización destas actividades formativas durante as datas indicadas suporía pór o alumnado destinatario das axudas nun grave risco para a súa saúde e seguridade.

En consecuencia, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Deixar sen efecto a Orde do 2 de marzo de 2020 pola que se convocan axudas para a realización das actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG número 50, do 13 de marzo), como consecuencia da situación provocada polo COVID-19.

Disposición adicional única. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional