Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 25 de xuño de 2020 Páx. 25263

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de xuño de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 20 de maio de 2020 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Mediante a Orde do 20 de maio de 2020 (DOG núm. 101, do 27 de maio) convocáronse para o ano 2020 as axudas á apicultura que teñen por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura en réxime de concorrencia competitiva (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

O financiamento das axudas, recollido na orde de convocatoria no artigo 16, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, inicialmente por un importe de seiscentos tres mil catrocentos trinta e oito euros (603.438 €). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación ata un 25 % e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia.

A orde prevé no punto 3 do seu artigo 16 a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria previamente á resolución do expediente se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito con fondos adicionais. De acordo con isto, procede ampliar as axudas á apicultura por un importe de cento vinte mil seiscentos sesenta e seis euros con sesenta céntimos (120.666,60 €), polo que a suma total da dotación orzamentaria da convocatoria, resultante despois da ampliación, é de setecentos vinte catro mil cento catro euros con sesenta céntimos (724.104,60 €).

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á apicultura convocadas para o ano 2020, de acordo coa Orde do 20 de maio de 2020 (DOG núm. 101, do 27 de maio), increméntase no importe de cento vinte mil seiscentos sesenta e seis euros con sesenta céntimos (120.666,60 €) na aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A ampliación prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 20 de maio de 2020.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural