Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 26 de xuño de 2020 Páx. 25417

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 25 de novembro de 2019, DOG núm. 226, do 27 de novembro, convocouse un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A base IV da convocatoria establece que unha vez rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.

Durante este prazo, as persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados na resolución de convocatoria aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas, a relación de postos atoparase no enderezo electrónico https://portax.xunta.es e na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica. A elección de postos deberá realizarse electronicamente accedendo a través do Portal do Empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es

Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que, tendo presentado unha solicitude de participación, non presenten a correspondente solicitude de elección de postos de traballo.

Pola súa banda, a base VI da convocatoria do concurso describe o procedemento a seguir para a xustificación dos méritos e requisitos e especifica que estes deberán posuírse na data de remate do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, concretamente, o día 19 de decembro de 2019, incluído.

Aquelas persoas participantes non pertencentes á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia deberán acceder á páxina web (http://funcionpublica.xunta.es) e cubrir o impreso de emenda cos seus datos persoais e administrativos. Este impreso, que deberá reflectir todos os méritos e requisitos específicos de acceso que o concursante pretenda facer valer, remitirase á Dirección Xeral da Función Pública xunto cos documentos acreditativos debidamente cotexados.

Neste caso, a Dirección Xeral da Función Pública validará aqueles méritos que estean debidamente acreditados e remitiralle ao interesado a certificación de méritos. A persoa participante deberá asinala e remitirlla á Dirección Xeral da Función Pública. No caso de que a certificación non se emitise no prazo por causas alleas á persoa concursante, esta presentará a xustificación documental de tela solicitado no tempo e na forma.

Os prazos habilitados para a presentación das solicitudes de participación e a xustificación dos méritos e requisitos comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Concrétanse no seguinte cadro resumo:

Descrición

Prazo

Período

Observacións

Presentación das solicitudes de elección de postos

15 días hábiles

Desde o 29.6.2020 ata o 17.7.2020

Base IV da convocatoria do concurso

Xustificación de méritos: conformidade cos datos ou xerar impreso de emenda

15 días hábiles

Desde o 29.6.2020 ata o 17.7.2020

Base VI.2 da convocatoria do concurso

Xustificación de méritos: desconformidade cos datos. Expedición do certificado

45 días hábiles

Desde o 29.6.2020 ata o 28.8.2020

Base VI.2 da convocatoria do concurso

Xustificación de méritos: desconformidade cos datos. Presentación do certificado

50 días hábiles

Desde o 29.6.2020 ata o 4.9.2020

Base VI.2 da convocatoria do concurso

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública