Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 26 de xuño de 2020 Páx. 25419

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se modifica a Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 25 de novembro de 2019, DOG núm. 226, do 27 de novembro, convocouse un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A base III da convocatoria establecía que as solicitudes deberán presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o día 19 de decembro de 2019 incluído.

Durante este tempo producíronse na Dirección Xeral da Función Pública diversas dúbidas relacionadas co contido das bases, o que fai aconsellable modificar a devandita resolución co obxecto de clarificar aspectos relativos ás solicitudes de participación, ao traballo desenvolvido en comisión de servizos e aos cursos de formación, co fin de reforzar a claridade e transparencia do procedemento, de acordo cos principios de boa fe e confianza lexítima que debe presidir a actuación das administracións públicas.

Polo exposto, en uso das competencias que ten atribuídas no artigo 1 da Orde do 8 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, esta dirección xeral

RESOLVE:

Modificar a Resolución do 25 de novembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se recollen a seguir:

Un. Na base III (solicitudes de participación no concurso e documentación que debe xuntarse) engádese o seguinte punto:

«7. O persoal funcionario de carreira que pertenza a máis dun corpo ou escala só poderá presentar unha solicitude de participación no concurso. No caso de presentar máis dunha, só se terá en conta a última»”

Dous. Na base V.4.1.2 engádese o seguinte parágrafo:

«O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe da persoa funcionaria».

Tres. Modifícase o primeiro parágrafo da base V.5 (cursos de formación e perfeccionamento), que queda redactado do seguinte xeito:

«Valorarase a asistencia e, de ser o caso, a superación dos cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a Academia Galega de Seguridade Pública, o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas; os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap) e os cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que estivesen homologados pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Neste punto quedan incluídos os de contido en materia de igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero, así como os de prevención de riscos, seguridade e saúde laboral».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante esta mesma dirección xeral, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 do outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública