Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Sábado, 27 de xuño de 2020 Páx. 25480

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 25 de xuño de 2020, aprobou o seguinte acordo:

«Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

De acordo co exposto, considérase que debe ser modificado o anexo do anterior acordo para introducir novas medidas de prevención ou revisar as existentes en relación con determinadas materias. As cuestións fundamentais que se abordan son as seguintes:

– Establecemento de regras aclaratorias sobre o uso de máscaras, coa finalidade de lembrar a súa necesidade en situacións en que non se pode garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

– Pola súa importancia para controlar os eventuais brotes, establecemento expreso da obriga de que as persoas con sintomatoloxía compatible con COVID-19 non saian do domicilio e que o comuniquen ao servizo sanitario coa maior brevidade.

– Obriga de cumprimento das medidas de illamento ou corentena prescritas nos casos de casos confirmados ou sospeitosos de infección polo virus SARS-CoV-2 e de contactos estreitos.

– Medidas de prevención específicas para os casos de coros e agrupacións vocais e orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, así como na actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza.

– Ampliación da capacidade máxima na modalidade de aloxamento turístico de albergue ao setenta e cinco por cento da súa capacidade máxima permitida.

– Medidas para a celebración de actos de culto e de competicións deportivas federadas ou eventos deportivos en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública.

– Ampliación da capacidade máxima no caso de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil realizadas en espazos pechados.

– Revisión da superficie de praia por cada usuario para os efectos de cálculo da capacidade máxima, fixándoa en tres metros cadrados, e aplicación da mesma regra dunha persoa por cada tres metros cadrados para a determinación da capacidade máxima en parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares.

– Establecemento de novas medidas de prevención para o desenvolvemento da actividade de establecementos de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras.

– Ampliación da capacidade máxima en establecementos e locais de xogo e apostas.

– Introdución da posibilidade de exceptuar, de maneira extraordinaria e coas debidas garantías, os límites de capacidade e asistencia en eventos ou actividades multitudinarias.

– Flexibilización na ocupación dos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.

– Aprobación de protocolos COVID-19 específicos por parte das industrias agroalimentarias no ámbito da agricultura e da gandaría.

– Prohibición do uso compartido de dispositivos de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas ou asimilados en todos os locais de entretemento, lecer, hostalaría e restauración, e en calquera outro tipo de establecemento aberto ao público.

Determinadas medidas, como as relativas ao uso de máscaras, ás persoas con síntomas compatibles con COVID-19, a obriga de cumprimento das medidas de illamento ou corentena, a prohibición do uso compartido de dispositivos de inhalación, a flexibilización na ocupación dos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, ou a aprobación de protocolos COVID-19 específicos por parte das industrias agroalimentarias no ámbito da agricultura e da gandaría, terán efectos desde a publicación do presente acordo. O resto das medidas terán efectos a partir do 1 de xullo, e preténdese establecer coa antelación suficiente para permitir o debido coñecemento polos seus destinatarios e facilitar o seu cumprimento e a aplicación.

Neste sentido, o punto cuarto do anterior Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 xa prevé que, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, das actividades que indica, nas condicións que previamente se establezan, entre as que se encontran as dos establecementos de lecer nocturno e as festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras.

De igual modo, o establecido no presente acordo respecto das medidas con efectos a partir do 1 de xullo debe entenderse en todo caso subordinado á evolución da situación epidemiolóxica, polo que a aplicación destas medidas podería demorarse se a situación non fose a adecuada, logo da correspondente valoración e decisión das autoridades sanitarias da Administración autonómica.

En atención ao exposto, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, adóptase o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

Un. Engádese un número 1.3 no anexo coa seguinte redacción:

“1.3. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

1. Será obrigatorio o uso de máscaras de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño.

2. Para os efectos do establecido no número 1 do devandito artigo 6, entenderase que non é posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros e, polo tanto, será obrigatorio o uso da máscara nos termos previstos no dito artigo:

a) Sempre que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir en todo momento, atendidos o número de persoas e as dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade.

b) Sempre que se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público e se poida concorrer no mesmo espazo con outras persoas usuarias. Exceptúanse os supostos en que se poida permanecer sentado se por parte da persoa titular do espazo se adoptan medidas que garantan en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias.

3. O tipo de máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os que este tipo de máscara poida estar recomendada”.

Dous. Engádese un número 1.4 no anexo coa seguinte redacción:

“1.4. Persoas con sintomatoloxía.

Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles con COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de garganta, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario coa maior brevidade.

Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar unha habitación de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario”.

Tres. Engádese un número 1.5 no anexo coa seguinte redacción:

“1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por ter infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible con COVID-19, ou que se atopen pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas”.

Catro. Engádese un número 2.5.8 no anexo coa seguinte redacción:

“8. Prohíbese o uso compartido de dispositivos de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas ou asimilados en todos os locais de entretemento, lecer, hostalaría e restauración e en calquera outro tipo de establecemento aberto ao público”.

Cinco. O número 2.7.2 do anexo queda redactado como segue:

“2. A actuación de coros e agrupacións vocais de canto axustarase ao disposto no número 2.11”.

Seis. Engádese un número 2.11 no anexo coa seguinte redacción:

“2.11. Coros e agrupacións vocais.

1. Nas actuacións que impliquen a participación de coros e agrupacións vocais de canto deberá asegurarse que se respecte en todo momento a distancia de seguridade interpersoal entre os integrantes do coro ou da agrupación e, polo menos, de 3 metros entre estes e o público.

2. Será obrigatorio, en calquera caso, o uso de máscara durante toda a actuación.

3. As condicións sinaladas nos números 1 e 2 tamén deberán respectarse durante as actividades de ensaio dos coros ou agrupación vocais de canto”.

Sete. Engádese un número 2.12 no anexo coa seguinte redacción:

“2.12. Orquestras, bandas e outras agrupacións musicais.

1. Durante a actuación e os ensaios de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, as persoas integrantes deberán manter a distancia de seguridade e, se iso non é posible, reducirase o número de compoñentes de xeito que se cumpra coa dita distancia.

2. Todos os compoñentes da orquestra, banda ou agrupación musical que non sexan intérpretes de instrumentos de vento ou vocalistas deberán levar máscara durante toda a actuación ou ensaio. Os vocalistas e os intérpretes de instrumentos de vento só quitarán a máscara no momento da súa intervención vocal ou durante o uso do instrumento e deberán manter a distancia de seguridade durante a súa actuación e os ensaios, evitando situarse enfronte doutros intérpretes e recomendándose o uso doutros elementos como pantallas ou anteparos de separación.

3. Recoméndase limpar e desinfectar con maior periodicidade os chans dos espazos de actuación ou ensaio con instrumentos de vento.

4. As actuacións e ensaios en exteriores ou en recintos diferentes aos habituais realizaranse seguindo, ademais, as medidas de prevención específicas deses espazos e sempre gardando a distancia de seguridade interpersoal”.

Oito. O número 3.4.2 do anexo queda redactado como segue:

“2. A utilización do exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público deberá desenvolverse nas condicións que determine a autoridade municipal correspondente, á cal lle corresponde a súa autorización. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou itinerario e a asistencia de público estará limitada a un máximo de 1.000 persoas. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente”.

Nove. O número 3.13.1 do anexo queda redactado como segue:

“1. Na modalidade de aloxamento turístico de albergue, polas súas especiais características, permitirase unha capacidade máxima do setenta e cinco por cento da súa capacidade máxima permitida”.

Dez. Engádese un número 3.22.bis no anexo coa seguinte redacción:

“3.22.bis. Celebración das competicións deportivas federadas e dos eventos deportivos en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública.

A celebración das competicións deportivas federadas e dos eventos deportivos en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública, tales como atletismo, ciclismo, rallyes automobilísticos, remo e similares, deberá ser aprobada pola autoridade municipal correspondente, ou, se transcorresen por máis dun termo municipal, pola autoridade autonómica competente. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou itinerario e a asistencia de público estará limitada a un máximo de 1.000 persoas. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes e o público asistente e o uso de máscara será obrigatorio para todo o público asistente.

Con relación aos participantes no caso de competicións deportivas federadas, estarase ao disposto nos respectivos protocolos federativos e no caso dos eventos deportivos ao disposto no respectivo protocolo do organizador, segundo o disposto nos números 3.21.2 e 3.22.2”.

Once. O número 3.29.1 do anexo queda redactado como segue:

“1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 75 por cento da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 250 participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o 75 por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 150 participantes, incluídos os monitores”.

Doce. O número 3.30.4 do anexo queda redactado como segue:

“4. Os concellos poderán establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para iso poderán tamén establecer límites nos tempos de permanencia nelas, así como no acceso aos aparcamentos, en prol de facilitar o control da capacidade das praias. Así mesmo, os concellos deberán establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal tamén nas zonas de acceso e saída e para evitar aglomeracións nelas.

Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de aproximadamente tres metros cadrados”.

Trece. O número 3.32.1 do anexo queda redactado como segue:

“1. Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada tres metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto”.

Catorce. O número 3.34 do anexo queda redactado como segue:

“3.34. Discotecas e resto de establecementos de lecer nocturno.

1. Os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno poderán levar a cabo a súa actividade sen superar os dos terzos da súa capacidade.

Entenderanse por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido nestas medidas, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

2. O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou, de ser o caso, grupos de clientes situados na barra ou entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas.

3. As terrazas ao aire libre destes establecementos limitarán a súa capacidade, para consumo sentado en mesa, ata o setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.

5. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal e evitar aglomeracións tanto no interior do establecemento como no seu exterior e nas súas entradas e saídas.

6. No caso de existir zona de baile, permitirase o seu uso cunha ocupación que en ningún caso será superior á que resulte da asignación de tres metros cadrados da pista por cada usuario.

7. Tanto os clientes coma os traballadores do establecemento deberán portar máscara. Non deberá permitirse a presenza no establecemento daquelas persoas que incumpran esta obriga.

8. Co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos nos casos de descubrimento posterior de presenza no local de casos de COVID-19, os establecementos deberán levar un rexistro para permitirlles aos clientes achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias, nas condicións que se precisen no protocolo que aprobe a Administración autonómica sobre lecer nocturno e cumprindo en todo caso as exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. O establecemento deberá conservar os datos coas debidas garantías durante o prazo de 28 días naturais, que se considera o estritamente indispensable para cumprir coa finalidade do rexistro. Os datos estarán á disposición exclusivamente das autoridades sanitarias e coa única finalidade de seguimento de posibles contactos de casos de COVID-19.

9. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, deberán aplicarse as condicións previstas especificamente para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración, así como os protocolos ou as guías que poidan ser aprobados pola Administración autonómica para estas actividades. Nos establecementos que ofrezan espectáculos musicais, terase en conta ademais o establecido no número 2.12”.

Quince. O número 3.35 do anexo queda redactado como segue:

“3.35. Festas, verbenas e outros eventos populares.

1. Dada a peculiaridade, popularidade e tradición destas celebracións, as festas, verbenas e outros eventos populares poderán iniciar a súa actividade, sempre que se respecte unha capacidade máxima dunha persoa por cada tres metros cadrados da superficie útil do recinto, ata un máximo de 1.000 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie útil do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 2.000 persoas, sempre que se manteña unha persoa por cada tres metros cadrados de superficie.

2. Deberase acoutar o espazo destinado ao evento de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída do recinto, que deberán estar identificados con claridade. Estableceranse controis de capacidade nas entradas e saídas do recinto e adoptaranse as medidas necesarias para evitar aglomeracións nestes puntos.

3. No caso de festas, verbenas ou outros eventos populares en que exista un escenario, deberase establecer un perímetro cercado con 4 metros de distancia entre o escenario e o público. En ningún caso se permitirá o acceso de persoas do público ao escenario.

4. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior e no exterior do recinto e para evitar aglomeracións, e poderán establecerse medidas para acoutar ou sectorizar zonas, tendo en conta, en calquera caso, a normativa de seguridade que sexa de aplicación.

5. Tanto os asistentes como o persoal de organización deberán portar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a devandita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

A organización non deberá permitir a presenza no recinto daquelas persoas que incumpran esta obriga.

6. Disporanse dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou antisépticos con actividade virucida debidamente autorizados e rexistrados nos puntos de entrada e saída do recinto, así como en diferentes puntos dentro do recinto (tales como establecementos de restauración, aseos e postos de venda de produtos).

7. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, deberán aplicarse as condicións previstas especificamente para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración, no caso de que se preste algún tipo de servizo deste tipo, así como os protocolos ou as guías que poidan ser aprobados pola Administración autonómica para estas actividades. No caso dos espectáculos musicais, aplicarase o establecido no número 2.12.

8. A celebración de romarías, desfiles, exhibicións de música ou baile ou actividades similares en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública deberá desenvolverse nas condicións que deberá determinar a autoridade municipal correspondente. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario e a asistencia de público estará limitada a un máximo de 1.000 persoas. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente”.

Dezaseis. O número 3.37.1 do anexo queda redactado como segue:

“1. Os casinos, establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o setenta e cinco por cento da capacidade permitida.

Serán de obrigado cumprimento os protocolos ou as guías que poidan ser aprobados pola Administración autonómica para estas actividades”.

Dezasete. Engádese un número 3.40 no anexo coa seguinte redacción:

“3.40. Atraccións de feiras.

1. Nos recintos en que se desenvolvan atraccións de feira deberá respectarse unha capacidade máxima dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil do recinto, ata un máximo de 700 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 2.000 persoas, sempre que se manteña a capacidade dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie. Para o cálculo da superficie útil do recinto non se terá en conta a superficie ocupada por todas as estruturas instaladas.

2. Deberase acoutar o espazo destinado ao recinto en que se desenvolvan as atraccións, de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e a saída do recinto, que deberán estar identificados con claridade. Estableceranse controis de capacidade nas entradas e saídas do recinto e adoptaranse as medidas necesarias para evitar aglomeracións nestes puntos.

3. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior e no exterior do recinto e para evitar aglomeracións, e poderán establecerse medidas para acoutar ou sectorizar zonas, tendo en conta, en calquera caso, a normativa de seguridade que sexa de aplicación.

4. Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán portar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a devandita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

A organización non deberá permitir a presenza no recinto daquelas persoas que incumpran esta obriga.

5. No caso das atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do cincuenta por cento da capacidade máxima da atracción.

6. Disporanse dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou antisépticos con actividade virucida debidamente autorizados e rexistrados nos puntos de entrada e saída do recinto, así como en diferentes puntos dentro do recinto (tales como establecementos de restauración, aseos ou postos de venda de produtos).

7. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, deberán aplicarse as condicións previstas especificamente para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración, no caso de que se preste algún tipo de servizo deste tipo, así como os protocolos ou as guías aprobados pola Consellería de Sanidade para estas actividades.

8. As medidas recollidas nos números 4 ao 7 aplicaranse tamén a aquelas atraccións que se sitúen dentro do propio recinto de festas, verbenas e outros eventos populares”.

Dezaoito. Engádese un número 3.41 no anexo coa seguinte redacción:

“3.41. Actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza.

Na actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza, todos os profesores e alumnos que non utilicen instrumentos de vento deberán levar máscara durante toda a clase. Os alumnos e profesores de instrumentos de vento só quitarán a máscara no momento do uso do instrumento, recomendarase o uso doutros elementos como pantallas ou anteparos de separación.

Os instrumentos musicais que compartan varios alumnos deberán ser desinfectados tras o seu uso por cada alumno.

Recoméndase limpar e desinfectar con maior periodicidade os chans das aulas de instrumentos de vento.

Nas clases de danza e baile deberase levar a máscara durante toda a clase e evitarase o contacto físico”.

Dezanove. Engádese un número 3.42 no anexo coa seguinte redacción:

“3.42. Excepción extraordinaria ás limitacións de capacidade e asistencia en eventos ou actividades multitudinarias.

Excepcionalmente, poderán superarse os límites de capacidade e asistencia en eventos ou actividades multitudinarias previstos neste acordo, logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España (17 de xuño de 2020), do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan”.

Vinte. O número 6.3 do anexo queda redactado como segue:

“3. Nos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo; ocuparanse en último lugar as prazas da fila do condutor”.

Vinte e un. Engádese un número 7 no anexo coa seguinte redacción:

“7. Medidas específicas respecto das industrias agroalimentarias no ámbito da agricultura e da gandaría.

1. As industrias agroalimentarias no ámbito da agricultura e da gandaría que non conten cun protocolo COVID-19 específico adaptado ás actividades concretas que desenvolvan, deberán aprobar ese protocolo tendo en conta os elementos propios ou singulares de cada unha delas, tales como as condicións de refrixeración necesarias para o desenvolvemento da súa actividade ou outros factores ou elementos que se considere que poderían influír na propagación do virus.

2. Para tales efectos, as industrias agroalimentarias deberán ter en conta tanto as medidas xerais de hixiene e prevención exixibles a todas as actividades e establecidas no presente acordo como tamén o documento da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura e a Organización Mundial da Saúde: COVID-19 e inocuidade dos alimentos: orientacións para as empresas alimentarias, do 7 de abril de 2020”.

Segundo. Eficacia

Este acordo producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás as modificacións recollidas nos números cinco a dezanove do punto primeiro deste acordo, as cales terán efectos desde o 1 de xullo de 2020, sen prexuízo de que estas medidas deberán entenderse en todo caso subordinadas á evolución da situación epidemiolóxica, polo que a súa eficacia podería demorarse se a situación non for a adecuada, logo da correspondente valoración e decisión das autoridades sanitarias da Administración autonómica.

A aprobación do protocolo específico por parte das industrias agroalimentarias de agricultura e gandaría prevista no número vinte e un do punto primeiro deste acordo realizarase no prazo máximo dunha semana desde a data de comezo de efectos deste acordo».

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade