Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 29 de xuño de 2020 Páx. 25549

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 18 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020.

O 20 de decembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 242 a Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020.

O día 14 de marzo, en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada por COVID-19, crise que se fixo extensible a todos os sectores económicos e sociais.

A Axencia das Industrias Culturais, sendo sensible ao impacto producido pola pandemia nas empresas audiovisuais, a través da Consellería de Cultura e Turismo, elevou ao Consello da Xunta de Galicia para a súa valoración as propostas relativas a aqueles expedientes de subvencións para os cales se propoñía a súa continuidade, así como de modificacións dos que estaban en execución por estaren vinculados con carácter maioritario ao funcionamento de servizos públicos esenciais e á protección do interese xeral. Este, por Acordo do 24 de abril de 2020, determinou a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

O día 30 de abril de 2020, por acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, e adóptase un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e de reactivar o sector cultural e turístico que se fixo público o día 5 de maio de 2020.

Entre as medidas que recolle o plan atópanse as de apoio ao sector audiovisual, o que supón novos investimentos, reconfigurar o orzamento público e desenvolver medidas especificas para darlles resposta ás necesidades actuais dos sectores cultural e turístico galego, a través da modificación extraordinaria das convocatorias de axudas ao audiovisual. En canto á convocatoria de axudas ao talento audiovisual galego, acórdase a ampliación do número de curtas e guións apoiados na convocatoria 2020, mediante a modificación das bases.

Así mesmo, no ámbito estatal, o día 6 de maio de 2020, publícase o Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, polo que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, e se adaptan ás xa existentes, para protección tanto de traballadores como para as empresas, especialmente os autónomos e pemes do sector cultural e, dentro deste, do audiovisual.

Por estes motivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da convocatoria para ano 2020 das subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020 no sentido seguinte:

Primeiro. A base sexta, puntos 2 e 4, quedan redactadas como segue:

«2. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 178.000 euros, correspondente ás aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais, que irán repartidas, 48.000 con cargo á aplicación orzamentaria 2020.11.A1.432B.470.0, 40.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 2020.11.A1.432B.480.0 e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 15.000 euros da anualidade 2020 e 75.000 euros da anualidade 2021».

«4. O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades:

– 8 proxectos da modalidade A (5.000 euros).

– 8 proxectos da modalidade B (6.000 euros).

– 3 proxectos da modalidade C (30.000 euros)».

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo