Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 1 de xullo de 2020 Páx. 26091

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Valga

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable do sector S-104 do Plan xeral de ordenación municipal.

Aprobado polo Pleno da Corporación, na sesión extraordinaria do 29 de maio de 2020, o Plan parcial do solo urbanizable do sector S-104 do PXOM do Concello de Valga publícase o devandito acordo para o seu xeral coñecemento e en cumprimento dos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 199 e 208 do seu regulamento.

O contido íntegro do plan estará á disposición do público no seguinte enderezo electrónico: www.valga.gal.

A. Extracto de cumprimiento do artigo 199.2 do RLSG.

1. Introdución.

O presente documento elabórase para dar cumprimento ao establecido no artigo199.2 do Regulamento da Lei do solo de Galicia e inclúe:

– A xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais (artigo 82.2.a) da LSG).

– A xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso (artigo 82.2.b) da LSG).

– As razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas (artigo 82.2.c) da LSG).

2. Xustificación da integración no Plan dos aspectos ambientais.

O desenvolvemento do presente documento posibilitará a consecución dos obxectivos establecidos para este ámbito no plan xeral, así como no plan parcial, os cales son:

– As condicións de desenvolvemento fixadas na modificación puntual nº 1 do PXOM de Valga.

– As premisas para o desenvolvemento do sector asumidas polo promotor e o Concello de Valga no convenio subscrito entre ambos.

– As necesidades do promotor da actuación derivadas da propia actividade produtiva que realiza, dado que boa parte da superficie do sector se destina á ampliación da actividade industrial presente e que dentro do sector se localizan edificacións en actividade.

– A necesidade de establecer unhas condicións de desenvolvemento que non produzan interferencia entre o novo uso industrial e o uso residencial previsto co desenvolvemento do sector de solo urbano non consolidado lindeiro.

– A necesidade de integrar a nova actuación cos elementos valiosos da paisaxe e a vexetación.

Os obxectivos ambientais propostos centráronse fundamentalmente en tres aspectos:

– Establecer un deseño para a nova ordenación xunto coas medidas necesarias que posibiliten a materialización dos obxectivos establecidos, favorecendo a súa integración ambiental e paisaxística na contorna en que se sitúa.

– Integrar a ordenación detallada proposta no ámbito, adecuándoa aos valores ambientais presentes, así como aos posibles riscos existentes.

– Minimizar na medida do posible, o incremento das emisións, co fin de mitigar e adaptar o plan urbanístico ao cambio climático. Con isto tamén se persegue minimizar a pegada de carbono xerada.

A ordenación detallada proposta deseñouse tendo en conta os seguintes criterios:

– Considerando os usos do solo circundantes: as parcelas industriais localízanse na zona oposta ao solo urbano residencial lindeiro polo leste; tamén se prevé a execución dos espazos libres na zona de separación destes usos, o que posibilitará un efecto amortecedor da actividade industrial.

– Dando continuidade á trama viaria existente prevese a apertura dunha nova vía de acceso ao polígono industrial, situada na traseira das vivendas existentes, co fin de evitar o aumento do tráfico pesado polas vías ás que dan fronte as ditas vivendas.

– Sen xerar zonas residuais: todo o polígono industrial resulta accesible e está inserido na trama do núcleo do Forno-A Torre, co fin de impedir a aparición de áreas abandonadas ou en desuso.

– Diminuíndo ao mínimo necesario o movemento de terras previsto: no deseño das cotas de explanación das parcelas industriais, así como as rasantes das novas vías, seguiuse o criterio de manter o perfil actual do terreo na medida do posible; unicamente se modificaron nos casos nos cales así o establece o estudo hidráulico, co fin de evitar xerar zonas inundables dentro do sector.

– Reducindo o impacto da actuación sobre o solo rústico lindeiro, ao prever unhas condicións de urbanización diferentes da vía lindeira (menor sección, menor tráfico, sen iluminación, etc.).

Por último, establecer que o PXOM de Valga xa foi sometido ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica; e que a modificación puntual nº 1 do PXOM que reordenou este sector de solo, foi sometida tamén ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Esta particularidade permitiu incorporar no plan aquelas determinacións derivadas das tramitacións ambientais previas realizadas co fin de lograr a aprobación dun documento íntegro, coordinado e consensuado.

3. Xustificación de como se tomaron en consideración no Plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.

O EAEs concluíu co deseño dunha serie de medidas encamiñadas a previr, reducir e, na medida do posible, corrixir calquera efecto negativo relevante no ambiente da aplicación do plan, tomando en consideración o cambio climático. Estas medias incorpóranse no propio plan, do mesmo xeito que o Programa de vixilancia ambiental definido, para garantir a correcta integración do procedemento.

A continuación transcríbense as medidas preventivas, protectoras e correctoras, definidas:

• Medidas preventivas e correctoras sobre a atmosfera:

– Co fin de diminuír a emisión de po á atmosfera, producido pola construción das novas vías e zonas de aparcamento, así como na explanación das novas parcelas industriais previstas, nos labores de escavación e fixación de apoios procederase á humectación das zonas onde se estean realizando estes traballos.

– Os niveis de presión sonora non poderán superar os valores límite de recepción para o ruído ambiente exterior, establecidos na lexislación vixente que lle sexa de aplicación.

– Deberase efectuar un seguimento das fontes de contaminación atmosférica existentes, co fin de detectar a aparición de posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, posibilitando, de ser necesario, o establecemento con prontitude das medidas necesarias.

– No deseño da iluminación promoverase a prevención e redución da contaminación lumínica, en liña co establecido na disposición adicional cuarta da Lei 34/2007, do 15 de novembro, da calidade do aire e protección da atmosfera.

– As zonas arborizadas tratarán de compensar os efectos negativos da emisión de CO2.

• Medidas preventivas e correctoras sobre o solo:

– Aproveitarase ao máximo a rede de camiños existentes, co fin de minimizar a construción de novos tramos de acceso. Para evitar a súa posible deterioración, establecerase un sistema de control dos movementos da maquinaria pesada a través da vía existente.

– Sempre que as condicións do terreo o permitan, a pasaxe de maquinaria realizarase sobre rodadas anteriores, evitando a compactación do solo e as posibles afeccións á vexetación circundante.

– Durante os movementos de terras, especialmente na fase de obras, procurarase equilibrar ao máximo o volume de desmonte co de terraplén.

– Procederase a acumular e protexer a terra vexetal, para a súa posterior reutilización no axardinamento das zonas verdes.

– Os sobrantes ou estériles xerados, que en ningún caso serán de terra vexetal, reutilizaranse para recheos de vías, terrapléns, alcorques, gabias, etc.

– Non se crearán zonas de almacenaxe ou vertedura de materiais incontrolados, nin se abandonarán materiais de construción ou restos das escavacións. No caso de producirse estériles, trasladaranse a un xestor de residuos autorizado.

• Medidas preventivas e correctoras sobre o consumo de recursos:

– Implementaranse solucións técnicas que permitan a redución global no consumo de auga e enerxía, aumentando a súa eficiencia. Para minimizar o aumento e gasto enerxético e, con iso, a diminución da pegada de carbono, as instalacións de calefacción, refrixeración, ventilación e iluminación deberán deseñarse e executarse de maneira que a enerxía necesaria para a súa utilización sexa reducida, en consonancia co establecido na Directiva 2002/91/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de decembro, relativa á eficiencia enerxética dos edificios.

– Instalaranse redes separativas de pluviais que permitan a súa recollida independente, co fin de mellorar a eficiencia da rede de saneamento municipal.

• Medidas preventivas e correctoras sobre a xestión de residuos:

– Adecuaranse os sistemas de xestión de residuos e de iluminación, para evitar a súa afección no ámbito.

– Todos os residuos xerados, tanto na fase de obras como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza, e retirados cando esta finalice, levándose á entulleira autorizada ou recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente que lle sexa de aplicación.

• Medidas específicas derivadas do plan xeral:

– O proxecto de urbanización analizará lugares previsibles polos que poden discorrer verteduras accidentais, establecendo determinacións para a súa prevención e control.

– Procederase á correcta sinalización da zona de obras previamente ao comezo destas, de forma que se eviten, na medida do posible, os trastornos na circulación xerados durante a fase de construción.

– As novas instalacións industriais aproximaranse ás existentes, situadas en terreos xa urbanizados para os que xa se elevou a cota de explanación e orientaranse na dirección que evite que as súas posibles emisións recaian sobre as vivendas próximas ou os espazos de valor ambiental.

– As zonas verdes localizaranse na contorna do desaugadoiro da balsa e lindeiras co solo urbano non consolidado. Conectaranse entre si coas vías de acceso e terán a superficie necesaria para servir como zona de transición entre a actividade industrial e o uso residencial, así como para garantir o esparexemento da poboación. Ademais, na medida do posible, incluirán os exemplares de árbores autóctonas de maior porte e mellor conservadas.

– As zonas verdes empregaranse como zonas de transición que serven para o amortecemento entre a actuación e o medio circundante, e deseñaranse para contribuír á continuidade física e funcional dos sistemas, tanto dentro do ámbito como fóra del. As plantacións realizaranse coa finalidade de conferir o maior grao de naturalidade posible ao espazo, utilizando especies riparias autóctonas como Quercus robur, Salix atrocinerea, Alnus glutinosa, etc.

– Promoverase o mantemento, na medida do posible, daqueles exemplares arbóreos ou representativos da flora de interese, que se atopen en bo estado, incorporándoos ás zonas verdes ou espazos libres proxectados.

– Respecto do control das especies invasoras detectadas, co obxectivo de evitar a súa propagación, evitarase o uso de especies exóticas de carácter invasor nas zonas verdes públicas e promoverase a substitución das existentes por especies autóctonas; evitarase que os movementos de terra e o transporte de saburras sirvan de vía de dispersión destas especies.

– Na ampliación da actividade teranse en conta os obxectivos de prevención de accidentes graves e de limitación das súas consecuencias para a saúde humana, os bens e o ambiente nos instrumentos de planificación territorial e urbanística, avaliando o emprazamento das novas instalacións e obras (tales como vías de comunicación, lugares de uso público e zonas de vivendas) realizadas nas súas inmediacións.

– Así mesmo, de ser o caso, teranse en conta as condicións recollidas no artigo 14.2 do Decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas.

– Unha vez finalizadas as obras procederase ao axardinamento e integración paisaxística das superficies afectadas. Estas medidas de restauración estarán definidas no proxecto de urbanización e recollidas no capítulo correspondente do seu orzamento.

– Darase resposta ás necesidades de mobilidade que xera a actuación, estudando a convivencia de vehículos e persoas, creando espazos seguros, accesibles e conectados entre si, favorecendo o uso de modos alternativos ao vehículo privado.

– A selección das entulleiras dos sobrantes realizarase de maneira adecuada, planificando os roteiros para seguir na realización da vertedura, co fin de evitar, na medida do posible, a pasaxe por zonas poboadas ou por vías cun firme inadecuado.

– Manterase unha vixilancia exhaustiva sobre a calidade ambiental na realización dos traballos nas inmediacións dos cursos de auga.

– En caso de fortes choivas analizarase a posible aparición de risco por lixiviados cara aos ríos e estableceranse as medidas necesarias para evitar verteduras ou arrastre de materiais.

– Inmediatamente despois da finalización das obras de urbanización, procederase á inspección da vía exterior ao ámbito do Plan parcial, co fin de detectar as zonas afectadas polo tránsito dos vehículos de obra. Para isto, procederase á limpeza do viario, á reparación do firme naqueles tramos onde estea deteriorado polo paso dos citados vehículos de obra e á reposición daqueles servizos que se viron afectados polo incremento da circulación de vehículos pesados.

• Medidas previstas durante a execución de obras:

– Os proxectos de urbanización deberán controlar que se cumpra a normativa sobre accesibilidade e realizar unha previsión de actuacións que permita a adaptación de zonas xa urbanizadas de forma gradual.

– Extremarase a vixilancia sobre as obras que se realicen no sector, para evitar verteduras contaminantes (aceites, graxas, etc.).

– A maquinaria deberá cumprir a normativa de emisións e dispoñer da documentación acreditativa que o garanta; así mesmo, transitará unicamente polas zonas que se habiliten para iso.

– Os labores de mantemento e reparación da maquinaria realizaranse en zonas habilitadas e baixo condicións que aseguren a inexistencia de verteduras e depósito de residuos.

– Non se producirán queimas de ningún material.

– Humectaranse as zonas con movemento de terras para evitar a produción de po en suspensión.

– Os plans de obras redactaranse de forma que as zonas permanezan sen vexetación ou urbanización o menor tempo posible.

– A terra vexetal retirarase e amorearase de forma que permita a súa reutilización no axardinamento das zonas verdes.

– O Concello controlará o cumprimento da lei na adaptación das edificacións á tipoloxía e limitacións establecidas na normativa.

• Medidas previstas durante o desenvolvemento da actividade:

– Observación constante das empresas sobre o cumprimento da lexislación, concienciando e perseguindo o obxectivo da harmonización das construcións e instalacións co medio, observando as leis e formando o seu persoal.

– Vixilancia das actividades e horarios de funcionamento das actividades que se desenvolvan no sector.

– Control da xestión adecuada dos materiais e residuos, tanto na fase de urbanización, na fase de edificación e na fase de explotación.

O Programa de vixilancia ambiental está conformado polas medidas e indicadores que permiten verificar o cumprimento e a evolución das seguintes cuestións:

– Grao de cumprimento dos obxectivos ambientais propostos.

– Estado de execución das actuacións previstas na proposta de plan parcial.

– Envergadura dos efectos ambientais negativos derivados da posta en marcha do plan.

– Funcionamento das medidas preventivas, correctoras e compensatorias.

– Metodoloxía para identificar os efectos ambientais adversos non previstos sobre os elementos de medio.

Como norma xeral, durante a fase de execución das actuacións establecidas no plan, verificarase o cumprimento das medidas previstas. Así mesmo, e co obxectivo de permitir unha actuación inmediata fronte a calquera afección ambiental non prevista, establecerase a recomendación de verificar periodicamente o estado ambiental do ámbito do plan, así como a súa contorna máis próxima, para a detección temperá da aparición de calquera efecto non desexado no medio circundante, e así establecer de forma inmediata as medidas necesarias que permitan a súa mitigación, corrección ou compensación.

Co fin de poder analizar o grao de cumprimento e evolución do plan proposto, establecéronse unha serie de indicadores que permiten unha áxil análise previa, para a súa verificación e establecemento da necesidade de profundar no emprego das medidas establecidas ou, de ser o caso, a necesidade de implantar outras novas.

As medidas empregadas no plan son un dos elementos clave para conseguir a integración ambiental deste. Delas dependerá que os posibles impactos ambientais xerados durante as fases de construción e explotación non supoñan un detrimento inadmisible da calidade ambiental.

A estimación do grao de funcionamento das medidas realízase mediante a aplicación dos indicadores definidos no Plan de vixilancia ambiental. Con todo, no caso de que por parte da Administración local se detecte un mal funcionamento do sistema proposto, deberase corrixir o sistema empregado, mediante a modificación dun ou varios dos indicadores propostos, ou a definición doutros novos que permitan avaliar o grao de funcionamento destas.

Así mesmo, o órgano promotor deberá realizar un seguimento dos efectos no ambiente da aplicación e execución do plan, para identificar con prontitude os efectos adversos non previstos e permitir levar a cabo as medidas adecuadas para evitalos; e o órgano ambiental correspondente participará no seguimento. Para estes efectos o promotor remitirá ao órgano ambiental, nos termos establecidos na declaración ambiental estratéxica, un informe de seguimento sobre o cumprimento da declaración ambiental estratéxica. O informe de seguimento incluirá unha listaxe de comprobación das medidas previstas no programa de vixilancia ambiental. O programa de vixilancia ambiental e a listaxe de comprobación faranse públicos na sede electrónica do órgano substantivo. Así, o órgano ambiental participará no seguimento dos devanditos plans ou programas e poderá solicitar información e realizar as comprobacións que considere necesarias.

Respecto da incorporación no documento do resultado da información pública e das consultas realizadas, e a declaración ambiental estratéxica, hai que sinalar que o plan inclúe un anexo específico que detalla a incorporación dos aspectos sinalados polas administracións públicas e organismos consultados, así como das alegacións presentadas. Durante o período de información pública do documento aprobado inicialmente presentouse unha única alegación. Respecto dos informes recibidos, incorporáronse os aspectos sinalados polas diferentes administracións e organismos implicados. Neste sentido hai que destacar que unicamente unha Administración informou inicialmente con carácter desfavorable, Augas de Galicia, polo que se procedeu a incorporar os aspectos sinalados e se emitiu finalmente novo informe favorable sen condicións.

En canto ás discrepancias xurdidas no proceso, non se detectou a presenza de ningún aspecto que provocase discrepancias salientables.

4. Razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

As alternativas formuladas buscaron, fundamentalmente, deseñar unha ordenación detallada que cumprise cos obxectivos fixados. A alternativa 0 ou de non actuación non cumpre con estes, xa que non permite o desenvolvemento do sector.

Á hora de analizar as dúas alternativas de actuación propostas tívose en consideración, fundamentalmente, o grao de cumprimento dos seguintes obxectivos:

– Dar cumprimento aos condicionantes urbanísticos fixados no Convenio (anexo ao borrador do Plan parcial), e ás condicións de desenvolvemento fixadas na modificación puntual nº 1 do PXOM de Valga.

– Integrar a nova actuación cos elementos valiosos da paisaxe e a vexetación.

– Establecer unhas condicións de desenvolvemento que minimicen as posibles interferencias entre o novo uso industrial e o uso residencial próximo.

– Definir unha ordenación adaptada ás necesidades do promotor da actuación, derivadas da propia actividade produtiva que realiza, dado que boa parte da superficie do sector se destina á ampliación da actividade industrial existente e que dentro do sector se localizan edificacións en actividade.

– Buscar unha solución sustentable na súa tripla vertente: social, económica e ambiental.

– Establecer un deseño para a nova ordenación xunto coas medidas necesarias, que posibiliten a materialización dos obxectivos establecidos, favorecendo a súa integración ambiental e paisaxística na contorna en que se sitúa.

– Integrar a ordenación detallada proposta no ámbito, adecuándoa aos valores ambientais presentes, así como aos posibles riscos existentes.

A alternativa 2 de actuación dá cumprimento aos obxectivos establecidos posibilitando a execución do novo polígono industrial:

– En coherencia cos usos do solo circundantes: as parcelas industriais localízanse lindeiras coa liña férrea, na zona oposta ao solo urbano residencial lindeiro polo leste.

– Diminúe o movemento de terras previsto: no deseño das cotas de explanación das parcelas industriais, así como as rasantes das novas vías, seguiuse o criterio de manter o perfil actual do terreo na medida do posible; unicamente se modificaron nos casos nos cales así o establece o estudo hidráulico, co fin de evitar xerar zonas inundables dentro do sector.

– Dá continuidade á rede viaria municipal, prevendo a apertura de unicamente unha nova vía de acceso ao polígono industrial, situada na traseira das vivendas existentes, co fin de evitar o aumento do tráfico pesado polas vías aos que dan fronte ás ditas vivendas.

– Sen xerar zonas residuais: todo o polígono industrial resulta accesible e está inserido na trama do núcleo do Forno-A Torre, co fin de impedir a aparición de áreas abandonadas ou en desuso.

– Prevé a execución dos espazos libres en tres zonas (ao longo do leito de desaugadoiro da balsa e en dúas zonas lindeiras polo leste co solo urbano de uso residencial), exercendo de separación destes usos, o que posibilitará un efecto amortecedor da actividade industrial.

Ademais, respecto da alternativa 1 incorpora os seguintes cambios que melloran o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos:

– Diminúe aínda máis o movemento de terras previsto: ao diminuír respecto da alternativa 1 a apertura de nova vía, aínda que mantén esta superficie como de cesión ao Concello (formará parte dos dominios públicos) por se nun futuro resultase necesario ampliar a vía.

– Reduce o impacto da actuación sobre o solo rústico lindeiro, ao prever unhas condicións de urbanización diferentes da vía que exerce de límite oeste do sector (menor sección, menor tráfico, sen iluminación, etc.), o que mellora a súa integración nesta zona.

– As zonas verdes previstas colócanse ao longo do límite leste do sector, mellorando as condicións de integración co uso residencial lindeiro, ao xerar un colchón visual e acústico continuo.

Así mesmo, as determinacións da ordenación detallada proposta dan cumprimento ao Convenio urbanístico previo subscrito entre o promotora do Plan parcial e o Concello de Valga, así como á modificación puntual nº 1 do PXOM de Valga, polo que se posibilitará cumprir cos obxectivos urbanísticos previstos para esta zona desde hai anos.

B. Indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan: programa de vixilancia ambiental.

Establécese un Programa de vixilancia ambiental, conformado polas medidas e indicadores que permiten verificar o cumprimento e a evolución das seguintes cuestións:

– Grao de cumprimento dos obxectivos ambientais propostos.

– Estado de execución das actuacións previstas na proposta de Plan parcial.

– Envergadura dos efectos ambientais negativos derivados da posta en marcha do plan.

– Funcionamento das medidas preventivas, correctoras e compensatorias.

– Metodoloxía para identificar os efectos ambientais adversos non previstos sobre os elementos de medio.

Como norma xeral, durante a fase de execución das actuacións establecidas no Plan parcial, verificarase o cumprimento das medidas previstas no presente estudo ambiental estratéxico (definidas no punto anterior). Así mesmo, e co obxectivo de permitir unha actuación inmediata fronte a calquera afección ambiental non prevista, establecerase a recomendación de verificar periodicamente o estado ambiental do ámbito do plan, así como a súa contorna máis próxima, para a detección temperá da aparición de calquera efecto non desexado no medio circundante, e así establecer de forma inmediata as medidas necesarias que permitan a súa mitigación, corrección ou compensación.

Co fin de poder analizar o grao de cumprimento e evolución do plan proposto, establécense a continuación unha serie de indicadores que permiten unha áxil análise previa, para a súa verificación e establecemento da necesidade de profundar no emprego das medidas establecidas ou, de ser o caso, a necesidade de implantar outras novas.

1. Grao de cumprimento dos obxectivos ambientais propostos.

Os obxectivos ambientais propostos son os seguintes:

– Favorecer a integración ambiental e paisaxística da actuación na contorna en que se sitúa.

– Adecuar a ordenación proposta aos valores ambientais e riscos existentes.

– Minimizar o incremento das emisións: reducir a pegada de carbono.

Para poder avaliar o grao de cumprimento destes obxectivos, establécense os seguintes indicadores de seguimento.

• Favorecer a integración ambiental e paisaxística:

Indicador: grao de visibilidade das edificacións previstas.

O indicador calcúlase a partir da paisaxe observada, calculando a relación entre a superficie de elementos edificados visibles desde un punto e o resto da superficie observada. A este respecto establécense como lugares de observación aqueles que estean en contacto co medio rural, por ser estes os puntos onde a integración paisaxística ten maior relevancia.

Medida. No caso de que o indicador aumente en máis dun 35 %, establécese a medida de incrementar o número de exemplares arbóreos e das zonas verdes ou vías perimetrais, co fin de reducir a superficie edificada observada.

• Adecuar a ordenación proposta aos valores ambientais e riscos existentes.

Indicador: risco de inundación.

O indicador calcúlase a partir dos datos de inundacións rexistradas, calculando o incremento da superficie anual asolagada dentro do ámbito, respecto da prevista no plan (zona delimitada nos planos de ordenación correspondente á chaira de inundación T500).

Medida. No caso de que o indicador aumente en máis dun 50 % respecto do previsto no plan, establécese a medida de instaurar as medidas estruturais necesarias de protección fronte avenidas, co fin de reducir a zona inundable á prevista (T500).

Indicador: preservación dos valores ambientais.

O principal valor ambiental presente detectado son as especies arbóreas de interese, as cales se integran nas zonas verdes previstas. O indicador calcúlase a partir dos datos obtidos na reformulación do proxecto de urbanización, calculando o número de exemplares integrados nas zonas verdes que se conservan.

Medida. No caso de que o indicador descenda en máis dun 35 %, establécese a medida de repoñer os exemplares ata alcanzar o número orixinal.

• Minimizar o incremento das emisións:

Indicador: consumo de enerxía procedente de fontes de enerxía renovables.

O indicador calcúlase como a porcentaxe de enerxía xerada a partir de fontes de enerxía renovables, respecto do total de enerxía empregada.

Medida. No caso de que o indicador descenda en máis dun 35 %, establécese a medida de realizar un estudo do emprego de enerxías renovables dentro do ámbito, co fin de instaurar o emprego doutras formas de enerxía renovables.

Indicador: eficiencia no consumo de auga.

O indicador calcúlase como a relación entre o consumo de auga e a superficie de solo industrial desenvolvida.

Medida. No caso de que o indicador aumente en máis dun 35 %, establécese a medida de realizar un estudo do emprego da auga dentro do ámbito, co fin de instaurar o emprego doutras técnicas hidricamente máis eficientes.

2. Estado de execución das actuacións previstas na proposta de plan parcial.

A este respecto, o presente Plan parcial redáctase dando cumprimento ao Convenio previo subscrito entre a entidade privada propietaria maioritaria dos terreos e o Concello de Valga. No devandito convenio establécense as medidas e garantías necesarias para asegurar a execución das actuacións previstas, polo que se considera que esta actuación ten as suficientes garantías para a súa execución.

3. Envergadura dos efectos ambientais negativos derivados da posta en marcha do plan.

O principal efecto negativo do plan identificado é o que respecta ao consumo de recursos (auga e enerxía principalmente).

Con todo, dado que o plan incorpora as ampliacións e reforzos necesarios, en consenso coa Administración local, e as compañías e entidades subministradoras destes, e que se incorporaron medidas específicas para a redución dos seus efectos negativos; considérase que é un efecto negativo de pequena entidade e ámbito local, compatible coa sustentabilidade do plan.

4. Funcionamento das medidas preventivas, correctoras e compensatorias.

As medidas preventivas, correctoras e compensatorias empregadas no plan son un dos elementos clave para conseguir a integración ambiental deste. Delas dependerá que os posibles impactos ambientais xerados durante as fases de construción e explotación non supoñan un detrimento inadmisible da calidade ambiental. A tipoloxía de medidas que veñen aplicando, desde hai máis de dez anos durante o proceso de avaliación ambiental estratéxica, varían en función da orixe do impacto.

A este respecto, o grao de funcionamento destas pódese estimar mediante varias técnicas, aínda que as máis empregadas son a realización de enquisas ou o uso de indicadores.

No presente documento optouse pola súa estimación mediante a aplicación dos indicadores definidos no Plan de vixilancia ambiental. Con todo, no caso de que por parte da Administración local se detecte un mal funcionamento do sistema proposto, deberase corrixir o sistema empregado, mediante a modificación dun ou varios dos indicadores propostos ou a definición doutros novos que permitan avaliar o grao de funcionamento destas.

5. Metodoloxía para identificar os efectos ambientais adversos non previstos sobre os elementos de medio.

De acordo co establecido na normativa sectorial en materia de avaliación ambiental, os órganos promotores deberán realizar un seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución do plan, para identificar con prontitude os efectos adversos non previstos e permitir levar a cabo as medidas adecuadas para evitalos. O órgano ambiental correspondente participará no seguimento dos devanditos plans ou programas.

Para estes efectos, o promotor remitirá ao órgano ambiental, nos termos establecidos na declaración ambiental estratéxica, un informe de seguimento sobre o cumprimento da declaración ambiental estratéxica. O informe de seguimento incluirá unha listaxe de comprobación das medidas previstas no programa de vixilancia ambiental. O programa de vixilancia ambiental e a listaxe de comprobación faranse públicos na sede electrónica do órgano substantivo. Así, o órgano ambiental participará no seguimento dos devanditos plans ou programas e poderá solicitar información e realizar as comprobacións que considere necesarias.

Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sede en Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que poida interpor vostede calquera outro recurso que puidese estimar máis conveniente ao seu dereito.

Valga, 8 de xuño de 2020

José María Bello Maneiro
Alcalde