Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 2 de xullo de 2020 Páx. 26154

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2020 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación (código de procedemento TU985A).

O Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, posto en marcha pola Conselleria de Cultura e Turismo, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 30 de abril de 2020 recolle, entre outras actuacións destinadas á reactivación do sector turístico, o establecemento o establecemento de diferentes medidas encamiñadas a estimular o turismo interno, inxectar liquidez no sector e promover a súa recuperación nun momento de enorme dificultade derivado da crise sanitaria. Entre estas accións, atópase o Bono Turístico #QuedamosenGalicia, unha iniciativa froito da colaboración da administración e o Clúster Turismo de Galicia para fomentar a actividade no sector turístico, que constitúe un dos eidos con maior afectación económica e de pérdida de emprego tras a pandemia. .

Con esta finalidade, a Axencia Turismo de Galicia destina ao financiamento deste programa a contía de cinco millóns de euros (5.000.000 €) con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2020.

O Bono Turístico é una tarxeta de prepagamento que que se entregará ás persoas beneficiarias que voluntariamente o soliciten e se cargará dunha soa vez cun total de 250 €, e que terá unha vixencia comprendida entre a data de entrega da tarxeta prepago pola entidade bancaria colaboradora aos beneficiarios do programa e o 13 de decembro de 2020. Poderá ser empregado nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes, así como nos seus servizos asociados, que se adhiran ao programa a través da presente convocatoria.

Para a instrumentalización desta axuda económica e conforme o procedemento establecido na Resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia do 29 de maio de 2020, a entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A. resultou seleccionada como entidade colaboradora na xestión das axudas.

En consecuencia, procede agora a selección das empresas turísticas que desexen participar no programa mediante a oferta dos seus establecementos e/ou a oferta de prestacións turísticas dado que esta tarxeta só poderá ser utilizada nos establecementos e/ou axencias adheridas.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos e as axencias de viaxes para a participar no programa Bono Turístico (código de procedemento TU985A).

Segundo. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar en que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e dispor de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

Terceiro. Duración da prestación

Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepago aos beneficiarios e ata o 13 de decembro de 2020, no que este programa quedará extinguido.

Cuarto. Relacións coas persoas beneficiarias do programa

As persoas beneficiarias do Bono Turístico #QuedamosenGalicia poderán consumir os servizos ofertados para este programa mediante reserva ou directamente no establecemento adherido, suxeito á dispoñibilidade deste.

As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento turístico.

Quinto. Prazo e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata a finalización do programa, o 13 de decembro de 2020.

2. As solicitudes axustaranse ao modelo do anexo I e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Ademais da solicitude de participación, sinalada nos apartados anteriores, as empresas que presenten deberán rexistrarse na plataforma Turespazo, no caso que non o estean, https://turespazo.turismo.gal para presentar as súas ofertas específicas de:

– Aloxamentos/servizos ou produtos específicos que se oferten para a promoción do programa.

– Paquetes turísticos, no caso das axencias de viaxe.

Ditas ofertas e paquetes aparecerán na web de Turismo de Galicia nun lugar destacado so para coñecemento dos beneficiarios do programa.

O Clúster de Turismo colaborará coa Axencia Turismo de Galicia nas relacións coas empresas que soliciten á adhesión ao programa no seu asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa.

Sexto. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Valoración das solicitudes

Constitúese unha comisión mixta con representantes do Clúster de Turismo de Galicia e da Axencia Turismo de Galicia para a análise da documentación e ofertas dos establecementos e/ou axencias de viaxes.

As solicitudes iranse avaliando a medida que se vaian presentando e, no caso de solicitudes incompletas, solicitarase toda a documentación que sexa necesaria aos solicitantes.

A comisión mixta poderá retirar aquelas ofertas que se consideren non axeitadas, ofensivas ouque non se axusten aos obxectivos definidos neste programa.

O cumprimento dos requisitos establecidos na presente convocatoria determinará a inclusión automática da solicitude do interesado na lista de aloxamentos e/ou axencias de viaxes adheridos ao programa publicada na parte da web da Axencia Turismo de Galicia dedicado ao programa.

Décimo. Obrigas dos solicitantes

Os solicitantes obríganse ao cumprimento das seguintes condicións na prestación dos servizos ou produtos:

• Cumprimento das medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais establecidas pola autoridade sanitaria, laboral ou turística para a prevención de contaxios derivados da COVID-19.

• Dispor dunha terminal de punto de venda (TPV) para a realización da transacción de compra do servizo ou actividade turística a través da tarxeta moedeiro Bono Turístico #QuedamosenGalicia. Para os efectos da validación da TPV, o establecemento adherido deberá facilitar o número/s de comercio de que dispoña á entidade bancaria.

• Dispor dun desconto mínimo do 15 % sobre o prezo ordinario do servicio. Non obstante, o establecemento adherido poderá optar por entregar ao beneficiario do servizo, actividade ou produto turístico un agasallo ou servizo complementario, polo valor equivalente ao dito 15 %.

Décimo primeiro. Publicidade

Os establecementos adheridos deberán incluír en toda a documentación e soportes do programa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia e a imaxe do programa Bono Tuístico #QuedamosenGalicia utilizándoa nos produtos e servizos turísticos ofertados.

A relación das empresas adheridas figurará na web da Axencia Turismo de Galicia xunto a produtos e/ou servizos que teñan ofertado, especificamente creados para o programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia que oferta.

Décimo segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A Axencia Turismo de Galicia comunicará á entidade bancaria Abanca Corporación Bancaria, S.A. os seguintes datos relativos aos establecementos adheridos: nome comercial, tipoloxía de negocio, localización e os números de comercio con que as TPV dos establecementos estean identificadas no servizo de pagamentos. Para estes efectos, as entidades adheridas, xa sexan persoas xurídicas ou negocios cuxo titular sexa un autónomo, autorizan expresamente a Axencia Turismo de Galicia para comunicar os datos á entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A.

A entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A. tratará os datos que reciba da Axencia coa finalidade de vincular as tarxetas Bono Solidario emitidas aos establecementos e aos seus números de comercio con que as TPV estean identificados no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

No caso de que o titular do establecemento adherido sexa un autónomo, o dito autónomo, na súa condición de persoa física titular dos datos, poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, revogación do consentimento, oposición, portabilidade e limitación do tratamento no/nos seguinte/s enderezo/s da entidade bancaria: Servizo de Atención ao Cliente de Abanca, na Rúa Nova 1, entresollado, 15003 A Coruña; ou a través do correo electrónico atencioncliente@abanca.com; e poderán consultar a información completa sobre o tratamento dos seus datos e demais política de privacidade da entidade na seguinte ligazón: www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad/

Décimo terceiro. Resolución da adhesión

Serán causas de resolución da adhesión as seguintes:

– O incumprimento total ou parcial de calquera das cláusulas establecidas na presente resolución.

– O acordo unánime de todos as partes.

– A decisión xudicial declarativa da nulidade da adhesión.

Ademais das causas de resolución, a adhesión ao programa extinguirase polo cumprimento do seu prazo, o vindeiro 13 de decembro de 2020.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

O/a director/a da Axencia Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 Estatutos da Axencia Turismo de Galicia,
aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 setembro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file