Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 3 de xullo de 2020 Páx. 26376

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, destinadas a entidades de iniciativa social, para o financiamento de gastos extraordinarios nos centros e programas de inclusión social, ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19 (código de procedemento BS631B).

O 31 de decembro de 2019 as autoridades da República Popular da China comunicaron á OMS varios casos de pneumonía de etioloxía descoñecida nunha mesma cidade que, posteriormente, se confirmou que se trataba dun novo coronavirus denominado SARS-CoV-2. Este virus causa diversas manifestacións clínicas englobadas baixo o termo COVID-19, que inclúen cadros respiratorios que varían desde o arrefriado común ata cadros de pneumonía grave, e é altamente contaxioso.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, recolle unha serie de medidas dirixidas a protexer a saúde e a seguridade da cidadanía e a reforzar o sistema de saúde pública.

Por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG 15.3.2020), blíndanse os servizos básicos ás persoas sen fogar no actual contexto de emerxencia sanitaria e, para tal efecto, a Xunta de Galicia asegurará a apertura de todos os albergues sociais para que as persoas sen fogar poidan dispor dun servizo de pernoita, extremando as precaucións na liña das recomendacións das autoridades sanitarias. As cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de comensais a un terzo da súa capacidade e reforzando a subministración de comida para o consumo fóra do centro. Os centros de atención social continuada manterán a súa actividade, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de persoas usuarias a un terzo da súa capacidade. Os centros de día de inclusión social suspenderán a súa actividade regular durante o período de emerxencia sanitaria, agás os servizos de mantemento da hixiene (como ducha ou lavandaría) e os servizos de «calor e café».

As entidades de iniciativa social prestadoras de servizos sociais, titulares de centros de inclusión social, para poder facer fronte a esta situación e, ao mesmo tempo, garantir as recomendacións das autoridades sanitarias a prol da prevención de contaxios, viron incrementados os gastos da súa actividade.

A pandemia tamén deixou nunha precaria situación moitas familias que, de súpeto, non podían facer fronte as súas necesidades máis básicas. Por este motivo, as entidades que habitualmente prestan servizos de cobertura de alimentos e provisión doutros recursos de primeira necesidade viron incrementado o número de persoas que precisaban atención.

Co fin de dar resposta a estas necesidades, a Consellería de Política Social establece mediante esta orde unha subvención económica dirixida a entidades de iniciativa social para sufragar os gastos extraordinarios ocasionados pola evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 en relación co funcionamento dos centros e a realización de programas de inclusión social da súa titularidade.

Esta convocatoria realízase en virtude do financiamento establecido entre o Ministerio de Dereitos Sociais, a Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia, procedente do Fondo Social Extraordinario entre as comunidades autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla para financiar as prestacións básicas dos servizos sociais das comunidades autónomas, deputacións provinciais, ou as corporacións locais, que teñan por obxecto exclusivamente facer fronte a situacións extraordinarias derivadas do COVID-19, segundo o previsto no Real decreto lei 8/2020, do 17 marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, que aproba un Fondo de Continxencia e a concesión dun suplemento de crédito no Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO :

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás entidades de iniciativa social para o financiamento de gastos extraordinarios ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19 en relación co funcionamento dos centros e realización de programas de inclusión social da súa titularidade.

2. Tendo en conta a natureza e a finalidade destas subvencións, a súa concesión será baixo o réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Terá o código BS631B para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e ao acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Artigo 2. Financiamento

1. Para esta orde hai un crédito de 1.500.000 € na aplicación 13.03.313C.481.7 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Do importe consignado nesta aplicación destinaranse 1.000.000 € para sufragar os gastos extraordinarios acreditados polas entidades sinaladas no artigo 3.1.a) e 500.000 € para os gastos extraordinarios das entidades sinaladas no artigo 3.1.b).

2. De acordo co previsto nos artigos 31.2 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e artigo 32 e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou ben cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde:

a) Entidades de iniciativa social titulares de centros de inclusión que foron considerados servizos básicos ás persoas sen fogar por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG do 15 de marzo), nomeadamente entidades titulares de albergues sociais, cociñas económicas e comedores sociais, centros de atención social continuada e centros de día que presten servizos de mantemento da hixiene (como ducha ou lavandaría) e os servizos de «calor e café». Incluiranse tamén os centros de acollida básica e especializada.

b) Entidades de iniciativa social que acrediten a realización nos dous últimos anos de actuacións dos servizos de cobertura de necesidades de alimento e provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría e apoio material).

2. Todas as entidades que concorran a esta convocatoria deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección de los servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) No atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Os centros de inclusión relacionados no número 1.a) deberán contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

f) As entidades a que se refire o número 1.b) deberán acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Non será necesaria esta acreditación no caso das entidades que obtivesen financiamento para esta actuación a través da Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020).

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo do correspondente gasto. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para a mesma finalidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. En todo caso, deberá/n facerse constar de forma clara o/s concepto/s de gasto/s afectado/s, así como o/s importe/s imputado/s a cada unha delas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 5. Custos subvencionables

1. Serán subvencionables aqueles gastos xerados ás entidades de iniciativa social de xeito extraordinario na situación de estado de alarma para garantir o funcionamento dos servizos dos centros e programas de inclusión social da súa titularidade, considerados básicos para a atención ás persoas máis desfavorecidas e que se enumeran:

a) Gastos de persoal contratado para reforzar os servizos ou para substituír persoas afectadas polo virus ou con factores de risco. Incluiranse as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa.

As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos do Convenio colectivo estatal do sector de acción e intervención social conforme a seguinte táboa para unha xornada efectiva de traballo de 1.750 horas anuais:

Grupo

Salario bruto anual

Grupo 0

30.544,55 €

Grupo I

24.392,47 €

Grupo II

21.715,77 €

Grupo III

18.952,73 €

Grupo I V

15.659,04€

Para xornadas inferiores, realizarase o cálculo proporcional.

Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

b) Os gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos. Esta modalidade admitirase nos casos en que, polas especiais características da actividade, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.

Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

c) Gastos de cobertura de necesidade de alimento e provisión de recursos básicos tales como hixiene, roupeiro, lavandaría e apoio material.

d) Contratación de servizos de restauración.

e) Adquisición de material de un só uso para a repartición de comidas a domicilio.

f) Gastos de material de protección, tales como máscaras, luvas, batas, produtos de desinfección e material similar de protección.

g) Gastos extraordinarios de teléfono, acceso á internet e datos móbiles, limpeza e desinfección, seguridade, mensaxaría e combustible.

2 . Para os efectos desta orde, e de acordo co artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante a duración do estado de alarma e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

Artigo 6. Iniciación do procedemento. Solicitudes

1. De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Para todas as solicitudes é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Anexo I de solicitude.

b) Memoria explicativa do gasto extraordinario que se quere financiar (anexo II).

c) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. No exercicio das súas funcións, o órgano instrutor poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 10. Emenda da solicitude e remisión da documentación ao correspondente órgano

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Determinación do importe das subvencións

1. De conformidade co previsto no artigo 1.2, a concesión das subvencións será baixo o réxime de concorrencia non competitiva, procedéndose á distribución do crédito dispoñible entre as solicitudes que cumpran os requisitos de conformidade do seguinte xeito:

a) Para as entidade incluídas no artigo 3.1.a), asignarase unha contía de 1.000.000 €, que se distribuirá entre as solicitudes admitidas en función dos gastos subvencionables declarados na solicitude.

Na distribución garantirase un mínimo de 14.000 € para cada unha das solicitudes admitidas, salvo que a contía solicitada pola entidade for menor, neste caso, asignarase esta. Co crédito sobrante procederase a un rateo entre aquelas entidades que acrediten un gasto maior ao mínimo garantido.

b) Para as entidades incluídas no artigo 3.1.b), asígnase unha contía de 500.000 €, que se rateará entre as solicitudes admitidas para esta finalidade.

2. No caso de que despois da repartición establecida no número anterior existise crédito non adxudicado, procederase a un rateo entre aquelas solicitudes que non acadasen o total do importe solicitado, empezando polas entidades do artigo 3.1.a) e despois 3.1.b).

Artigo 12. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir da entrada da solicitude no órgano competente para resolver. Se transcorre o dito prazo sen que recaia resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

3. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación. No caso de non comunicación, entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións para esta mesma finalidade outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas subvencionados o seu financiamento público.

h) Calquera outra obriga imposta ás beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Artigo 17. Pagamento

Unha vez xustificada a subvención de conformidade co disposto no artigo seguinte, o órgano competente, logo de realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada, procederá ao pagamento.

Artigo 18. Xustificación: obxecto, prazo e documentación

1. As actuacións que se van xustificar deberán coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas, e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado no número seguinte respecto do cal se xustifique o pagamento, segundo o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados en que deberán constar, claramente identificados, o receptor e o emisor do pagamento, o número de factura e a súa data.

3. A documentación xustificativa presentarase ante a Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social nos tres meses seguintes á notificación da resolución de concesión.

4. As entidades que reciban una subvención por unha contía inferior aos 30.000 € presentarán a xustificación da actuación a través da conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Deberán xuntar:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condiciones impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento estimado, indicaranse as desviacións producidas.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que teñan financiado a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

d) De ser o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como os xuros derivados destes.

e) Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, a Dirección Xeral de Inclusión Social requirirá os beneficiarios para que acheguen os xustificantes que considere oportunos, que suporán, polo menos, o 10 % dos expedientes que se tramiten.

5. As entidades que reciban una subvención por unha contía igual ou superior aos 30.000 € presentarán a xustificación da actuación a través da conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberán xuntar:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

1º. Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, de ser o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo a un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

2º. As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que teñan financiada a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

4º. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, debe ter solicitado o beneficiario.

5º. De ser o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

c) Para a acreditación dos gastos del persoal laboral, incluirase:

1º. Copia dos contratos de traballo.

2º. Recibo de nómina con xustificante bancario do aboamento.

3º. Boletíns acreditativos de cotización á Seguridade Social con xustificantes de pagamento, ou acreditación da solicitude de demora.

4º. Acreditación dos ingresos das retencións do IRPF, ou acreditación da solicitude de demora.

d) Para a acreditación dos gastos de persoal vinculado co arrendamento de servizos:

1º. Copia do contrato.

2º. Factura asinada polo perceptor.

Os gastos xustificaranse con copia das facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados.

6. Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 15.000 €, para o caso de subministracións e servizos, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

7. De conformidade co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, considerase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias asinadas e seladas, e que conste claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o numero de factura obxecto do pagamento e a súa data. Admitirase a xustificación de gasto a través de recibo do provedor para gastos de importe inferior a 1.000 €.

Artigo 19. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos desta orde: reintegro do 2 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 % no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento: reintegro do 2 % da axuda concedida.

d) Aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes aos que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda Pública Galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e o NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Dirección Xeral de Inclusión Social a devolución voluntaria realizada.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, conforme o citado artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á cal se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Artigo 21. Comprobación, inspección e control

1. A Consellería de Política Social poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do anterior, realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento poderase obter información na Dirección Xeral de Inclusión Social, así como na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Política Social– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file