Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26554

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 xullo de 2020 pola que se aproba o Protocolo en materia de establecementos de xogo para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Por Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto quinto do acordo, as medidas previstas nel poderán ser completadas por plans específicos de seguridade, protocolos organizativos e guías adaptados a cada sector de actividade, aprobados polas administracións competentes, e, de acordo co punto sexto, as medidas deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

Por Resolución do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020 polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Entre as modificacións introducidas, con efectos do 1 de xullo de 2020, atópase a consistente en ampliar a capacidade máxima en establecementos e locais de xogo, así como en prever, en relación con estas actividades, a aprobación pola Administración autonómica de protocolos ou guías de obrigado cumprimento.

Procede, pois, aprobar un protocolo específico no ámbito dos establecementos de xogo.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria.

Na súa virtude, en aplicación dos puntos quinto e sexto e do número 3.37 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobación do Protocolo en materia de establecementos de xogo para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

Apróbase o Protocolo en materia de establecementos de xogo para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que figura como anexo.

Segundo. Eficacia

O protocolo que é obxecto de aprobación pola presente orde terá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Non obstante o anterior, o protocolo será obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderá ser obxecto de modificación ou poderá deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Protocolo en materia de establecementos de xogo para facer fronte
á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

1. Obxecto.

O obxecto deste protocolo é o establecemento das medidas específicas aplicables aos establecementos de xogo.

Enténdese por establecementos de xogo os establecementos específicos de xogo consonte a súa normativa de aplicación tales como os casinos, os salóns de xogo, as salas de bingo, os salóns recreativos, as rifas, as tómbolas, os locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos da actividade recreativa de xogos.

2. Medidas específicas relacionadas coa vixilancia da infección polo SARS-CoV-2.

Para deter a transmisión da infección polo SARS-CoV-2 e evitar a aparición de novos abrochos é necesario un labor de vixilancia e monitorización continuas, tanto para a detección precoz de novos casos do COVID-19 e dos seus contactos como para o seu seguimento.

Para iso, deben cumprirse as seguintes medidas:

a) A empresa debe elaborar e aplicar un plan de continxencia en que se recolla o protocolo de actuación en caso de detección de posibles traballadores infectados ou que estivesen en contacto cun caso confirmado de COVID-19. Así mesmo, o dito plan de continxencia debe recoller os aspectos indicados no número 3.

b) De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en ningún caso un traballador acudirá ao seu posto de traballo se presenta síntomas compatibles con infección por SARS-CoV-2, ou está en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19 ou se atopa en período de corentena domiciliaria por ter sido contacto estreito con algunha persoa con COVID-19.

No caso de que a persoa traballadora empezase a ter síntomas compatibles coa enfermidade no seu posto de traballo, porá de maneira inmediata unha máscara cirúrxica ou hixiénica (de non levala), retirarase do seu posto de traballo ao seu domicilio e contactará co seu centro de saúde. Se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usará unha habitación de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

3. Medidas específicas en materia de prevención da infección polo SARS-CoV-2.

Deben aplicarse medidas dirixidas a protexer os traballadores e clientes/asistentes, reducindo a probabilidade de contaxio da infección polo SARS-CoV-2.

Con tal fin, e sobre a base da realización da avaliación do risco, nos plans de continxencia que deben elaborar as empresas responsables deberán detallarse as medidas concretas que se van adoptar para diminuír os riscos de contaxio do COVID-19 (circuítos de entrada e saída do establecemento, limitación da capacidade, emprego de barreiras físicas como anteparos, medidas de protección do persoal etc.).

Deberán adoptarse, ademais, as seguintes medidas:

3.1. Medidas en materia de formación e información.

Un dos piares básicos da prevención da infección é a adecuada información e formación dos traballadores. Así, faise necesario garantir a comunicación adecuada e continua da información actualizada sobre as características da enfermidade (mecanismo de transmisión, sintomatoloxía etc.), medidas de prevención da transmisión da infección polo SARS-CoV-2 e protocolos de actuación. Esta información será complementada con actividades formativas que incidan no uso correcto e mantemento dos equipamentos de protección individual (EPI) que empreguen (máscaras e, de ser o caso, luvas), facendo fincapé na hixiene das mans e a limpeza e desinfección de superficies.

No que respecta aos cidadáns, informarase das medidas de prevención da infección polo SARS-CoV-2 mediante o emprego de cartelaría situada en lugares estratéxicos (entrada principal do establecemento, lugares de tránsito, aseos etc.). Incidirase na importancia da hixiene das mans e respiratoria, uso de máscaras cirúrxicas/hixiénicas, así como no mantemento das medidas de distanciamento interpersoal. Non obstante, para diminuír o risco de transmisión da infección polo SARS-CoV-2 por contacto indirecto, deberanse eliminar folletos, xornais, revistas e calquera outro obxecto susceptible de uso compartido (gardapanos, saleiros, cartas, azucreiros etc.). Incidirase na importancia da hixiene das mans e respiratoria, uso de máscaras cirúrxicas/hixiénicas, así como no mantemento das medidas de distanciamento interpersoal.

3.2. Medidas de protección persoal-

O persoal debe coñecer o plan de continxencia elaborado e, de maneira específica, as súas responsabilidades no marco da xestión do risco.

Con respecto ás medidas de protección persoal, deberán manterse e reforzarse en todos os ámbitos de traballo as seguintes medidas preventivas:

a) O persoal debe evitar o contacto físico e respectar a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros, sempre que sexa posible.

b) Deberanse empregar os equipamentos de protección individual de maneira adecuada e proporcional ao risco fronte ao cal debe ofrecer protección. En todo caso, o persoal deberá levar máscara.

c) O persoal realizará unha adecuada hixiene das mans: lavado frecuente (antes, durante e despois da xornada laboral) e meticuloso das mans, con auga e xabón, con solucións/xeles hidroalcohólicos ou antisépticos con capacidade viricida.

d) Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca para evitar a transmisión a través das mans.

e) Hixiene respiratoria - Etiqueta respiratoria:

1ª) Empregar panos dun só uso ao tusir ou esbirrar e desbotalos nunha papeleira (preferentemente de accionamento non manual) tras o seu uso. De non dispoñer de panos dun só uso, cubrir a boca e o nariz coa flexura do cóbado.

2ª) Despois de tocar secrecións respiratorias (esbirrar, tusir, uso de panos) e/ou obxectos que puidesen estar contaminados, deberase realizar unha hixiene minuciosa das mans.

f) Desinfectar frecuentemente, ao longo de toda a xornada laboral, os obxectos de uso persoal (lentes, móbiles etc.) con auga e xabón cando sexa factible ou cunha solución desinfectante. Non obstante, deberase limitar o número de obxectos persoais no posto de traballo. No cambio de quenda, deberanse desinfectar os elementos do posto de traballo (pantallas, tabletas, teclados, ratos etc.).

g) No caso de empregar uniforme de traballo, gardarase a roupa utilizada na rúa en bolsas de plástico (e dentro dun armario, se hai) para evitar o contacto desta coa roupa de traballo. Para o lavado da roupa de traballo, cando o establecemento non se faga cargo da súa limpeza, proporcionará ao persoal unha bolsa pechada para o seu transporte aos domicilios particulares, así como instrucións para o seu lavado (a máis de 60 ºC) e frecuencia deste en función do tipo de uniforme. No caso de que non se poidan lavar a esa temperatura, procederase a realizar unha adecuada desinfección.

3.3. Medidas organizativas.

En relación coas medidas organizativas, deberanse manter ou establecer aquelas que diminúen o risco de infección polo SARS-CoV-2, adaptándoas ao escenario epidemiolóxico existente en cada momento.

Os establecementos e/ou empresas deben levar a cabo as accións necesarias para aprovisionarse dos recursos necesarios para garantir a protección individual dos traballadores e clientes (solucións/xeles hidroalcohólicos, anteparos de protección, máscaras, pantallas faciais, luvas, de ser o caso etc.).

Así mesmo, deberán planificar as tarefas e procesos de traballo de tal maneira que se garanta a distancia de seguridade nos seguintes termos:

a) Adecuar a disposición dos postos de traballo. No caso de existiren quendas de traballo, estas deben planificarse, sempre que sexa posible, de maneira que sempre se concentren os mesmos empregados nas mesmas quendas.

b) Cumprir as limitacións de capacidade existentes en cada momento establecendo, para tal fin, un sistema para o seu control.

c) Organizar a circulación de persoas establecendo circuítos diferenciados de entrada e saída.

d) Establecer, de ser necesario, mecanismos de distanciamento como poden ser as cintas de seguridade ou a instalación de barreiras físicas (anteparos).

4. Etapas para a reactivación no ámbito dos xogos.

A reactivación da actividade dos establecementos de xogo constará de dúas etapas. Ademais, avaliarase de maneira continua cada unha das etapas da reactivación co fin de constatar a necesidade de interromper este proceso de normalización ou incluso a necesidade de retroceder ou avanzar con maior celeridade nel.

Polo tanto, a reactivación da actividade será gradual, dinámica e reversible, en función da evolución dos contaxios, a capacidade asistencial e a posible aparición de abrochos a nivel local. En todo caso, deberá permitir a normalización e recuperación da actividade sen incrementar o risco de aparición dunha nova onda epidémica.

Os concellos, no ámbito das súas competencias en materia de control sanitario, deberán vixiar o cumprimento das medidas que se recollen neste protocolo.

Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

En calquera caso, poderá suspenderse a actividade de calquera establecemento que, a xuízo da autoridade competente, poida supoñer un risco de contaxio polas condicións en que se estea desenvolvendo.

4.1. Etapa I (ata o 31 de xullo).

A etapa I estenderase ata o 15 de xullo, e prorrogarase, de maneira automática, ata o 31 de xullo, sempre que se constate o cumprimento das medidas establecidas neste protocolo e o permita a situación epidemiolóxica, sanitaria e de saúde pública.

Nesta etapa deberán cumprirse as seguintes medidas preventivas en todas as instalacións e equipamentos dos establecementos de xogo, con maior incidencia nas zonas de atención e presenza de público:

a) Medidas relativas á capacidade dos establecementos:

1ª) A capacidade do establecemento non poderá superar o 75 % da permitida.

2ª) As restricións relativas á capacidade poderán flexibilizarse se se constata un cumprimento xeneralizado das medidas reflectidas neste protocolo e se o contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública así o permiten, antes da data establecida para o paso á etapa II.

b) Medidas relativas ao mantemento da distancia de seguridade interpersoal (1,5 metros):

Os establecementos deberán:

1ª) Establecer normas de uso das instalacións en que se desenvolve o traballo e dos espazos compartidos polos traballadores para manter a distancia de seguridade (zonas comúns, vestiarios etc.).

2ª) Implantar as medidas necesarias que garantan a distancia de seguridade entre os clientes e os traballadores e, de non ser posible, empregaranse barreiras físicas de protección (anteparos, pantallas faciais etc.) co fin de asegurar a protección do persoal.

3ª) Establecer circuítos diferenciados para a entrada e saída dos clientes co fin de evitar aglomeracións tanto no exterior como no interior do local, e nas entradas e saídas, cun control estrito do cumprimento da distancia interpersoal empregando, de ser necesario, marcas que indiquen os 1,5 metros de seguridade. Así mesmo, os fluxos de entrada e saída deben permitir manter os niveis de ocupación baixo control.

4º) Especialmente, deberán adoptarse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal na disposición e uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades ou, na súa falta, para a utilización de medidas alternativas de protección física con uso de máscaras.

5º) Acoutar ou sectorizar zonas no local para garantir o cumprimento da distancia interpersoal de 1,5 metros.

6º) A ocupación máxima para o uso dos aseos será dunha persoa para espazos de ata 4 metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia. Nese caso, tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do 50 % do número de cabinas e urinarios que teña a estancia, e deberá manterse durante o seu uso a distancia de seguridade interpersoal. Deberanse establecer sistemas para controlar a afluencia dos clientes a esa zona.

7º) Para os establecementos que ofrezan espectáculos musicais ou de animación establecerase un espazo de seguridade entre o escenario e o público de, polo menos, 3 metros. Así mesmo, as medidas do escenario determinarán o número de membros máximo que pode conformar o grupo artístico, ao ter que manter estes membros entre eles a distancia de seguridade de 1,5 metros. Ademais, no caso de espectáculos musicais, serán de aplicación as medidas de prevención específicas para a actuación e os ensaios de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais.

c) Medidas relativas á protección e hixiene de clientes e persoal, limpeza e desinfección de superficies:

1ª) Mostrarase cartelaría en que se informe o cliente das medidas de prevención da infección polo SARS-CoV-2. Incidirase na importancia da hixiene das mans e respiratoria, uso de máscaras cirúrxicas/hixiénicas, así como no mantemento das medidas de distanciamento interpersoal.

2ª) Tanto os clientes como os traballadores do establecemento deberán levar máscara cirúrxica ou hixiénica. Non deberá permitirse a presenza no establecemento daquelas persoas que incumpran esta obriga.

3ª) Debe asegurarse a dispoñibilidade de dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados para uso dos clientes en distintos puntos do local, fundamentalmente nos de maior concorrencia de clientes (como mínimo nos accesos, servizo de gardarroupa, barras e terrazas) e para uso dos traballadores (como mínimo na barra, zona de admisión, servizo de gardarroupa e vestiarios).

4ª) O persoal do servizo de gardarroupa desinfectará as mans de forma frecuente. As pezas de roupa dos clientes deberán protexerse con fundas dun só uso para evitar o contacto directo entre elas e asegurar a súa hixiene. Será o propio cliente o que introduza a súa roupa na bolsa e a entregue posteriormente ao persoal.

5ª) Os aseos deberán contar con dispensador de xabón e papel de secado (asegurándose a reposición de consumibles en todo momento) e papeleira con apertura de accionamento non manual e dobre bolsa interior. En todo caso, evitaranse as toallas, incluso as de uso individual. Os aseos limparanse coa periodicidade necesaria en función do número de usuarios. Ademais, fóra do aseo deberá instalarse un dispensador de xel hidroalcohólico ou desinfectante con actividade viricida para a hixiene das mans.

6ª) Nas tarefas de limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuente como pomos de portas, mesas e outro mobiliario, pasamáns, billas, máquinas e material de xogo etc.

7ª) As mesas e cadeiras deberán desinfectarse entre un cliente e outro. Evitarase que o cliente faga un uso arbitrario do mobiliario co fin de garantir que se realiza a desinfección. Así mesmo, eliminaranse elementos de uso común como azucreiros, saleiros, carta e gardapanos.

8ª) O persoal desinfectará frecuentemente, ao longo de toda a xornada laboral, os obxectos de uso persoal (lentes, móbiles etc.) con auga e xabón cando sexa factible ou cunha solución desinfectante. Non obstante, deberase limitar o número de obxectos persoais no posto de traballo. No cambio de quenda deberanse desinfectar os elementos do posto de traballo (pantallas, tabletas, teclados, ratos etc.).

9ª) Nos establecementos que ofrezan espectáculos musicais ou de animación, procederase á limpeza e desinfección dos equipamentos de son e microfonía despois de cada actuación, de ser propiedade do local.

10ª) Promoverase o pagamento con tarxeta ou outros medios que non supoñan o contacto físico entre dispositivos, evitando, na medida do posible, o emprego de cartos en efectivo. Limparase e desinfectarase o datáfono tras cada uso, así como o terminal TPV se o empregado que o usa non é sempre o mesmo.

11ª) Procederase á ventilación, diariamente, coa maior frecuencia sempre que sexa posible, dos distintos espazos. Deberase asegurar unha correcta renovación do aire do local. De non ser posible unha correcta ventilación natural, deberanse axustar os sistemas de climatización/ventilación e extracción de aire dos locais para aumentar o número de renovacións por hora ou a porcentaxe de aire limpo exterior (28m3/s), de forma que se evite, no posible, a recirculación do aire (traballando coa máxima porcentaxe de aire limpo exterior que sexa posible).

12ª) Se os aseos dispoñen de extractor, este deberá manterse en funcionamento continuo, de ser posible.

13ª) As máquinas de xogo nos establecementos específicos de xogo e nos locais de hostalaría deberán desinfectarse logo de cada uso.

d) No caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste axustarase ao previsto nas medidas preventivas para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.

e) As restantes medidas previstas nos números 2 e 3 deste protocolo, así como no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 que resulten aplicables aos establecementos de xogo.

4.2. Etapa II (do 1 agosto en diante).

Durante a etapa II:

a) A capacidade do establecemento determinarase en función dos resultados obtidos da avaliación da etapa I.

b) Manteranse o resto de medidas establecidas na etapa I.