Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26633

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Cheque autónomo seguimos adiante, financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR342B).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar as persoas traballadoras autónomas como axentes dinamizadores da economía na comunidade autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

A situación de crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19 obrigou a adaptar os xeitos de relacionarse e á adopción dunha serie de medidas en canto á mobilidade de persoas e ao exercicio de actividades sociais e económicas para conter o avance da epidemia, protexer as persoas do risco de contaxio e garantir actividades consideradas esenciais así como velar polas empresas e persoas traballadoras afectadas no aspecto económico e produtivo, de xeito que poidan recuperar a normalidade en canto sexan removidas as circunstancias excepcionais.

Esta situación implicará un notable impacto na economía tanto a nivel nacional como internacional. Ante este contexto, o tecido empresarial galego e, en particular, o comercio ao retallo, formado na súa meirande parte por persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, atoparanse na fase de desescalada nunha contorna de crise marcada pola incerteza que require de medidas que axuden a xerar confianza nos clientes mediante a adopción de medidas visibles para crear espazos seguros e introducir certos cambios na práctica comercial.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser una prioridade fundamental.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro; e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O artigo 2 do Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, engade o artigo 25 bis «Medidas excepcionais para a utilización dos fondos EIE en resposta ao brote do COVID-19» no Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, establecendo que, como excepción ao disposto no artigo 60, punto 1, e no artigo 120, punto 3, parágrafos primeiro e cuarto, por petición dun Estado membro, poderá aplicarse unha porcentaxe de cofinanciamento do 100 % aos gastos declarados nas solicitudes de pagamento durante o exercicio contable que comeza o 1 de xullo de 2020 e finaliza o 30 de xuño de 2021 para un ou máis eixes prioritarios nun programa financiado polo FSE.

Esta axuda estará financiado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 100 por cento, a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular, Obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; Prioridade de investimento 8.3. O traballo por conta propia, o espírito emprendedor e a creación de empresas, incluíndo as microempresas e as pequenas e medianas empresas innovadoras, e Obxectivo específico 8.3.1. Aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas, facilitando o seu financiamento e mellorando a calidade e eficiencia dos servizos de apoio e de consolidación e Liña de actuación 114. Programa de promoción do emprego autónomo.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Establécese o pagamento anticipado do 100 % da axuda, de acordo co establecido na Lei de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para poder permitir as necesidades de financiamento das persoas beneficiarias na presente conxuntura económica, dotándoas da solvencia necesaria para a realización dos servizos de mellora competitiva, de xeito que se garanta a adecuada realización das actuacións obxecto da subvención.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo da autorización da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas de Galicia do programa Cheque autónomo seguimos adiante (código de procedemento TR342B).

2. Por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2020.

CAPÍTULO II

Obxecto das bases reguladoras e marco xeral

Artigo 2. Obxecto e finalidade das bases reguladoras

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do programa Cheque autónomo seguimos adiante, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados na actual situación económica motivada pola pandemia do COVID-19.

3. O artigo 2 do Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, engade o artigo 25 bis «Medidas excepcionais para a utilización dos fondos EIE en resposta ao brote do COVID-19» « no Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, establecendo que, como excepción ao disposto no artigo 60, punto 1, e no artigo 120, punto 3, parágrafos primeiro e cuarto, por petición dun Estado membro, poderá aplicarse unha porcentaxe de cofinanciamento do 100 % aos gastos declarados nas solicitudes de pagamento durante o exercicio contable que comeza o 1 de xullo de 2020 e finaliza o 30 de xuño de 2021 para un ou máis eixes prioritarios nun programa financiado polo FSE.

Esta axuda está financiada polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 100 por cento, a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular, Obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; Prioridade de investimento 8.3. O traballo por conta propia, o espírito emprendedor e a creación de empresas, incluíndo as microempresas e as pequenas e medianas empresas innovadoras, e Obxectivo específico 8.3.1. Aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas, facilitando o seu financiamento e mellorando a calidade e eficiencia dos servizos de apoio e de consolidación. Liña de actuación 114. Programa de promoción do emprego autónomo.

4. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67,68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

Artigo 3. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. Por tratarse de subvencións financiadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 y (UE) nº 283/2014 y la Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE,Euratom) nº 966/2012, así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: Regulamento (UE) 2020/558, do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19; e Regulamento (UE) 2020/460, do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote do COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

Artigo 4. Subvencións baixo a condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 5. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 6. Orzamentos

1. As subvencións reguladas nesta orde para o exercicio económico de 2020 financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.7 código de proxecto 2020 00088 cun crédito de 16.000.000 €.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 9.1 desta orde . No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora. Isto será así para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en conxunto.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa. Para ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nesta orde é necesario un informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

Artigo 7. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de mutualidade do colexio profesional con domicilio fiscal en Galicia que estean en activo e cumpran os seguintes requisitos:

a) Que non percibisen prestación extraordinaria por cesamento temporal de actividade motivada pola pandemia do COVID-19, o que demostrará cunha declaración responsable.

b) Que teñan unha diminución na facturación superior ao 50 % comparando a facturación do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020, o que demostrarán cunha declaración responsable.

c) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2019 (ou do último ano que a presentara), que demostrará cunha declaración responsable.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia que estean en activo e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as persoas traballadoras autónomas societarias non percibisen prestación extraordinaria por cesamento temporal de actividade motivada pola pandemia do COVID-19, o que demostrará cunha declaración responsable.

b) Que teñan unha diminución na facturación superior ao 50 % na facturación, comparando a facturacións do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020, o que demostrará cunha declaración responsable.

c) A empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2019 (ou á última declaración presentada) inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades), que demostrará cunha declaración responsable. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 30.000 euros refirirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens, que demostrará cunha declaración responsable. Que a sociedade teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2019 (ou do último ano que a presentase), que demostrará cunha declaración responsable.

3. Quedan excluídos desta orde os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. Tanto as persoas traballadoras autónomas como as mutualistas e as sociedades deben ter un período mínimo de actividade de 12 meses inmediatamente anteriores á declaración do Estado de alarma (Real decreto 463/2020, do 14 de marzo BOE núm. 67, do 14 de marzo), segundo a comprobación de vida laboral para a persoa traballadora autónoma ou alta no IAE para as sociedades.

Artigo 8. Axudas

1. Axuda a gastos loxísticos e de transporte de envíos da empresa comercializadora de produtos finais ao domicilio das persoas consumidoras finais. A axuda será de de 3 € por envío contratado con empresas loxísticas externas.

Subvencionarase un máximo de 100 envíos para a persoa autónoma individual. Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea, o máximo serán de 150 envíos. Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea, os envíos máximos serán 200.

2. Axuda do 100 % dos seguintes gastos da actividade da empresa establecidos consonte o artigo 4.3 da Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020:

O pagamento por estar nalgunha plataforma de e-commerce local.

O pagamento por licenza de uso de software de venta en liña.

Gastos de publicidade en redes sociais.

Gastos correntes de seguridade motivadas polo COVID-19 entre os que están, entre outros, os gastos en máscaras, luvas, desinfectante, limpeza, anteparos, asesoramento en prevención de riscos laborais.

Gastos de subministracións e de telecomunicacións.

En todo caso, só serán subvencionables os gastos nos recursos, aplicacións e equipamentos que non teñan a consideración de investimento nos termos sinalados no artigo 4.3 da referida Orde ESS/1924/2016.

3. Axudas máximas:

A axuda máxima para o punto un deste artigo será:

– Para a persoa autónoma individual 300 €.

– Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea 450 €.

– Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea 600 €.

A axuda máxima para o punto dous deste artigo será:

– Para a persoa autónoma individual 600 €

– Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea 900 €.

– Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea 1.200 €.

Ambas as axudas son compatibles polo que as axudas máximas do punto un máis do dous deste artigo serán:

– Para a persoa autónoma individual, 900 €.

– Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea, 1.350 €.

– Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea, 1.800 €.

A axuda máxima será de 1.800 €.

4. Na solicitude haberá de presentar un proxecto en forma de orzamento feito pola persoa solicitante cos conceptos polos que solicita a axuda, tanto das axudas previstas nos punto un como as do punto dous, e a cantidade que solicita para cada concepto deles.

5. Deberase facer unha declaración responsable co número de persoas traballadoras por conta allea contratados pola empresa.

6. Serán subvencionables os envíos e gastos realizados desde o inicio do estado de alarma o 15 de marzo de 2020 (Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, BOE núm. 67, do 14 de marzo) ata o 20 de decembro de 2020.

7. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, de 18 de xullo de 2018.

CAPÍTULO III

Procedemento

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Artigo 11. Solicitudes

1. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos segundo o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG do 26 de xullo). Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

2. As solicitudes de subvención deberán presentarse no modelo de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación e no prazo establecido. A solicitude deberá presentarse xunto cunha declaración responsable onde se especifique o número de persoas traballadoras por conta allea que ten a empresa, que a empresa non tivo un rendemento neto superior a 30.000 € no ano 2019 e que a facturación do ano 2019 foi igual ou superior a 12.000 € IVE incluído, que ten unha redución superior ao 50 % na facturación comparando a facturacións do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020, que non recibiu a axuda por cesamento temporal de actividade por causa do COVID-19 e que cumpre con todos os requisitos sinalados nesta orde para ter dereito a axuda e que cumpre cos demais requisitos sinalados na orde.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Dado que estas axudas están financiadas polo programa operativio FSE Galicia 2014-2020, na resolución de concesión informarase á persoa ou entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII (modificado polo Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046) en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

5. Por tratarse de axudas financiadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza ao Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos) para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do mantemento da actividade.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, de 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego Autónomo da Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A solicitude deberase presentar no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

b) Un orzamento feito pola persoa ou entidade solicitante cos conceptos polos que solicita a axuda e a cantidade que solicita para cada un deles, tendo en conta que a axuda máxima vén definida se a persoa autónoma é individual o ten persoas traballadoras, segundo o anexo II.

c) Declaración responsable de que non recibiu a axuda do cesamento temporal de actividade polo COVID-19, do número de persoas traballadoras contratadas por conta allea na empresa, de que a empresa tivo unha diminución da facturación superior a un 50 % comparando a facturación do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020, de que o rendemento neto en 2019 da empresa foi inferior a 30.000 €, que a facturación do ano anterior foi igual ou superior a 12.000 € IVE incluído, segundo o anexo III.

d) Certificado de alta na mutualidade desde a data da solicitude e no período dos doce meses anteriores á declaración do estado de alarma, no caso dos mutualistas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.

c) Alta no imposto de actividades económicas.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de domicilio fiscal.

h) Vida laboral da persoa autónoma solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A persoa solicitante autoriza ao Organismo Intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos) para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do mantemento.

Artigo 18. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida mediante resolución motivada.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Coa aceptación da subvención realizarase o pagamento anticipado.

Artigo 19. Resolución e recursos

1.A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo, sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique aos beneficiarios estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidos os beneficiarios, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento común das administracións públicas.

5. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos Regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

6. No suposto de que, de ser o caso de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego se publicará o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto integro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no punto 5 deste artigo.

Artigo 20. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

1 Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

2 Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no apartado anterior, as seguintes:

a) No caso das persoas autónomas individuais e mutualistas, manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de 3 meses desde a concesión da subvención e que a persoa traballadora autónoma ou mutualista estea en activo tras o período de duración do Estado de alarma declaración polo Real decreto 463/2020 e as sucesivas prórrogas, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

b) No caso de sociedades ou comunidades de bens, manter a alta a actividade durante un tempo mínimo de 3 meses desde a concesión da subvención e que a persoa traballadora autónoma ou mutualista estea en activo tras o período de duración do Estado de alarma declaración polo Real decreto 463/2020 e as sucesivas prórrogas, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

c) Presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, referidos ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora a que se refire a alínea a) deste artigo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalicen os citados períodos de mantemento da actividade laboral, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

d) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán refírense ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade financiada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

e) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

f) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde.

3. Considerarase gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberán terse realizado ata o 20 de decembro do ano 2020.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta da persoa beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 20 de decembro do ano 2020.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, en todo caso antes do 31 de decembro de 2020.

5. De non achegarse con anterioridade, a xustificación da subvención debe realizarse coa presentación, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

– Para as axudas referentes ao artigo 8.1 deberá xustificalo coas factura e o pagamento das facturas segundo se establece no punto 3 deste artigo das contratacións realizadas co operador loxístico externo.

– Para as axudas do artigo 8.2, a persoa ou entidade beneficiaria deberá xustificar o gasto coas factura e o pagamento da facturas segundo se establece no punto 3 deste artigo.

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores segundo o modelo anexo IV.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

– Certificado da mutua correspondente de manterse de alta nela nos tres meses posteriores á concesión da subvención.

– Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 20.2.e) desta orde.

6. A documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción da persoa interesada.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64º do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e, especificamente, comprobará ao rematar o período de mantemento do emprego o seu cumprimento por se procederá aplicar algún tipo de reintegro.

3. Para realizar estas funcións poderase utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 24. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 8 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 20.2 puntos a) e b).

4. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 20.1.b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

5. A obtención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro parcial do 2 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 20.2.e), de cumprir coas medidas de información.

8. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 20.1.b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

9. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

10. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file