Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 7 de xullo de 2020 Páx. 26837

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020 polo que se aproba o acordo acadado o 10 de xuño de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación dun sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 25 de xuño de 2020, aprobou o acordo acadado o 10 de xuño de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a implantación dun sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Para xeral coñecemento publícase o referido acordo.

RESOLVO:

Dar publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020 que a seguir se transcribe.

«Aprobar o acordo acadado o 10 de xuño de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a implantación dun sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia
e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación dun sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo Administración de xustiza

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

Reunidos:

– Por parte da Xunta de Galicia: Juan José Martín Álvarez, director xeral de Xustiza.

– Por parte das organizacións sindicais:

Por SPJ-USO, Julio Bouza Bouza.

Por UGT, Manuel González Carvajal.

Por CC.OO., Constantino Novoa Blanco.

Expoñen:

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 24 de maio de 2018, aprobou o acordo acadado o 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia. A cláusula décima do acordo recolle o compromiso da Xunta de Galicia de estudar, a través dunha mesa específica de negociación, a implantación, dentro do marco lexislativo, dun sistema de carreira profesional para os funcionarios da Administración de xustiza en Galicia, para o que se poderá ter en conta a implantación da nova oficina xudicial de Galicia no marco da modernización da Administración de xustiza na nosa Comunidade Autónoma.

A Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, na súa disposición adicional única (Sistema de carreira profesional para os funcionarios de xustiza), estableceu, así mesmo, que a Xunta de Galicia estudará a implantación dun sistema de carreira profesional para os funcionarios de xustiza, dentro do respecto á normativa aplicable do Estado e a través da mesa sectorial de negociación específica, e que o dito sistema poderá ter en conta a implantación da nova oficina xudicial de Galicia no marco da modernización da Administración de xustiza na nosa comunidade autónoma.

Mediante a Orde do 15 de xaneiro de 2019 publícase o Acordo de concertación do emprego público de Galicia, cuxa sección segunda recolle o sistema de carreira profesional, que non é aplicable para o persoal ao servizo da Administración de xustiza por causa de que os criterios, os requisitos e as contías iniciais do complemento de carreira profesional deberán ser determinados por real decreto, segundo se recolle no artigo 519 da Lei orgánica do poder xudicial. Porén, e entrementres non se publica o dito real decreto, si que pode servir de base para a configuración dun sistema transitorio que permita retribuír o persoal ao servizo da Administración de xustiza en condicións similares ás dos empregados públicos da Xunta de Galicia.

Así, dentro deste marco legal, nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020, aprobados mediante a Lei 6/2019, do 23 de decembro, dotáronse 860 mil euros, en concepto de retribución adicional ao correspondente complemento de determinación autonómica, para comezar a facer efectivo o recoñecemento da traxectoria e actuación profesional, formación e coñecementos adquiridos do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

En todo caso, de se aprobar a regulación estatal básica da carreira profesional, e consecuentemente o real decreto de desenvolvemento, o indicado complemento quedará subsumido na cantidade que se determine mediante real decreto para a carreira profesional, garantíndose os dereitos económicos e profesionais adquiridos no sistema de traxectoria profesional para todo o persoal ao servizo da Administración de xustiza da Xunta de Galicia.

Tendo en conta o anterior, na mesa sectorial de negociación do persoal ao servizo da Administración de xustiza, que tivo lugar o 13 de marzo de 2020, os representantes da Administración e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. chegaron ao seguinte acordo:

Sistema de recoñecemento da traxectoria profesional

Acórdase implantar o sistema voluntario de recoñecemento da traxectoria profesional, ordinario e extraordinario, do persoal funcionario de carreira da Administración de xustiza en Galicia, que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Ámbito subxectivo

O sistema de recoñecemento da traxectoria profesional será aplicable ao seguinte persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia:

– Persoal funcionario de carreira do corpo de médicos forenses.

– Persoal funcionario de carreira do corpo de xestión procesual e administrativa.

– Persoal funcionario de carreira do corpo de tramitación procesual e administrativa.

– Persoal funcionario de carreira do corpo de auxilio xudicial.

Unha vez acadado o acordo necesario na Mesa Xeral de Negociación da Función Pública de Galicia, ao persoal interino ao servizo da Administración de xustiza aplicaráselle o sistema de recoñecemento da traxectoria profesional nos mesmos termos que se establezan para o persoal interino da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Segunda. Traxectoria profesional ordinaria e número de graos

O sistema ordinario da traxectoria profesional iniciarase cun grao inicial e terá catro graos máis, aos cales se accederá cunha permanencia no grao anterior de cinco, seis, seis e sete anos, respectivamente, sempre que se cumpran os requisitos establecidos e se teña unha avaliación favorable.

Terceira. Complemento adicional da traxectoria profesional

O grao inicial non terá ligada retribución.

Os graos I a IV recoñecidos aboaranse mediante unha retribución adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) –establecido como retribución complementaria de carácter fixo para o correspondente corpo ou escala–. Este complemento será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, sen prexuízo de que, en todo caso, de se aprobar a regulación estatal básica da carreira profesional e consecuentemente o real decreto de desenvolvemento, o indicado complemento quedará subsumido na cantidade que se determine mediante real decreto para a carreira profesional.

No caso de resultar inferior a contía do complemento de carreira profesional regulado por real decreto polo Goberno do Estado á do complemento adicional da traxectoria profesional establecido neste acordo, o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia seguirá percibindo as diferenzas retributivas que lle correspondan conforme este último, sen que en ningún caso se poida producir mingua económica ningunha por esta causa.

A contía anual que se percibirá por este complemento devindicarase en 12 mensualidades, que serán as seguintes segundo o corpo de pertenza:

Grupo

Corpo

Importe (€)

A1

Médicos forenses

2.515,68

A2

Xestión procesual e administrativa

1.760,64

C1

Tramitación procesual e administrativa

1.135,44

C2

Auxilio xudicial

963,72

Estas contías serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, os funcionarios do corpo de xestión procesual e administrativa que se atopen en servizo activo no corpo de letrados da Administración de xustiza poderán solicitar o recoñecemento extraordinario do grao I, que soamente terá efectos administrativos, e unha vez que se reincorporen ao seu corpo de orixe despregaranse os efectos económicos do dito recoñecemento.

En caso de que o/a funcionario/a de carreira acceda a un grupo ou subgrupo superiores a través dos procedementos establecidos de promoción interna, o período correspondente terase en conta como período de permanencia para os efectos de poder acceder ao grao seguinte.

Cuarta. Encadramento no grao inicial

No segundo semestre de 2020 tramitarase o sistema ordinario de encadramento para o acceso ao grao inicial daqueles empregados públicos que non posúan a condición de funcionarios de carreira ou non cumpran os requisitos para acceder ao sistema extraordinario, para así posibilitarlles a adquisición do grao I.

Quinta. Sistema excepcional e transitorio dos graos inicial e I

No segundo trimestre de 2020 tramitarase un sistema excepcional e transitorio de solicitude de encadramento para o acceso, por unha soa vez, de maneira directa ao grao inicial, e de maneira anticipada ao grao I.

Poderá participar neste réxime extraordinario o persoal funcionario de carreira que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Ter a condición de funcionario/a de carreira na Administración de xustiza e contar cunha antigüidade de polo menos cinco anos no corpo ou escala o día 31 de decembro de 2019.

c) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no anexo I desta sección.

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento da retribución adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) como consecuencia do recoñecemento da traxectoria profesional correspondente ao grao I producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir:

• Grupo A1:

– En 2020, o 20 %.

– En 2021, o 66,6 %.

– En 2022, o 100 %.

• Grupo A2:

– En 2020, o 22 %.

– En 2021, o 66,6 %.

– En 2022, o 100 %.

Non obstante, para os grupos C1 e C2, en función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento dese complemento correspondente ao grao I recoñecido producirase de maneira progresiva en dúas anualidades, coa distribución que se indica a seguir e con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2020:

– En 2020, o 33,3 %.

– En 2021, o 100 %.

No segundo semestre do ano 2021 a Dirección Xeral de Xustiza publicará a convocatoria para que aqueles que teñan recoñecido o grao I e conten cunha antigüidade de 11 anos poidan solicitar, a través deste réxime transitorio e excepcional, o encadramento no grao II. Este grao seralles recoñecido, con efectividade do 1 de xaneiro de 2022 ou do 1 xaneiro de 2023 segundo estean nos grupos C1 e C2 ou nos grupos A1 e A2, respectivamente, a aqueles que cumpran os requisitos que se establezan, e o seu pagamento fraccionarase en catro ou tres anualidades segundo se trate, respectivamente, dos grupos A1 e A2 ou C1 e C2, tal e como se indica a seguir:

• Grupos A1 e A2:

– En 2023, o 25 %.

– En 2024, o 50 %.

– En 2025, o 75 %.

– En 2026, o 100 %.

• Grupos C1 e C2:

– En 2022, o 33,3 %.

– En 2023, o 66,6 %.

– En 2024, o 100 %.

Os requisitos para acceder ao grado II serán os mesmos que para o grao I.

No segundo semestre do ano 2024 ou do 2026, segundo sexa o caso, a Dirección Xeral de Xustiza publicará a convocatoria para que aqueles/as que teñan recoñecido o grao II e conten cunha antigüidade de 17 anos poidan solicitar o encadramento no grao III. Este grao seralles recoñecido, con efectividade do 1 de xaneiro de 2025 ou de 2027, segundo sexa o caso, a aqueles que cumpran os requisitos establecidos.

Sexta. Aplicación no ano 2020

A Xunta de Galicia comprométese a promover as modificacións lexislativas necesarias para permitir a aplicación deste acordo en 2020.

Sétima. Sistema ordinario de recoñecemento da traxectoria profesional

No prazo de seis meses desde a sinatura deste acordo, a Administración proporalle á comisión de seguimento o desenvolvemento regulamentario do sistema ordinario de recoñecemento da traxectoria profesional, para posteriormente ser negociado na Mesa Sectorial de Xustiza.

Teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios de avaliación: a actividade profesional, a formación e coñecementos adquiridos e mais a implicación coa organización co fin de acadar unha Administración de xustiza moderna e comprometida coa calidade dos servizos prestados á cidadanía. Valorarase de xeito particular a implicación nos procesos de cambio relacionados coa implantación do novo modelo de oficina xudicial e das ferramentas informáticas e, en xeral, as actividades singulares que sexan acreditadas pola Dirección Xeral de Xustiza, de común acordo coa Dirección Xeral da Función Pública, como de interese para a actividade administrativa e con relevancia para o sistema de traxectoria profesional, polo procedemento que se estableza regulamentariamente.

Oitava. Cláusula de salvagarda do sistema de traxectoria profesional

No caso de que o recoñecemento extraordinario do grao II do sistema de carreira profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma, previsto no Acordo de concertación do emprego público de Galicia (publicado no Diario Oficial de Galicia do 28 de xaneiro de 2019), varíe en canto ás anualidades e/ou ás porcentaxes de pagamento do grao recoñecido, aplicarase a mesma medida no sistema de traxectoria profesional para o persoal da Administración de xustiza con respecto ás anualidades e porcentaxes previstas na cláusula quinta deste acordo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sinaturas:

Por parte da Administración: Juan José Martín Álvarez, director xeral de Xustiza.

Por parte das organización sindicais:

Por SPJ-USO: Julio Bouza Bouza.

Por UGT: Manuel González Carvajal.

Por CC.OO.: Constantino Novoa Blanco.

ANEXO I

Criterios xerais de avaliación réxime transitorio e excepcional de encadramento

a) Formación continuada:

– Recibida: a asistencia e, de ser o caso, a superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade Pública, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartiran os cursos anteditos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública e, especificamente, no eido da Administración de xustiza.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo ou xefatura de sección ou outros postos singularizados das relacións de postos de traballo.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

Igualmente, computarase o tempo de servizos prestados en servizo activo como letrados da Administración de xustiza daqueles funcionarios do corpo de xestión procesual e administrativo, para o recoñecemento da traxectoria no seu corpo de orixe.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

g) Dous anos de servizos prestados en postos de traballos que, polas súas especiais características de illamento, soidade ou distancia con centros de formación, amosen dificultades para a realización de actividades formativas. A determinación destes postos será feita pola comisión de seguimento deste acordo, por proposta da Administración».

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza