Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27192

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases que rexen os premios do programa Xuventude Crea e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS310Q).

BDNS (identif.): 513856.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas destinatarias

Serán destinatarias da convocatoria as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020 agás o establecido no capítulo II segundo para cada especialidade.

Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na cal solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti, creación de videoxogos, cociña e danza moderna, a participación será sempre a título individual.

Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

Segundo. Obxecto

O obxecto é establecer as bases que rexen a concesión dos premios do programa Xuventude Crea e convocalos para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases que rexen os premios do programa Xuventude Crea e se convocan para o ano 2020.

Cuarto. Importe

Destínase un crédito de 93.100 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.10.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta (30) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Modalidades dos premios do programa Xuventude Crea:

a) Artes plásticas.

b) Banda deseñada.

c) Cociña.

d) Creación de videoxogos.

e) Danza moderna.

f) Deseño de xoias.

g) Fotografía.

h) Graffiti.

i) Moda.

j) Música.

k) Novela curta.

l) Poesía.

ll) Teatro.

m) Videocreación.

Premios por cada unha das especialidades:

Un primeiro premio de 3.000 €.

Un segundo premio de 1.500 €.

Un terceiro premio de 1.000 €.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, coa avaliación da comisión selección, acaden a suficiente calidade.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social