Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27160

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases que rexen os premios do programa Xuventude Crea e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS310Q).

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da mocidade, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

O artigo 33 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as súas competencias a través da consellería competente en materia de xuventude, á cal lle corresponden, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

Pola súa parte, o artigo 9 da citada lei (xuventude, creatividade e espírito emprendedor) reflicte que a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor potenciando entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do cal formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade, e adoptará medidas e accións tendentes a que a xuventude encontre facilidades para a creación do seu propio posto de traballo, así como a posta en marcha dos seus propios proxectos empresariais.

Segundo o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

A Consellería de Política Social, consciente da importancia que ten facilitar vías polas cales se poida manifestar a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Xuventude Crea.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; ao Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e á Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Parte xeral

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen a concesión dos premios do programa Xuventude Crea e convocalos para o ano 2020.

2. Cos premios do programa Xuventude Crea trátase de favorecer o traballo creativo da xuventude galega coa finalidade de fomentar a actividade creadora, facilitar a súa promoción e a difusión da súa obra nas especialidades de artes plásticas, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.

3. O código de procedemento administrativo é o BS310Q.

Artigo 2. Convocatoria e especialidades

1. A Consellería de Política Social convoca estes premios para o ano 2020. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios do programa Xuventude Crea que se convocan inclúen as seguintes modalidades:

a) Artes plásticas.

b) Banda deseñada.

c) Cociña.

d) Creación de videoxogos.

e) Danza moderna.

f) Deseño de xoias.

g) Fotografía.

h) Graffiti.

i) Moda.

j) Música.

k) Novela curta.

l) Poesía.

ll) Teatro.

m) Videocreación.

Artigo 3. Premios

1. Establécense os seguintes premios por cada unha das especialidades:

Un primeiro premio de 3.000 €.

Un segundo premio de 1.500 €.

Un terceiro premio de 1.000 €.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, coa avaliación da comisión selección, acaden a suficiente calidade.

2. Cada persoa participante non poderá recibir máis dun premio por especialidade.

3. A dotación destes premios será complementada de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade respecto das persoas solicitantes que sexan seleccionadas para a fase final.

4. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

5. Segundo a calidade das obras, poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio repartirase de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

6. Entregaráselles un diploma acreditativo a todas as persoas premiadas e ás persoas finalistas.

7. A obtención dun premio económico neste programa suporá a incompatibilidade de presentar a obra premiada a outros certames.

Artigo 4. Orzamento

Para o financiamento destes premios destínase un crédito de 93.100 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.10 consignada na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Artigo 5. Persoas destinatarias e requisitos

1. Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020, agás o establecido no capítulo II segundo para cada especialidade.

2. Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

3. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti, creación de videoxogos, cociña e danza moderna, a participación será sempre a título individual.

4. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

5. A información contida neste artigo debe ser consignada de acordo co disposto no capítulo II (parte específica).

Artigo 6. Obras

1. Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade.

2. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

3. As obras non poderán incluír contidos xenófobos ou de calquera outro tipo que atenten contra a dignidade das persoas.

4. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido beneficiarias de axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. A Consellería de Política Social quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, puideren incorrer as persoas participantes.

Artigo 7. Solicitude e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude das persoas participantes deberase facer a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).

As solicitudes deberanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta (30) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Para poderen optar aos premios do programa Xuventude Crea, as persoas participantes deberán presentar a documentación establecida no artigo seguinte desta orde.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria. Unicamente a Consellería de Política Social queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non se acadar unha participación mínima de catro proxectos.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas participantes deberán achegar co impreso de solicitude (anexo I) un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título da obra e o pseudónimo do autor ou da autora e no cal irán o boletín de inscrición (anexo II) e a obra e documentación que corresponda de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta, ademais da seguinte documentación, de ser o caso:

a) No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, precísase autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión relacionada con ela.

b) Anexo III para a comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (no caso de grupos).

c) No caso dunha pluralidade de solicitantes, deberase achegar coa solicitude (anexo II) a listaxe completa de persoas solicitantes, xunto coa autorización no caso de menores de idade e o anexo III (no caso de grupos), de ser o caso.

Calquera soporte audiovisual que se envíe (memoria USB, CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravación.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días, contado desde o seguinte ao da publicación da notificación no Diario Oficial de Galicia, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerase que desistiu da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites posteriores ás solicitudes se deberán realizar de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou dos membros do grupo, de ser o caso.

b) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou dos membros do grupo, de ser o caso.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante ou dos membros do grupo, de ser o caso.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da persoa solicitante ou dos membros do grupo, de ser o caso.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) da persoa solicitante ou dos membros do grupo, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II (boletín de inscrición) e anexo III (en caso de grupos), e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Programas para a Xuventude da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Unha vez completos os expedientes, remitiraos á comisión de selección prevista no artigo seguinte para a súa valoración de conformidade co disposto na parte específica para cada especialidade e, unha vez emitido por esta o informe previsto no artigo 14, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver o procedemento.

Artigo 13. Comisión de selección

1. Para o exame e valoración dos expedientes constituirase unha comisión de selección en cada especialidade designada para o efecto mediante resolución da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A comisión de selección estará integrada por:

– Un/unha presidente/a, que será exercido pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou a persoa que a substitúa.

– Vogais, ata un máximo de cinco, todas estas persoas profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore.

– Un/unha secretario/a, que recaerá nun/nunha técnico/a da Consellería de Política Social.

2. Na composición da comisión de selección procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

3. Os nomes das persoas integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web http://xuventude.xunta.gal.

4. A comisión, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 14. Valoración das solicitudes admitidas

A comisión de selección examinará e valorará as obras presentadas paras as distintas especialidades en función dos seguintes criterios:

a) Artes plásticas: valoraranse a orixinalidade, a innovación, a presentación e a calidade da obra.

b) Banda deseñada: valoraranse a técnica, a orixinalidade e as ilustracións (relación co texto, orixinalidade e calidade artística).

c) Cociña: valoraranse a presentación, a orixinalidade, a innovación e o emprego de produtos galegos de calidade.

d) Creación de videoxogos: valoraranse a orixinalidade, a arte, a técnica, o audio, a narrativa e o deseño de xogo e niveis.

e) Danza moderna: valoraranse a técnica, a dificultade, a orixinalidade, a musicalidade, a posta en escena e a coreografía.

f) Deseño de xoias: valoraranse a orixinalidade, a selección de materiais, terminacións e os acabados.

g) Fotografía: valoraranse a orixinalidade, a técnica, a presentación e a calidade da obra.

h) Graffiti: valoraranse a orixinalidade, a dificultade de execución, o deseño, a estrutura e a calidade da obra.

i) Moda: valoraranse a orixinalidade, a experimentación formal nos deseños, a selección de tecidos, o colorido, as padróns, os volumes e as texturas.

j) Música: valoraranse a orixinalidade, a técnica, a dificultade, o ritmo, a voz ou voces, a harmonía e a posta en escena.

k) Novela curta: valoraranse a orixinalidade, a técnica, a estrutura, o estilo, a corrección ortográfica e gramatical, a claridade e a calidade da obra.

l) Poesía: valoraranse a orixinalidade, o ritmo, o estilo, o uso de recursos estilísticos e literarios, a claridade e a calidade da obra.

ll) Teatro: valoraranse a orixinalidade, a interpretación, o dominio do espazo, a vestimenta e escenografía, o ritmo e a representación (expresión oral, expresión corporal, construción do/a personaxe).

m) Videocreación: valoraranse a orixinalidade, a eficacia comunicativa, a técnica e a calidade da obra.

A comisión de selección emitirá un informe-proposta de obra premiada para cada especialidade, que elevará ao órgano instrutor.

Artigo 15. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe valoración da comisión de selección, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución dos premios por cada especialidade ou declaración de deserta, se for o caso.

2. O órgano competente para resolver será a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

A resolución será notificada de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que contra elas se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

2. Así mesmo, ao abeiro do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.

Artigo 17. Difusión das obras

1. A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas participantes, a favor da Consellería de Política Social, dos dereitos de difusión dos proxectos presentados no marco deste programa, así como para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

2. As obras das persoas participantes deberán ser retiradas por elas ou pola persoa autorizada no lugar que determine a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación, coa decisión da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, entendéndose que os seus autores e autoras renuncian a todo tipo de dereito sobre elas, a cal poderá darlles o destino que considere oportuno.

Artigo 18. Obrigas das persoas seleccionadas para a fase final e das persoas premiadas

1. As persoas participantes seleccionadas para a fase final e as persoas premiadas deberán subministrar á Consellería de Política Social os arquivos de código fonte necesarios para que os proxectos finalistas e premiados poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

2. As persoas participantes seleccionadas para a fase final nos termos dos artigos 25, 35, 37, 39 e 43, e as persoas premiadas deberán:

a) Acreditar, previamente á concesión e pagamento das axudas previstas para a participación na fase final e para os premios, que están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

b) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda da fase final e do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007 ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para a efectividade da devolución, tramitarase o correspondente procedemento de reintegro segundo o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Cumprir os requisitos e as obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e as restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.

3. As persoas premiadas, ademais das obrigas establecidas nos números 1 e 2, deberán:

a) Colaborar nas accións de difusión que se organicen, así como a autorización de edición e reprodución a favor da Consellería de Política Social para a súa publicidade, difusión e divulgación a través do portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social (http://xuventude.xunta.es/), redes sociais e demais medios de difusión da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Conservar os orixinais das obras premiadas e poñelos á disposición da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para a súa exhibición ou difusión por calquera medio ata o 31 de decembro do ano natural seguinte ao da concesión do premio.

c) No caso de que a obra sexa obxecto de posterior exhibición ou difusión pola persoa premiada, deberase indicar de forma expresa e visible a súa condición de premiada neste programa.

Artigo 19. Publicación dos actos e resolucións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada, así mesmo, na páxina web http://xuventude.xunta.es.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación de persoas premiadas e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia deles, se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas premiadas e a referida publicidade.

2. En virtude do artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 6/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da referida lei.

3. A información sobre a concesión dos premios será transmitida á Base de datos nacional de subvencións, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

CAPÍTULO II

Parte específica

Sección 1ª. Artes plásticas

Artigo 21. Condicións xerais

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) En memoria USB ou CD unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra, na cal se indicarán o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura). No caso de obras escultóricas, as fotografías deberanse presentar desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou, previamente para a avaliación pola comisión de selección, sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

No caso de escultura, o peso máximo da obra non poderá superar os 50 kg.

Artigo 22. Desenvolvemento

1. Para unha exposición, a comisión de selección avaliará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no seu momento porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a súa exposición co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso e, ademais, comunicará o lugar e a data en que terá lugar a exposición; todo isto sen prexuízo do disposto no número 8.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe faraa o autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 2ª. Banda deseñada

Artigo 23. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberase xuntar nunha memoria USB, CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 3ª. Cociña

Artigo 24. Condicións xerais

1. Os traballos poderán ser individuais ou en parella.

2. Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en parella.

3. A receita presentada por cada participante –individual ou en parella– pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) A receita, que se presentará nunha memoria USB ou CD, deberá estar escrita en lingua galega e terá que incluír o título do prato, a relación de ingredientes –avalados, prioritariamente, por algunha das denominacións de orixe de Galicia– e o proceso de elaboración.

b) No mesmo USB ou CD, unha ou varias fotografías en cor do prato presentado.

5. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder as 2 horas.

Artigo 25. Desenvolvemento

A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 6 participantes que confeccionarán o prato proposto no lugar e na data que determine a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A Consellería de Política Social asumirá os gastos orixinados para a súa elaboración por un importe máximo de 75 € por participante (individual ou parella). O tempo máximo de elaboración do prato será de 2 horas. As persoas participantes levarán a súa propia vaixela e enxoval, agás a cociña, que será proporcionada pola organización.

Sección 4ª. Creación de videoxogos

Artigo 26. Condicións xerais

1. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso, cun máximo de 5 integrantes.

Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos.

2. Ningún/ningunha participante poderá formar parte de máis dun grupo.

3. Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o audio en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua.

4. A temática será libre.

5. Só se poderán presentar videoxogos para PC e MAC.

6. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Ficha técnica na cal se inclúan título, ano de realización, plataforma de execución, instrucións de instalación e funcionamento e requisitos mínimos para o seu correcto funcionamento.

b) Memoria USB que conteña o videoxogo, co título e o pseudónimo do/a autor/a.

En todo caso, a gravación deberá estar feita a velocidade real para que a súa duración corresponda desde o inicio ata a finalización do videoxogo e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visión, xa que, en caso contrario, a obra será rexeitada.

Artigo 27. Desenvolvemento

1. A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 6 proxectos para unha exhibición en directo na data, horario e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. As persoas seleccionadas para esta exhibición final deberán acudir cunha copia de seguridade do videoxogo.

Sección 5ª. Danza moderna

Artigo 28. Condicións xerais

1. Especialidades: danza contemporánea, danza urbana, lírico e danza experimental.

2. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso, cun mínimo de 2 e un máximo de 30 membros.

3. Ningún/ningunha participante poderá formar parte de máis dun grupo.

4. A duración da actuación non pode superar os cinco (5) minutos.

5. A coreografía debe ser inédita.

6. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha gravación que recolla a actuación. A obra poderá ser producida en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en memoria USB, CD ou DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visualización.

b) Música da coreografía.

c) Ficha técnica na cal se detallen título da obra, duración, coreógrafo/a, música e atrezzo da coreografía.

d) Relación nominal das persoas integrantes do grupo, con indicación da idade.

e) No caso de que os participantes presenten un proxecto acompañado de música orixinal, ficha técnica na cal se detallen o nome do compositor/a; relación nominal dos músicos intérpretes, con indicación dos instrumentos que tocan; especificación de se a música foi composta especialmente para a coreografía presentada e, por tanto, é orixinal, e indicación de se, para o caso de ser seleccionada para a fase final, a música será gravada ou interpretada en directo.

f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

Toda esta documentación se deberá presentar en soporte papel e tamén en CD.

Artigo 29. Desenvolvemento

1. A comisión poderá avaliar para a fase final un máximo de 6 proxectos, que serán os que representarán a súa intervención en directo no día, lugar e hora que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. As persoas seleccionadas para esta actuación final deberán acudir cunha copia de seguridade da montaxe musical, xa sexa en CD ou memoria USB, que debe conter só a montaxe musical da actuación.

3. Para as actuacións da fase final as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos.

4. O equipamento técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.

5. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos para a súa posible difusión nas redes sociais e medios de comunicación, nos termos recollidos no artigo 18.

Sección 6ª. Deseño de xoias

Artigo 30. Condicións xerais

1. A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas débese traballar en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de pezas compradas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

As fotografías das xoias deberán presentarse nunha memoria USB ou CD e mostrarse na escala máis próxima á real 1:1.

b) No mesmo USB ou CD incluirase unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.

Artigo 31. Desenvolvemento

A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 10 participantes que exhibirán as súas obras no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Sección 7ª. Fotografía

Artigo 32. Condicións xerais

1. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) En memoria USB ou CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na cal se indicarán o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou, previamente para a avaliación pola comisión de selección, sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

Artigo 33. Desenvolvemento

1. Para a exposición, a comisión avaliará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso e, ademais, comunicará o lugar e a data en que terá lugar o evento; todo isto sen prexuízo do disposto no número 7.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe faraa o autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 8ª. Graffiti

Artigo 34. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de teren texto, este estará en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso poderá ter un máximo de 3 membros.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN-A3 (realizado á man e presentado a cor).

b) Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente pola persoa solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).

Artigo 35. Desenvolvemento

1. A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 10 persoas participantes, que serán requiridas para realizar un mural de aproximadamente 4 m x 2 m (en posición horizontal) ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A Consellería de Política Social asumirá os gastos de material por un importe máximo de 350 € por participante individual ou grupo.

2. A comisión de selección poderá avaliar a descualificación da persoa finalista pola realización do graffiti fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección 9ª. Moda

Artigo 36. Condicións xerais

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terán que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

b) Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 37. Desenvolvemento

A comisión poderá avaliar para unha exposición ata un máximo de 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios e que se exhibirán no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A Consellería de Política Social asumirá os gastos de material por un importe máximo de 500 € por participante.

Sección 10ª. Música

Artigo 38. Condicións xerais

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Maqueta en memoria USB ou CD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polas persoas compoñentes inscritas, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego e, en calquera caso, un dos temas deberá ser en galego, agás que se trate de pezas instrumentais.

b) Ficha técnica na cal se detallen o título, a duración e a autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

c) Fotografía recente do grupo ou solista.

d) Relación nominal mecanografada das persoas compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

e) Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

g) Declaración responsable acreditativa de que a persoa participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación se deberá presentar en soporte papel e tamén en CD ou memoria USB.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

Artigo 39. Desenvolvemento

1. A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 6 proxectos participantes que serán os que actuarán ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A Consellería de Política Social asumirá os gastos ocasionados pola actuación por un importe máximo de 600 € no caso de grupos ou de 300 € no caso de solistas.

2. Para as actuacións da fase final, as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.

3. O equipamento técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.

Sección 11ª. Novela curta

Artigo 40. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que se deberán presentar en memoria USB ou CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200, e as follas estarán numeradas.

4. O proxecto gañador do primeiro premio poderá ser obxecto de edición e publicación, e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asumirá os custos da primeira edición, de ser o caso.

Sección 12ª. Poesía

Artigo 41. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que se deberán presentar en memoria USB ou CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, e as follas estarán numeradas.

Sección 13ª. Teatro

Artigo 42. Condicións xerais

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020. Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teña entre 14 e menos de 16 anos.

En calquera caso, tanto as persoas integrantes da dirección coma as do equipo técnico non se verán afectadas polo disposto no artigo 5.1.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán:

a) Listaxe das persoas compoñentes do grupo, en que indiquen a idade e a función.

b) Unha síntese da obra: título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso, e da posta en escena: número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa.

c) Memoria USB ou DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019.

En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visualización.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira.

5. Poderanse presentar obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder unha hora e trinta minutos.

Artigo 43. Desenvolvemento

A comisión poderá avaliará para a fase final ata un máximo de 6 grupos que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A Consellería de Política Social asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 € por grupo.

Sección 14ª. Videocreación

Artigo 44. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

3. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán unha memoria USB ou DVD coa obra e ficha técnica na cal se inclúan o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.

4. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en memoria USB ou DVD, onde figurarán o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso, a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visualización, xa que, en caso contrario, a obra será rexeitada.

5. A duración de cada obra será dun mínimo de 2 minutos e dun máximo de 8 minutos.

6. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2019.

7. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado reserva para si o dereito a solicitarlles ás persoas participantes unha copia en formato orixinal, para a súa proxección pública, nos termos recollidos no artigo 18.

8. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nas redes sociais e nos medios de comunicación, nos termos recollidos no artigo 18.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta orde a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios, sen prexuízo das limitacións de conformidade coa norma de aplicación.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Solicitudes dunha pluralidade de persoas

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderanse formular nunha única solicitude. Neste suposto, deberase achegar coa solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Este modelo presentarase co anexo II (boletín de inscrición). As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposición derradeira segunda. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file