Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27157

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 2 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas a proxectos de investigación sanitaria translacional, programa Translaciona COVID-19. Reforzo da investigación sanitaria de Galicia, e se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a tramitación e xestión das citadas axudas (código de procedemento SA304C).

BDNS (Identif.): 513957.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Serán beneficiarios os institutos de investigación sanitaria de Galicia, que poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través das súas entidades de xestión, de acordo co disposto no artigo 4.c) do Real decreto 279/2016, do 24 de xuño, sobre acreditación de institutos de investigación biomédica ou sanitaria.

A través destes institutos poderá presentar proxectos de investigación calquera profesional sanitario, investigador ou grupo de investigación vinculado ao Sistema público de saúde de Galicia na súa respectiva área sanitaria.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria extraordinaria das axudas do programa Translaciona COVID 19. Reforzo da investigación sanitaria de Galicia, convocatoria que ten como finalidade apoiar a investigación sanitaria na súa vertente traslacional, co financiamento de proxectos, iniciativas ou ideas xurdidas dentro do Sistema público de saúde de Galicia no eido da investigación sanitaria, orientadas á prevención, diagnóstico ou tratamento da enfermidade COVID-19 (código de procedemento SA304C), e realizar a súa convocatoria para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 2 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas a proxectos de investigación sanitaria translacional, programa Translaciona COVID 19. Reforzo da investigación sanitaria de Galicia, e se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a tramitación e xestión das citadas axudas (código de procedemento SA304C).

Cuarto. Contía

A contía máxima destinada a financiar estas axudas será de cincocentos mil euros (500.000 €), dos cales trescentos cincuenta mil (350.000 €) estarán destinados a financiar os gastos de contratación de persoal (artigo 5.2.1d) e cento cincuenta mil euros (150.000 €) para o resto dos gastos (artigo 5.2.1), que se imputarán ás aplicacións orzamentarias do orzamento do Servizo Galego de Saúde para os anos 2020 e 2021, coa seguinte distribución que se indica neste artigo, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega.

Servizo Galego de Saúde

Aplicación

orzamentaria

Código do proxecto

2020

2021

Servizo Galego de Saúde

5001.561C.481.00

capítulo IV

2020 00014

87.500 € * 70%

262.500 € *70%

Servizo Galego de Saúde

5001.561C.781.00

capítulo VII

2020 00014

37.500 €* 30%

112.500 € *30%

Total

125.000€

375.000€

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días, contados desde o seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA304C.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade