Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27121

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas a proxectos de investigación sanitaria translacional, programa Translaciona COVID-19. Reforzo da investigación sanitaria de Galicia, e se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a tramitación e xestión das citadas axudas (código de procedemento SA304C).

A Organización Mundial da Saúde elevou o 11 de marzo de 2020 a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 a pandemia internacional. A rapidez na evolución dos feitos, a escala nacional e internacional, requiriu a adopción de medidas inmediatas e eficaces para facer fronte a esta situación. As circunstancias extraordinarias que concorren constitúen, sen dúbida, unha crise sanitaria sen precedentes e de enorme magnitude, tanto polo moi elevado número de cidadáns/ás afectados/as como polo extraordinario risco para os seus dereitos.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, publicado no Boletín Oficial del Estado con data do 14 de marzo de 2020, recolle unha serie de medidas dirixidas a protexer a saúde e seguridade da cidadanía, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública.

Por outra banda, o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, tamén estableceu unha serie de medidas de apoio á investigación sobre a COVID-19, entre as cales se encontra unha convocatoria do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) cun orzamento de 24.000.000,00 € a proxectos de investigación que teñan como finalidade contribuír a mellorar o diagnóstico e tratamento clínico de pacientes do Sistema nacional de saúde (SNS) infectados por SARS-CoV-2019 (SARS-2), así como a preparación e resposta de saúde pública no contexto da pandemia en curso de SARS-CoV-2019 (SARS-2).

A loita contra a COVID-19 segue sendo un obxectivo prioritario do Goberno galego, fomentando a investigación sobre a enfermidade para o desenvolvemento de medicamentos eficaces e vacinas que axuden a conter o impacto de futuros brotes. O control efectivo da pandemia é o primeiro elemento determinante para minimizar o impacto económico. Un control efectivo debe facerse non só mediante o reforzo de medidas de contención, senón tamén fomentando a investigación de base sobre a enfermidade, tratando de anticiparse e desenvolvendo tratamentos e vacinas que impidan novos escenarios de contaxios xeneralizados.

Por outra banda, desde a Consellería de Sanidade, mediante a Orde do 2 de abril de 2020 (DOG núm. 68, do 7 de abril), por proposta da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (en diante, ACIS), adoptáronse unha serie de medidas co obxectivo de conciliar a situación excepcional que se estaba a vivir nos centros sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, así como para garantir a investigación e innovación sanitaria como piar fundamental do sistema que pode axudar a resolver os retos científicos aos cales nos enfrontamos.

Por isto, e co obxectivo de racionalizar os recursos sanitarios na situación de emerxencia sanitaria en que nos atopamos e de que non se perderan oportunidades no eido da investigación, propuxéronse unha serie de medidas orientadas á axilización de determinados procedementos, priorización dos estudos e ensaios clínicos relacionados coa COVID-19 e medidas orientadas á potenciación do almacenamento de mostras biolóxicas dos doentes da COVID-19 para futuras investigacións nos centros do Sistema público de saúde de Galicia.

Nese sentido, cómpre ter en conta que as principais actuacións realizadas polas autoridades sanitarias, nas primeiras semanas nesta situación de emerxencia sanitaria, foron orientadas principalmente a priorizar a actividade asistencial.

Cómpre destacar que moitos dos profesionais sanitarios dedicados tamén á investigación, e nalgúns casos o propio persoal investigador que, polo seu perfil de formación, estaba capacitado para o desenvolvemento da actividade clínico-asistencial nas áreas de coñecemento correspondente, concentraron os seus esforzos e dedicación no apoio da actividade asistencial.

Aínda así, a presentación de propostas, iniciativas e ideas por parte das estruturas de I+D+i adscritas ou vinculadas ao Sistema público de saúde de Galicia a distintas convocatorias europeas, nacionais e autonómicas non cesou neste estado de alarma.

A investigación no Sistema público de saúde de Galicia desenvólvese principalmente nos tres institutos de investigación sanitaria (IIS) galegos, na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e na Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Os institutos de investigación sanitaria galegos son, pola súa vez, o resultado da asociación dos hospitais docentes e investigadores do Servizo Galego de Saúde co Sistema Universitario Galego e outras entidades públicas. A misión principal destes institutos é realizar investigación translacional de máxima calidade.

Por outra banda, a ACIS é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A ACIS foi creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, como un instrumento para a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos profesionais das institucións sanitarias.

Correspóndelle á citada axencia promover, coordinar e avaliar a investigación sanitaria de calidade en función dos criterios e obxectivos definidos polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade, de acordo coa política xeral da Xunta de Galicia en materia de I+D+i.

A través da presente orde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde encomendan á ACIS, de acordo co artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, a xestión da tramitación do procedemento de concesión das presentes axudas nos termos e co alcance establecidos no seu articulado.

De conformidade co anteriormente exposto, tendo en conta a evolución da situación da crise sanitaria que se desenvolve no marco do estado de alarma e a minoración da presión ou estrés asistencial, por parte do Goberno galego cómpre agora abordar o lanzamento dunha convocatoria extraordinaria de axudas que permita tamén apoiar os proxectos de investigación, ideas e iniciativas que xurdisen durante a situación de emerxencia sanitaria relacionados coa COVID-19 no eido do Sistema de saúde de Galicia, un dos motores esenciais da loita sanitaria contra a pandemia.

A finalidade desta convocatoria extraordinaria é apoiar os proxectos de investigación que xorden do coñecemento do Sistema público de Saúde de Galicia e a experiencia recollida durante o estado de alarma co obxectivo de previr novos brotes, anticiparse a novos eventos adversos, contribuír a mellorar o diagnóstico e tratamento de pacientes infectados por SARS-CoV-2019 (SARS-2), apoiar novos tratamentos ou terapias, desenvolvemento de ferramentas rápidas e fiables que van máis aló do estado da técnica para a detección de portadores da COVID-19 e persoas sintomáticas sospeitosas de infección pola COVID-19, etc.

A Xunta de Galicia habilitou un servizo de doazóns, tanto de material como económicas, para que as persoas interesadas, sexan particulares ou empresas, poidan realizar as súas achegas na loita contra o coronavirus. Unha das finalidades do mecenado é precisamente o apoio á investigación, aos achados científicos e o desenvolvemento tecnolóxico, que son os responsables de importantes melloras da calidade de vida dos cidadáns. Cómpre neste caso sinalar que a dotación económica da presente convocatoria procede das citadas doazóns e actuacións de mecenado social, que servirán para apoiar e promover os proxectos de investigación seleccionados na presente convocatoria.

Por outra banda, a Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recoñeceu a necesidade de promover a investigación biosanitaria, especialmente na súa vertente translacional, como un instrumento para a mellora da saúde da poboación, tendo en conta as prioridades marcadas nos distintos plans de investigación e innovación vixentes en cada momento, así como para o impulso do desenvolvemento económico de Galicia.

O procedemento de concesión das axudas reguladas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo con criterios de valoración de natureza obxectiva. Tendo en conta que se trata de axudas dirixidas a organismos de investigación sanitaria e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

DISPOÑO:

Artigo 1. Encomenda de xestión de carácter técnico á ACIS

De conformidade co artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por parte da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde encoméndase a ACIS a tramitación, comprobación e, de ser o caso, solicitude de reintegro das axudas, do presente programa Translaciona COVID-19. Reforzo da investigación clínica de Galicia. A encomenda non comprenderá o pagamento dos fondos ás entidades ou persoas beneficiarias.

En canto ao alcance da xestión encomendada, ten natureza intersubxectiva ao ser a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a ACIS órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

A presente encomenda terá a duración estritamente necesaria para o desenvolvemento das actuacións previstas no seu obxecto e mentres dure o programa Translaciona COVID-19. Reforzo da investigación clínica de Galicia, e poderá finalizar anticipadamente por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

Artigo 2. Obxecto e finalidade

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria extraordinaria das axudas do programa Translaciona COVID-19. Reforzo da investigación sanitaria de Galicia, convocatoria que ten como finalidade apoiar a investigación sanitaria na súa vertente translacional, co financiamento de proxectos, iniciativas ou ideas xurdidas dentro do Sistema público de saúde de Galicia no eido da investigación sanitaria, orientadas á prevención, diagnóstico ou tratamento da enfermidade da COVID-19 (código de procedemento SA304C), e realizar a convocatoria para o ano 2020.

Artigo 3. Principios de xestión

1. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. Terá o código SA304C para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e do acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Artigo 4. Beneficiarios e requisitos

Serán beneficiarios os institutos de investigación sanitaria de Galicia, que poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través das súas entidades de xestión de acordo co disposto no artigo 4.c) do Real decreto 279/2016, do 24 de xuño, sobre acreditación de institutos de investigación biomédica ou sanitaria.

A través destes institutos poderá presentar proxectos de investigación calquera profesional sanitario, investigador ou grupo de investigación vinculado ao Sistema público de saúde de Galicia na súa respectiva área sanitaria.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria os proxectos que se relacionen coas actividades de prevención, diagnóstico ou tratamento (ou complementarias delas) da COVID-19, que poderán estar incluídos nalgunha das seguintes liñas a título enunciativo e non limitativo:

• Técnicas de diagnóstico virolóxico rápido e aplicables á asistencia sanitaria.

• Detección e destrución do virus, sistemas de desinfección masivos, etc.

• Desenvolvemento de terapias innovadoras, novas moléculas antivirais, antisépticos e desinfectantes fronte ao SARS-CoV-2019 (SARS-2) .

• Caracterización do virus SARS-CoV-2019 (SARS-2), coñecemento da variación xenética e antixénica do SARS-CoV-2019 (SARS-2), así como da resposta inmunolóxica ao virus SARS-CoV-2019 (SARS-2) e da interacción virus-hóspede.

• Impacto socioeconómico da enfermidade COVID-19.

• Análise das consecuencias clínicas da enfermidade COVID-19.

• Intelixencia artificial e análise masiva de datos integrados orientados ao control epidemiolóxico da enfermidade COVID-19, a coñecer en tempo real a dispoñibilidade de recursos sanitarios ou diagnósticos por imaxe e a mellorar a resposta cidadá ante a crise sanitaria.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2.1. Só serán subvencionables os custos directos asociados á realización das actividades. Consideraranse custos directos os seguintes:

a) Gastos directamente relacionados coa execución das actividades, tales como os custos de utilización dalgúns servizos centrais e xerais de apoio á investigación da entidade beneficiaria, colaboracións externas, asistencia técnica, gastos externos de consultoría e servizos relacionados cos proxectos; todos debidamente xustificados e necesarios para o bo fin do proxecto.

b) Gastos de adquisición de material inventariable e equipamento científico-técnico indispensable para a realización do proxecto; as adquisicións de material funxible e demais gastos complementarios directamente relacionados coa execución do proxecto.

c) Gastos de publicación e difusión de resultados. Inclúense: gastos de revisión de manuscritos; gastos de publicación en revistas científicas, incluídos os relacionados coa publicación en revistas de acceso aberto; e os gastos derivados da incorporación a repositorios de libre acceso.

Estes gastos poderán ser imputados co límite máximo do 2 % do orzamento e deberán estar exclusiva e unicamente dirixidos á difusión dos resultados do proxecto.

d) Gastos de contratación de persoal técnico ou co grao necesario para a realización do proxecto, e que poderán incorporarse a este durante todo ou parte do tempo de duración previsto.

Os custos máximos de contratación imputables á subvención serano unicamente para o aboamento da retribución bruta salarial.

O persoal poderá ser contratado baixo calquera modalidade de contratación acorde coa lexislación vixente e coas normas a que estea sometida a entidade ou persoa beneficiaria, sen que iso implique ningún compromiso en canto á súa posterior incorporación ao dito organismo ou entidade.

e) Serán subvencionables os gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa exixida para a comprobación da presente subvención.

Non se subvencionarán aquelas subcontratacións nas cales non se motive con precisión o obxecto, alcance e necesidade delas para a realización das actividades do proxecto de investigación presentado.

Artigo 6. Financiamento e contía orzamentaria das axudas

1. A contía máxima destinada a financiar estas axudas será de cincocentos mil euros (500.000 €), dos cales trescentos cincuenta mil (350.000 €) estarán destinados a financiar os gastos de contratación de persoal (artigo 5.2.1.d) e cento cincuenta mil euros (150.000 €) para o resto dos gastos (artigo 5.2.1), que se imputarán ás aplicacións orzamentarias do orzamento do Servizo Galego de Saúde para os anos 2020 e 2021 coa seguinte distribución que se indica neste artigo, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega.

Procedemento SA304C.

Servizo Galego de Saúde

Aplicación

orzamentaria

Código do proxecto

2020

2021

Servizo Galego de Saúde

5001.561C.481.00

capítulo IV

2020 00014

87.500 € * 70 %

262.500 € *70 %

Servizo Galego de Saúde

5001.561C.781.00

capítulo VII

2020 00014

37.500 €* 30 %

112.500 € *30 %

Total

125.000 €

375.000 €

2. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por proxecto de investigación de cen mil euros (100.000,00 €).

Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública fíxase como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta da entidade ou persoa beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, de ser o caso.

3. Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

O procedemento de concesión do orzamento destinado nesta convocatoria para sufragar os gastos asociados ao proxecto tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a avaliación das solicitudes en función dos criterios de valoración referidos posteriormente e a dispoñibilidade orzamentaria, o que determinará a contía da axuda asignada a cada proxecto.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes deste procedemento en que a concesión é en réxime de concorrencia competitiva será de 15 días, e comezará o seu cómputo o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Só serán admitidas as solicitudes que fosen gravadas na sede electrónica da Xunta antes das 24.00 horas do último día de prazo de presentación.

Artigo 8. Documentación que se deberá presentar para tramitar o procedemento

1. Deberase presentar o formulario de solicitude normalizado onde se recolle un resumo do proxecto de investigación, descrición das líñas de investigación principais do proxecto e cronograma, calidade e capacidade investigadora dos solicitantes e orzamento solicitado segundo o modelo recollido no anexo I, que se considerará parte integrante e contido mínimo da solicitude, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e, só para os efectos informativos, na páxina web da ACIS http://acis.sergas.es.

A ausencia de descrición detallada do contido da memoria ou do orzamento do proxecto implicará, en función da súa natureza, unha menor puntuación na avaliación do proxecto, a redución do orzamento presentado ou, mesmo, a denegación da axuda solicitada.

2. A solicitude comprenderá a declaración responsable relativa ao cumprimento por parte do solicitante dos requisitos a que se refire o artigo 4 das bases reguladoras. A presentación da declaración responsable faculta a Administración para verificar en calquera momento a veracidade dos datos declarados.

3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do programa recollidas nesta orde.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade.

c) Certificado de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento da Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

f) Poder da persoa representante que presente a solicitude inscrito no rexistro correspondente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificacións electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu correo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado correo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código SA304C, poderase obter información adicional na ACIS a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia de Coñecemento en Saúde (http://acis.sergas.es).

b) Nos teléfonos 981 56 80 59 e 981 55 51 03 da dita axencia.

c) No enderezo electrónico investigación.acis@sergas.es

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 13. Aceptación

1. A persoa representante da entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A ACIS poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe da subvención concedida. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e sancións que, como consecuencia delas, puidesen terse imposto nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou a entidades previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculados, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O Servizo de Xestión da ACIS será a unidade competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao titular da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ditar a resolución de concesión, por proposta da comisión de selección.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se xunta a documentación exixida, a persoa interesada será requirida mediante notificación individual ou anuncio publicado na páxina web da ACIS (http://acis.sergas.gal) para que, nun prazo de dez días hábiles, emende as deficiencias ou xunte os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición, tras a correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada. Non se considera emendada a non presentación da memoria técnica (anexo I) no prazo establecido no artigo 7.2. desta orde.

3. Poderanse solicitar todos os informes que se consideren necesarios para resolver o procedemento de concesión. A este respecto, as solicitudes poderán ser obxecto de informes técnicos de valoración científica e, de ser o caso, económica, que poderán realizalos persoas ou empresas expertas independentes, comisións técnicas de persoas expertas ou axencias de avaliación.

4. Se a documentación presentada é incompleta ou presenta defectos emendables, serán requiridas as persoas interesadas para que no prazo de 10 días emenden o defecto ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fan, lles será denegada a participación nesta convocatoria, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de selección.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

7. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. As resolucións dos procedementos de concesión das subvencións poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo.

9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o dito prazo sen se ditar resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo seguinte, e estará composta:

a) Pola persoa titular da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da ACIS, quen exercerá a presidencia.

b) Por unha persoa designada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

c) Por unha persoa designada pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

d) Pola persoa titular da Unidade Científico-Técnica da ACIS ou persoa en quen delegue.

e) Por unha persoa empregada pública da ACIS, que actuará como a secretaría, con voz e sen voto.

2. A comisión de selección, que poderá estar asistida por expertos externos, seleccionará as solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible, de acordo co seguinte procedemento:

En primeiro lugar seleccionaranse as solicitudes presentadas, por orde decrecente de puntuación.

3. Quedarán, en todo caso, como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispoña de crédito suficiente, sempre e cando cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

4. Poderanse solicitar cantos informes se consideren necesarios para resolver o procedemento de concesión. Ao respecto, as solicitudes poderán ser obxecto de informes técnicos de valoración científico-técnica, que poderán realizar persoas expertas, comisións técnicas de persoas expertas ou axencias de avaliación con competencias técnicas acordes coa materia obxecto da axuda.

5. A comisión de selección emitirá un informe final onde figurarán, de maneira individualizada, as solicitudes propostas para obter a subvención, con especificación da avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 17. Criterios de valoración

Os proxectos seleccionados serán avaliados pola comisión de selección, que poderá estar asistida por expertos externos en materia de investigación sanitaria, en función dos seguintes criterios de avaliación:

a) Calidade da memoria científico-técnica: ata 50 puntos

b) Experiencia e capacidade investigadora do/da solicitante profesional sanitario/a, investigadora ou equipo investigador: ata 20 puntos

c) Prioridade estratéxica de investigación no Sistema público galego de saúde: valorarase o grao de idoneidade para desenvolver un proxecto nun momento concreto polas circunstancias específicas que o determinen: ata 20 puntos.

d) Beneficios e rápida aplicabilidade para o sistema sanitario público galego ou usuarios do sistema: ata10 puntos.

Artigo 18. Período de execución do proxecto e réxime de xustificación das axudas

1. As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención presentaranse nos prazos fixados na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto de investigación subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos gastos realizados:

Ano 2020: ata o 31 de decembro de 2020.

Ano 2021: ata o 31 de outubro de 2021.

As entidades beneficiarias deberán achegar a conta xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión.

2. A xustificación das axudas percibidas deberá ser eficaz, transparente e baseada na calidade e no impacto científico-técnico e socioeconómico das actuacións financiadas, mediante unha xustificación económica e unha xustificación científico-técnica. Para tales efectos deberán achegar:

2.1. Unha memoria científico-técnica de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e resultados obtidos. Deberán conter como mínimo a seguinte información:

Desenvolvemento das actividades: cumprimento do obxectivo proposto na actuación, actividades realizadas e resultados acadados.

2.2. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

2.2.1. Relación detallada dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, con identificación do acredor e do documento, do seu importe, data de emisión e data de pagamento.

2.2.2. As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no paragrafo anterior, e a documentación acreditativa do pagamento.

Os gastos xustificados deberanse axustar aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

2.2.3. Facturas, conformadas pola persoa responsable da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta, con indicación do DNI.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto, as facturas non se admitirán a trámite, o que dará lugar á perda da subvención concedida.

2.2.4. Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

2.2.5. De ser o caso, acreditación do reintegro de remanentes non aplicados.

2.2.6. Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en: contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social, documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111) e xustificantes bancarios de pagamento das retribucións, correspondentes á persoa contratada. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

2.2.6.1. Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

2.2.6.2. Declaración responsable da persoa que ten a representación da entidade da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable, especificando este e a categoría profesional das persoas traballadoras para os efectos da súa verificación.

2.3. Informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, conforme o estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que deberá conter manifestación expresa acerca dos seguintes aspectos:

a) Verificación da existencia de facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados conforme coa imputación que para cada actividade se estableza na relación certificada de facturas que se solicita, así como dos certificados bancarios de pagamento. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas no período que estableza a convocatoria.

b) No caso de gastos de persoal:

– Verificación da existencia de contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, en que deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

– Verificación da existencia de partes de traballo asinados pola entidade e persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

O dito informe fará mención expresa a que se ten comprobado que os gastos relacionados nas contas xustificativas e imputados á axuda se axustan ao disposto sobre elixibilidade do gasto e que non se inclúe ningún financiado con cargo a outras axudas.

2.4. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a actuación subvencionada ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración segundo o modelo do anexo II.

Esta declaración deberá vir asinada electronicamente pola persoa responsable da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta.

2.5. Declaración asinada electronicamente pola persoa responsable da entidade, ou por quen actúe en representación desta, de que se cumpriu a finalidade da subvención segundo o modelo do anexo II.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o Servizo de Xestión da ACIS, este requiriralle á entidade ou persoa beneficiaria que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade ou persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na normativa básica de contratación do sector público vixente (contías iguais ou superiores (IVE incluído) a 40.000,00 € cando se trate de contratos de obras, ou 15.000,00 € no caso de contratos de subministracións ou servizos, segundo o artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro), a entidade beneficiaria deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren.

No caso de que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren, deberá achegarse un informe que motive as especiais características que impliquen que non hai no mercado suficiente número de entidades que prestan ou subministran o ben ou servizo.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non exime da obriga da solicitude das tres ofertas o feito de dispor de provedores homologados, o feito de que se trate de provedores habituais ou a proximidade do provedor.

Non obstante o anterior, cando a entidade beneficiaria sexa un organismo sometido á lexislación sobre contratos do sector público e o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na normativa básica de contratación do sector público vixente, a entidade beneficiaria rexerase polo disposto nesta normativa e deberá axustar a súa contratación aos procedementos que se establecen e, especialmente, á disposición adicional 54ª da Lei 9/2017, do 8 de novembro.

5. Cando o servizo de xestión da ACIS aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade ou persoa beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección.

Artigo 19. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida mediante resolución motivada sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Coa aceptación da subvención realizarase o pagamento anticipado.

Artigo 20. Xustificación e pagamento da axuda

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Considerarase gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, os períodos de realización de gastos (emisión de facturas) e realización de pagamentos dos gastos executados deberanse realizar:

Ano 2020: desde a data da presentación da solicitude de axuda ata o 31 de decembro de 2020.

Ano 2021: desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta da persoa beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

3. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión.

4. O pagamento da axuda realizarase logo de xustificación da realización do proxecto para o cal se concedeu de acordo coa solicitude presentada e nos termos establecidos na resolución de concesión.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 31.6. da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. O aboamento da subvención practicaráselle directamente á entidade beneficiaria na conta bancaria indicada por esta, que deberá ser da súa titularidade.

7. Na execución dos proxectos deberase manter, ademais, un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas co proxecto, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, que permita identificar as transaccións relacionadas, da toma de razón contable da axuda concedida, dos gastos e investimentos do proxecto, da saída de fondos para o pagamento destes gastos e investimentos e da recepción dos bens financiados.

8. A comprobación económica das axudas efectuarase a través das actuacións que verificarán que o gasto declarado é real e ten relación coa actuación subvencionada, que os bens se entregaron ou os servizos se prestaron de conformidade coa resolución de concesión, que as xustificacións son correctas e que as operacións e gastos cumpren as normas aplicables, así como que a entidade beneficiaria non incorre no suposto de dobre financiamento.

A comprobación incluirá os procedementos seguintes:

8.1 Comprobación administrativa. Realizarase sobre o 100 % das axudas concedidas, e levarase a cabo a revisión do contido económico da xustificación electrónica realizada polas entidades beneficiarias sobre o 100 % dos gastos presentados.

Estas verificacións administrativas son controis documentais baseados no exame da propia xustificación e dos oportunos xustificantes. O alcance mínimo da dita comprobación é o seguinte:

a) Correspondencia do gasto ao período de execución da actuación.

b) Correspondencia do gasto coa actuación aprobada.

c) Cumprimento das condicións da convocatoria.

d) Cumprimento das normas de subvencionabiliade.

e) Adecuación dos xustificantes achegados e a existencia dunha pista de auditoría adecuada.

f) Conformidade coa normativa aplicable.

8.2. Poderanse realizar verificacións sobre o terreo in situ sobre un mostra representativa das axudas, que terán por obxecto comprobar, entre outros, os seguintes elementos:

a) Situación real das actuacións do proxecto subvencionado.

b) Verificación documental e física de activos inventariables.

c) Observación de cumprimento da normativa de publicidade.

d) Plena conformidade dos procedementos de adxudicación de contratos públicos.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. En todo caso, os organismos de investigación sanitaria beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados coas actividades non económicas relativas a actuacións de I+D+i e de que así quede reflectido na súa contabilidade, conforme o establecido no número 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01).

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a ACIS, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

De acordo con esta obriga, a persoa beneficiaria deberá anunciar que está sendo subvencionada pola ACIS. Para isto incorporarán un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible durante o período mínimo dun ano desde o pagamento da subvención. O dito cartel estará dispoñible no portal de ACIS http://acis.sergas.es

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión das axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da ACIS.

Artigo 23. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, coas excepcións que se indican a continuación:

Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou o grupo de investigación reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da entidade financiadora.

Artigo 24. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público suporá un reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

4. Procederá o reintegro da axuda concedida por no xustificar os requisitos regulados no artigo 4 desta orde e non achegar as xustificacións reguladas no seu artigo 20.

5. Procederá o reintegro parcial pola diferenza entre os totais xustificados e admitidos cando sexan inferiores aos totais concedidos, e practicarase a redución correspondente sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Ás entidades e persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

No caso de que a entidade ou persoa beneficiaria renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Control

A ACIS poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter todas as entidades ou persoas beneficiarias das axudas desta convocatoria a procesos de avaliación de acordo coas condicións que se establecen en cada un dos anexos.

Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño. Así mesmo, estarán sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control.

Artigo 26. Publicidade das axudas concedidas

1. As entidades beneficiarias deberán dar publicidade das axudas recibidas nos contratos laborais e de servizos na súa páxina web, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión dos resultados do proxecto, e deberán mencionar expresamente que a actuación foi financiada pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a ACIS.

2. Os materiais de difusión dos resultados da actuación evitarán calquera imaxe discriminatoria da muller e fomentarán a igualdade e a pluralidade dos roles. Así mesmo, deberase evitar o uso dunha linguaxe sexista.

Artigo 27. Protección de datos

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade-Secretaría Xeral Técnica-Servizo Galego de Saúde-ACIS, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os/as cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 28. Dereitos dos/das interesados/as

As persoas interesadas teñen dereito a solicitar o acceso aos seus datos persoais, a rectificación ou supresión destes, limitación do seu tratamento, oposición e portabilidade dos datos contactando con esta axencia a través do correo electrónico investigación.acis@sergas.es ou por medio de correo ordinario, así como comparecendo nalgún dos centros de traballo desta entidade.

Se as persoas interesadas entenden que se viron prexudicadas polo tratamento ou no exercicio dos seus dereitos, poden presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos, a través da sede electrónica accesible da páxina web https://www.aepd.es/

Artigo 29. Recursos contra a convocatoria

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte á su publicación perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de acordo co establecido nos artigos 8.3 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou, potestativamente, recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Todo iso sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro recurso que consideren pertinente.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file