Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27100

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 12 de marzo de 2020 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2018/19 (código de procedemento ED311B).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades dos alumnos, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade dos alumnos para regularen a súa propia aprendizaxe, confiaren nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolveren a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE do 28 de xullo), crea e regula os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No artigo 3 da citada orde establécese que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que obtivese premio extraordinario de formación profesional de grao superior convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se regulan nesa norma.

Co fin de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, facendo uso do establecido no artigo 4 da citada Orde EDU/2128/2011, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño).

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior (código de procedemento ED311B) correspondentes ao curso 2018/19 para o alumnado que realizou e que rematou os seus estudos no ano 2019.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 19.550 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.423A.480.1 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dos orzamentos do ano 2020, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 16 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo, e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais. O alumnado premiado poderá concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter cursado estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2018/19 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ter rematado os seus estudos no ano 2019.

2. Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos no artigo 50 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do Sistema educativo de Galicia. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se encontra no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu desde onde se deberá xerar o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

Listaxe dos méritos que se desexe alegar relacionados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 12.1.b) desta orde e segundo o modelo do anexo II, xunto coa documentación xustificativa correspondente onde consten expresamente o número de horas de duración da actividade, a data de inicio, a data de finalización e o organismo que convoca.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Expediente dos estudos de formación profesional de grao superior cursados pola persoa solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Atriga.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos de educación dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica dos estudos obxecto de baremo do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, en que se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3.2 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, requiriranse as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non o faceren, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a selección, análise e valoración das solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa designará un xurado de selección composto por un presidente ou unha presidenta e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de Educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de Educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A cualificación final do ciclo formativo polo cal se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 6 puntos e outorgaranse 0,04 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional.

I. As actividades de formación conducentes ás unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de nivel 3 que pertenzan a unha cualificación profesional da mesma familia profesional do ciclo formativo polo que se opta ao premio, as directamente relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), e as de prevención de riscos laborais valoraranse con 0,04 puntos por cada 10 horas de formación. Sumaranse as horas de todas as actividades e non se puntuará o resto do número de horas inferiores a 10. Cando as actividades só veñan expresadas en créditos, entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

Os cursos coa cualificación de apto, realizados nas escolas oficiais de idiomas correspondentes ás ensinanzas establecidas no artigo 3.1 do Decreto 191/2007, do 20 de setembro (130 horas), e nas establecidas nos artigos 3 e 4 do Decreto 81/2018, do 19 de xullo (120 horas); cada curso valorarase con 0,52 puntos.

Non se computarán as actividades de formación incluídas no propio ciclo formativo nin os créditos conducentes á obtención dun título universitario.

A valoración total máxima das actividades de formación será de 3 puntos.

II. A participación en proxectos ou programas europeos relacionados coa familia profesional correspondente valorarase con 0,25 puntos cada un ata un máximo de 0,5 puntos.

III. Os traballos de investigación, os proxectos de innovación, os premios, os concursos, as competicións de formación profesional e as publicacións relacionados coa familia profesional correspondente valoraranse cada un con 0,1 puntos ata un máximo de 0,5 puntos. No caso dos premios, concursos e competicións de formación profesional só se valorarán o primeiro e o segundo gañador.

2. Para os efectos de valoración das epígrafes I, II e III do número 1.b) deste artigo, só se terán en conta os méritos realizados e obtidos entre o día 1 de setembro de 2017 e o 31 de decembro de 2019 e certificados por unha Administración pública ou entidade autorizada por ela.

3. A valoración final será a suma das valoracións dos números 1.a) e 1.b) deste artigo.

4. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Cualificación final do ciclo formativo polo cal se opta ao premio extraordinario.

b) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).I).

c) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).II).

d) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).III).

e) Sorteo.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

O alumnado ou, se é o caso, os/as seus/súas representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo III dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación da reclamación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo:

premios@edu.xunta.gal.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de catro meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A dita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. O alumnado gañador, para poder recibir a dotación económica do premio, non poderá estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo IV.

4. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosedu, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal.

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade dos previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Incompatibilidades

Queda excluído desta convocatoria e, polo tanto, non poderá participar nela, o persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nos tres anos anteriores a esta.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Efectos económicos do xurado de selección

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o xurado de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file