Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 13 de xullo de 2020 Páx. 27824

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2020 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial, dos corpos da policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2020, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial da policía local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

– Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

– Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local que superou o proceso selectivo para a categoría de oficial, e que non realizase este curso.

Inscrición:

A inscrición dos/as participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 7 de setembro de 2020.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso contén os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase do 14 de setembro ao 13 de novembro de 2020.

1. Presencial na Agasp: do 14 de setembro ao 2 de outubro e do 2 de novembro ao 13 de novembro de 2020.

2. A través da plataforma de teleformación da Agasp: do 3 de outubro ao 1 de novembro de 2020.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu Regulamento de réxime interior, publicado pola Orde de 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no DOG núm. 30, do 12 de febreiro de 2009.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente certificando esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de policía local.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de xullo de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública