Dentro das actividades programadas para o ano 2020, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso a categoría de inspector da policía local, conforme as seguintes bases:
Obxectivos:
– Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.
– Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.
– Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.
Destinatarios/as:
Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de inspector, e que non tivesen realizado este curso.
Inscrición:
A inscrición dos/as participantes será totalmente gratuíta.
Prazas:
Sen límite.
Solicitudes:
1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 7 de setembro de 2020.
Duración e contido:
O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.
Este curso contén os seguintes módulos:
– Módulo I: módulo operativo.
– Módulo II: módulo xurídico.
– Módulo III: módulo técnico.
– Módulo IV: módulo administrativo.
– Módulo V: módulo de dirección de equipos.
– Módulo VI: módulo práctico.
Datas:
O curso realizarase do 14 de setembro ao 13 de novembro de 2020.
1. Presencial na Agasp: do 14 de setembro ao 2 de outubro e do 2 de novembro ao 13 de novembro de 2020.
2. A través da plataforma de teleformación da Agasp: do 3 de outubro ao 1 de novembro de 2020.
Desenvolvemento do curso:
Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu Regulamento de réxime interior, publicado pola Orde de 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no DOG núm. 30, do 12 de febreiro de 2009.
Certificado:
Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente certificando esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de policía local.
Modificacións:
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 1 de xullo de 2020
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública