Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 13 de xullo de 2020 Páx. 27830

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2020 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria de 2020 (código de procedemento ED702B).

A Lei 6/2013, do parlamento de Galicia, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) é a entidade que ten as competencias en materia de avaliación da calidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a que se fai referencia na propia LSUG, na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (LOU), así como aqueloutras competencias que lle poida atribuír o ordenamento xurídico.

Os estatutos de ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, configuran á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

En virtude das súas competencias, a CGIACA aprobou mediante o Acordo do 9 de novembro de 2010 o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, reguláronse os supostos de validación automática de avaliación previa á contratación do profesorado e estableceuse o procedemento común que se aplicará nos distintos procesos previos á contratación do profesorado atribuídos á ACSUG.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello Reitor de ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas pola Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro)

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter a avaliación, para poder ser contratados como persoal docente e investigador, por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e que debe emitir o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) (procedemento ED702B).

Segunda. Persoas solicitantes

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe da ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor.

Terceira. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir o modelo de solicitude (anexo I) a través da aplicación informática de ACSUG, accedendo a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberá indicarse para cal ou cales das figuras contractuais se solicita a avaliación. No caso de que se pida máis dunha figura, farase na mesma solicitude.

2. Unha vez cuberta a solicitude na aplicación da ACSUG do xeito que se indica no punto anterior e realizado o pagamento das taxas administrativas correspondentes, a dita solicitude, presentarase obrigatoriamente por vía electrónica, conforme o establecido no artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono do Servizo de Atención e Información á Cidadanía 012.

Cuarta. Pagamento das taxas administrativas

1. De acordo co punto 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario:

– Pola primeira figura contractual: 53,14 euros.

– Pola segunda figura contractual e terceira (por cada unha): 26,56 euros.

2. Os solicitantes poderán realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

a) Pagamento telemático (modelo 730):

Deberase acceder á oficina virtual tributaria da Axencia Tributaria de Galicia e realizar o pagamento mediante tarxeta de crédito, débito ou con cargo á conta bancaria do solicitante, en función do número de figuras solicitadas, e obterase o xustificante 730 correspondente.

b) Pagamento presencial (modelo A ou AI):

Deberase cubrir o modelo A ou AI e realizar o ingreso do importe da taxa que corresponda, en función do número de figuras solicitadas, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa os interesados poderán acceder ao seguinte enderezo http://www.acsug.es/gl/acsug/taxas.

Quinta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Xustificante do pagamento das taxas devindicadas pola tramitación da solicitude (código da taxa 305401).

– CD-ROM coa documentación xustificativa dos méritos curriculares.

Respecto ao anexo I (solicitude) e ao xustificante do pagamento das taxas devindicadas pola tramitación da solicitude rexerá o disposto na base cuarta.

Respecto ao CD-ROM coa documentación xustificativa dos méritos curriculares rexerá o disposto na base novena.

2. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación desta documentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. En todo caso, esta documentación terá que ser presentada en formato electrónico (CD-ROM, DVD). A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

En caso de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Título universitario de doutor.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo non cumpran cos requisitos establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. De non facelo, considerarase desistida a petición e arquivarase o expediente.

Oitava. Formalización e alegación dos méritos curriculares

O currículo formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática accedendo a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan cubertos deste xeito no currículo. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser incluído en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Novena. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares alegados deberase achegar en soporte dixital xunto coa solicitude.

Non se admitirá ningún documento xustificativo dos méritos curriculares en formato papel, sen prexuízo do cal, a ACSUG poderá solicitar ao interesado ao longo da tramitación do procedemento, o cotexo dos méritos alegados mediante a presentación dos correspondentes documentos orixinais.

2. A documentación xustificativa dos méritos curriculares non será obxecto de emenda. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá a presentación de ningunha documentación. A avaliación do currículo farase con base nos xustificantes dos méritos achegados polo solicitante ata o momento do peche do prazo. A ACSUG poderá requirir aos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

3. Como criterio xeral os solicitantes xustificarán do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos seus méritos curriculares, coa finalidade de facilitar a súa avaliación. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación só se terán en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario, xuntarase o arquivo da publicación en que figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación, xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

4. Tendo en conta que as persoas solicitantes asinan unha declaración respecto da veracidade dos datos que fan constar na solicitude e no currículo, así como de toda a documentación xustificativa que xuntan á solicitude, estas asumirán as responsabilidades que puidesen derivar das inexactitudes que consten tanto na solicitude como na documentación que presenten.

Décima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Procedemento de avaliación

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia aprobado polo Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es

Décimo terceira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarta. Acordos de avaliación

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, e co establecido no artigo 25 dos estatutos de ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos notificaranse aos solicitantes nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo quinta. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser recorridos en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarase no modo indicado na base terceira.

Décimo sexta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario, para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo sétima. Entrada en vigor

A presente resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consorcio Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file