De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:
– Resolución do 25 de xuño de 2020, do Servizo Galego de Saúde, pola que se declara a tramitación de emerxencia e se encarga á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, a execución das obras previstas no Plan funcional de ampliación da Área de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
– Actividade: Tragsa asumirá a execución dos traballos descritos no Plan funcional de ampliación da Área de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, de conformidade coas condicións construtivas e económicas establecidas na memoria valorada presentada pola empresa, documentos ambos os dous que se anexan á resolución do encargo.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encargo a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Tal condición de medio propio está recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a cal establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2° da letra d) do número 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.
A empresa pública Tragsa encargarase de realizar as seguintes tarefas:
1. Executar os traballos derivados deste encargo a medio propio previstos no Plan funcional de ampliación da Área de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, e de conformidade coas condicións construtivas e económicas establecidas na memoria valorada presentada pola empresa, proporcionando os medios que resulten necesarios.
2. Achegar a súa propia dirección e xestión para a execución do encargo, sendo responsable da organización do servizo prestado e da calidade técnica dos traballos que se van desenvolver, correspondéndolle a dirección, coordinación, organización e execución laboral da prestación.
O persoal necesario para a execución do encargo dependerá exclusivamente de Tragsa, o cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador respecto deste.
– Financiamento: o orzamento de execución material ascende a 1.023.338,96 €, máis IVE. Á dita cantidade teranse que engadir 47.075,00 € de taxas de licenza municipal e 45.500,00 € de dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde, polo que para a realización dos traballos obxecto deste encargo a medio propio o Servizo Galego de Saúde destinará, como máximo, a cantidade de 1.330.815,14 €, con cargo á aplicación orzamentaria 50.01.412A.621.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.
– Prazo de vixencia: tres meses, contados desde a aprobación do encargo.
A empresa Tragsa está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo. Poderán ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estean xustificadas as causas do atraso e sen que supoñan en ningún caso incremento do importe total do encargo.
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020
Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde