Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 15 de xullo de 2020 Páx. 28106

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2020 pola que se concede a mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20.

Con data do 25 de novembro de 2019, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20.

Con data do 24 de decembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Orde do 12 de novembro de 2019. De acordo co establecido na artigo 1 da orde amplíase ata o día 15 de febreiro de 2020, incluído, o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 2 do artigo 4 da Orde do 12 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras.

Rematado o prazo para a entrega da documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento establecido no artigo 5 da Orde de 12 de decembro de 2019 foron analizadas as solicitudes pola comisión avaliadora prevista no artigo 8 da orde da convocatoria.

Tendo en conta o anteriormente exposto e atendendo á proposta de resolución da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Concederlles a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia ás titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20, que se relacionan no anexo da presente orde.

Segundo. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia.

Así mesmo, os responsables dos títulos comprométense a incluír as medidas e modificacións necesarias, segundo o procedemento establecido para a modificación de títulos universitarios, derivadas do compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, establecida no artigo 9, epígrafe f).

Terceiro. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ANEXO

Titulación

Facultade/escola

Universidade

MU en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética

Facultade de Ciencias

Universidade da Coruña

MU en Enxeñaría Ambiental

Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Universidade de Santiago de Compostela

MU en Enxeñaría Informática

Facultade de Informática

Universidade da Coruña