Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 16 de xullo de 2020 Páx. 28351

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 8 de xullo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS403F).

BDNS (Identif.): 515402.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:

a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia, entre eles, a inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) Aplicar unha tarifa de prezos equivalente ao réxime de prezos previsto na normativa autonómica aplicable.

2 A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con Fondos Estruturais e de Investimento Europeos 2007-2013 (en diante, fondos EIE) para o mesmo concepto de gasto.

3. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións esixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento administrativo BS403F).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de xullo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2020 (cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020) (código de procedemento BS403F).

Cuarto. Importe

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de catrocentos mil euros (400.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.781.1.

2. Excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.

Quinto. Accións e gastos subvencionables

Subvencionaranse actuacións destinadas á realización de obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios, a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo e a dotación de conexión á internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social