En cumprimento do disposto no artigo 55.2 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 2 de xullo de 2020, co seguinte texto literal:
«Declarar área de rexeneración urbana de interese autonómico (área Rexurbe) o ámbito que se relaciona a seguir no concello de Ribadavia, conforme coa delimitación que se indica no plano anexo:
Conxunto histórico de Ribadavia, delimitado polo norte pola ponte de San Francisco, a rúa Progreso e o cuarteirón da Oliveira, coa súa igrexa románica; polo leste, o seu límite é a rúa Progreso ata o conxunto monumental de San Domingos; polo sur, está limitada pola rúa Extramuros; polo leste, desde o centro social, limita co río Avia, ata chegar á ponte de San Francisco».
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo