Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 20 de xullo de 2020 Páx. 28683

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2020 pola que se convoca o curso monográfico A planificación estratéxica como método de xestión pública.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A planificación estratéxica como método de xestión pública, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Os obxectivos fundamentais deste curso monográfico son os seguintes:

• Analizar os aspectos máis destacados da planificación estratéxica e da dirección por obxectivos: conceptos fundamentais e principios.

• Motivar as persoas participantes na reflexión estratéxica para facer fronte aos desafíos do sector público.

• Profundar no coñecemento e no manexo das principais ferramentas necesarias para formular e implementar a planificación estratéxica como método de traballo nas organizacións públicas.

• Coñecer algunhas experiencias de planificación estratéxica levadas a cabo na Administración pública.

• Aplicar os coñecementos adquiridos mediante a elaboración dun plan estratéxico.

2. Contidos.

Neste curso monográfico serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Consideracións sobre a planificación estratéxica na Administración pública.

• O proceso de elaboración dun plan estratéxico xeral.

• O proceso de elaboración dun plan operativo anual.

• O sistema de seguimento e avaliación dun plan operativo anual.

• Experiencias de planificación estratéxica na Administración española.

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da comunidade autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

1. Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

2. Grupos I e II do persoal laboral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 9, 10 e 11 de setembro de 2020.

Horario: de mañá e tarde os días 9 e 10; só de mañá o día 11.

O curso terá unha duración de 20 horas lectivas.

Para o desenvolvemento das clases presenciais garantirase o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene establecidas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

5. Número de prazas: 40.

6. Inscrición.

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez completado correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 31 de xullo de 2020.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración á que pertenza, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a relación de persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou se atopan excluídas de acordo co disposto no apartado segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública