Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 20 de xullo de 2020 Páx. 28656

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan os criterios de repartición e a convocatoria do fondo de acción social, para o exercicio económico do ano 2019, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

A Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 44, do 2 de marzo), establece no seu artigo 3.1: «suspéndese, para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei, a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, namentres estea en vigor esta lei».

En aplicación do dito precepto legal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 9 de xullo de 2020, adoptou o acordo de autorizar os criterios de repartición e a convocatoria do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2019.

O artigo 22 do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda (DOG nº 64, do 31 de marzo), atribúelle á Dirección Xeral de Función Pública a xestión do fondo de acción social.

Visto o texto do acordo e en cumprimento das competencias conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Que se publiquen no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, os criterios de repartición e a convocatoria do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2019, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Segundo. Contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Igualmente, con carácter previo e potestativo, poderase interpor recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Función Pública

ANEXO

As axudas do fondo de acción social para o persoal empregado público están condicionadas pola aplicación da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, que no seu artigo 3 suspende a concesión ou aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa. As axudas para atender as persoas con discapacidade que se convocan están dirixidas ao persoal funcionario, incluído o persoal docente, e persoal laboral do V Convenio colectivo único, ademais dos profesores de relixión que prestasen servizos durante o ano 2019 e estean na situación de servizo activo no prazo de presentación de solicitudes nalgún dos órganos ou entidades da Administración xeral da Xunta de Galicia ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Ata este exercicio, o fondo de acción social recollía unhas axudas que só chegaban en determinados supostos a unha cantidade en cómputo anual equivalente á de 180 euros mensuais prevista no V Convenio colectivo único para o persoal laboral. Na comisión de persoal que tivo lugar o día 23 de xullo de 2019 acordouse incrementar a contía da axuda do fondo de acción social ata acadar na aprobación dos criterios de repartición da axuda correspondente ao ano 2019 a máxima equivalente aos 180 euros mensuais do convenio (2.160 €/ano) para todas as axudas, con independencia do grao de discapacidade da persoa causante, ademais doutros criterios xa incorporados ao fondo do ano 2018, como o de non ter en conta os ingresos da unidade familiar nin tampouco os ingresos das persoas causantes cunha discapacidade igual ou superior ao 75 %.

O Consello da Xunta de Galicia, oídos os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F e UGT, representadas na Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios e no Comité Intercentros do Persoal Laboral, en virtude do establecido no artigo 13.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, acorda aprobar os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2019 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Artigo 1. Obxecto

1. Este acordo ten por obxecto aprobar os criterios de reparto e a convocatoria do Fondo de Acción Social do persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia relativo á axuda para atención de persoas con discapacidade correspondente ao ano 2019.

2. O importe da axuda será de 2.160,00 € por causante, con rateo da dita cantidade para o caso de que o recoñecemento ou cualificación da discapacidade se producise con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019 ou a convivencia non se mantivese durante todo o exercicio. A axuda aboarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

3. Os créditos orzamentarios a que se imputa a axuda están consignados na aplicación 23 04 124A 162.04 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, que tamén se aplicará para o pagamento daquelas axudas denegadas en anos anteriores e recoñecidas posteriormente en vía administrativa ou xudicial.

Artigo 2. Ámbito de aplicación obxectivo

1. Poderán solicitar a axuda do fondo de acción social os empregados que prestasen servizos durante o ano 2019 nalgún dos órganos ou entidades a que se refiren as letras a) e c) do artigo 4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e que teñan a condición de:

a) Persoal funcionario de carreira e persoal funcionario interino, incluído o persoal docente.

b) Persoal laboral do V Convenio colectivo único que estea nalgunha das seguintes situacións:

– Que teña a cargo un causante cun grao de discapacidade igual ou superior ao 75 % e con rendas superiores a 12.600 € anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración.

– Que cumpra os requisitos para ser beneficiario desta axuda e se lle denegase a prevista no artigo 35 do V Convenio colectivo.

– Que estivese adscrito a un posto de natureza fixa descontinua, caso no que terá dereito a percibir a parte proporcional da axuda correspondente aos períodos de inactividade.

c) Profesorado de relixión:

2. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación deste acordo:

a) O persoal funcionario de carreira ou persoal funcionario interino cuxo cónxuxe teña a condición de persoal laboral e non estea incluído dentro da letra b) do número anterior.

b) O persoal a que se refiren os artigos 9, 10, 11 e 12 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa excepción do disposto para o persoal laboral na letra b) do número anterior.

c) O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o persoal procedente do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial de Santiago, Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, Hospital Provincial Santa María Nai de Ourense, Hospital Municipal Nicolás Peña de Vigo, Hospital Xeral Provincial de Pontevedra, Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón de Pontevedra e Hospital Militar da Coruña.

3. No suposto de que dous empregados tivesen a condición de beneficiarios en relación ao mesmo causante, só un deles terá dereito a axuda.

Artigo 3. Ámbito subxectivo

Terá a condición de beneficiario da axuda o persoal incluído dentro do ámbito obxectivo de aplicación deste acordo que no prazo de presentación de solicitudes cumpra os seguintes requisitos:

1. Que se encontre en situación de servizo activo no período de presentación de solicitudes, incluídos os supostos de incapacidade temporal e períodos de maternidade, paternidade, adopción, acollemento e risco de embarazo; en situación de suspensión de funcións ou de excedencia voluntaria con dereito a reserva de posto de traballo. Tamén terá a condición de beneficiario o persoal adscrito a postos de natureza descontinua que se atope no período de inactividade.

2. Que conviva con cónxuxe, parella de feito, fillos ou ascendentes de 1º grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme:

a) Que teñan unha discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida polo organismo competente antes do 1 de xaneiro de 2020 nun grao igual ou superior ao 75 %.

b) Que teñan unha discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida polo organismo competente antes do 1 de xaneiro de 2020 nun grao igual ou superior ao 33 % e inferior ao 75 % e perciba ingresos inferiores a 12.600 € anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración.

Artigo 4. Incompatibilidades

A presente axuda é incompatible coa percepción con cargo a un mesmo causante doutras de natureza semellante concedidas pola Xunta de Galicia ou por outro organismo oficial ou empresa privada, incluída a prevista no artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, tanto se se percibiu como se, tendo dereito a percibila, non a tivese solicitada.

Artigo 5. Solicitudes

A solicitude será única, con independencia do número de causantes con discapacidade polos cales se solicita a axuda, e xerarase de forma telemática desde a internet: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm

Unha vez cuberta, a persoa interesada imprimirá, asinará e presentará a solicitude dentro do prazo dos dez días seguintes ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia no rexistro, xunto coas copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos que se aleguen.

Artigo 6. Documentación que se debe xuntar coa solicitude e comprobación de datos

1. A condición de persoa beneficiaria esixirá acreditar as seguintes circunstancias: a identidade do/da causante e o seu grao de discapacidade e data de recoñecemento; a convivencia da persoa beneficiaria e do/da causante; o parentesco ou suxeición a tutela e, se é o caso, os rendementos do traballo do/da causante. Para tales efectos, deberanse xuntar coa solicitude, segundo os casos, as copias que teñan a consideración legal de auténticas dos seguintes documentos:

a) Identidade do causante: copia do DNI ou NIE do/da causante.

b) Convivencia entre persoa beneficiaria e causante: certificado de empadroamento.

c) Grao de discapacidade e data de recoñecemento: certificado do grao de discapacidade do/da causante e da data de recoñecemento.

d) Parentesco ou relación de tutela: o parentesco ou relación de parella de feito ou de tutela poderase acreditar, segundo os casos, mediante copia de todas as follas do libro de familia onde consten asentos, certificado literal de nacemento do/da solicitante ou do/da causante, certificado de matrimonio ou de inscrición no rexistro de parellas de feito, ou certificado literal de inscrición da tutela no Rexistro Civil.

e) No caso de causantes cun grao de discapacidade inferior ao 75 %, certificado de imputacións do IRPF correspondente ao exercicio do ano 2018 da persoa causante.

2. As persoas interesadas que fosen beneficiarias da axuda correspondente ao exercicio 2018, agás modificacións das circunstancias, estarán exentas de presentar a documentación indicada no punto un, agás a correspondente á letra e).

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar esta axuda consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI o NIE da persoa con discapacidade causante da axuda.

b) Certificado de empadroamento de beneficiario/a e causante.

c) Recoñecemento do grao de discapacidade da persoa causante da axuda.

d) IRPF da persoa con discapacidade causante da axuda correspondente ao exercicio de 2018.

2. As persoas interesadas e os causantes poderán autorizar esta consulta coa súa sinatura no lugar correspondente da solicitude, entendendo en caso contrario que se opoñen á consulta, caso en que deberán presentar os documentos correspondentes xunto coa solicitude.

3. No caso de que por algunha circunstancia fose imposible obter os citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Documentación complementaria

Antes da publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposicións das listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, a Dirección Xeral de Función Pública poderá requirir calquera outra documentación complementaria que considere necesaria e, en todo caso, solicitará das correspondentes unidades de persoal unha certificación que acredite, para o caso de beneficiarios/as coa condición de persoal laboral, que non percibiu durante o exercicio de 2019 a axuda do artigo 35 do V Convenio colectivo ou, se é o caso, de que a solicitou, da data de solicitude e de que lle foi denegada polo órgano competente.

Artigo 9. Falsidades nas solicitudes

1. As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable segundo o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co dito precepto, a ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades que procedesen.

2. Así mesmo, poderá dar lugar, logo da proposta favorable da comisión de seguimento deste acordo, á imposibilidade de solicitar as axudas do fondo de acción social durante un prazo de 5 anos.

Artigo 10. Listas provisionais e definitivas de admitidos e excluídos

1. A Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos, con indicación neste último caso das causas de exclusión. As persoas interesadas terán un prazo de dez días hábiles ao da publicación do anuncio no DOG para formular as reclamacións que estimen pertinentes e emendar os defectos motivo da exclusión provisional.

2. A Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos, que determinará a estimación ou desestimación definitiva das solicitudes, con indicación da contía total da axuda.

3. A desestimación das solicitudes non esgota a vía administrativa e as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, que poderá presentarse no prazo de 10 días hábiles ante a Dirección Xeral da Función Pública ou ante o propio conselleiro de Facenda.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes especificadas neste acordo será de seis meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para reclamar contra as listaxes provisionais. O dito prazo poderá prorrogarse no caso de que o elevado número de solicitudes ou a concorrencia de circunstancias excepcionais así o requira. Se no prazo establecido non se resolvese o expediente, entenderase desestimada a solicitude.

Artigo 11. Renuncia ás axudas

A renuncia das persoas interesadas ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución só poderá efectuarse ata o remate do prazo de reclamación contra as listaxes provisionais.

Artigo 12. Axudas de anos anteriores

As axudas denegadas en anos anteriores e estimadas por vía administrativa ou xudicial aboaranse con cargo ao presente fondo de acción social.

Artigo 13. Comisión de seguimento

Constitúese unha comisión de seguimento encargada de realizar calquera interpretación ou aclaración das dúbidas que xurdan en relación con estas bases, que estará composta por un membro de cada organización sindical e un número igual de representantes da Administración. Actuará como presidente/a o/a titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais e como secretario/a un/unha representante do persoal empregado público.