Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 20 de xullo de 2020 Páx. 28665

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 13 de febreiro de 2020 pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación.

O 26 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 38 a Resolución do 13 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación.

Con posterioridade á dita convocatoria, o 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que entrou en vigor no mesmo momento da súa publicación.

Esta declaración afecta todo o territorio nacional e, entre as medidas previstas, inclúe restricións á liberdade de circulación de persoas, medidas de contención no ámbito educativo e da formación, no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais, establecementos e actividades recreativas, actividades de hostalaría e restauración, e outras adicionais.

Así mesmo, o citado real decreto establece nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta a suspensión dos prazos administrativos, así como dos prazos de prescrición e caducidade.

No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020 (DOG núm. 51, do 15 de marzo), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

No BOE do 18 de marzo publicouse o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións, dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a súa redacción, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O BOE número 145, do 23 de maio, publica o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. No artigo 9 prevese o levantamento da suspensión de termos e da interrupción dos prazos administrativos, con efectos desde o 1 de xuño, e o restablecemento do cómputo de prazos desde esa mesma data.

Pola súa parte, o Real decreto 555/2020, do 5 de xuño (BOE núm. 159, do 6 de xuño), polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no artigo 8 o mantemento da vixencia das ordes, resolucións, disposicións e instrucións ditadas polas autoridades competentes delegadas previstas no artigo 4.2 do Real decreto 463/2020.

A aparición do COVID-19 require adoptar medidas dirixidas a protexer a saúde e a seguridade dos cidadáns, así como a conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública. Dentro das medidas previstas impuxéronse medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación dos contactos e actividades grupais.

No momento actual, iniciouse un proceso de redución gradual das medidas extraordinarias de restrición de mobilidade e de contacto social establecidas mediante o citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Así, o pasado 28 de abril de 2020 o Consello de Ministros adoptou o Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que establece os principais parámetros e instrumentos para a consecución da normalidade. Este proceso, articulado en catro fases, da fase 0 á fase 3, ten que ser gradual e adaptable aos cambios de orientación necesarios en función da evolución dos datos epidemiolóxicos e do impacto das medidas adoptadas, e axeitado á situación dos distintos territorios.

O obxectivo fundamental do citado Plan para a transición é conseguir que, preservando a saúde pública, se recuperen paulatinamente a vida cotiá e a actividade económica, minimizando o risco que representa a epidemia para a saúde da poboación e evitando que as capacidades do Sistema nacional de saúde se poidan desbordar.

O Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 163, do 10 de xuño), establece entre o seu articulado a responsabilidade, por parte dos organizadores de actividades, de asegurar o cumprimento das condicións de seguridade cando se poida apreciar risco de transmisión comunitaria do COVID-19 por motivos de capacidade.

Posteriormente, a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, incorpora un anexo de medidas de prevención no cal, no artigo 3.1, se refire a medidas en materia de control de capacidade. Neste punto establécese que a organización da circulación de persoas e a distribución de espazos deberá procurar a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal e que, na medida do posible, se establecerán itinerarios para dirixir a circulación de usuarios e evitar aglomeracións en determinadas zonas, tanto no interior como no exterior, e previr o contacto entre eles.

Neste sentido, as probas de avaliación en competencias clave poñen en risco a saúde das persoas participantes, ao tratarse dunha actividade colectiva que mobiliza unha cifra estimada de preto de 4.000 persoas e que, ademais, se desenvolve nun espazo pechado.

Tendo en conta o exposto, obsérvase que, na realización das probas de avaliación de competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade, non concorren as circunstancias que permitan asegurar o cumprimento das medidas de protección e seguridade que motiven a continuidade do procedemento, polo que, dentro do marco normativo derivado da declaración do estado de alarma e logo de ser oído o Consello Galego de Formación Profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Deixar sen efecto a Resolución do 13 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación.

Segundo. Permitiráselles reactivar a inscrición a todas aquelas persoas que presentaron a súa solicitude en 2020, sempre que cumpran cos requisitos en tempo e forma e así o manifesten. O sistema de reactivación da solicitude virá recollido na convocatoria do ano 2021.

Terceiro. Esta resolución terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Pablo Casal Espido
Director xeral de Orientación e Promoción Laboral