Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 21 de xullo de 2020 Páx. 28895

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 8 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora da calidade da auga proporcionada por comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento AU232A).

BDNS (Identif.): 515628.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index.

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

Segundo. Obxecto

Bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora da calidade da auga proporcionada por comunidades de usuarios de augas de consumo na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento AU232A).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 8 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora da calidade da auga proporcionada por comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento AU232A).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6558 (transferencias de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de axudas para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de setecentos cincuenta mil euros (750.000,00 €) distribuídos nas seguintes anualidades:

– 2020: 200.000 €.

– 2021: 550.000 €.

O importe das axudas será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia