Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 21 de xullo de 2020 Páx. 28866

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora da calidade da auga proporcionada por comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento AU232A).

A Constitución española establece un marco competencial en materia de augas que reside principalmente na atribución de competencias exclusivas ao Estado en materia de lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha comunidade autónoma (concas intercomunitarias) (artigo 49.1.22).

Respectando o anterior, o artigo 27.12 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle competencias exclusivas en materia de aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 81 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, establece a obriga de que os usuarios da auga e doutros bens do dominio público hidráulico dunha mesma toma ou concesión estean constituídos en comunidades de usuarios.

O artigo 4.1.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, o control e a tutela das comunidades de usuarios.

No exercicio desta función, a Administración hidráulica de Galicia evidenciou carencias na calidade da auga subministrada por algunhas comunidades de usuarios e a escaseza de recursos económicos destas para realizar investimentos que resultan necesarias para prestar un axeitado servizo de abastecemento aos usuarios.

A finalidade perseguida con esta resolución de subvencións é que as comunidades de usuarios de Galicia realicen actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga proporcionada aos membros das ditas comunidades, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Polo que se refire ao ámbito territorial, resulta oportuno que a Administración hidráulica de Galicia dite unha resolución referida a todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da necesaria colaboración entre administracións, para non xerar posibles desigualdades dentro dun mesmo territorio e tendo en conta que en ningún caso se interfire nin se menoscaba a competencia das confederacións hidrográficas no relativo á xestión dos recursos hídricos.

En consecuencia, tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora da calidade da auga proporcionada por comunidades de usuarios de augas de consumo na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento AU232A).

2. A finalidade das axudas é cofinanciar a mellora na prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano por parte de comunidades de usuarios legalmente establecidas e, con ela, o nivel de garantía deses sistemas en canto á calidade da auga.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

2. Para obteren a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e inscritas no libro do rexistro de augas do correspondente organismo de bacía como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano.

b) Non estar incursas en ningún procedemento sancionador ou de reposición nin ter débedas económicas pendentes de pagamento co organismo de bacía correspondente.

c) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión de todas as solicitudes presentadas.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2020 destinados á mellora da calidade da auga subministrada nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios solicitantes a través dalgunha das seguintes intervencións:

a) Implantación ou mellora de sistemas de tratamento da auga.

b) Melloras nas infraestruturas de almacenamento que incidan directamente na calidade da auga.

c) Realización de análises de auga para caracterizar a súa calidade antes e despois da intervención. Subvencionarase unha analítica previa ao inicio dos traballos e outra na súa finalización, e ambas deberán incluír, polo menos, os parámetros exixidos pola normativa vixente de aplicación a cada comunidade de usuarios.

2. En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas.

3. Non serán subvencionables os gastos de execución de novas captacións, as actuacións sobre tomas de auga non amparadas pola correspondente concesión nin actuacións sobre a rede de distribución.

4. Tampouco serán subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueres de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

Artigo 4. Crédito

1. As axudas reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6558 (transferencias de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de axudas para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de setecentos cincuenta mil euros (750.000,00 €) distribuídos nas seguintes anualidades:

– 2020: 200.000 €

– 2021: 550.000 €

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase en dous grupos:

a) O 30 % do importe irá destinado a comunidades de usuarios de ata 50 membros.

b) O 70 % do importe irá destinado a comunidades de usuarios de 51 ou máis membros.

No caso de que o importe total subvencionado nalgún dos dous grupos non acade o límite porcentual indicado, a dotación orzamentaria prevista acumularase ao previsto para o outro grupo.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das axudas

1. O importe das axudas será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no artigo anterior.

2. O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios con fondos propios; este importe non poderá ser obxecto doutra subvención ou axuda.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

Estas subvencións non serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requiririda para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa representante da entidade ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura, e deberase acreditar esta circunstancia.

2. No dito formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que a entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria da entidade solicitante no modelo do anexo II desta resolución, na cal faga constar:

1º. O acordo da asemblea xeral da comunidade de usuarios polo que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións, o nomeamento da persoa representante para as súas relacións con Augas de Galicia e o compromiso de financiar o 20 % do investimento total da intervención por parte da comunidade de usuarios.

2º. O número de membros da comunidade de usuarios, detallando as incorporacións producidas nos últimos cinco anos.

3º. A relación de actividades comerciais ou públicas, entendendo como tales actividades as recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, pola que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolvan en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais

4º. O importe detallado das cotas que pagan anualmente os membros da comunidade de usuarios.

b) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor da comunidade de usuarios.

c) Solicitude ou, de ser o caso, resolución de outorgamento das autorizacións, licenzas e permisos necesarios para a realización da intervención, se é o caso.

d) Memoria valorada da intervención que se vai realizar, asinada pola persoa representante da entidade, co seguinte contido mínimo para posibilitar a valoración da solicitude con relación aos criterios establecidos no artigo 16:

1º. Descrición xeral do sistema de abastecemento que inclúa, polo menos, a súa data de construción, a localización das captacións, tratamentos e depósitos existentes, así como a xustificación, se é o caso, da inexistencia de alternativas de abastecemento a través doutras redes municipais ou veciñais. Indicarase tamén o organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.

2º. Memoria descritiva das obras ou do equipamento que inclúa a explicación da necesidade do proxecto e os obxectivos que pretenden conseguir coa súa execución. Indicarase de forma expresa o parámetro ou parámetros de calidade que se pretenden mellorar e a forma en que a intervención proposta incide neles.

3º. Planos e/ou fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

4º. Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación. No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.

e) Resultado dunha analítica de auga que avale o incumprimento dalgún dos parámetros exixidos pola normativa vixente de aplicación ao sistema de abastecemento. Indicarase de forma clara cal é o parámetro cuxo incumprimento se pretende emendar coa intervención proposta. As comunidades que resulten adxudicatarias da axuda poderán incluír o custo de realización desta analítica previa como un gasto subvencionable con cargo a ela, de acordo co artigo 3.1.c) destas bases.

Esta analítica poderá ser substituída por unha acta ou informe dos servizos de Inspección de Saúde Pública que poña de manifesto a existencia do incumprimento e cuantifique o valor dos parámetros que o provocan. Unicamente se aceptarán documentos cuxa data de emisión sexa, como máximo, un ano anterior á de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

f) Certificación do concello e/ou do organismo de bacía correspondente sobre a viabilidade da conexión a outras redes de abastecemento.

g) Certificación de non estar incursa en ningún procedemento sancionador ou de reposición co organismo de bacía que lle corresponda.

h) Outra documentación acreditativa do cumprimento dos criterios de puntuación sinalados no artigo 16.

2. Toda a documentación achegada pola comunidade de usuarios no marco deste procedemento de subvencións poderá servir para a comprobación e/ou actualización do libro do Rexistro de augas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, de non ter rematado o prazo de presentación de solicitudes cando se reciba na unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirirse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse, cando sexa posible automaticamente e de forma manual no resto dos casos, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da comunidade autónoma e o organismo de bacía que lle corresponda á comunidade.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Concesións de subvencións e axudas.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da comunidade de usuarios comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar a certificación da Consellería de Sanidade sobre a inclusión e as incidencias no Programa de vixilancia sanitaria de augas de consumo humano.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir as entidades solicitantes para que acheguen a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación e notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, poderase crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A publicación dos actos administrativos que sexa exixible realizarase a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal). Esta última poderá ter o carácter de complementaria por ter o contido pormenorizado do respectivo acto.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se achegue con elas e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración prevista neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico Financeiro de Augas de Galicia.

c) Secretaría: a persoa titular da Secretaría Xeral de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha non aceptación ou renuncia e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

8. O órgano competente para resolver o procedemento será a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes, que poderán obter un máximo de 88 puntos no caso de ter ata 50 membros, e de 100 puntos se teñen 51 ou máis membros:

a) Número de membros da comunidade, acreditado mediante certificación emitida polo secretario ou secretaria da entidade:

Este criterio puntuarase cun máximo de 15 puntos. A puntuación distribuirase do seguinte xeito:

Máis de 200 membros: 15 puntos.

Entre 151 e 200 membros: 12 puntos.

Entre 101 e 150 membros: 9 puntos.

Entre 51 e 100 membros: 6 puntos.

Entre 10 e 50 membros: 3 puntos.

Menos de 10 membros: 0 puntos.

b) Tendencia de crecemento, que se avaliará a través das incorporacións de novos membros nos últimos 5 anos, acreditadas mediante certificación emitida polo secretario ou secretaria da comunidade de usuarios.

Outorgarase un punto por cada incorporación de novos membros nos últimos cinco anos, cun máximo de 10 puntos.

c) Proporcionar auga de consumo para algunha actividade comercial ou pública, con independencia do volume medio diario de auga subministrado, e entendendo como tales actividades as recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolvan en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais. Este criterio valorarase cun máximo de 10 puntos e o seu cumprimento acreditarase mediante unha certificación emitida polo secretario ou secretaria da entidade.

Subministración a actividades comerciais ou públicas: 10 puntos.

Non subministración a actividades comerciais ou públicas: 0 puntos.

d) Corresponsabilidade financeira, entendida como as achegas realizadas polas persoas usuarias. Este criterio puntuarase cun máximo de 20 puntos, distribuídos da seguinte maneira:

Cota de menos de 50 euros ao ano: 0 puntos.

Cota entre 50 e 80 euros ao ano: 10 puntos.

Cota de máis de 80 euros ao ano: 20 puntos.

e) Estar incluída no Programa de vixilancia sanitaria de augas de consumo humano da Consellería de Sanidade: 15 puntos.

Comunidade de usuarios incluída no programa: 15 puntos.

Comunidade de usuarios non incluída no programa: 0 puntos.

O cumprimento deste criterio comprobarase a través dunha consulta á Consellería de Sanidade.

f) Uso do galego. A valoración máxima deste criterio será de 5 puntos e considerarase cumprido se a memoria da intervención achegada pola comunidade solicitante, de acordo co artigo 10.1.d), está redactada en galego.

Memoria valorada da intervención proposta redactada en galego: 5 puntos.

Memoria valorada da intervención proposta non redactada en galego: 0 puntos.

g) Xustificación da necesidade da actuación e adecuación da proposta presentada: 25 puntos, distribuídos da seguinte maneira:

– Incidencias detectadas no Programa de vixilancia sanitaria de augas de consumo humano da Consellería de Sanidade, distintas dos incumprimentos referidos no artigo 10.1.e): 5 puntos.

O cumprimento deste criterio comprobarase a través dunha consulta á Consellería de Sanidade.

– Illamento do sistema, entendido como a inviabilidade da súa conexión a sistemas de abastecemento próximos: 5 puntos.

A viabilidade da conexión a outras redes de abastecemento valorarase de acordo coa xustificación incluída na memoria da intervención, segundo o establecido no artigo 10.1.d) destas bases, e considerando polo menos factores topográficos e de distancia. Augas de Galicia poderá realizar as comprobacións que coide oportunas cos datos sobre concesións a comunidades de usuarios dispoñibles nos organismos de bacía correspondentes, coa gardaría fluvial, así como cos concellos implicados.

– Implantación e mellora de tecnoloxías e instalacións eléctricas que permitan optimizar a eficiencia e o aforro enerxético na traída de augas: 5 puntos.

Este criterio valorarase de acordo co contido da memoria explicativa da intervención recollida no artigo 10.1.d) destas bases.

– Adecuación técnica da proposta presentada, que se valorará con base no contido da memoria explicativa recollida no artigo 10.1.d) desta convocatoria: 10 puntos

3. Unha vez valoradas todas as solicitudes pola Comisión de Valoración, se o outorgamento de todas elas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución para cada un dos grupos establecidos no artigo 4.2, no caso de que máis dunha solicitude do mesmo grupo obteña puntuacións idénticas, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios, na orde que se indica:

a) Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.

b) Maior número de membros da comunidade de usuarios.

c) Data e hora de presentación da solicitude. No suposto de que se lles requirise ás comunidades de usuarios a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 17. Resolución, notificación e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo da axuda e mellorar a calidade da auga proporcionada por comunidades de usuarios de augas de consumo.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/a adxudicatario/a.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. As comunidades de usuarios beneficiarias que realicen os investimentos obxecto de subvención antes do 10 de novembro de 2020 terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 15 de novembro de 2020.

2. As comunidades de usuarios beneficiarias que realicen os investimentos obxecto de subvención desde o 11 de novembro de 2020 terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación ata o 30 de xuño de 2021.

3. As entidades beneficiarias deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, o anexo III desta resolución, en que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención segundo o modelo do anexo III.

4. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa unha reportaxe fotográfica, asinada electronicamente por quen actúe como representante da comunidade de usuarios.

b) Resultado dunha analítica de auga que avale a mellora do valor dos parámetros causantes do incumprimento ou incumprimentos que xustificaron a intervención, de acordo co artigo 10.1.e) desta convocatoria. O custo de realización desta analítica de comprobación poderá ser incluído como un gasto subvencionable, de acordo co artigo 3.1.c) destas bases.

c) No caso de ter achegado como xustificación do incumprimento unha acta ou informe do Servizo de Inspección de Saúde Pública en lugar da analítica, proporcionarase como xustificación da efectividade da intervención unha nova acta ou informe posterior á finalización dos traballos en que se poña de manifesto a mellora do valor dos parámetros correspondentes.

d) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

e) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

5. A entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

7. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspección que estime necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas comunidades de usuarios beneficiarias.

Artigo 23. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno. Información relativa á resolución de convocatoria

1. De conformidade co disposto nos artigos 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase un anuncio na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal/) coa relación das entidades beneficiarias e o importe das subvencións concedidas.

Publicaranse nos rexistros públicos correspondentes as subvencións e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse.

A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, todas as persoas físicas e xurídicas vinculadas ás entidades beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que aquelas cumpran as obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Augas de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file