Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 21 de xullo de 2020 Páx. 28836

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases para a concesión de prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería e se convocan para o curso académico 2020/21 (códigos de procedemento BS303B e BS303D).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

De conformidade co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, a dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 25 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á mocidade; destacan entre eles as instalacións xuvenís e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

Neste senso, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado desenvolve o Programa fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as cales están as residencias xuvenís.

As ditas instalacións póñense á disposición das persoas mozas estudantes, coa reserva dun número de prazas para as persoas mozas traballadoras.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza; ademais, nas residencias xuvenís ofrécense unha serie de actividades convivenciais e educativas a través das cales se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos das persoas mozas residentes e de calquera outra persoa que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e convocalas para o curso académico 2020/21, en réxime de concorrencia competitiva.

2. O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

74 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

55 home/muller

Vigo

Altamar

87 home/muller

3. Do total de prazas resérvase un 9 % de prazas para as persoas solicitantes que desempeñen unha actividade profesional, tanto por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade

Residencia

Núm. de prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

8 home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas que desenvolvan unha actividade profesional coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

4. Así mesmo, do total de prazas resérvase tamén un 9 % para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen. A distribución de prazas é:

Cidade

Residencia

Núm. de prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

8 home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

5. Os códigos de procedemento administrativo son BS303B (prazas de residencias xuvenís para estudantes) e BS303D (prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras).

6. Con este procedemento póñense as residencias xuvenís ao servizo da mocidade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia habitual.

Artigo 2. Período da estadía

1. O período máximo de estadía na residencia xuvenil de todas as persoas residentes será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para cada curso académico, exceptuándose os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

2. As persoas residentes que teñan a condición de estudantes iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia xuvenil coincidindo co correspondente curso académico no cal estivesen matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado e, en todo caso, concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.

3. En calquera caso, as persoas residentes deberán iniciar a súa estadía na residencia xuvenil como prazo máximo o 31 de outubro do ano da presente convocatoria.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento de presentación da solicitude.

b) Non ter perdido a condición de residente en convocatorias anteriores por causa imputable á persoa solicitante.

c) Ter feitos os 16 anos e non superar os 30 en data 31 de decembro do ano da presente convocatoria.

2. Requisitos específicos para as persoas solicitantes estudantes:

a) Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, e estudos de másteres universitarios oficiais.

Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.

b) No concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.

3. Requisitos específicos para as persoas solicitantes traballadoras:

a) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.

b) No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, que teña unha duración mínima de tres meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

c) No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Artigo 4. Presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes que estean cursando estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou estudos de másteres universitarios oficiais, as persoas solicitantes traballadoras por conta propia e as persoas solicitantes traballadoras por conta allea que sexan empregadas das administracións públicas están obrigadas a presentar a súa solicitude por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo I).

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, e sempre que o prazo de presentación non rematase, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. En todo caso, a solicitude non será admitida a trámite se a presentación electrónica se realiza despois de rematado o prazo de presentación de solicitudes.

2. As persoas solicitantes que estean cursando estudos de formación profesional ou ciclos formativos ou de bacharelato, e as persoas solicitantes traballadoras por conta allea, non obrigadas á presentación electrónica, presentarán preferiblemente a súa solicitude por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, anexo I para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para estudantes, e o anexo II para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.

O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 5. Emenda de defectos

Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 13 desta lei.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Libro de familia: copia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar. A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente na data de presentación da solicitude.

b) Título de familia numerosa: copia do título de familia numerosa cando non fose expedido en Galicia, de ser o caso.

c) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, de ser o caso.

d) Certificación de Facenda de non ter obriga de declarar, de ser o caso. No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a adxudicación de praza quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación na residencia xuvenil.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse os documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses consecutivos desde a notificación da resolución de adxudicación de prazas para seren tomadas en consideración.

e) Certificación médica acreditativa do estado de xestación no momento de presentación da solicitude, no caso de ser muller xestante.

f) A situación de violencia de xénero, de ser o caso. Esta situación acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

7º. Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

g) Acreditación da condición de orfandade, de ser o caso.

h) Acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33 % da persoa solicitante ou de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar cando non fose expedido en Galicia, de ser o caso.

i) Acreditación da condición de familia monoparental, de ser o caso.

j) Acreditación de que a persoa solicitante constitúe unha unidade familiar independente, de ser o caso. Neste caso, a persoa solicitante debe achegar:

1º. Acreditación de que a persoa solicitante conta con persoa cónxuxe ou persoa con quen estea unido/a por análoga relación, así como con fillos/as, de ser o caso.

2º. Acreditación do domicilio.

3º. Acreditación do pagamento de vivenda, de ser o caso.

4º. Acreditación dos medios económicos con que conta a persoa solicitante.

k) Anexo III, de ser o caso.

2. As persoas estudantes, procedemento BS303B, deberán achegar ademais a seguinte documentación específica:

a) Certificación académica: copia na cal figuren as notas correspondentes ao curso académico anterior ao da presentación da solicitude ou, de ser o caso, da proba de selectividade correspondente a ese mesmo curso. Na certificación deberá constar a nota media. No caso de que a persoa solicitante non cursase estudos durante ese ano académico, a certificación referirase ao último curso académico en que estivo matriculada.

b) Para a persoa solicitante que vaia cursar o primeiro ano de estudos, copia da preinscrición/reserva de praza nas facultades ou escolas universitarias, centros de bacharelato ou ciclos formativos. Cando non se dispoña desta documentación, por non estar aberto o prazo de preinscrición ou reserva durante o prazo de presentación de solicitudes de praza na residencia xuvenil, deberá comunicar esta circunstancia por escrito comprometéndose a presentala no momento en que se realice.

3. As persoas traballadoras, procedemento BS303D, deberán achegar ademais a seguinte documentación específica:

a) Traballo por conta allea:

1º. Copia do nomeamento, se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.

2º. Copia do contrato laboral en vigor, se a relación de traballo é laboral por un período mínimo de 3 meses.

b) Traballo por conta propia: certificado do tempo cotizado no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social.

4. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. As persoas solicitantes que estean cursando estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou estudos de másteres universitarios oficiais, as persoas solicitantes traballadoras por conta propia e as persoas solicitantes traballadoras por conta allea que sexan empregadas das administracións públicas están obrigadas á presentación electrónica da documentación complementaria.

Se algunha das persoas solicitantes interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica presentarán a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do representante e demais membros que compoñen a unidade familiar.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Datos do imposto da renda das persoas físicas, en diante IRPF, da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa solicitante faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Datos do título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar recoñecida pola Xunta de Galicia.

c) Desemprego. Acreditación dos importes de prestacións por desemprego percibidos en data actual da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

d) Acreditación da situación legal de desemprego sen prestación económica da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

3. No caso de que as persoas solicitantes, as persoas titoras ou representantes legais, se é o caso, o os demais membros que compoñen a unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I (prazas de residencias xuvenís para estudantes), no anexo II (prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras) e anexo III (comprobación de datos de terceiras persoas que compoñen a unidade familiar), e achegar os documentos correspondentes.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas solicitantes que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles as persoas solicitantes realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa solicitante. Cando as persoas solicitantes non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Instrución

A instrución do procedemento correspóndelle ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica a residencia xuvenil. Unha vez completos os expedientes remitirallos á comisión cualificadora prevista no artigo 10 para a súa valoración e emisión de informe. Dos resultados do informe, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 10. Comisións cualificadoras

1. A valoración das solicitudes para cada residencia xuvenil efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos, que terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

b) Vogalías:

1º. Unha persoa funcionaria do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

2º. As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Se por calquera motivo, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou a funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radique a residencia.

A valoración de solicitudes polas distintas comisións seguirá unha interpretación única dos criterios establecidos no artigo 11.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder estas prazas serán os establecidos neste artigo.

2. O baremo xeral, aplicable a todas as persoas solicitantes, é o seguinte:

a) Antigüidade na residencia xuvenil: aquelas persoas solicitantes que xa foron residentes en convocatorias anteriores: 1 punto.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daquelas persoas solicitantes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico. Non obstante, puntuarase o criterio indicado no caso de non completar o curso académico na residencia xuvenil polos seguintes motivos:

1º. Enfermidade persoal das persoas residentes ou dalgún familiar con quen convivan, debidamente xustificada.

2º. Contrato laboral noutra localidade.

3º. Ser persoas beneficiarias dunha bolsa no marco dos programas Erasmus ou Séneca.

4º. Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

En todo caso, a admisión de persoas solicitantes que xa fosen residentes en convocatorias anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable da persoa directora da residencia xuvenil, visado pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica a residencia xuvenil, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestas residencias xuvenís.

b) Renda da unidade familiar: terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

1º. A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro da declaración do IRPF. Tomarase o importe total dos ingresos da unidade familiar, para o cal se sumarán as rendas do total de membros computables e o resultado dividirase entre o mesmo número, para obter así a renda media da unidade familiar.

2º. O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de presentación da solicitude.

3º. Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente e sempre e cando cumpran as condicións recollidas no último parágrafo do artigo 6.1.d).

4º. A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

4º.1. Inferior ao 50 % do indicador público de renda de efectos múltiples, en diante IPREM: 8 puntos.

4º.2. Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 6 puntos.

4º.3. Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 4 puntos.

4º.4. Entre o 100 % e o 125 % do IPREM: 2 puntos.

4º.5. Superior ao 125 % e inferior ao 150 % do IPREM: 1 punto.

c) Situación de familia numerosa:

1º. Categoría xeral: 0,25 puntos.

2º. Categoría especial: 0,50 puntos.

d) Orfandade:

1º. Condición de orfandade: 0,50 puntos.

2º. Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

e) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar. Por cada membro da unidade familiar con discapacidade:

1º. Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

2º. Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

f) Residencia, por ter a súa residencia habitual en Galicia: 2 puntos.

g) Embarazo, por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

h) Violencia de xénero; mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fose emitida dentro do intervalo de tempo dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e sempre que a dita acreditación se realice de conformidade co indicado no artigo 6.1.f): 1 punto.

i) Outras circunstancias sociofamiliares; por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e adecuadamente acreditada no momento de presentar a solicitude: ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

1º. Por ter un ou máis irmáns ou irmás con praza renovada na residencia xuvenil: 1 punto.

2º. Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que, de existir outra persoa proxenitora, non contribúa economicamente ao sustento.

j) Desemprego; situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da persoa titora legal: 1 punto por cada situación.

3. No suposto de que as persoas solicitantes sexan estudantes, teranse en conta, ademais do establecido no número anterior, os seguintes criterios específicos:

a) Cursar estudos:

1º. Universitarios, estudos superiores en ensinanzas artísticas: 1 punto.

2º. Ciclos formativos de grao superior, medio ou bacharelato: 2 puntos.

b) Rendemento académico segundo a nota media que figura na certificación académica presentada conforme o artigo 6.2.a). Na proba de acceso á universidade terase en conta só a nota media da parte xeral. Cando o curso universitario sobre o cal se fai a media non for completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media con base en 60 créditos, dos cales conta o curso universitario segundo o Plan Boloña.

A puntuación neste número correspóndese no baremo coa dita nota media.

4. No caso de que as persoas solicitantes sexan traballadoras, sumaranse ao baremo xeral os seguintes criterios específicos:

a) Persoas traballadoras por conta allea. A duración da relación laboral, que será como mínimo de tres meses contados desde a data de remate de presentación de solicitudes, valorarase con 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes de duración do contrato, ata un máximo de 10 puntos. Os contratos de duración indeterminada ou indefinida, así como a relación estatutaria ou funcionarial de carácter permanente, valoraranse con 8 puntos.

b) Persoas traballadoras por conta propia. No caso de persoas traballadoras por conta propia, a alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, que deberá terse producido cunha antelación mínima de tres meses desde a data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, valorarase en 5 puntos e incrementarase 1 punto máis por cada mes que teña cotizado no dito réxime, ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 12. Membros computables da unidade familiar

Para os efectos do disposto nesta convocatoria, considéranse membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante, o pai, a nai ou as persoas titoras legais, e os irmáns e irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar, ou os irmáns e irmás maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar: irmáns e irmás, descendentes e ascendentes ata segundo grao que convivan coa persoa solicitante e que non dispoñan de ingresos ou que os teñan inferiores ao 50 % do IPREM.

b) En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

1º. Computarase que a unidade familiar de que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo do número de fillos e fillas que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

2º. Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar entenderase que a constitúe, polo feito de estar embarazada.

c) No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio, non se considerará membro computable aquela persoa que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, a nova persoa cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, e terase que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

d) Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables a persoa cónxuxe ou persoa con que estea unido/a por análoga relación, así coma os/as fillos/as, se os/as ten. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do alugamento da vivenda, de ser o caso, e os medios económicos con que conta.

Artigo 13. Resolución

Por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, a resolución de adxudicación das prazas, a relación definitiva de persoas beneficiarias das prazas e a lista de agarda serán aprobadas e notificadas pola persoa que exerza a xefatura territorial de cada provincia onde radique a residencia xuvenil no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo para resolver e notificar sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a solicitude correspondente. As ditas relacións notificaranse de acordo co establecido no artigo 17.

Artigo 14. Lista de agarda

1. A lista de agarda estará formada polas persoas solicitantes avaliadas que non obtivesen praza por quedar fóra do corte debido ao número de prazas convocado, e estará ordenada segundo a puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 11.

2. Con posterioridade á proposta de resolución e sempre que existan vacantes, poderá realizar outras propostas o órgano instrutor, partindo do informe emitido pola comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de agarda.

3. As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as persoas solicitantes da lista de agarda.

Artigo 15. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto for expreso; se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, ou impugnalas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, se o acto é expreso, e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto (artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Artigo 16. Efectividade da resolución

1. Posteriormente á publicación da resolución de adxudicación das prazas, as persoas beneficiarias serán requiridas para que presenten a seguinte documentación:

a) Copia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de vacinacións.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Xustificante bancario de pagamento dunha mensualidade en concepto de reserva de praza. O prezo e forma de pagamento especifícanse nos artigos 19.1 e 19.2, respectivamente.

e) Se a persoa adxudicataria ten a condición de estudante, copia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso do alumnado de 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa adxudicataria está realizando o doutoramento naquel.

2. A documentación a que se refire o número anterior terán que presentala de acordo co establecido no artigo 4, números 1 e 2, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte á notificación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, excepto a copia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, no caso de persoas solicitantes estudantes, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2020, con excepción do establecido no artigo 6.2.b) para o caso do alumnado do 1º curso. No caso de que a persoa adxudicataria non poida presentar a copia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha copia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente e deberá, non obstante, presentar a copia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

3. De non presentar a documentación en prazo e forma, declararase a perda do dereito prevista no artigo seguinte.

Artigo 17. Publicación e notificación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento, sen prexuízo do recollido no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, http://xuventude.net, con carácter complementario

Artigo 18. Renuncia e perda do dereito

1. A renuncia dunha praza da cal fosen persoas adxudicatarias deberase facer por escrito e realizarase tendo en conta o establecido no artigo 4, números 1 e 2. A renuncia producirá os efectos económicos do artigo 19.3.

2. Entenderanse decaídas no seu dereito e poderán perder a súa condición de persoas adxudicatarias da praza polos seguintes motivos:

a) Por non presentar en tempo e forma a documentación requirida para formalizar a adxudicación, incluído o pagamento dunha mensualidade, segundo recolle o artigo 16.1.d).

b) Pola falta de pagamento do prezo establecido, segundo o disposto no artigo 19.2.

c) Por non cumprir coas súas obrigas como persoas residentes, logo de expediente disciplinario, conforme establece o artigo 21.1.

d) Por non incorporarse á residencia en prazo, tal e como establece o artigo 21.4.

e) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

f) Pola ausencia inxustificada da residencia xuvenil durante máis de quince días consecutivos.

A perda do dereito, logo de audiencia á persoa interesada, será resolta, por delegación a persoa titular da Consellería de Política Social, pola xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radique a residencia xuvenil, por proposta da Dirección da residencia xuvenil e notificaráselles ás persoas adxudicatarias por escrito, seguindo o establecido no artigo 13.

No caso de perda do dereito á praza, non procederá a devolución da cota mensual aboada.

3. En calquera dos casos sinalados nos números precedentes, por renuncia ou por perda do dereito, a praza que resulte vacante cubrirase respectando a lista de agarda confeccionada pola comisión cualificadora, conforme o disposto no artigo 14.

Artigo 19. Condicións económicas

1. De conformidade co disposto na letra d) do anexo I da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a cota que deberá aboar a persoa residente por mes será:

a) Cuarto dobre: 324 € por persoa residente e mes.

b) Cuarto cuádruplo: 250 € por persoa residente e mes.

2. Unha vez comunicada a admisión, farase entrega dunha mensualidade completa en concepto de reserva de praza, que non será reintegrable no caso de perda do dereito á praza ou expulsión. Esta cantidade poderá devolverse ou, a criterio das propias residencias xuvenís, validarse pola última mensualidade que a persoa residente permaneza na residencia xuvenil.

O pagamento do primeiro e último mes de estadía na residencia xuvenil será proporcional aos días reais de permanencia nela, segundo a data de inicio e remate do plan de estudos de cada residente estudante, ou da relación laboral de cada persoa traballadora residente.

As cotas restantes poderanse aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos dez primeiros días de cada trimestre ou mes, durante a duración do correspondente curso académico, segundo estableza o plan de estudos da persoa residente, e non haberá descontos por vacacións, permisos, etc.

O prezo aboarase mediante ingreso nas entidades bancarias autorizadas, utilizando o impreso normalizado de prezos privados da Comunidade Autónoma de Galicia, modelo RE, que estará á disposición das persoas residentes nas propias residencias xuvenís e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social. Así mesmo, poderase realizar o ingreso telemático, con ou sen certificado dixital, a través da oficina virtual https://ovt.atriga.gal/#!/categoria/?Cidad%c3%a1ns/11609730/4127328. Posteriormente deberá entregarse o xustificante de pagamento na propia residencia xuvenil.

Transcorridos quince días desde a finalización do prazo previsto para o pagamento do prezo sen que a persoa residente realice o ingreso, poderá acordarse a perda do dereito á praza e a expulsión da persoa residente da residencia xuvenil, e adxudicaráselle a praza a outra persoa solicitante seguindo a orde da lista de agarda, logo de procedemento nos termos do artigo 13.

3. A renuncia á praza deberá comunicarse sempre por escrito, tendo en conta o establecido no artigo 4, números 1 e 2. Cando a renuncia se comunique por escrito cunha antelación mínima de quince días xerará o dereito á devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza; noutro caso perderase o dereito á dita devolución.

Non procederá a devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza no caso de abandono durante a convocatoria.

En calquera caso, procederá a devolución da parte proporcional da mensualidade pagada, correspondente aos días de non permanencia na residencia xuvenil, no caso de comunicación escrita cunha antelación mínima de quince días e presentando o anexo IV.

A persoa residente solicitante da devolución da mensualidade debe ser a mesma que a titular da conta bancaria en que se solicita o ingreso da devolución.

No caso de persoas solicitantes estudantes, a renuncia á praza adxudicada antes do inicio do curso académico xerará o dereito á devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza unicamente no caso de que aquela veña motivada polo feito de non acadar praza en ningún dos campus universitarios da localidade da residencia xuvenil. Neste caso, para o dereito á devolución, a persoa solicitante deberá presentar xunto co anexo IV a acreditación documental da matrícula nun centro de localidade distinta da residencia xuvenil.

4. Con carácter excepcional, as persoas residentes que se ausentasen xustificadamente durante un mes natural poderán manter o seu dereito á praza aboando o 50 % do prezo mensual establecido en concepto de reserva. Se a duración da ausencia é de períodos alternos inferiores a un mes, deducirase economicamente a parte proporcional. Se a ausencia ten unha duración superior a un mes, poderá manterse o dereito á praza aboando cada mes o 25 % do prezo mensual en concepto de reserva.

A reserva farase durante un máximo de tres meses, agás que a persoa residente faga unha petición expresa en que xustifique as causas, e que será atendida segundo as necesidades de funcionamento da residencia xuvenil.

Considerarase motivo xustificado de ausencia para solicitar a reserva a obriga da persoa residente de facer as prácticas dos estudos que estea cursando en concello distinto ao da residencia xuvenil, así como os intercambios de inmersión lingüística ou cultural que obriguen a cursar estudos no estranxeiro durante uns meses. Así mesmo, terase a mesma consideración cando a persoa residente traballadora teña unha suspensión ou extinción do contrato. Para calquera persoa residente será causa xustificada a súa enfermidade ou a dun/dunha familiar directo/a, debidamente acreditada.

Artigo 20. Servizos ofertados

1. Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

a) Aula de estudo-biblioteca.

b) Salas de xogos.

c) Televisión e vídeo.

d) Actividades culturais e deportivas.

e) Información aos pais e/ou ás nais ou ás persoas titoras legais sobre o comportamento do seu fillo ou da súa filla, cando os pais e/ou as nais ou as persoas titoras legais o soliciten ou cando a dirección da residencia xuvenil o considere necesario.

2. A asistencia médica e gastos farmacéuticos serán por conta da persoa residente, que debe traer o día da incorporación á residencia xuvenil a copia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico de que sexa beneficiaria: Muface, Sanitas, Adeslas, etc. Con todo, en cada residencia xuvenil haberá unha caixa de primeiros auxilios.

3. As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

4. Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento; non obstante, reservaráselles ás persoas residentes o dereito á tenza de bens nos cuartos, durante calquera destes períodos vacacionais.

Artigo 21. Obrigas das persoas residentes

1. As persoas residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario no cal se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

2. As persoas residentes deberán deixar os cuartos libres, inescusablemente, o día que finalice o calendario académico e, en todo caso, o prazo máximo será o 31 de xullo do ano en curso. No caso de que a persoa residente sexa menor de idade, deberá abandonar a residencia xuvenil as fins de semana e días non lectivos, agás autorización expresa dos pais, das nais ou das persoas que sexan titoras legais.

3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual dos persoas autoras ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terase que aboar o seu custo.

4. As persoas adxudicatarias das prazas poderán incorporarse ás residencias xuvenís de acordo co inicio do curso académico segundo estableza o plan de estudos da persoa adxudicataria e, en todo caso, dentro do prazo máximo establecido no artigo 2, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. Na súa falta, entenderase que renuncia á praza adxudicada, perderá os seus dereitos e procederase a cubrir a vacante conforme o disposto no artigo 14.

5. O estado de saúde da persoa residente deberá en todo momento permitir o normal desenvolvemento da vida residencial; en caso contrario e por prescrición facultativa, deberá abandonar a residencia xuvenil ata a súa recuperación.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas solicitantes serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios, sen prexuízo das limitacións de conformidade coa norma de aplicación.

As persoas solicitantes poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social en función do seu respectivo ámbito territorial, para resolver a adxudicación das prazas e a perda do dereito nas residencias xuvenís dependentes da consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file