Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 22 de xullo de 2020 Páx. 28999

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se establece un período de veda na ría de Pontevedra para a captura do choco.

Feitos:

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra achega, en documento con rexistro de saída número 149, do 29 de xuño de 2020, a solicitude de establecemento dunha veda para a pesca do choco por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, na ría de Pontevedra, desde o 13 de xullo ata o 30 de outubro de 2020.

Fundamentos técnicos e xurídicos:

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, indícanos, no artigo 6.1, que a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, terá como obxectivo «o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos».

Ademais, co fin de asegurar os obxectivos recollidos na lei, establece que lle corresponde á consellería competente en materia de pesca, logo de audiencia do sector afectado, o «establecemento de vedas temporais ou zonas para determinadas especies, así como dos fondos autorizados» (artigo 7.2.h).

O Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 50.3 que: «as embarcacións menores de 2,5 TRB ou 1,75 GT poderán utilizar trasmallos por dentro do anexo III a unha distancia mínima de 100 metros da costa ou a unha profundidade mínima de 5 metros, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril, salvo o período en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona».

Examinados os informes técnicos correspondentes, onde se constata que a partir do mes de xuño a porcentaxe de individuos xuvenís capturados se incrementa nun 80 % respecto a meses anteriores, nos cales se recomenda limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías (por dentro do anexo III), e consultado o sector na zona, esta dirección xeral

RESOLVE:

Establecer unha veda para a pesca do choco na ría de Pontevedra, por dentro das liñas de referencia do anexo III que aparecen reflectidas no citado Decreto 15/2011, desde o 13 de xullo de 2020 ata o 30 de outubro de 2020, ambos inclusive.

Así mesmo, queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no dito Decreto 15/2011. As capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Do mesmo xeito, esta veda inclúe tamén a pesca marítima de recreo segundo a Lei 11/2008, do 3 de decembro, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, que establece no seu artigo 26.1: «Seranlle aplicables á pesca marítima de recreo as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros establecidas para a pesca marítima profesional».

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

Mercedes Rodríguez Moreda
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica