Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 23 de xullo de 2020 Páx. 29117

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2020 de modificación da composición do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G).

A presidenta do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) enviou o día 3 de xullo de 2020 un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde en que comunica a renuncia dun membro do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) e propón o nomeamento dun novo membro.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 5 de decembro de 2017, que se publicou no Diario Oficial de Galicia, do 13 de decembro de 2017, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G), estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Actualmente como vicesecretaria do CEIm-G figura Mª Belén Pérez Marcos, que renuncia agora á súa condición de membro do comité.

O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia, ou órgano que o substitúa.

Consideracións legais e técnicas:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité «serán designadas e nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

O número 7 do artigo 5 dispón que «o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo audiencia do/a interesado/a».

Acerca da composición numérica, en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o CEIm-G axústase na súa composición aos citados topes numéricos e, coa vontade de manter o mesmo número, propúxose o nomeamento de Martina Lema Oreiro, pertencente á Subdirección Xeral de Farmacia da Consellería de Sanidade.

Logo de ver o que se expuxo e de acordo coa proposta que efectuou o xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Mª Belén Pérez Marcos como membro do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G).

Así mesmo, o nomeamento de Martina Lema Oreiro como membro do citado comité.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade