Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 23 de xullo de 2020 Páx. 29119

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

No marco establecido nos artigos 40 e 49 da Constitución española, no Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego; nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e no respectivo Plan anual de política de emprego (en diante, PAPE), co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades, como son as persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúe á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, que asume as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Así mesmo, mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, do emprego e da formación.

De acordo co disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (en diante, CEE), e das subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.

Dadas as características e a tipoloxía dos CEE na Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia recolleu como programas propios do PAPE as actuacións en materia de axudas aos CEE, o que permite establecer melloras respecto do recollido na normativa estatal.

O artigo 37 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para iso, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral e promoverán os apoios necesarios para a busca, a obtención e o mantemento do emprego, así como o retorno a el.

O artigo 43 deste texto refundido define os CEE como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade; e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade ao réxime de traballo normal.

Por outra banda, o artigo 4 desta norma establece a definición de persoas con discapacidade e considera como tales aquelas que teñen recoñecido un grao de discapacidade superior ou igual ao 33 % e, ademais, outórgalle esta consideración ás persoas pensionistas de incapacidade permanente. Respecto do contido deste artigo 4.2, a Sala Cuarta do Tribunal Supremo ditou tres sentenzas (números 992, 993 e 994) o 29 de novembro de 2018 que declaran a súa ineficacia ao considerar que se incorreu nun exceso de delegación na redacción do texto refundido e, polo tanto, non procede a súa aplicación.

O Tribunal Supremo fixou como xurisprudencia a doutrina contida nas sentenzas do 29 de novembro de 2018, polo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria non pode obviar a inaplicación do artigo 4.2 do devandito Real decreto lexislativo 1/2013 respecto das políticas activas de emprego, aínda que, por outra banda, tampouco pode obviar o cumprimento do principio de seguridade xurídica e conservar as actuacións anteriores á data das sentenzas.

Por todo o exposto e mentres non sexa modificado o artigo 4.2 do devandito Real decreto lexislativo 1/2013, só se aplicará nas políticas activas de emprego a definición de discapacidade contida no artigo 4.2 para aquelas persoas que fosen contratadas antes do 30.11.2018, sen prexuízo de que se poida estender o dereito a contratacións posteriores no momento en que unha norma con rango de lei así o permita.

Os CEE están declarados como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral (artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social). Son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial coa inserción laboral do maior número de persoas con discapacidade e, en todo caso, como mínimo o 70 % do total do cadro de persoal. Polo tanto, os CEE dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social, na execución das políticas activas de emprego e no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.

Do mesmo xeito, a Estratexia de economía social de Galicia recolle como actuacións prioritarias o reforzo dos programas de creación de emprego, con especial atención á integración de colectivos con especiais dificultades, como as persoas con capacidades diferentes e as que están en situación ou risco de exclusión, así como o apoio ás entidades que traballan para a integración laboral destes colectivos. Neste senso, configúranse as axudas deste texto normativo que ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria bianual 2020-2021 das axudas aos CEE, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.

No capítulo I establécense as normas xerais e no capítulo V convócanse as axudas para os anos 2020 e 2021. Regúlanse tres programas ou liñas de axudas claramente diferenciadas cuxas condicións específicas se determinan nos capítulos II a IV.

No capítulo II establécense as bases reguladoras específicas do Programa I de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, que consiste na subvención parcial dos custos salariais e da Seguridade Social do persoal indefinido destas unidades que apoiarán as persoas con discapacidade que teñan máis dificultades de integración socio-laboral.

No capítulo III regúlase o Programa II de axudas para a creación de postos de traballo estables (en que se establecen incentivos para determinados colectivos máis desfavorecidos), axudas para a adaptación de postos e para asistencia técnica aos CEE de iniciativa social. Co fin de axudar ao financiamento das auditorías ás cales necesariamente deberán someterse os CEE beneficiarios das axudas para o rendemento da conta xustificativa, establécese unha axuda, neste caso, para todos os CEE.

Neste punto, as bases reguladoras introducen unha novidade respecto das vixentes en convocatorias anteriores, ao substituír a condición de CEE sen ánimo de lucro pola de CEE de iniciativa social. A definición de CEE de iniciativa social está recollida no artigo 43.4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, segundo a modificación introducida pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Ben que en termos xerais esta definición ten un alcance semellante á actual de CEE sen ánimo de lucro, segundo se recolle no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, ambas non son totalmente coincidentes, o que pode xerar confusión e inseguridade en canto ao alcance dunha e doutra e dificultar a extensión desta figura. Tendo en conta que todos os CEE cualificados como sen ánimo de lucro, de conformidade co Decreto 200/2005, do 7 de xullo, reúnen as condicións para ser considerados de iniciativa social segundo a Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, considérase que a substitución dun termo polo outro non prexudicará ningún posible beneficiario e contribuirá a promover esta modalidade.

O capítulo IV regula o Programa III de axudas ao mantemento do custo salarial que ten por obxecto regular a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral desenvolvida polos CEE, mediante o financiamento parcial dos custos salariais dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade.

Este capítulo determina as condicións das axudas ao mantemento dos postos de traballo das persoas traballadoras con discapacidade, apoiando o custo salarial mediante a achega dun 50 % do salario mínimo interprofesional (SMI).

Cómpre salientar a porcentaxe adicional do SMI para as persoas traballadoras con discapacidade nos CEE con especiais dificultades de inserción laboral, que nesta convocatoria se establece no 10 %. O procedemento de concesión das axudas non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto do programa, non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera das modalidades de axudas que prevé esta orde, os centros beneficiarios poderán acollerse ao sistema de pagamento anticipado do gasto sen necesidade de constituír garantías.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e unha vez autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual e a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade, principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións aos centros especiais de emprego (CEE) establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

a) Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE regulado no capítulo II (procedemento TR341K).

b) Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE, regulado no capítulo III (procedementos TR341E e TR341N).

c) Programa III: axudas ao financiamento parcial do custo salarial das persoas con discapacidade nos CEE, regulado no capítulo IV (procedemento TR341M).

2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario e ao límite dos compromisos plurianuais que se poidan adquirir ao abeiro do artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta de Galicia.

3. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas aos programas desta orde.

4. Os créditos consignados na convocatoria poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios aqueles CEE que na data de presentación da solicitude de axudas teñan solicitada a súa cualificación como centro especial de emprego ou a ampliación de novos centros de traballo.

Do mesmo xeito, para os programas en que se teña en consideración a condición de CEE de iniciativa social, poderán ser beneficiarios os CEE que na data de presentación da solicitude de axudas teñan solicitada a súa cualificación en tal sentido.

Consideraranse accións ou gastos subvencionables os realizados desde a data da solicitude de cualificación dentro do período que se estableza na convocatoria.

En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar esa cualificación e a inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social, cando proceda.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios:

a) Os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Os CEE excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46. bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada deberán levar unha contabilidade separada desa entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día coas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento.

4. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b) c) e d) do punto 3 deste artigo para poder obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I, II, III e IV).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade desas declaracións.

Artigo 4. Persoas destinatarias finais

1. A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras no caso de que o CEE sexa unha cooperativa e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Programa I, as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral, tal e como se definen no artigo 5.2.

2. As persoas traballadoras con discapacidade a que se dirixe esta orde non deben ocupar postos que quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola que se concedeu a subvención ao abeiro desta ou doutras ordes de convocatoria de axudas aos CEE.

3. As condicións do posto de traballo de cada unha das persoas con discapacidade, destinatarias finais da subvención, deben adaptarse ás condicións individuais de cada persoa, de xeito que esta poida desenvolver as tarefas básicas do seu posto de traballo, sen menoscabo das súas capacidades.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

1. Persoas con discapacidade: aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

Sempre que os contratos de traballo tivesen lugar con data anterior ao 30 de novembro de 2018, e de acordo co disposto no artigo 4.2 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, terán a consideración de persoas con discapacidade as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, ou as pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

2. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral: as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

3. Persoa traballadora: a persoa vinculada ao CEE por un contrato laboral ou a persoa socia traballadora no caso de que o CEE sexa unha cooperativa.

4. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social.

5. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

– Ser persoa galega nacida en Galicia ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal cunha persoa en quen concorran estas condicións.

– Estar en posesión da nacionalidade española e ter vinculación cun concello galego no Padrón de residentes no exterior antes do retorno.

– Constar no padrón dun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

6. Persoa trans: toda aquela persoa que se identifica cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

7. Centros especiais de emprego de iniciativa social: os que, cumprindo as condicións recollidas no artigo 43.4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, estean recoñecidos con esa condición polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase que teñen esta condición todos os CEE que estean cualificados como sen ánimo de lucro polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

8. Servizos de axuste persoal e social: os servizos de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, culturais e deportivos, sempre que procuren ao traballador ou traballadora con discapacidade do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.

9. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalles:

1. Á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, cando se trate de solicitudes dos programas I e II.

2. Ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cando se trate de solicitudes do Programa III, referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional.

Artigo 8. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nos capítulos II, III e IV desta orde.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I, II, III e IV, segundo o tipo de axuda de que se trate) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria sinalada nesta orde para cada programa e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación das solicitudes para cada un dos programas previstos nesta orde establecerase en cada convocatoria de axudas e será, como mínimo, dun mes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ás solicitudes xuntarase a documentación complementaria sinalada nos artigos 32, 41 e 47, para cada un dos programas de axudas desta orde, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos que sexan necesarios para cada fase e tipo de axuda, de entre os incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

k) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención
e/ou das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

l) Informe da vida laboral das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.

m) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

n) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

ñ) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das empresas/entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiaras e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Procedemento de concesión e fase de instrución

1. O procedemento de concesión das axudas non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto dos programas, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos e en función da orde de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (terase en conta a data e a hora de presentación), ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Son órganos instrutores:

A Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para os programas I e II (procedementos TR341E, TR341N e TR341K).

O Servizo de Emprego e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o Programa III de subvencións ao custo salarial (procedemento TR341M).

4. A instrución completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria sobre as autorizacións administrativas e inscricións no rexistro como CEE e os seus centros de traballo, así como o seu recoñecemento e a inscrición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro ou de iniciativa social, ou as solicitudes presentadas para a súa cualificación, conforme o previsto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

5. A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou a entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polos órganos instrutores do procedemento, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería Economía, Emprego e Industria. e deberán serlles notificadas aos solicitantes.

As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a non concesión, a desistencia ou a renuncia ao dereito.

As resolucións de concesión indicarán o período subvencionado e o importe concedido por cada anualidade ou anualidades e incluirán como anexo a relación dos traballadores e das traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego tidos en conta para o cálculo da contía da subvención, así como a súa xornada laboral, o tipo de contratación e a duración dos contratos temporais.

Así mesmo, as resolucións do Programa I indicarán o persoal da unidade de apoio subvencionado, a súa xornada e o número de persoas con discapacidade atendidas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición de tal recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Xustificación da axuda e gastos subvencionables

1. A xustificación por parte dos CEE beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos documentarase mediante conta xustificativa, que se presentará polos mesmos medios que os establecidos para a presentación das solicitudes.

O rendemento da conta xustificativa farase detallado por anualidades e deberá incorporar a documentación que se exixa na resolución de concesión e a que se relaciona nos artigos 33, 42 e 48 desta orde, segundo o programa de que se trate.

2. Nos programas I e III, á conta xustificativa xuntarase informe de auditor conforme o estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O auditor deberá estar inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas e levará a cabo a revisión da conta xustificativa de conformidade cos criterios sinalados nos parágrafos 4, 5 e 6 deste artigo. A revisión realízase pola totalidade dos gastos xustificados conforme o establecido nos artigos 33.g) e 48.2.d) para cada programa de axudas.

3. O prazo de presentación da conta xustificativa será o que se sinale en cada convocatoria, ou, de ser o caso, o que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resultase ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a devandita notificación.

Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

4. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considerarase gasto realizado o que corresponde a actuacións levadas a cabo no período de execución sinalado na convocatoria e foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente, recibo de salarios, etc.) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación.

5. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a transferencia bancaria, a certificación bancaria ou o extracto bancario de pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

No recibo/extracto bancario deberá constar: o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (estas últimas deben coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura ou os do recibo de salarios, segundo a axuda de que se trate.

Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existir varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

6. Para a determinación dos gastos subvencionables teranse en conta as particularidades exixidas para cada un dos programas de axudas.

Artigo 17. Pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados do gasto para cada anualidade, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde nos termos e nas condicións previstas para cada axuda nos artigos 35, 44 e 49 e sempre que o CEE o solicite marcando esta opción no anexo da solicitude ou mediante escrito dirixido ao órgano xestor da axuda en calquera momento anterior á data límite de xustificación das axudas.

3. O importe dos anticipos non poderá exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Para realizar estes pagamentos anticipados, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O pagamento final da axuda terá lugar cando se liquide o expediente, unha vez xustificada a totalidade da axuda concedida e logo de ditar as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan segundo o previsto no artigo 20.

Cando a cantidade xustificada for inferior á anticipada, a diferenza descontarase do pagamento final e, de ser o caso, procederase ao reintegro do exceso, que o CEE poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 22.

5. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres o CEE non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, non procederá o pagamento final da subvención mentres o CEE non se atope ao día no cumprimento da obriga de presentar, ante o Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a memoria anual prevista no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento. O cumprimento desta obriga será comprobado de oficio polo órgano xestor das subvencións.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou a entidade beneficiaria.

2. As subvencións do custo salarial previstas no Programa III desta orde serán incompatibles para a mesma persoa traballadora con discapacidade coas establecidas para as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE reguladas no Programa I, no suposto dunha persoa traballadora con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional.

No caso de que se soliciten axudas para os dous programas e ambas reúnan as condicións para ser subvencionables, concederase unicamente a de custo salarial.

As axudas dos programas I e III serán incompatibles, respecto da mesma persoa con discapacidade, coas axudas que se convoquen baixo o Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego.

Artigo 19. Obrigas xerais dos centros especiais de emprego

Son obrigas dos CEE beneficiarios das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se deberá achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

De acordo con esta obriga, os centros especiais de emprego deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o SEPE. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público incluíndo o nome do centro, a expresión «centro especial de emprego» e o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaría Xeral de Emprego, que constan na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na ligazón: http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego

Así mesmo, deberán informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Someter á auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 €, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

l) Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

m) Estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais, previstas no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento; en especial, cumprir coas obrigas de comunicación previstas no seu artigo 7 e coa obriga de presentar a memoria anual ante a Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co contido e no prazo establecido no seu artigo 8.

n) Como máximo o 15 de febreiro do ano seguinte á publicación de cada convocatoria, e para cumprir co establecido no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de CEE, os centros beneficiarios das subvencións deberán remitir, para efectos estatísticos, a información referida o 31 de decembro do ano da convocatoria que se indica no modelo publicado na páxina web da Consellería de Economía Emprego e Industria, na ligazón: http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego

Así mesmo, deberán presentar a certificación de realización do plan de prevención de riscos laborais a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

2. Nos programas I e III, poderá modificarse a resolución inicial, cando a contía xustificada fose superior ou inferior á concedida por existiren variacións respecto da estimación realizada na resolución inicial.

No caso de que a contía xustificada sexa inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

Se a contía xustificada é superior á concedida, poderán ditarse resolucións complementarias.

3. As resolucións complementarias estarán supeditadas a que se cumpran todas e cada unha das seguintes condicións:

a) Que exista crédito adecuado e suficiente.

b) Que o CEE beneficiario solicite a modificación da resolución de concesión.

c) Que se produza algunha das seguintes circunstancias:

– Que aumenten o número de contratos e/ou as xornadas laborais das persoas con discapacidade respecto dos recollidos na resolución inicial. Neste caso, as resolucións complementarias da primeira anualidade poderán financiarse con cargo aos créditos da segunda anualidade.

– Que se incremente o importe do salario mínimo interprofesional, respecto do existente no momento da resolución de concesión.

Artigo 21. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos indicados expresamente nos artigos 34 e 43 desta orde.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe para reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 19.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f), g) e l) do artigo 19, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 19.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor poderá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

f) A percepción das subvencións polas persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, coa percepción da subvención do custo salarial pola mesma persoa con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional ou coa percepción da axuda á persoa de apoio e acompañamento á persoa con discapacidade cun contrato para a formación e a aprendizaxe ao abeiro das axudas para a formación dual en CEE: reintegro do 100 % da subvención concedida á persoa traballadora da unidade de apoio.

g) O incumprimento da obriga de entregar a documentación indicada nas letras m) e n) do artigo 19: reintegro do 100 % da axuda concedida.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

4. O procedemento de reintegro substanciarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. O órgano competente para resolver poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24. Adecuación á normativa de axudas de Estado

1. Os CEE decláranse entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral, de conformidade co artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro).

As axudas que se regulan no Programa III desta orde, en forma de compensacións, pola prestación dos servizos de integración laboral das persoas con discapacidade nos CEE, son compatibles co mercado interior, dado que se outorgan de conformidade co establecido na Decisión da Comisión do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación do artigo 106, punto 2, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral (DOUE L núm. 7, do 11 de xaneiro de 2012).

O parámetro establecido para determinar a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral é o salario mínimo interprofesional vixente, a contía da axuda consiste nun 50 % do salario mínimo interprofesional (SMI), así como a contía adicional que, de ser o caso, se estableza na convocatoria para as persoas cun tipo de discapacidade de entre os recollidos no artigo 5.2. Esta contía vén sufragar unha parte dos gastos ocasionados aos CEE pola prestación dos servizos. Por tratarse dunha contía previamente determinada, que en ningún caso poderá exceder o custo económico dos servizos prestados, non resulta necesario establecer parámetros para evitar e recuperar posibles compensacións excesivas, agás a comprobación da concorrencia e das compatibilidades das subvencións.

2. En canto ás axudas que se recollen nos programas I e II, réxense polo Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L núm. 187, do 26 de xuño de 2014). O dito regulamento, no seu artigo 34, establece como custos subvencionables, entre outros, os custos de adaptación das instalacións, os custos salariais do persoal exclusivamente durante o tempo que se dedique a asistir ás persoas traballadoras con discapacidade e os custos de construción, instalación ou modernización das unidades de produción da empresa.

En todo caso, a intensidade da axuda non poderá superar o 100 % dos custos subvencionables indicados.

Non se poderán conceder estas axudas cando se dean os supostos recollidos nos artigos 1 e 4 do citado Regulamento (UE) núm. 651/2014.

3. O CEE que perciba axudas ao abeiro dos programas I e II desta orde deberá declarar que se cumpren todas as condicións previstas no devandito artigo 34 do citado Regulamento 651/2014, que non está incurso nalgún dos supostos de exclusión que nel se relacionan e que non supera o limiar máximo establecido (dez millóns de euros por empresa e ano). Tal declaración farase nun primeiro momento coa solicitude da axuda e, posteriormente, cando se presente a documentación xustificativa da axuda concedida.

CAPÍTULO II

Programa I: Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (procedemento TR341K)

Artigo 25. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstos no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.

A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Concepto de unidade de apoio á actividade profesional

Enténdese por unidades de apoio á actividade profesional os equipos multiprofesionais enmarcados dentro dos servizos de axuste persoal e social dos CEE que, mediante o desenvolvemento das funcións previstas no artigo 27 desta orde, permiten axudar a superar as barreiras, os obstáculos ou as dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade deses centros teñen no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión neste.

Artigo 27. Funcións das unidades de apoio á actividade profesional

O persoal integrado nas unidades de apoio á actividade profesional definidas no artigo anterior desenvolverá as seguintes funcións:

a) Detectar e determinar, logo da valoración de capacidades da persoa e a análise do posto de traballo, as necesidades de apoio para que a persoa traballadora con discapacidade poida desenvolver a súa actividade profesional.

b) Establecer as relacións precisas co contorno familiar e social das persoas traballadoras con discapacidade, para que este sexa un instrumento de apoio e estímulo ao traballador ou traballadora na incorporación a un posto de traballo e á estabilidade nel.

c) Desenvolver cantos programas de formación sexan necesarios para a adaptación da persoa traballadora ao posto de traballo, así como ás novas tecnoloxías e aos procesos produtivos.

d) Establecer apoios individualizados para cada traballadora ou traballador e posto de traballo.

e) Favorecer e potenciar a autonomía e independencia das persoas traballadoras con discapacidade, principalmente, no seu posto de traballo.

f) Favorecer a integración de novas persoas traballadoras ao centro especial de emprego mediante o establecemento dos apoios adecuados para tal fin.

g) Asistir a persoa traballadora do centro especial de emprego no proceso de incorporación a enclaves laborais e ao mercado ordinario de traballo.

h) Detectar e intervir nos posibles procesos de deterioración evolutiva das persoas traballadoras con discapacidade co fin de evitar e atenuar os seus efectos.

Artigo 28. Persoal destinatario final do programa

1. O persoal destinatario final deste programa serán as traballadoras e os traballadores con discapacidade dos CEE que se encontren nalgún dos supostos que se describen no artigo 5.2.

2. As unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén aos traballadores e traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego que non inclúa o punto anterior, sempre e cando a dedicación a este persoal traballador non menoscabe a atención do persoal incluído no punto anterior.

Artigo 29. Entidades beneficiarias das subvencións

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 3, os seguintes:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 desta orde.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional que teñan a composición establecida no artigo 31 desta orde.

Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía

1. As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa, correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas e derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE, para o desenvolvemento das funcións descritas no artigo 27.

Así mesmo, serán subvencionables as contratacións de interinidade durante o tempo que se substitúa a persoa titular da praza de técnica ou encargada da unidade de apoio, dentro do período subvencionable.

2. Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente, e nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.

En calquera caso, a contía da subvención non poderá exceder o fixado no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio.

3. A contía base da subvención establécese en 2.400 € anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 5.2, con contrato por indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis meses a xornada completa.

A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade sinaladas no parágrafo anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

4. O cálculo da subvención estimarase para todo o período subvencionable, tendo en conta as persoas con discapacidade co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 5.2 que figuren no cadro de persoal do CEE no primeiro mes polo que soliciten a subvención. Así mesmo, terase en conta a composición da unidade de apoio nese mesmo mes.

Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional

1. Os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispor de unidades de apoio á actividade profesional cuxa composición se establecerá de acordo cos módulos que se indican a seguir:

a) Ata 15 persoas traballadoras con discapacidade das indicadas no artigo 5.2, unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 20 % da súa xornada, e unha persoa encargada de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

b) De 16 a 30 persoas traballadoras, unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 80 % da súa xornada, e dúas persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou as que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

c) De 31 a 45 persoas traballadoras, dúas persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, unha delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e tres persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

d) De 46 a 60 persoas traballadoras, dúas persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, a tempo completo, e catro persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

e) De 61 a 75 persoas traballadoras, tres persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, dúas delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e cinco persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

f) Para máis de 75 persoas traballadoras, establecerase o cadro de persoal da unidade de apoio á actividade profesional proporcionalmente, segundo os criterios sinalados na letra e).

2. Cando o número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 a que se dirixe o servizo non se corresponda cos topes de cada módulo, o tempo de dedicación do persoal das unidades de apoio á actividade profesional será proporcional ao número desas persoas traballadoras con discapacidade.

3. Non se terán en conta para o cálculo da composición das unidades de apoio á actividade profesional e, por tanto, non serán subvencionables, as persoas titulares dos centros especiais de emprego, ou as que ocupen cargos de dirección e xestión neles.

Artigo 32. Documentación complementaria

Ás solicitudes (anexo I) deberá xuntárselles a seguinte documentación complementaria:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria asinada pola persoa responsable do CEE que recolla os seguintes datos:

1º. Titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo e actividades que desenvolve.

2º. Cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social durante o exercicio anterior e, de ser o caso, as causas que motivaron o incumprimento.

3º. Composición da unidade de apoio e funcións que van realizar cada unha das persoas que a integran conforme o establecido no artigo 27 desta orde, con indicación da xornada de traballo que dedicarán a cada unha das funcións descritas.

4º. Obxectivos que se pretenden conseguir coa unidade de apoio e recursos de que se dispón.

5º. Modelos de cronogramas, follas de verificación ou seguimento, indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que empregará o centro para avaliar a realización e consecución dos obxectivos descritos.

c) Documentación relativa ao persoal con discapacidade con especiais dificultades definidas no artigo 5.2 que será atendido pola unidade de apoio:

1º. Certificación da relación nominal destas persoas, asinada pola persoa responsable do CEE, ordenada alfabeticamente por apelidos, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención, segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Certificación de discapacidade, no caso de que esta for recoñecida fóra de Galicia.

3º. Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.

d) Documentación relativa ao persoal indefinido que forma parte da unidade de apoio á actividade profesional e polo que se solicita a subvención:

1º. Certificación da relación do persoal que forma parte da unidade de apoio, asinada pola persoa responsable do CEE, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención, con indicación do custo salarial por anualidades (incluídos os custos da Seguridade Social), e do convenio colectivo aplicable, así como a contía máxima que corresponda por convenio, segundo o modelo que consta na páxina web
http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Currículo xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia.

3º. Informe de datos para a cotización (IDC) da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE que van ser atendidas pola unidade de apoio e das persoas que forman parte da unidade de apoio á actividade profesional.

Artigo 33. Documentación xustificativa

Para os efectos de proceder ao pagamento final da subvención, o CEE beneficiario deberá presentar a conta xustificativa, que incluirá a seguinte documentación:

a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o modelo xenérico que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia e que inclúe a declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas.

b) Memoria asinada pola persoa responsable do CEE, congruente coa memoria presentada coa solicitude, en que se reflictan os seguintes datos:

1º. Descrición detallada das accións de apoio que cada unha das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional prestaron ás persoas con discapacidade, indicando o tempo e a xornada de traballo destinados a estas funcións.

2º. Cumprimento ou non dos obxectivos previstos e recursos destinados á consecución dos obxectivos.

3º. Cronogramas, follas de verificación ou de seguimento do apoio realizado, e indicadores de resultados.

c) Documentación referida ás persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades definidas no artigo 5.2 atendidas pola unidade de apoio:

1º. Certificación, asinada pola persoa responsable do CEE, da relación nominal destas persoas, ordenada alfabeticamente por apelidos, detallada por anualidades, que conteña as variacións producidas respecto do primeiro mes polo que se solicitou a subvención (altas, baixas, situacións de IT, substitucións, cambios de xornada, etc.), con indicación dos días efectivamente traballados, segundo o modelo que consta na páxina web
http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social de todas as mensualidades incluídas no período subvencionable.

3º. Certificación de discapacidade, se a discapacidade foi recoñecida fóra de Galicia, para as persoas contratadas con posterioridade ao mes da solicitude.

4º. Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente, para as persoas contratadas a partir do primeiro mes polo que se solicita a subvención.

d) Respecto do persoal das unidades de apoio subvencionado:

1º. Certificación, asinada pola persoa responsable do CEE, da relación do cadro de persoal da unidade de apoio, detallada por anualidades, en que se incluirán as variacións producidas respecto da solicitude (altas, baixas, situacións de IT, substitucións, etc.), con indicación dos días efectivamente traballados e do convenio colectivo aplicable, así como a contía máxima que corresponda por convenio, segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Certificación asinada pola persoa responsable do centro especial de emprego, e o persoal de apoio á actividade profesional, da imputación da súa xornada á unidade de apoio á actividade profesional.

3º. Anexo VI: declaración do cumprimento por parte do CEE da obriga de informar as persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional sobre a subvención do seu contrato.

e) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE que van ser atendidas pola unidade de apoio e das persoas que forman parte da unidade de apoio á actividade profesional no caso de contratacións realizadas con posterioridade ao primeiro mes polo que se solicita subvención.

f) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

g) Informe elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, que deberá conter:

1º. Manifestación expresa sobre que os datos que constan nas certificacións sinaladas no parágrafo 1º das letras c) e d) deste artigo son correctos e conformes co convenio colectivo que resulta de aplicación segundo as regras contidas no artigo 1 do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.

2º. Verificación da existencia de recibos de salarios e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento, referidos ás persoas relacionadas na certificación da epígrafe 1ª da letra d).

3º. Verificación de que os días efectivamente traballados que constan na dita certificación da epígrafe 1ª da letra d) e os días de baixa que lle corresponde aboar á empresa se corresponden cos que figuran nos recibos de salarios.

4º. Verificación da existencia de relación nominal das persoas traballadoras (RNT) e recibo de liquidación de cotizacións (RLC).

5º. Verificación da existencia dunha contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida, así como dunha contabilidade diferenciada da entidade titular, no caso de que o CEE non teña personalidade xurídica propia.

Artigo 34. Obrigas e reintegros específicos do Programa I

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste programa, ademais das xerais recollidas no artigo 19, as seguintes:

a) Manter os postos de traballo obxecto da subvención polo período subvencionable e manter a proporcionalidade exixida para a composición da unidade de apoio no artigo 31. Cando se produzan vacantes do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas co fin de manter esa proporcionalidade.

A cobertura do novo posto terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria no mesmo prazo sinalado para a cobertura do posto.

No suposto de non manter os postos de traballo obxecto da subvención polo total do período subvencionable ou de non manter a proporcionalidade establecida no artigo 31 desta orde, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

b) Manter no seu cadro de persoal o número de persoas con discapacidade, en función dos cales se concedeu a subvención, segundo o establecido no artigo 31 desta orde. No suposto de diminución deste número de persoas traballadoras con discapacidade, ou da duración dos contratos ou da súa xornada de traballo, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

Artigo 35. Pagamento

Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida para cada anualidade de acordo coa seguinte porcentaxe: ata o 100 % na primeira anualidade e ata o 90 % na segunda.

No suposto de que a contía xustificada en cada anualidade sexa superior ou inferior á concedida, ditaranse as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan con respecto á resolución inicial, no momento en que se liquide o expediente, conforme o expresado no artigo 20.

CAPÍTULO III

Programa II: Programa de axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE
(procedementos TR341E e TR341N)

Artigo 36. Obxecto e entidades beneficiarias

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

Para seren beneficiarios das axudas deste programa, os CEE deberán estar recoñecidos como centros de iniciativa social (polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo), ou ter solicitado o recoñecemento desta condición na data de presentación da solicitude.

Exceptúanse do anterior as axudas recollidas no artigo 40.d) para o informe sobre a conta xustificativa, da cal poderán ser beneficiarios todos os CEE inscritos ou que teñan solicitada a inscrición.

Artigo 37. Tipos de axuda e disposicións comúns

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

a) Subvención para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

b) Subvención para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

c) Subvención para a asistencia técnica (procedemento TR341N).

2. O gasto realizado tanto no investimento en activo fixo para crear postos como no investimento para a adaptación dos postos de traballo ou nos servizos de asistencia técnica, excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, é subvencionable ata 100 % para os CEE cualificados de iniciativa social.

O gasto realizado en asistencia técnica para o informe de auditor sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d) será subvencionable ata o 100 % para os CEE de iniciativa social e ata o 80 % para os demais centros especiais de emprego. En ambos os casos se terán en conta as contías máximas de subvención que se establecen nos artigos 38 ao 40 en función da liña de axuda de que se trate.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o importe total do custo ocasionado.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

5. Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, o CEE estará obrigado a solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á realización da obra, entrega do ben ou a prestación do servizo, agás que se xustifique debidamente a imposibilidade de obtelas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

6. No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministre ou que preste o servizo de asistencia técnica, deberá presentar coa solicitude unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa, en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado; así mesmo, e en todo caso, calquera que sexa o importe, presentarán tres orzamentos, dous deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas axustarase aos criterios sinalados no parágrafo anterior.

Artigo 38. Creación de postos de traballo de carácter estable (TR341E)

1. Establécese unha axuda á creación de postos de traballo de carácter estable calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición. Subvencionarase:

– A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.

– A transformación en indefinidos dos contratos temporais.

2. Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións como o gasto subvencionable deberá realizarse nos períodos que indique a convocatoria.

3. Cada un dos centros de traballo do CEE poderá solicitar un máximo de 15 postos.

4. As iniciativas e proxectos referentes aos CEE que soliciten as axudas recollidas neste artigo deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira e supor a creación de emprego estable. Así mesmo, deberán xustificar adecuadamente o investimento que implica o proxecto que deberá estar directamente relacionado co posto ou postos de traballo creados.

Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento respecto ao cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no último expediente concedido de axudas a proxectos de creación.

5. Para os efectos das axudas reguladas nesta orde, considerarase como investimento en activo fixo o recollido como tal no Plan xeral contable.

No caso de vehículos, será subvencionable a adquisición dos vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, e os automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia.

En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou a titularidade inicial do investimento.

6. A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:

1ª. Establécese unha contía base de 12.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.

2ª. Os importes anteriores poderán incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado no artigo 5.2 ou está en situación de risco ou exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.

d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada conforme establece o artigo 5.5.

e) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de trans.

f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural segundo a definición do artigo 5.9.

3ª. A contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas será de 30.000 € por cada posto creado.

Artigo 39. Adaptación de postos de traballo (TR341N)

Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade da adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A contía máxima desta axuda será de 2.000 € por cada posto adaptado.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.

Artigo 40. Asistencia técnica (TR341N)

1. Establécese unha subvención para a asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o exixa.

– Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Poderase conceder unha axuda para a realización do informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III desta orde.

2. As axudas por asistencia técnica teñen os seguintes límites para cada CEE:

– 15.000 € para as modalidades das letras a), b) e c) da epígrafe 1, no seu conxunto.

– 4.000 € para a modalidade da letra d) da epígrafe 1, segundo o número de persoas contratadas polo CEE:

– Ata 20 persoas: 2.000 €.

– Entre 21 e 60: 3.000 €.

– Máis de 60: 4.000 €.

Artigo 41. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude das axudas recollidas neste programa (TR341E-anexo II e TR341N-anexo III) deberase presentar a seguinte documentación común:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria asinada pola persoa responsable do CEE que recolla a titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo, actividades que desenvolven.

c) Orzamento detallado do gasto. Segundo o tipo de axuda solicitada indicaranse os orzamentos ou as facturas pro forma ou os custos salariais (incluídos os da Seguridade Social), cun calendario de execución en que especificará claramente o gasto que se imputará a cada anualidade, en función do período subvencionable que se indique en cada convocatoria, conforme o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

d) De ser o caso, as tres ofertas e as memorias mencionadas no artigo 37, epígrafes 5 e 6.

2. Documentación específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E-anexo II).

a) Certificación, asinada pola persoa responsable do CEE, da relación do cadro de persoal na data de presentación da solicitude, segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

b) Plan de investimentos en activos fixos e xustificación da súa necesidade para a creación dos postos.

c ) Estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

d) Anexo V.

e) Certificación de discapacidade, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

3. Documentación específica para as subvencións de adaptación de postos de traballo (procedemento TR341-anexo III):

a) Memoria explicativa do obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, así como do investimento necesario, asinada pola persoa responsable do CEE.

b) Certificación, asinada pola persoa responsable do CEE, da relación do cadro de persoal para o cal se adaptan os postos conforme o modelo que consta na páxina web
http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

c) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras para as que se adaptan os postos.

d) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras para as que se adaptan os postos, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

4. Documentación específica para a axuda de asistencia técnica (procedemento TR341N-anexo III):

a) Memoria, asinada pola persoa responsable do CEE, que conteña:

1º. Modalidade de asistencia solicitada e xustificación da súa necesidade.

2º. Acreditación da diversificación da actividade, se é o caso.

3º. Índice do contido dos estudos e informes, se é o caso.

b) Memoria da entidade e/ou currículo da persoa que vai prestar o servizo.

Artigo 42. Documentación xustificativa da axuda

1. De non terse achegado con anterioridade, coa conta xustificativa presentarase a seguinte documentación común:

a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o modelo xenérico que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia e que inclúe unha declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas.

b) Relación das facturas e doutros documentos xustificativos dos gastos realizados, asinada pola persoa responsable do CEE, conforme o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable, facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra anterior. Nos xustificantes bancarios deberá constar, claramente, a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

c) No caso de adquisición de bens inmobles, xuntarase certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial en que se acredite que os fondos que se van xustificar corresponden á adquisición de bens inmobles.

d) De ser o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se xunten deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

e) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

f) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras con discapacidade do CEE contratadas con carácter indefinido, de non terse presentado con anterioridade.

2. Cando se trate dalgunha das axudas á creación de postos de traballo estables, recollidas no artigo 38 desta orde (procedemento TR341E), achegarase relación certificada das novas persoas contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, se non foi presentada con anterioridade. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

3. Documentación específica para axudas de asistencia técnica (procedemento TR341N):

a) Recibos de salarios, xustificantes bancarios de telos aboado e recibo de liquidación de cotizacións fronte á Seguridade Social (RLC), das mensualidades a que se refire o período subvencionado, no caso das asistencias técnicas do artigo 40.a).

b) Certificacións de calidade obtidas, no caso das asistencia técnicas do artigo 40.b).

c) Copia dos estudos, informes, asesoramento ou auditoría realizados, no caso das asistencias técnicas contidas no artigo 40, letras c) e d).

Artigo 43. Obrigas e reintegros específicos do Programa II

Nas axudas por creación de emprego estable engádense ás obrigas xerais as seguintes obrigas específicas:

a) Destinar a subvención ao plan de investimento polo que se concedeu a axuda. No caso de que se dea un destino distinto ás axudas concedidas, procederá o reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) Manter os postos de traballo creados con carácter indefinido un mínimo de 2 anos. No caso de cesamentos da actividade laboral por baixa voluntaria da persoa traballadora ou despedimento procedente, deberá substituírse a vacante polo tempo que reste ata completar os dous anos conservando as mesmas características polas que se lle concedeu a axuda (tipo de xornada e contrato), tendo en conta os incentivos sinalados no artigo 38.6. De non facelo, procederá o reintegro da parte proporcional. A substitución farase nun prazo máximo de tres meses e deberá comunicarse ao órgano xestor da axuda no mesmo prazo.

c) O despedimento improcedente das persoas traballadoras obxecto de subvención antes de que transcorran dous anos dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda.

Artigo 44. Pagamento

1. Poderán concederse pagamentos anticipados de ata o 90 % da cantidade concedida en cada anualidade para calquera das axudas concedidas ao abeiro do Programa II regulado neste capítulo, sempre que así solicite o CEE.

2. Serán requisitos necesarios para proceder ao pagamento anticipado das axudas recollidas neste programa:

a) No caso das axudas para a creación de postos de traballo con carácter indefinido (artigo 38) o CEE beneficiario deberá presentar:

1º. Relación certificada das novas persoas contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Anexo V: autorización para a comprobación de datos destas persoas.

3º. Certificacións de discapacidade, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

4º. No caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas no artigo 38.6, regra 2ª, deberán acreditarse as circunstancias de:

– Persoa emigrante retornada, mediante certificado expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España. No caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, documentación que acredite o vinculo con esta.

– Condición de trans, mediante a documentación xustificativa de ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

– Situación ou risco de exclusión social, mediante certificado en que conste esa situación ou risco.

b) No caso das axudas para a adaptación de postos de traballo (artigo 39), é necesario o informe favorable da Inspección de Traballo sobre a necesidade da adaptación ou de medios especiais de protección persoal. No suposto de que tal informe non sexa favorable, ditarase unha resolución revogatoria.

c) Cando se trate de axudas para asistencia técnica na modalidade de contratación de persoal de dirección establecidas no artigo 40.1.a), o CEE beneficiario deberá presentar o anexo V de autorización para a comprobación de datos da persoa contratada.

3. Se, á vista da documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento final da axuda, queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, ditarase resolución de perda parcial do dereito ao cobramento, por minoración da contía xustificada, e o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía efectivamente xustificada.

CAPÍTULO IV

Programa III: Programa de axudas ao mantemento do custo salarial nos CEE (procedemento TR341M)

Artigo 45. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar os CEE a financiar o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 46. Conceptos subvencionables e contía

1. Para ser subvencionables, os contratos das persoas con discapacidade terán que ter unha duración superior ou igual a sete días.

2. Subvencionarase cun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social.

No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente. No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada, soamente se terá en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe da xornada laboral inferior.

En cada convocatoria poderán establecerse porcentaxes adicionais de financiamento do SMI para determinados colectivos.

3. Non se subvencionará máis do 100 % da xornada laboral dunha mesma persoa traballadora en cómputo mensual. Para a aplicación deste límite teranse en conta as seguintes regras:

a) No caso de que unha persoa traballadora con discapacidade estea contratada por varios centros especiais de emprego, descontaríase a porcentaxe excedente do 100 % da xornada ao centro de traballo que a contratase en segundo ou sucesivo lugar.

b) Se a persoa está contratada ao mesmo tempo nunha empresa de traballo ordinario e nun CEE, a porcentaxe excedente do 100 % da xornada descontaráselle ao centro especial de emprego.

4. Son subvencionables os días efectivamente traballados, incluídas as vacacións. Nas situacións de incapacidade temporal, son subvencionables exclusivamente os días en que o pagamento lle corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación.

5. É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado. No suposto de cesamento da relación laboral, as subvencións incluirán as liquidacións que correspondan pola parte proporcional das vacacións non desfrutadas.

6. O cálculo da subvención estimarase para todo o período subvencionable, tendo en conta a duración das contratacións e das xornadas laborais de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas polo CEE no primeiro mes polo que se pide a subvención e en función do SMI establecido polo Consello de Ministros para ese ano.

O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano rateadas en 12 mensualidades.

Artigo 47. Documentación complementaria

Coa solicitude (anexo IV) deberá presentarse a documentación que se relaciona:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Certificación, asinada pola persoa responsable do CEE, da relación do cadro de persoal con discapacidade do centro de traballo de alta na Seguridade Social, ordenada alfabeticamente por apelidos, en función dos cales se vai realizar o cálculo da resolución de concesión, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención; así como o importe da subvención que se solicita segundo o modelo que consta na páxina web
http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

c) Informe de datos para a cotización IDC das novas persoas traballadoras con discapacidade contratadas con respecto á convocatoria anterior en que se recibise subvención por este programa.

d) Relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade do CEE incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT) o primeiro día do mes do período subvencionable.

e) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

f) Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente e corresponda a algunha das sinaladas no artigo 5.2.

g) Anexo V: para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE.

Artigo 48. Documentación xustificativa da axuda

1. Mensualmente presentarase a documentación xustificativa da axuda indicada nas epígrafes seguintes referida á mensualidade inmediata anterior ao mes en que se presenta:

a) Certificación da relación do cadro de persoal con discapacidade, asinada pola persoa responsable do CEE, segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

b) Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT) así como todas as variacións de datos á Seguridade Social.

c) De ser o caso, informe de datos para a cotización (IDC) das persoas traballadoras con discapacidade do CEE polas que se solicita a subvención e contratadas no mes que se xustifica.

d) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE contratadas no mes que se xustifica.

2. O pagamento final da subvención quedará condicionado á presentación da conta xustificativa que deberá conter:

a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o modelo xenérico que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia e que inclúe a declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas.

b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

c) Anexo VI: declaración do cumprimento por parte do CEE da obriga de informar as persoas traballadoras con discapacidade sobre a subvención do seu contrato.

d) Informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, que deberá conter manifestación expresa sobre que os datos que constan nas certificacións mensuais sinaladas no artigo 48.1.a) son correctos, e indicación expresa acerca dos seguintes aspectos:

1º. Manifestación expresa sobre que os datos que constan nas certificacións mensuais sinaladas no punto 1.a) deste artigo son correctos e conformes co convenio colectivo que resulta de aplicación segundo as regras contidas no artigo 1 do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.

2º. Verificación da existencia de recibos de salarios e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento, referidos ás persoas incluídas nas relacións mensuais do cadro de persoal.

3º. Verificación de que os días efectivamente traballados que constan nas certificacións mensuais e os días de baixa que lle corresponde aboar á empresa se corresponden cos que figuran nos recibos de salarios.

4º. Verificación da existencia de relación nominal das persoas traballadoras (RNT) e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), referidos ás persoas incluídas nas relacións mensuais do cadro de persoal.

5º. Verificación da existencia dunha contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida, así como dunha contabilidade diferenciada da entidade titular, no caso de que o CEE non teña personalidade xurídica propia.

Artigo 49. Pagamento

O órgano xestor, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, proporá o pagamento anticipado da subvención concedida para cada anualidade: ata o 100 % na primeira e ata o 90 % na segunda.

No suposto de que a contía da subvención xustificada en cada anualidade fose superior ou inferior á concedida, ditaranse as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan con respecto á resolución inicial, no momento en que se liquide o expediente, conforme o expresado no artigo 20.

CAPÍTULO V

Convocatoria bianual das axudas a CEE: 2020-2021

Artigo 50. Financiamento 2020-2021

1. O orzamento total destinado ás axudas a centros especiais de emprego para as anualidades 2020 a 2021 será de 17.180.000 €. As subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos previstos na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 no programa de gasto da Secretaría Xeral de Emprego 324C, código de proxecto 2018 00099, e coa seguinte distribución inicial de importes de créditos por anualidades e programas ou liñas de axudas:

Axudas aos CEE Programas

Procedemento/s

Aplicación orzamentaria

Importe anual
do crédito

Total convocatoria 2020-2021

2020

2021

Programa I: unidades de apoio

TR341K

09.40.324C.470.3

324.000

569.000

893.000

09.40.324C.481.3

40.000

74.000

114.000

Total Programa I

364.000

643.000

1.007.000

Programa II: creación de postos estables, adaptación e asistencias técnicas

TR341E TR341N

09.40.324C.470.3

303.000

707.700

1.010.700

09.40.324C.481.3

28.000

49.300

77.300

Total Programa II

331.000

757.000

1.088.000

Programa III: custo salarial das persoas con discapacidade

TR341M

09.40.324C.470.4

4.985.000

9.100.000

14.085.000

09.40.324C.481.4

400.000

600.000

1.000.000

Total Programa III

5.385.000

9.700.000

15.085.000

Total convocatoria 2020-2021

6.080.000

11.100.000

17.180.000

2. De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, proxecto ou programa, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutras aplicacións, proxectos e/ou programas. As reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Artigo 51. Prazos e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Para cada programa de axudas presentarase unha solicitude por cada centro de traballo, coa excepción das axudas establecidas no artigo 40 (asistencia técnica) para as que deberá presentarse unha única solicitude por CEE.

3. A solicitude é única para todo o período subvencionable e deberá detallar o importe solicitado por anualidades, coa excepción da axuda sinalada no artigo 40.d) para o informe de auditor para a conta xustificativa, que se solicitará unicamente con cargo á anualidade 2021.

Artigo 52. Período subvencionable

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de xullo de 2020 ata o 30 de xuño de 2021.

– Anualidade 2020: accións subvencionables desde o 1 de xullo de 2020 ao 31 de outubro de 2020.

– Anualidade 2021: accións subvencionables desde o 1 de novembro de 2020 ao 30 de xuño de 2021.

Non obstante o anterior, o prazo máximo de execución da axuda sinalada no artigo 40.1.d) para o informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III, rematará o 20 de setembro de 2021.

Artigo 53. Prazos de xustificación

1. A presentación da conta xustificativa necesaria para o pagamento das axudas do Programa II realizarase do seguinte xeito:

a) A axuda de asistencia técnica para o informe de auditoría necesario para a presentación da conta xustificativa dos programas I e III establecidas no artigo 40.1.d) deberá xustificarse unha soa vez ao remate da anualidade 2021, como data máxima o 30 de setembro de 2021.

b) As restantes axudas previstas no Programa II xustificaranse ao remate de cada anualidade e as datas máximas de presentación serán:

– Para a anualidade 2020, o 16 de novembro de 2020.

– Para a anualidade 2021, o 30 de setembro de 2021.

2. A presentación da conta xustificativa necesaria para o pagamento final das axudas dos programas I e III realizarase (detallada por anualidades) ao remate do período subvencionable, como data máxima o 30 de setembro de 2021.

3. A xustificación mensual do Programa III establecida no artigo 48 das bases reguladoras presentarase no prazo máximo de 40 días contado desde o último día do mes de referencia.

Artigo 54. Particularidades no Programa III (custo salarial)

1. Conforme ao Real decreto 231/2020, do 4 de febreiro, o importe do SMI fixado polo Consello de Ministros para o ano 2020 en cómputo anual é de 13.300 € (BOE do 5 de febreiro).

2. Á porcentaxe adicional a que se refire o artigo 46.2 será do 10 % do SMI para as persoas con discapacidade que estean incluídas nalgún dos supostos do artigo 5.2, de xeito que esta convocatoria financia o custo salarial deste colectivo cun 60 % do SMI.

Artigo 55. Medidas excepcionais no caso de expedientes de regulación de emprego (ERTE) derivados da pandemia por COVID-19

No caso de que as entidades beneficiarias estean incursas nun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), derivado da situación de pandemia por COVID-19, teranse en conta as seguintes medidas:

– No Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (Programa I), para o cálculo das contías máximas da subvención sinaladas no artigo 30.2 descontarase o custo salarial que non soporte a empresa correspondente ao tempo de suspensión dos contratos ou redución de xornada das persoas das persoas subvencionadas como integrantes da unidade de apoio.

– No Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (Programa I), o tempo de suspensión dos contratos ou redución de xornada das persoas con discapacidade atendidas terase en conta como tempo traballado para os efectos de determinar a duración mínima do contrato e das xornadas establecidas no artigo 30.3.

– No Programa de subvencións á asistencia técnica (Programa II), o tempo de suspensión dos contratos non se computará para os efectos de determinar o período máximo subvencionable sinalado no artigo 40.1.a).

– No Programa de subvencións á asistencia técnica (Programa II), para o cálculo da subvención sinalada no artigo 40.1.a) descontarase o custo salarial que non soporte a empresa correspondente ao tempo de suspensión dos contratos ou de redución de xornada.

– No Programa de subvencións ao mantemento do custo salarial nos CEE (Programa III), para o cálculo das contías da subvención sinaladas no artigo 30.2 descontarase a parte proporcional do tempo de suspensión dos contratos ou de redución de xornada das persoas subvencionadas.

En todos os casos, se no momento de ditarse a proposta de resolución os ERTE aínda estivesen vixentes, terase en conta o tempo transcorrido desde o inicio do ERTE ata o momento en que se dite a proposta de resolución, e considerarase que a partir desa data o contrato continúa executándose con normalidade. A execución real comprobarase para os efectos de tramitar o pagamento anticipado da anualidade de 2021, así como a liquidación final.

Disposición adicional primeira. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o cumprimento exacto das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Economía, Emprego e Industria–, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, e na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou, na súa falta, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file