Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 23 de xullo de 2020 Páx. 29192

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE (procedementos TR341E e TR341N).

BDNS (Identif.): 516069.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo III desta orde.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito Decreto 200/2005.

Para seren beneficiarios das axudas deste programa, os CEE deberán estar recoñecidos como centros de iniciativa social no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, ou ter solicitado o recoñecemento desta condición na data de presentación da solicitude.

Exceptúase o caso da axuda da asistencia técnica para o informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d) a que poderán optar todos os CEE inscritos no Rexistro Administrativo de CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables, financiar as adaptacións dos postos e as asistencias técnicas que precisen os CEE recoñecidos como centros de iniciativa social, no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

Terceiro. Tipos de axuda

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

1.1. Subvención para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

Finánciase a creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego ou a transformación en indefinidos dos contratos temporais, nos CEE de iniciativa social.

Establécese unha contía base de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa, que será proporcional á xornada de traballo. O importe desta contía poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou estar en situación de risco ou exclusión social, ser maior de 45 anos, ser emigrante, ter a condición de trans ou ter o centro de traballo nun concello rural.

A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 30.000 euros. Cada un dos centros de traballo CEE poderá solicitar axuda por un máximo de 15 postos de traballo.

1.2. Subvención para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

Finánciase á adaptación de postos de traballo ás persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE de iniciativa social.

A contía máxima será de 2.000 euros por cada posto adaptado.

1.3. Subvención para a asistencia técnica (procedemento TR341N). Consta de 4 modalidades:

a) Axuda para a contratación de persoal de dirección (máximo 2 anos).

b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en: estudos de viabilidade, organización, comercialización, labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, auditorías e informes económicos ou auditorías económicas e sociais.

d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.

A contía máxima por CEE será de 15.000 euros para as letras a), b) e c) no seu conxunto e entre 2.000 e 4.000 euros para a letra d), segundo o número de traballadores do centro.

2. O gasto realizado tanto no investimento en activo fixo para crear postos como no investimento para a adaptación dos postos de traballo ou nos servizos de asistencia técnica, excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, é subvencionable ata 100 % para os CEE cualificados de iniciativa social.

O gasto realizado en asistencia técnica para o informe do auditor sobre a conta xustificativa será subvencionable ata un 100 % para os centros de iniciativa social e ata un 80 % para os demais centros especiais de emprego.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón oitenta e oito mil euros (1.088.000 euros), desagregados por anualidades.

Ano 2020: trescentos trinta e un mil euros (331.000 euros).

Ano 2021: setecentos cincuenta e sete mil euros (757.000 euros).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprende desde o 1 de xullo de 2020 ata o 30 de xuño de 2021:

– Anualidade 2020: accións subvencionables desde o 1 de xullo de 2020 ao 31 de outubro de 2020. A xustificación desta axuda deberá realizarse como máximo o 16 de novembro de 2020.

– Anualidade 2021: accións subvencionables desde o 1 de novembro de 2020 ao 30 de xuño de 2021. Neste caso a xustificación da axuda deberá realizarse como máximo o 30 de setembro de 2021.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria