Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 28 de xullo de 2020 Páx. 29704

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión está a xerar unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afecta todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra esta pandemia.

Neste sentido, o 13 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego) como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, coa conseguinte asunción da dirección do olan e de todas as actividades de emerxencia por parte do titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Posteriormente, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, dentro das medidas previstas para facer fronte á situación ocasionada pola extensión do COVID-19. A declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial foi de quince días naturais, ben que o estado de alarma foi obxecto de sucesivas prórrogas, autorizadas polo Congreso dos Deputados. Tras o período inicial de quince días naturais e o correspondente á primeira e á segunda prórrogas do estado de alarma, iniciouse, durante a terceira prórroga, un proceso de redución progresiva das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade, do contacto social e do exercicio de actividades inicialmente establecidas, en especial con motivo da aprobación, polo Consello de Ministros na súa reunión do 28 de abril, do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, no cal se preveu un proceso gradual de volta á normalidade dividido en catro fases: unha fase cero ou preliminar e tres fases de desescalada, diferenciadas en función das actividades permitidas en cada unha delas, ata chegar á denominada «nova normalidade».

En aplicación do artigo 6 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, o Consello da Xunta de Galicia, por Acordo do 12 de xuño de 2020, apreciou, como autoridade sanitaria, que a Comunidade Autónoma de Galicia, como unidade territorial, estaba en condicións de superar a fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia do COVID-19 e, polo tanto, en condicións de entrar na «nova normalidade». E mediante o Decreto da Presidencia da Xunta de Galicia 90/2020, do 13 de xuño, declarouse a superación da fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia do COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020 e, polo tanto, a entrada na nova normalidade, con efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020.

A superación da dita fase III, ben que implicou que quedasen sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma, comportou e segue comportando a adopción, polas administracións competentes, das necesarias medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia, aínda que atenuada, dunha situación de crise sanitaria.

Neste sentido, no ámbito estatal ditouse o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, as cales, conforme o disposto no seu artigo 2, son de aplicación en todo o territorio nacional. Por outra banda, no seu artigo 4 establece que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, conforme o disposto no dito real decreto lei, deber de cautela e protección que será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

No ámbito autonómico, a resposta á crise sanitaria que aínda subsiste foi, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, a adopción de medidas de prevención.

Así, mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto deste acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do acordo, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, por sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17 e do 24 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Ademais, no mesmo punto sexto do Acordo do 12 de xuño de 2020 preveuse que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do dito acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias.

Neste contexto, e á vista da evolución da situación sanitaria, resulta necesario o establecemento de medidas complementarias ás previstas no acordo indicado para facer fronte aos riscos de xeración de novos abrochos derivados da chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

Así, por unha banda, recóllense medidas concretas sobre o modo en que tales persoas deben cumprir coa obriga xeral de comunicar a existencia de síntomas compatibles co COVID-19.

Por outra banda, establécense medidas específicas en relación coas persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios en que a alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma galega ou a ausencia de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles determina que a estadía nos ditos territorios (ben por proceder deles ou ben por ter estado temporalmente neles) e a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia cando aínda non transcorreu o período de incubación da infección implica un risco engadido para a saúde pública que exixe a adopción de medidas de prevención específicas, consistentes na obriga de pór en coñecemento da autoridade sanitaria autonómica a súa chegada, subministrando os datos necesarios que permitan facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como a adopción, de ser necesario en atención ás circunstancias concorrentes e de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde pública, de medidas de seguimento ou control.

As medidas complementarias previstas nesta orde forman parte da estratexia autonómica de detección precoz, vixilancia e control do COVID-19, estratexia cuxo éxito vén determinado pola identificación precoz dos casos e a inmediata adopción das oportunas medidas de control que impidan a difusión incontrolada da enfermidade. Trátase, polo tanto, de medidas adoptadas ao abeiro da competencia autonómica en materia de sanidade interior (artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia), que teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Neste sentido, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, prevé, no seu artigo primeiro, que co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supor a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou teñan estado en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.

Pola súa banda, o artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, prevé a posibilidade de que as autoridades sanitarias poidan adoptar as medidas preventivas que consideren pertinentes cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. A duración das ditas medidas fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá o que exixa a situación de risco inminente e extraordinario que as xustificou.

A Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, recolle, así mesmo, nos seus artigos 27.2 e 54, a posible adopción de medidas por parte das autoridades sanitarias en situacións de risco para a saúde das persoas.

E no ámbito autonómico, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 34 inclúe, entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, no seu número 12, a de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde, cuxa duración debe fixarse para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, que non deberán exceder o que exixa a situación de risco extraordinario que as xustificase, e o artigo 38 prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Así mesmo, o artigo 49 da mesma lei, na súa letra d), establece que a prestación de saúde pública por parte do Sistema público de saúde de Galicia comprende, entre outros aspectos, a prevención e o control das enfermidades transmisibles. E o seu artigo 52.4, pola súa banda, recolle a previsión de que, ante situacións de crise, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema público de saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

E, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da consellería con competencias en sanidade ten a condición de autoridade sanitaria e, segundo o número 2 do mesmo precepto, correspóndelle, no seu ámbito competencial, establecer as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía.

Por último, procede salientar que as medidas previstas nesta orde deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias doutras administracións públicas e ás medidas que, no exercicio de tales competencias, estas adopten. Neste sentido cabe destacar, respecto das persoas que veñan do estranxeiro, que o Estado posúe competencia exclusiva en materia de sanidade exterior ao abeiro do artigo 149.1.16ª da Constitución española. Como ten sinalado o Tribunal Constitucional, a dita competencia ten por obxectivo a vixilancia, prevención e eliminación de riscos para a saúde con ocasión do tráfico internacional de persoas, mercadorías, animais e especies vexetais a través de determinados lugares do territorio nacional, como é o caso de portos, aeroportos e postos fronteirizos autorizados. Ao abeiro do dito título competencial, e respecto dos riscos asociados ao COVID-19, adoptáronse medidas en materia de control sanitario dos pasaxeiros internacionais na disposición adicional sexta do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, e na Resolución do 29 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, relativa aos controis sanitarios que se deberán realizar nos puntos de entrada de España. Agora ben, unha vez que as persoas procedentes do estranxeiro se atopan en territorio autonómico, entra en xogo o aspecto interior da actividade pública en materia sanitaria e, polo tanto, a competencia autonómica en materia de sanidade interior, coa posible adopción, no exercicio da dita competencia autonómica e dentro do necesario respecto a aquela competencia estatal, das medidas de prevención necesarias para a protección da saúde pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

En particular, polo que se refire a pasaxeiros con orixe en calquera aeroporto ou porto situado fóra do territorio español, xa deben, de acordo coa Resolución do 29 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, relativa aos controis sanitarios que se deban realizar nos puntos de entrada de España, cubrir un formulario de saúde pública recollido no anexo desa resolución, que inclúe, entre outros datos, o número de teléfono onde se poden localizar e o enderezo de estadía. En aplicación do principio de eficiencia, para evitar cargas administrativas innecesarias, estas persoas poderán ser eximidas da obriga de comunicación establecida nesta orde no momento en que a Administración xeral do Estado ceda os correspondentes datos de contacto á Administración autonómica para o exercicio das súas competencias en materia de saúde pública.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto da presente orde é o establecemento de medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

Segundo. Ámbito de aplicación e alcance

As medidas previstas na presente orde serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas medidas enténdense dentro do necesario respecto ás competencias doutras administracións públicas e ás medidas que, no exercicio de tales competencias, estas adopten.

Terceiro. Medidas aplicables ás persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19

1. Calquera persoa que chegue á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á súa chegada, fóra do territorio autonómico e que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles co COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de garganta, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio ou no lugar de aloxamento e comunicalo ao Servizo Galego de Saúde coa maior brevidade.

2. Para os efectos do disposto no número anterior, as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia deberán pórse en contacto co seu médico de cabeceira a través dunha consulta telefónica para que este poida determinar o que proceda.

No caso de persoas non residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, estas deberán chamar ao teléfono 881 00 20 21, co fin de que se lles dean as indicacións que procedan.

3. No caso de existiren persoas conviventes no domicilio ou no lugar de aloxamento, as persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19 deberán evitar o contacto con elas e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do servizo sanitario.

Cuarto. Medidas aplicables ás persoas procedentes de determinados territorios

1. As persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma galega ou respecto dos cales non se dispoña de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles, quedan sometidas ás seguintes medidas de prevención:

a) No prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, as ditas persoas deberán comunicar os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia que se recollen no anexo. Para tal fin, deberán cubrir o formulario dispoñible no enderezo https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou ben subministrar os ditos datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. Así mesmo, tamén será posible a comunicación dos datos de contacto a través da aplicación que para estes efectos poida habilitar a Consellería de Sanidade.

Os datos debe subministralos a propia persoa ou o seu representante legal, que serán responsables de que a información recollida sexa veraz e precisa.

A obriga prevista nesta letra é aplicable tanto ás persoas residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como ás non residentes no dito territorio e deberá cumprirse independentemente da presenza ou non de síntomas compatibles co COVID-19.

b) Os datos subministrados serán empregados polas autoridades sanitarias autonómicas exclusivamente para contactar coas ditas persoas para o cumprimento de finalidades de saúde pública, para os efectos de facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como, de ser o caso, en atención ás concretas circunstancias concorrentes, para a adopción das medidas sanitarias que resulten necesarias, sempre de acordo coa lexislación aplicable e buscando, de maneira preferente, a colaboración voluntaria da persoa afectada coas autoridades sanitarias.

2. Mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública determinaranse os territorios a que se refire o número 1, os cales poderán ser territorios pertencentes a outras comunidades autónomas, países estranxeiros ou territorios dentro deles. A dita resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Servizo Galego de Saúde, e deberá ser obxecto de actualización, como mínimo, cada 15 días naturais.

3. Garantirase, en todo caso, o respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. Os datos persoais comunicados de acordo coa letra a) do número 1 eliminaranse aos 28 días naturais da chegada á Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Obrigas de información e colaboración na difusión

1. Os establecementos de aloxamento turístico situados na Comunidade Autónoma de Galicia deben informar as persoas usuarias da obriga prevista na letra a) do número 1 do punto cuarto. En particular, deberán situar na recepción e en lugares visibles dos establecementos cartelaría informativa co contido que determine a Consellería de Sanidade.

2. Así mesmo, as axencias de viaxes, os operadores turísticos e as compañías de transporte terrestre, aéreo ou marítimo e calquera outro axente similar que opere na Comunidade Autónoma de Galicia deberán informar as persoas usuarias, no inicio do proceso de venda dos billetes con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, da dita obriga e, así mesmo, deberán situar en lugares visibles dos establecementos situados na Comunidade Autónoma de Galicia en que desenvolvan as súas actividades cartelaría informativa co contido que determine a Consellería de Sanidade.

3. As empresas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia deberán informar da dita obriga os seus traballadores que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, por motivos laborais, dentro do período de catorce días naturais previo á súa chegada, nos territorios a que se alude no punto cuarto.

4. A Consellería de Sanidade remitirá, así mesmo, cartelaría informativa ás entidades competentes para a xestión das estacións de autobuses e ferrocarrís, portos e aeroportos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos da que poidan colaborar na difusión destas medidas mediante a súa colocación en lugares visibles das indicadas instalacións.

Sexto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

Os servizos de inspección autonómicos ou municipais, no ámbito das súas competencias, serán os encargados de vixiar o cumprimento das medidas recollidas nesta orde.

Os posibles incumprimentos serán sancionados polas autoridades autonómicas competentes de acordo coa lexislación aplicable.

Sétimo. Colaboración cos concellos e organizacións non gobernamentais

Para o mellor cumprimento e efectividade das medidas previstas nesta orde, a Administración autonómica promoverá a colaboración cos concellos e coas organizacións non gobernamentais que desenvolvan funcións de información, atención e asistencia ás persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente ás que se encontren en situación desfavorecida.

Oitavo. Seguimento e avaliación das medidas

As medidas preventivas previstas neste orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Noveno. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde o día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manteranse ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, sen prexuízo do indicado no punto anterior.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Datos que deben ser obxecto de comunicación

■ Datos persoais:

– Número de pasaporte, NIE ou DNI*.

– Nome*.

– Apelidos*.

– Territorio de procedencia*.

■ Datos de contacto:

– Teléfono *(teléfono propio do suxeito ou teléfono do lugar de estadía, no caso de que o suxeito non dispoña de teléfono propio).

– Correo electrónico.

■ Datos da estadía:

– Data de chegada ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia*.

– Data de saída do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Enderezo do lugar de estadía:

□ Rúa, avenida...*

□ Código postal.

□ Municipio*.

□ Provincia*.

(Marcados con *): campos obrigatorios