Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 28 de xullo de 2020 Páx. 29718

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de xullo de 2020 pola que se modifica a Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O programa de promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, establece unha obriga no seu artigo 28 de estar dous anos de alta no RETA ou mutualidade, obriga afectada pola aparición da crise ocasionada polo COVID-19. O Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, recentemente modificado polo Regulamento (UE) nº 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) nº 2020/558, do 23 de abril, considera o brote do COVID-19, como causa de forza maior. A nivel estatal, publicouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (actualmente prorrogado) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias. Así mesmo, en Galicia aprobouse o Acordo do Consello de la Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptaban medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución do COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo).

No caso particular do procedemento de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 54 da Real decreto lei 11/2020, do 31 de maio, poderanse ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da devandita execución, aínda que non se recollese nas correspondentes bases reguladoras, nos procedementos de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020.

Neste sentido, o órgano competente deberá xustificar a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante o estado de alarma ou a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Dadas as características dos emprendementos que recibiron axuda na convocatoria da orde que se pretende modificar, negocios de recente creación, lévanos a deducir que a situación de forza maior que provocou o estado de alarma e o confinamento e o peche de actividades económicas non esenciais tivo un efecto moi negativo para a supervivencia destes novos negocios, debido ás tipoloxías de actividades nas que se desenvolven e a data de finalización do período de mantemento. Así, neste sentido cómpre destacar que moitas das actividades subvencionadas polo programa de promoción do emprego autónomo (máis do 80 %) se refiren a actividades non esenciais, que polo tanto tiveron que estar pechadas durante un longo período de tempo. A crise sanitaria motivada polo COVID-19 e a declaración do Estado de alarma é unha causa de forza maior que afecta a actividade das persoas traballadoras autónomas beneficiarias destas axudas e polo tanto é necesario modificar o artigo onde se regula o mantemento da actividade.

Polo que se conclúe que o confinamento do estado de alarma tivo un importante efecto negativo sobre as persoas beneficiarias do Programa do emprego autónomo do ano 2018, que xustifican a necesidade, con base na forza maior orixinada pola crise do COVID-19, de modificar as bases reguladoras ao abeiro da Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

Artigo único. Modificación da Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018

A Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 28, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 15 desta orde, as seguintes:

a) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de dous anos se se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal se deberá acreditar fidedignamente.

O mantemento de alta no RETA ou mutualidade só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo) dado que é unha causa de forza maior e, polo tanto, resulta preciso modificar o requisito de mantemento establecido no parágrafo anterior.

b) No prazo máximo de catro (4) semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire a alínea a) deste artigo, as persoas beneficiarias deberán presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refire os anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis (6) meses desde que finalicen os citados períodos de mantemento da actividade laboral, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

d) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

e) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

f) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013. En particular, as acción de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

g) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas ou entidades beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

h) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria