Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 29 de xullo de 2020 Páx. 29835

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 104/2020, do 17 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de dous treitos antigos da estrada provincial EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 11 de xaneiro de 2019, o Concello de Gondomar e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo o proxecto Humanización da interconexión das rúas San Bieito e Emigrante coas estradas de Peitieiros e Chaín-Morgadáns. A cláusula 5ª deste convenio recolle a obriga do concello de solicitar a transferencia das vías relacionadas no convenio, xa que polas súas características funcionais e de utilidade, son asimilables á vía municipal de tipo urbano, servindo como elementos accesorios e de acceso aos predios e edificacións lindeiras, e carecendo da funcionalidade de soporte físico para as comunicacións e circulación de vehículos automóbiles.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de xullo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de:

Clave

Denominación

PQi

PQf

Lonxitude

Marxe

Treito antigo EP-2303

Gondomar-Vilaza-Parada

1+970

-

-

2+230

166 m

66 m

ME

ME

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Gondomar deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Gondomar, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade