Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 29 de xullo de 2020 Páx. 29837

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 14 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2019/20 (código de procedemento ED322A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

Mediante o Regulamento (UE) nº 1288/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, creouse o programa Erasmus+ de educación, formación, xuventude e deporte da Unión para o período 2014-2020.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, co obxecto de seguir impulsando a mobilidade dos/das estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, considera conveniente convocar esta orde de axudas, que complementan o financiamento das axudas do programa Erasmus+ xestionadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; e ao Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

De conformidade co exposto e no uso das competencias que se me atribúen na lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2019/2020 (código de procedemento ED322A).

Artigo 2. Orzamento e dotación económica

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.422E.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2020, cunha contía global de 40.000 €.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2019/20 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2019/20.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade no seu país de orixe.

Artigo 4. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. As axudas establecidas na presente orde serán compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que as conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido e quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

5. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

6. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidades de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

7. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico xsere@edu.xunta.es.

8. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Documento acreditativo de ter concedida unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2019/20.

– Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. O Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional http://www.edu.xunta.gal. e nos taboleiros de anuncios dos centros de ensinanzas artísticas superiores correspondentes.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Opcionalmente, poderán presentar a reclamación ou emenda presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Duración e contía das axudas, e criterios de distribución

1. O programa de mobilidade para o cal se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2019/20.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

4. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

A listaxe de países por cada un dos tres grupos é a seguinte e pódese consultar na guía do programa Erasmus+ na ligazón da Comisión Europea: http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/documents/erasmus-plus-programme-guide_es.pdf

Grupo 1

Países do programa con custos de vida superiores

Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia

Grupo 2

Países do programa con custos de vida medios

Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal

Grupo 3

Países do programa con custos de vida inferiores

República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía

5. Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico, e asignaráselles unha contía de 500 € por solicitante ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 500 €, adxudicarase a cantidade resultante ao seguinte solicitante coa maior media.

6. En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, establecida a dous decimais, procederase ao desempate tendo en conta a nota media a catro decimais por orde de prelación de maior a menor. De persistir o empate, terase en conta o maior número de créditos cursados e aprobados.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

• O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

• Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de música e artes escénicas.

• Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

– Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará con voz e voto.

2. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un informe-proposta á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión de axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 14. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. Co fin de lle dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar, mediante certificación, que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007. As certificacións a que fai referencia este artigo só se presentarán no caso de que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta, tal como se dispón no artigo 8 desta orde.

d) Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os seus obxectivos con aproveitamento.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file