Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 29 de xullo de 2020 Páx. 29856

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Galo Alberto Martínez Nieto, presidente do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia constituírona en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 2 de marzo de 2020, ante o notario José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 378, Galo Alberto Martínez Nieto e Jacobo Francisco Martínez Nieto, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

– «A organización e o desenvolvemento do Museo do Videoxogo (Muvi), que aborde dun xeito integral a historia do videoxogo a través de todos os dispositivos de hardware e software que conforman a súa colección, cunha particular atención ao sector do videoxogo de Galicia, e utilizando o galego como lingua vehicular de todas as actividades desenvolvidas pola entidade».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme aos preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da fundación está formado por Galo Alberto Martínez Nieto, como presidente; María Luz Castro Pena, como vicepresidenta; David Sampedro Pena, como secretario; Jacobo Francisco Martínez Nieto, como director executivo; e Roberto Carracelas Nieto, Rubén Santos Lemos, Carlos Pereiro Fernández e Rafael Davila Rama, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 6 de xullo de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 142, do 17 de xullo) clasificouse de interese cultural a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución Española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2020

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo