Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 31 de xullo de 2020 Páx. 30207

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras-bolseiras para as residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso académico 2020/21 (código de procedemento BS303C).

BDNS (Identif.): 517454.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar as bolsas para a residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da presentación da solicitude.

2. Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data do 31 de decembro de 2020.

3. Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan, polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.

4. Non ter perdido con anterioridade a condición persoa colaboradora bolseira por causa imputable á persoa solicitante.

5. Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade na residencia xuvenil.

6. Ter unha renda media familiar que non supere o 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do ano en curso.

Ademais, as persoas beneficiarias destas bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é convocar en réxime de concorrencia competitiva a oferta de prazas para persoas colaboradoras bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2020/21, e establecer as bases para a súa concesión (código do procedemento BS303C).

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

4 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

6 home/muller

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras bolseiras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2020/21.

Cuarto. Financiamento

As actuacións recollidas nesta orde constitúen unha subvención en especie, regulada na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Política Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Sexto. Outros datos

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio, no eido educativo e asistencial, as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social